Tempos Decembro 08

  • June 2020
  • PDF

This document was uploaded by user and they confirmed that they have the permission to share it. If you are author or own the copyright of this book, please report to us by using this DMCA report form. Report DMCA


Overview

Download & View Tempos Decembro 08 as PDF for free.

More details

  • Words: 1,095
  • Pages: 2
Manuel e Elisa, unha película de Manuel Fernández-Valdés: o local sen paredes. Para empezar estamos diante dunha opera prima, por partida dobre. A primeira película do seu director e tamén a primeira que estrea Tic Tac, a productora de Fernanda del Nido. Manuel e Elisa é unha película que dende as primeiras escenas retrata ao seu director –Manuel Fernández-Valdés vén da fotografía- e á súa productora –a Fernanda del Nido interésanlle certo tipo de filmes-. E claro, Manuel e Elisa retrata aos seus personaxes que levan casados máis de cincoenta anos, viven n’O Rosal e afrontan os achaques e problemas de mobilidade que chegan cos anos, coa vida, co tempo. O retrato cinematográfico esixe, como o fotográfico –aínda máis se cadra-, a creación –o deseño- dun dispositivo fílmico que permita rexistrar as apariencias –nin o cinema nin a fotografía poden pretender outra cousa-, de tal xeito que nós, espectadores, poidamos esculcar, ler, enxergar no misterio dos trasuntos, desas presencias que acompañamos na pantalla. Acompañar, velaí a esencia do dispositivo de Manuel Fernández-Valdés, o método para acadar a revelación do paso do tempo que pesa nos osos, nas vidas de Manuel e Elisa. O director conviviu, cámara e son mediante, durante catro meses cos seus “personaxes”, en outono e primavera, rexistrando as tarefas das horas e os días: facer as camas –estas mantas teñen tanto tempo coma nós de casados, conta Elisa, é dos peores traballos que teño que facer agora-, patir leña, sachar, queimar restroballos, reparar o tractor... A épica do cotián que viven os vellos no rural. Dicía Michel Rabiger que a calidade dun documental resulta directamente proporcional á calidade das relacións humanas que se establecen na súa preparación. Manuel e Elisa constitúe unha feliz demostración do aserto. O filme transmite a confianza que se vivía detrás da cámara e que, diante dela, latexa no tempo que dura cada momento vivido: unha mirada que mira con miramento. Nada que ver por tanto co acoso –mesmo asedio- que caracteriza a esas reportaxes que constitúen os nutrientes que fagocita a televisión. A película tómase o seu tempo, o tempo que se toman Manuel e Elisa, poñamos por caso, para almorzar e tomar os medicinas –parecemos unha farmacia, comenta o home-, o tempo que leva apañar unha pastilla coas mans que xa non aquelan co minúsculo, coas mans que levan inscrito todo o tempo do mundo, coas mans que lle deron forma e sentido a ese tempo que o filme nos devolve preñado de significado. Unha escena, a do almorzo, que constitúe unha das pezas máis intensas que leva un contemplado na pantalla nos últimos anos. Unha escena na que o tempo, a duración do plano, un plano medio frontal e fixo de Manuel e Elisa, converte o cotián nunha comedia digna de Hawks ou Ford. E tempo para as confidencias. As de Manuel. A tenrura e fatalismo con que fala de Elisa. A emoción que desprenden as súas reflexións sobre o paso inexorable do tempo –o tempo que lles queda- que ningunha medicina pode evitar: son adiantos que amparan pero non sandan. E tempo para o metafílmico: Se ves aquelo que ti filmas, non o filmas. Un aforismo de Manuel que da para dús horas boas de meditacións, iso tirando polo baixo. E tempo para as cantigas. O tempo a piques de esgotarse cantado en clave de tempo fílmico: velaí o alento poético deste filme que vén de estrearse en Cineuropa e que ben merece unha longa e demorada viaxe polas pantallas do mundo. Como esa fermosa viaxe de Manuel no seu tractor polos camiños da súa aldea. Porque como dicía Miguel Torga, o universal é o local sen paredes. Por iso a Consellería de Cultura, a súa conselleira en concreto, perdeu unha oportunidade inmellorable para reivindicar a aposta polos novos camiños do cinema galego que representan obras como Eloxio da distancia ou Manuel e Elisa. O alento que o cinema galego levaba agardando dende O carro e o home. Como agardamos Tra-las luces de Sándra Sánchez, tamén da man de Tic Tac.

As horas do verán de Olivier Assayas: o pouso do pasado. O pasado non morreu, nin sequera ten pasado, dicía Faulkner. A globalización – e a deslocalización que leva aparellada- reclama a erradicación prescriptiva da memoria, así o pasado –o relato fundador da identidade- convértese nunha mercadoría sospeitosa, mesmo un lastre do que desprenderse de contado, un estorbo do que desfacerse e unha herdanza que malbaratar. Velaí as coordenadas onde se sitúa o relato que desenvolve Olivier Assayas n’As horas do verán, unha película que vén de estrearse nunha sala resistente dos Multicines Norte de Vigo. Cómpre mencionar estes cines – auténticos supervivintes- nos que aínda é doado contemplar filmes que se afastan do cinema comercial máis rutinario, cines onde a biodiversidade fílmica aínda é posible. Uns cines que permiten manter vivos os vencellos coa modernidade cinematográfica europea: unha herdanza a revisitar e reivindicar. A morte da nai reúne outravolta a uns irmáns que traballan nas catro esquinas do mundo. Deben decidir que facer coa casa e todo o que nela atopa o seu: un mundo a piques de esmorecer. Unha herdanza como espello da identidade, que non é outra cousa, en definitiva, que a erosión do tempo. A melancolía envolve este universo que ten o seu centro neurálxico na casa familiar. O mundo da súa infancia. As horas do verán perdidas. O pasado que un podería rastrear na memoria dalgúns filmes de Renoir, certa joie de vivre imposible de recuperar. O filme de Assayas resulta case unha peza de cámara atravesada por unha longa conversación. Unha película francesa, moi francesa, para dicilo pronto. A obra maior dun cineasta que domina con elocuencia a dinámica dun relato que (nos) traballa moi fondo nos adentros. As imaxes e a música desprenden un inconfundible arrecendo proustiano suliñado cunha caseque chejoviana mise en scêne. Os cadros, os mobles, os obxectos que acompañaron as vidas e, de paso, vivos eles mesmos, vividos. Assayas filma con primor a estes fantasmas dun tempo esquecido, pegadas dunha civilización incapaz de convertirse en referente na globalización. Pero se cadra aínda non está todo perdido se os netos son quen de intuir o que están a perder coa venta da casa familiar e co traslado a un museo dos obxectos, dos mobles, dos cadros, ou sexa, cando o pasado se momifica. Nun breve risco de lucidez latexa a pulsión da esperanza. Nas bágoas de Sylvie. Comprendemos, entón, que o esencial –inmaterial e invisible- ten sido transmitido e sobrevivirá. Un momento de revelación onde o filme condensa o pouso do tempo. Daniel Domínguez

Related Documents

Tempos Decembro 08
June 2020 3
Tempos Outubro 08
June 2020 1
Tempos Novembro 08
June 2020 0
Tempos Marzo 08
June 2020 2
Tempos Setembro 08
June 2020 1
Tempos Xaneiro 08
June 2020 0