Tempos Marzo 08

  • June 2020
  • PDF

This document was uploaded by user and they confirmed that they have the permission to share it. If you are author or own the copyright of this book, please report to us by using this DMCA report form. Report DMCA


Overview

Download & View Tempos Marzo 08 as PDF for free.

More details

  • Words: 1,076
  • Pages: 2
O tempo ten lá dentro uma espiral: o cinema de Chris Marker Un cineasta segredo, fascinante e visionario; unha voz inconfundible, unha obra inclasificable, unha ollada que pensa; unha encrucillada de imaxinación, intelixencia e poesía: estamos no territorio Marker, unha viaxe inagotable polos camiños da memoria que cruza todas as fronteiras do cinema moderno. Intermedio vén de editar un volume con catro obras de Chris Marker (La Jetée, Sans Soleil, Le tombeau d’Alexandre e Le souvenir d’un avenir) e cobizosos materiais complementarios, como o ensaio en imaxes de Isaki Lacuesta e Sergi Dies, Las variaciones Marker, e o sorprendente filme de Aleksandr Medvedkin, A felicidade: un feliz pretexto, por se fixera falta algún, para debullar esta achega á obra escondida dun cineasta esquivo. Na apertura de La Jetée (1962), probablemente o seu filme máis coñecido, unha voz declara: “Esta é a historia dun home marcado por unha imaxe da infancia”. Como a obra enteira de Chris Marker. Formado no organismo de educación popular Travail et Culture que emerxe desa fervenza histórica que representou a Resistencia francesa e na órbita de André Bazin, colabora nos primeiros filmes de Alain Resnais –Nuit et bruillard (1955) e Toute la mémoire du monde (1956), entre outros- e irrompe como cineasta na eclosión da curtametraxe na década dos 50 en Francia integrando o Grupo dos Trinta e, co apoio de Anatole Dauman e a súa productora Argos Film, acabará Dimanche à Pekín (1956) e rodará Lettre de Siberie (1958), dous filmes que establecen as claves e resonancias constantes na obra de Marker: unha primeira persoa enunciada baixo diversas máscaras na voz en off; un relato concebido como montaxe de fragmentos de toda condición postos en contacto de xeito inesperado, azaroso e poético; e un fío memorioso que nutre a articulación de imaxe e texto e invoca a beleza como iluminación, como epifanía. Diario íntimo, caderno de bitácora, libro de viaxes… André Bazín, na reseña crítica a propósito de Lettre de Siberie definiu a forma markeriana coma cine-ensaio. Tomando as palabras de Jean Vigo, un punto de vista documentado con medios cinematográficos. O cine-ensaio mostraría como o cineasta articula una reflexión sobre o mundo, representaría o pensamento en acción, unha dramaturxia do proceso de coñecemento. Frente o cine de posta en escea, o cine de Marker elixe a posta en serie de imaxes enfiadas por unha voz de textura profundamente humana e de expresión diáfana: palabras que representan o último refuxio da conciencia. Unha conciencia que reflexiona sobre o tempo e a memoria e destila unha síntese do presente. Ademais dun gran escritor, Marker é un verdadeiro cineasta porque a súa confianza nas palabras non impide que o verdadeiro punto de fricción, de tensión emocional, radica nas súas imaxes. Imaxes-memoria que rexistran a pegada do tempo na conciencia. Hai quen considera a Marker como o último enciclopedista do XVIII, que usa o coñecemento como ferramenta para modificar a nosa percepción do mundo, primeiro a través dun catálogo de imaxes, logo tentando un principio de orde para alterar o noso efecto de recoñecemento e escorregar finalmente cara un descubrimento. Quen sabe se por iso ten declarado Henri Michaux: “Habería que derrubar a Sorbona e poñer a Chris Marker no seu lugar”. En último termo, o cinema de Chris Marker constitúe a tentativa para unha pedagogía crítica das imaxes: unha escola para abrir os ollos. Sans soleil: cousas que fan latexar máis forte o corazón. Sans soleil (1982) vén sendo a primeira película de Marker despois da súa viaxe pola debacle das revolucións dos sesenta e setenta e durante a resaca da derrota dos anos vermellos. Ten sido cualificada como unha película adictiva, inagotable, complexa e poética sobre a misteriosa relación entre a memoria e o cine. Para quen isto escribe, representa a summa markeriana: un filme onde a voz é unha imaxe e as imaxes un texto no que reverberan as palabras, un libro que se contempla como unha película e unha

película que se pode ler, coma quen aloumiña e sente unha impresión dolorosa das cousas. Marker toma prestadas as postais dun tal Sandor Krasna, cineasta freelance –a máscara da primeira persoa en Sans soleil-, e lévanos da man coa voz de Florence Delay –unha voz tan fermosa que posúe unha cualidade táctil- dende Islandia a Tokio pasando por Cabo Verde, Guinea-Bissau e facendo escala en San Francisco para seguirlle os pasos a Scottie, o protagonista de Vertigo, o filme de Hitchcock –película fetiche de Marker-. Como o peiteado de Madeleine que obsesiaona a Scottie, Sans soleil tamén traza unha espiral vertixinosa: unha viaxe no tempo da man da memoria convertida nun libro de imaxes. “Pasei a vida interrogándome sobre a función da memoria que non é o contrario do olvido, senón quizais o seu revés. Non se lembra, reescríbese a memoria coma quen reescribe a historia”, escoitamos en Sans soleil. Velaí o tema central da obra de Marker, urdido de tecidos e costuras, para achegarse de esguello ao corazón das emocións. Sans soleil representa una síntese da obra pasada e unha anticipación da obra futura de Marker. Pero, por enriba de todo, é unha obra de arte que renova a promesa do cinema como forma integradora de pensamento e emoción nun tempo creado pola montaxe e nunha xeografía inventada pola memoria –unha encrucillada onde colisionan pasado, presente e futuro-. La soledad de Jaime Rosales: o último goya á mellor película española. Por unha vez os goyas cumpren coa única función noble que se lles pode atribuir: facer posible que unha boa película esquecida polo público teña unha segunda oportunidade nos cines. La soledad (2007) levouse o premio á mellor película, mellor dirección e actor revelación e recuncou nalgunha sala do noso país e agárdase unha nova edición en formato dvd. O filme de Jaime Rosales coloca ao espectador ante as historias cruzadas de dúas mulleres cunha posta en escea desdramatizada para conseguir un marcado efectorealidad: a impresión de asomarnos á vida “real” de personas “reais”. Ese efecto de asistir a anacos da vida en bruto, cos seus tempos mortos e diálogos que semellan improvisados, obviamente é a resultante dun elaborado proceso de escritura, dirección e interpretación. Por certo, sorprende que ningunha das actrices de La soledad, en especial Sonia Almarcha e Petra Martínez, estiveran nominadas, porque constitúen unha peza esencial na engrenaxe cinematográfica artellado por Jaime Rosales. Unha película que representa unha proposta radical para o cinema que se produce hoxe e aquí: outro cine é posible. Daniel Domínguez Marzo 2008

Related Documents

Tempos Marzo 08
June 2020 2
Tempos Outubro 08
June 2020 1
Tempos Decembro 08
June 2020 3
Tempos Novembro 08
June 2020 0
Tempos Setembro 08
June 2020 1
Tempos Xaneiro 08
June 2020 0