Desenvolvemento da Asemblea 09:30 h.. acreditacións e entrega de documentación: deberíamos ter aprox. 6 mesas para acreditación atendidas por 2 persoas cada unha. 10:15 h..Aprobación do Regulamento pola Asemblea, constitución da mesa e discurso de benvida. 10:45 h.. Debate e votación de enmendas ao relatorio Político 12:00 h.. Debate e votación de enmendas ao relatorio de Organización 13:15 h.. Presentación lista ao CN 13:45 h.. votación 14:00 h.. Remate da xornada da mañán 16:30 h.. Nomeamento de Coordinador/a Nacional e demáis membros electos para o C.N. 17:00 h.. Discurso de clausura polo/a Coordenador/a Nacional. 17:30 h.. Remate da Asemblea
REGULAMENTO DA ASEMBLEA NACIONAL CONSTITUÍNTE DE +BNG Artigo 1 Poderán tomar parte como asembleístas con pleno dereito de voz e voto á Asemblea Nacional Constituínte de +BNG todas aquelas persoas que fagan parte do Censo Nacional de Adscritos a día 15 de novembro de 2009. Artigo 2 Como observadores ou observadoras, sen voz nen voto, poderán asistir á Asemblea Nacional os e as simpatizantes convidados. Artigo 3 A Comisión Nacional Xestora de +BNG aprobará o texto definitivo dos relatorios, enviándoos ás comarcas para a súa discusión. Estes textos irán acompañados dos votos particulares sempre que os interesados ou interesadas, membros da Comisión Nacional Xestora, manifesten a vontade de mantelos. Artigo 4 As Asembleas Comarcais de +BNG debaterán os relatorios e votos particulares, podendo formular emendas á totalidade ou parciais. Para que unha emenda pase a debate na Asemblea Nacional Constituínte, precisa dunha votación favorábel dun mínimo do 50% dos votos emitidos na Asemblea Comarcal correspondente. Artigo 5 Os debates realizaranse en plenario, e en sesión de mañá e tarde. A propia Asemblea Nacional Constituínte elixirá unha Mesa do Plenario que dirixirá os debates da mesma. A citada Mesa estará composta por tres membros dos que un ou unha exercerá a Presidencia e dous ou dúas a
Secretaría, sendo estes últimos responsábeis de elaborar a acta da Asemblea.
Artigo 6 A Comisión Nacional Xestora designará ás persoas encargadas de defender os textos oficiais no Pleno. Artigo 7 Os e as emendantes sinalarán portavoz para defender as emendas. En ausencia destes, a emenda entenderase desbotada. Artigo 8 No debate de cada emenda haberá un turno a favor e outro en contra, seguidos, se fose necesario a criterio da Presidencia da Mesa, dun turno de réplica. Artigo 9 Relatores e emendantes poderán chegar a emendas transacionais. Neste caso someteranse as dúas a votación, primeiro a orixinal e en segundo lugar a transacional, sempre que alguén quixera manter o texto orixinal. Artigo 10 Se unha emenda é aprobada, o seu texto substituirá ao correspondente do relatorio. Se todas foran rexeitadas, entenderase aprobado o texto orixinal da mesma. Artigo 11 Cada relatorio someterase á decisión final do pleno que os aprobará ou rexeitará no seu conxunto nunha soa votación. O pleno aprobará as propostas que acaden maioría simple, isto é, que conten con maís votos a prol que en contra. Artigo 12
A Asemblea Nacional Constituínte elixirá 15 membros para formar parte do Consello Político Nacional e que á súa vez constituirán a Comisión Permanente . A elección farase por medio candidaturas pechadas, que deberán contar cunha lista de titulares igual ao número de postos a cubrir máis un mínimo de 5 suplentes, e deberá presentarse ante a Mesa da Asemblea antes das 12:00 horas. As candidaturas deberán garantir o equilibrio de xénero cando menos nunha proporción 60/40. Artigo 13 En caso de se presentaren máis dunha candidatura, a votación será secreta e os postos distribuiranse polo procedemento proporcional directo. Se só existise unha e ninguén solicita o contrario, a votación faríase a man alzada, quedando proclamada se obtén máis votos a prol que en contra. En caso de que alguén solicite voto secreto, a elección faríase deste xeito. Artigo 14 A Comisión Nacional Xestora de +BNG poderá presentar unha proposta de candidatura de Consello Nacional, se esta é aprobada previamente cun respaldo de 3/5 dos membros da Xestora. Artigo 15 A Coordinación Xeral recaerá en quen encabece a lista máis votada. Artigo 16 A distribución de responsabilidades decidirana os membros da Permanente, a proposta do Coordenador Nacional, na primeira reunión deste organo. Artigo 17 Cando cause baixa un membro do Consello Político Nacional, o seu posto será cuberto co seguinte da lista correspondente.
Artigo 18 O novo Consello Político Nacional reunirase no prazo dun mes logo da Asemblea Nacional, para o cal as asembleas comarcais deberanse ter constituído e eleito aos e ás correspondentes coordenadores comarcais e das cidades, que se incorporarán a este órgano. Nas reunións das asembleas comarcais, ademais da elección das diferentes responsabilidades políticas nese ámbito territorial, deberanse concretar os acordos da Asemblea Nacional no ámbito de cada comarca, formulando unha análise e unhas liñas de traballo comarcais no terreo político e organizativo, que deberán ser postas en coñecemento do Consello Nacional. DISPOSICIÓNS ADICIONAIS D. A. Primeira O novo Consello Nacional editará os textos aprobados no prazo máximo de 3 meses tras a celebración desta Asemblea Nacional Constituínte. D. A. Segunda As emendas ao presente Regulamento non poderán ter carácter retroactivo. Por tanto, o Regulamento, unha vez aprobado pola Comisión Nacional de +BNG será válido e inemendábel ata a constitución da Asemblea Nacional Constituínte, podéndose na propia Asemblea na sesión plenaria acordar modificacións. D. A. Derradeira A Mesa que preside a Asemblea Nacional está facultada para interpretar este Regulamento en casos de dúbida ou omisión.