A Música En Mondoñedo

  • Uploaded by: Moncho G.
  • 0
  • 0
  • April 2020
  • PDF

This document was uploaded by user and they confirmed that they have the permission to share it. If you are author or own the copyright of this book, please report to us by using this DMCA report form. Report DMCA


Overview

Download & View A Música En Mondoñedo as PDF for free.

More details

  • Words: 35,260
  • Pages: 123
A Diego e Anxo con agarimo, agardando que algún día aproveiten este traballo no que empregamos tantas horas e lles sirva para coñecer un pouco a historia da música na cidade de Mondoñedo. Ás nosas familias que nos apoiaron para que levaramos a cabo este pequeno traballo. A toda a xente que colaborou con nós e nos animou nesta labor.

Mondoñedo, 1 de Agosto de 2.002

A música en Mondoñedo

A música na Catedral A historia da música popular ou tradicional profana está moi unida á música relixiosa e culta, como se pode ver ó longo da historia. As Capelas de música nas Catedrais Galegas comezaron a formarse a partir do século XIV. Nun principio estaban formadas por cantores, pero chegado o Renacemento, a comezos do século XVI incorpóranse os primeiros instrumentistas: sacabuches (especie de trombóns) e chirímias (antecesores do óboe), que se usaban polo xeral nas procesións do Corpus, co tempo foron pasando ós cadros de persoal das Capelas. Despois incorpóranse tamén as vihuelas de arco e o clavicordio. Para facer un estudio da música en Mondoñedo é obrigado comezar falando da Capela de música da Catedral, que durante tantos anos é a máis importante canteira musical da cidade. Alí se forman virtuosos cantores e instrumentistas e por alí pasan tamén unha grande cantidade de músicos procedentes de outros lugares.

TRASCORO DA CATEDRAL

Na Catedral de Mondoñedo teñen a súa importancia xa na Idade Media os mociños (mozos de coro), que ademais de formación musical recibían as roupas de mozo e certa cantidade de cartos para comer. No ano 1.316 na Catedral de Mondoñedo perfílase a necesidade dun mestre de música, outorgándoselle unha ración ao cóengo placentino Pascasio Ximeno por ensinar aos nenos e cregos. Arredor do ano 1.400 Juan Ingrés figura como o primeiro organista da Catedral de Mondoñedo do que se ten noticia. No século XVI, sendo bispo Diego de Soto constrúese un órgano novo. Polo ano 1.714 sendo bispo Muñoz y Salcedo encárgaselle a Bernabé Seares, dos Muíños de Arriba, a construcción das caixas e balaústres para un órgano que sería construído por Manuel de la Viña Elizondo, mestre organero de Salamanca que residía en Santiago. Aproveitaríase a canutería do órgano vello. Máis adiante, no século XIX, o órgano é reparado polo gran Mestre Tafall. Os bispos da Catedral de Mondoñedo mostraron sempre unha grande preocupación polos órganos, e polos organistas e mestres de capela. O Nadal e a festa do Corpus eran as datas máis importantes da música na Catedral. Roel del Río, Custodio González Santavalla, Almeida y Motta, Jiménez de Cancio, Ángel Rodríguez, Mariano Casares, Bartolomé Puceiro, Enrique Parga, Ildefonso Ínsua, Enrique Iglesias, Valentín Pérez, Manuel Ledo, González Amieiro, son algúns dos músicos máis importantes que deixaron o seu nome escrito na historia da música da Catedral mindoniense, sen esquecer os grandes mestres e compositores José Pacheco e Pascual Veiga.

A música en Mondoñedo

A música profana A música profana en Galicia consérvase viva a través dos séculos, nas aldeas, nas vilas e nas xentes do pobo, evolucionando tamén co paso do tempo e adoptando novas formas, o mesmo que as outras músicas. A historia da música en Mondoñedo está moi unida a todas aquelas manifestacións populares festeiras nas que os músicos mindonienses eran e siguen sendo protagonistas. CEGO DE VILOALLE

SUSO SORDO

Os pastores coas súas frautas ou requintas, as pandereteiras dos fiadeiros, os cegos cos seus cantares acompañados pola zanfona ou violín, os gaiteiros, acordeonistas, rondallas, orfeóns e bandas de música, todos eles contribuíron a crear a nosa tradición musical. Hai que lembrar as festas onde tocaba o gaiteiro de Zoñán ou Pepe da Gaita de Figueiras, as San Lucas onde se podía ver a Coruxeiras runfar na gaita coa súa comparsa, as foliadas que amenizaban o Cego dos Muíños ou o acordeonista Santiago Doural, as fías onde se bailaba a muiñeira ao son das pandereteiras de Cesuras, os xigantes e cabezudos bailando ao son dos pasodobres de Brisas do Masma, os maios coas rondallas e coros do Pallarego, os concertos da Banda Municipal no quiosco da Alameda, as gloriosas actuacións do Pacheco e do Veiga ou os bailables amenizados polas orquestras de Manolo Araújo e Melodías del Jazz. Foron moitos os que coa súa música fixeron que, nesta fermosa cidade e na súa bisbarra, as xentes se sentiran cheas de ledicia en tantas ocasións, contribuíndo tamén a que a nosa música se transmitira de xeración en xeración ao longo de tantos anos.

FESTA DOS MAIOS

BRISAS DO MASMA (SAN ISIDRO)

Anque falar de todos eles sería imposible, polo menos da maior parte deles quixeramos deixar aquí un recordo nuns breves apuntes acerca da historia da música en Mondoñedo que foron confeccionados con moito agarimo e unha gran ilusión.

MELODIAS DEL JAZZ (LINDÍN)

A música en Mondoñedo

Custodio González Santavalla Ángel Custodio Félix González Santavalla nace arredor do ano 1.747, aínda que non se sabe exactamente suponse que na cidade de Tui posto que alí recibe parte da súa formación musical da man do mestre de Capela da Catedral onde moi novo ingresa como neno de coro. En 1.763, cando conta coa idade de dezaseis anos, estudia o arte do violín chegando un tempo despois a ser admitido como violinista da mesma Catedral polo que recibe un estipendio de dous reais diarios. Poucos anos despois, o 19 de Decembro do 1.770, é nomeado organista da Catedral en substitución de Juan Antonio Basterra. Este último pasaría a ser mestre de capela.

CLAUSTRO DA CATEDRAL DE MONDOÑEDO

En Agosto do ano 1.774 concédeselle unha licencia de tres meses para perfeccionar o seu arte na capital de España, e despois de obter unha prórroga por dous meses mais regresa a Tui no mes de Xaneiro de 1.775. Despois de presentarse ás oposicións para mestre de capela da Catedral de León, sen obter resultado positivo, instálase en Mondoñedo no ano 1.782, cando conta coa idade aproximada de uns 35 anos, para realizar as funcións de mestre de capela. No arquivo da Catedral mindoniense consérvanse a maior parte das obras compostas por Santabaya entre as que se encontran varias misas, salmos, himnos, motetes, tonadillas, arias, e numerosas panxoliñas, algunhas destas con letra en lingua galega. O día 23 de Decembro do ano 1.796 acepta o encargo do Cabido de prestar coidado, asistencia e tamén educación ó neno de coro José Pacheco, que anos despois sería o seu substituto. Hai que lembrar que Santavalla e o seu discípulo José Pacheco foron os compositores da música das panxoliñas escritas polos poetas da Escola Mindoniense de Cantores do Nadal a finais do século XVIII e principios do XIX. Morre en Mondoñedo o día 15 de Decembro de 1.804, víctima dunha longa enfermidade, despois de exercer o maxisterio da capela durante vintedous anos. O seu corpo descansa na Catedral da cidade.

A música en Mondoñedo

Roel del Rio Antonio Ventura Roel del Río foi un dos máis ilustres mestres de capela da Catedral de Mondoñedo. Non era natural da cidade, pero despois dos anos que viviu nela pódese considerar coma un músico mindoniense. No ano 1.723 aprende a tocar o órgano na Catedral de Santiago, onde tivo como mestre a Pedro Rodrigo. Tamén exerce como músico na Capela do Mosteiro da Encarnación, en Madrid. O 16 de Maio de 1.730 é nomeado mestre da Capela da Catedral de Mondoñedo. No ano 1.739 incorpórase á mesma como músico de órgano, violín e clavicordio, o seu irmán Vicente Roel. Roel posuía unha gran formación músical. No ano 1.748 publicou Institución armónica o doctrina músico-teórica y práctica que trata del canto llano y de órgano, libro do que aínda hoxe se conserva un exemplar no Arquivo da Catedral adicado ó Bispo Sarmiento. No ano 1.760 publicou o seu segundo escrito Razón natural y científica de la música en muchas de sus más importantes materias.

MONDOÑEDO, PRAZA DA CATEDRAL

Tivo algunhas disputas, moi sonadas na época, por escribir contra o Padre Feijoo e contra Rodríguez de Hita. Menéndez Pelayo tratouno de retrógrado e conservador, pero os estudios posteriores acerca de Roel demostraron que fora un músico digno do seu tempo e de calquera outro, moi equilibrado e documentado, e por eso non podía soportar as contradiccións de Feijoo e doutros músicos da época. Roel defende o arte do seu tempo e considera normal a evolución da música relixiosa. Por aquela época nas capelas de música españolas había unha grande influencia da música italiana. Roel foi o introductor desta tendencia na Capela da Catedral. Despois dos estudios realizados con posterioridade polos musicólogos, Roel é un dos músicos españois máis interesantes e ademais un dos grandes teóricos da música do século XVIII. Os seus escritos eran coñecidos e comentados polos mellores músicos da época. No Arquivo da Catedral consérvanse máis de trinta composicións do ilustre músico. Morre o 17 de Febreiro do 1.767, o seu corpo descansa na Catedral da cidade despois de exercer o maxisterio na Capela da mesma durante máis de trinta anos. O seu substituto será Bernardo Samillán Martínez.

A música en Mondoñedo

O mestre Pacheco José Eusebio Pacheco nace en Mondoñedo, na Rúa de Batitales Alta, o 15 de Decembro do ano 1.784. Con once anos ingresa como neno de coro na Capela de Música da Catedral, e alí comeza a súa preparación musical tendo como instructor ó mestre D. Ángel Custodio González Santavalla. En Decembro do ano 1.804 encárgase temporalmente da dirección da capela de música, debido á morte de Santavalla. Continúa despois os estudios en Santiago, nos primeiros meses do 1.805, baixo a dirección do ilustre músico madrileño Melchor López, mestre de capela da Catedral Compostelana. É importante dicir que Melchor López recuperou e compuxo melodías para gaita, e foi transmisor da fermosa melodía A Nosa Gaita.

MONDOÑEDO, ÓRGANO DA CATEDRAL

O día 7 de Febreiro do ano 1.806, con 22 anos de idade, concédeselle a praza de Mestre de Capela da Catedral de Mondoñedo.

Realiza unha viaxe a Madrid, onde se relaciona con músicos da época, de forte tendencia italiana.A súa obra musical é moi extensa, no Arquivo da Catedral de Mondoñedo consérvanse unhas 250 partituras súas. Citaremos algunhas das máis coñecidas como son o Plorans e o Miserere que aínda hoxe continúan interpretándose nas procesións da Semana Santa Mindoniense, e os famosos Villancicos de Navidad, algúns deles escritos en galego. Ademais das obras de carácter relixioso, tamén compuxo pezas profanas e diversas obras instrumentais. Da concertos de piano na casa de José Mª Luaces. Este último déixalle no testamento o piano e unha colección de máis de 180 partituras, entre as cales se atopaban dez óperas de Rossini e os cuartetos de Haydn. Polo ano 1.809 dirixía unha comparsa composta de gaita, tambor e outros instrumentos. Foi mestre de Pascual Veiga, e acolleuno como neno de coro catedralicio. Morre en Mondoñedo o 23 de marzo do 1.865, onde residiu e foi mestre de Capela da Catedral durante case sesenta anos. O Axuntamento, uns anos despois, dalle o nome de Pacheco á Rúa de Batitales Alta. No mes de decembro do 1.984 celébrase en Mondoñedo unha homenaxe con motivo do seu segundo centenario.

MÚSICA DE CÁMARA. ESCENA TÍPICA DO SÉCULO XVIII

A música en Mondoñedo

Pascual Veiga Pascual Manuel Francisco Veiga Iglesias nace o 9 de Abril do 1.842 en Mondoñedo, na Rúa dos Templarios que hoxe leva o seu nome. Era irmán de Manuel María Veiga, contralto da capela da Catedral. Con dez anos ingresa como neno de coro na Catedral e recibe clases do mestre Pacheco. Tres anos despois compón a súa primeira obra Septenario á Virxe das dores, para tres voces e orquestra. No ano 1.856 comeza a preparación para organista, da man de Tomás Burón e Rafael Tafall. Pasados sete anos concédeselle unha nómina de 4 reais diarios por tocar o órgano na ausencia do mestre. No ano 1.864 fixa a súa residencia na Coruña acadando a praza de organista da Real Colexiata de Sta Mª do Campo, funda a capela da mesma no ano 1.875. Na Coruña tamén imparte clases O ILUSTRE COMPOSITOR particulares, e alcanza un notable éxito polos carnavais do ano 1.876 cando compón xunto con Constantino Fernández a música das coplas que se cantan nos festexos. Funda e dirixe o Orfeón Coruñés, unha das primeiras agrupacións corais de Galicia. Compón a música de varias obras do seu amigo Francisco de la Iglesia entre as que destacan Os Ártabros, unha ópera en galego. No 1.880 compón a música de A estrela coruñesa, que mais adiante acadaría o titulo de Alborada de Veiga. Estrena esta peza dirixindo o Orfeón Brigantino. Funda, dous anos despois, El Nuevo Orfeón que posteriormente pasará a chamarse El Eco. Sete anos mais tarde funda o Orfeón Coruñés nº 4, que sería o cuarto dos fundados por el na Coruña. No mes de Abril do 1.890 forma parte do xurado do Certame Musical de Tui, onde participan cinco gaiteiros. En 1.889 interpreta a Alborada en París, co gallo da Exposición Universal, e obtén a Medalla de Ouro, recibindo numerosas homenaxes polo camiño, na viaxe de volta a Galicia. Nese mesmo ano, en colaboración con Pondal, compón a música do poema Os Pinos, que anos despois pasaría a ser o Himno Galego. Uns anos despois marcha a Madrid, onde traballa como profesor do Conservatorio Nacional de Música e ó mesmo tempo dirixe o Orfeón Matritense e o Orfeón do Centro Galego. Morre na Capital no ano 1.906, sendo enterrado no cemiterio da Almudena. En decembro do 1.907 interprétase Os Pinos, como Himno, no Gran Teatro do Centro Galego da Habana. E alí o ano seguinte apróbase unha moción para que sexa declarado Himno Oficial. En 1.912 os seus restos son trasladados a Mondoñedo, celebrándose unha serie de actos na cidade. O Orfeón Mindoniense, dirixido por D. José Castañeda, interpreta a Alborada i o Himno, este último en colaboración coa Banda Militar de Isabel la Católica. No ano 1.992 celébrase en Mondoñedo unha serie de concertos en homenaxe a Veiga no seu 150 aniversario.

A música en Mondoñedo

Orquestra da Catedral Mondoñedo, 1.910

Catedral de Mondoñedo. Berce do que un día fora compositor das músicas da Alborada e do Himno Galego.

A música en Mondoñedo

Jaime Cabot Bujosa Jaime Cabot Bujosa nace na parroquia de Sta. María de Banyalbufart na illa de Mallorca o día 24 de Xullo do ano 1.913. Alí realiza o s e s t udios de ba c ha re l a t o e d e contabilidade. Con doce anos comeza os estudios musicais e de piano. Desde neno sinte que a súa verdadeira vocación é o sacerdocio trasladándose no ano 1.941 ó Seminario de Mondoñedo onde comeza a carreira eclesiástica e ó mesmo tempo continúa os estudios musicais coa finalidade de exercer o seu oficio nunha parroquia. INAUGURACIÓN DO ÓRGANO DO SÉCULO XVIII

O día 4 de Xullo de 1.948 é ordenado sacerdote en Mondoñedo polo bispo Fernando Quiroga Palacios. Comeza traballando nas oficinas do Palacio Episcopal. O día 5 de Agosto do ano 1.955 é nomeado organista accidental da Catedral en substitución de Felipe Bangueses Bande. Cinco anos despois, previa oposición, acada a praza de beneficiado-organista da mesma desempeñando o cargo ata o ano 1.981 en que obtén a xubilación. Alí encárgase de tocar no coro diariamente e tamén nas festas relixiosas que se celebran co motivo da liturxia. Tamén se encarga de tocar os órganos do Santuario da Virxe dos Remedios e da Igrexa parroquial de Santiago nalgunhas ocasións e ó mesmo tempo exerce as funcións de capellán no Convento das Monxas Concepcionistas. Admirado polas xentes da cidade polo seu ledo carácter e pola súa bondade, sempre está disposto para axudar a calquera que o necesite. En Mallorca promove unha fundación benéfica chamada S' Olivar de Estellencs, situada nunha finca que herda da súa familia. É nomeado Bispo Honorífico polo Papa Juan Pablo II, e no ano 1.988 os veciños de Mondoñedo réndenlle unha merecida homenaxe organizada por varias asociacións locais. No ano 2.000 inaugura o órgano do século XVIII, construído en Vigo e pertencente ó Museo Mindoniense, interpretando algunhas composicións de Bach e Beethoven.

A música en Mondoñedo

"Alborada Galega" letra: Francisco Mª de la Iglesia música: Pascual Veiga

Arriba qu'a aurora Comenza a espuntar, A lus que namora Na terra e no mar. Deixade os leitiños, Meniñas, deixai, Que os vosos ollíños Dan máis craridá. Como ese Sol que alomea Tan galán e espellador, Vinde vós, soles da aldea, A avivar o noso amor, Que, si con lumes e frores Sale a aurora a rebuldar Vosos cándidos amores Saben millor feitizar. Vinde, fillas da alborada Vinde a ver nace-l-o Sol Co os labiños de granada Que dan celos ô arrebol.

E ô remanso dos airiños, Da fontiña gorgullar Bailaremos en remuíños De dulzoso sospirar. Ála ven xa, raparigos, Meu amor, miña ilusión, Cochando entre brancos prigos Seu ferido corazón. N'hay aurora como ela, nin máis fresco carabel: Miña rula, miña estrela Morrerei por serche fiel. Non ves, miña prenda, Aquel Sol no Ourente: Seu lume crecente E neve pra min. Ven ti ôs meus brazos Y o mundo olvidemos, E amantes seremos, Da vida hastra o fin.

A música en Mondoñedo

Os orfeóns mindonienses

Os orfeóns teñen unha grande importancia na historia da música da cidade, moitos foron os mindonienses que formaron parte destas agrupacións e que ao longo de todos estes anos representaron o seu pobo baixo os estandartes da "Sociedad Coral Pacheco" (o primeiro que se funda na cidade no ano 1.881), "Orfeón Veiga", "Sociedade Coral Brisas del Masma", "Coral Mindoniense", "Masa Coral de Educación y Descanso" e "Orfeón da Sociedade de Obreiros" que aínda hoxe continúa a súa labor participando nos actos de maior relevancia da cidade e representando ó pobo de Mondoñedo por todo o país. Tamén hai que lembrar a existencia de outras corais como "Alborada" e o "Orfeón O.A.R." entre outras, que a pesar de ter unha corta duración tamén teñen a súa importancia, sen esquecer a labor realizada pola Schola Cantorum do Seminario, a Schola Cantorum dos Picos, as corais masculina e feminina da V.O.T. e a Coral do Instituto Laboral nos seus comezos.

A música en Mondoñedo

Orfeón Pacheco O 16 de setembro de 1.881 chega a Mondoñedo o Orfeón Gallego de Lugo, sendo recibido no barrio dos Remedios pola Banda de Música e polas xentes do pobo. Era o primeiro que actuaba na cidade. Ese mesmo día comézase a organizar a Sociedad Coral Pacheco, sendo elexido presidente honorario D. Pascual Veiga, que por entonces era director do Orfeón Brigantino da Coruña. Na xunta xeral celebrada o día 6 de Outubro apróbase o regulamento formándose a directiva, sendo nomeado presidente: Fernando Paz Vivero, vicepresidente: Antonio Ferreiro Hermida, tesoureiro: Alejo Ferreiro Soilán, director: Enrique Parga García -virtuoso violinista-, vicedirector: Nicolás Teijeiro Carranque e vocais: Andrés Mancebo Rey, Manuel Vaamonde Gasteluzar, Cándido Rodríguez del Riego, Guillermo Bernigaray Rego, Víctor da Silva Posada e o médico e poeta Manuel Leiras Pulpeiro. A Sociedad Coral Pacheco é o primeiro orfeón que se organiza en Mondoñedo, e toma o nome do ilustre músico que fora mestre da Capela da Catedral. Conta con 60 voces, e dá o primeiro concerto no Circulo de Recreo o 23 de Outubro dese mesmo ano, interpretando a mazurca Ingrata de Juan Montes, La Aurora de Reventós e un Alalá de Valverde. Os orfeonistas locen no peito uns lazos vermellos con liras de prata, regalo do Presidente Fernando Paz Vivero. A batuta do director foi un regalo de Víctor da Silva. O 19 de Marzo do 1.882 Catalina Méndez de Vaamonde regala ó Orfeón unha artística batuta de prata con incrustacións de ouro. Polos carnavais dese ano forman unha tuna que, dirixida por Parga, percorreu as rúas cantando acompañados por violíns, frautas, guitarras e bandurrias. O día 25 de xuño, con motivo dun concerto no Circulo de Recreo, faise entrega dun valioso estandarte que fora bordado por algunhas rapazas da cidade. En Maio do ano 1.883 cantan a misa no santuario da Virxe de Villaselán e actúan en Ribadeo e na Veiga sendo moi ben recibidos nestas localidades. Na primavera do 1.883, por motivos políticos, Enrique Parga abandona o orfeón e funda outro, que non chegou a dar ningún concerto. Ramón Teijeiro, discípulo de Pacheco, que fora baixo das Capelas da Catedral de Toledo, Mondoñedo e do Teatro Real, ó seu regreso á cidade sucedeu a Enrique Parga na dirección do Orfeón. Antes das feiras de San Lucas dese ano o orfeón queda desfeito. A partir desta data reorganizaríase en varias ocasións pero sen ter continuidade. No ano 1.884 baixo a batuta de Ánxel Rodríguez Gómez, para cantar na festa de Santos ante as tumbas de Pacheco e dos orfeonistas Enrique Parga, Nicolás Teijeiro e Santiago García, no ano 1.886 para dar un concerto a beneficio das víctimas dos terremotos de Andalucía, e pola chegada do Bispo Cos y Macho dirixidos de novo por Rodríguez Gómez e polas festas de San Lucas do 1.895 baixo a dirección de Enrique Teijeiro, no ano 1.904 baixo a do violinista Cesar González Seco, que volve a reorganizalo no 1.909, aínda que pouco despois volvería a desfacerse.

A música en Mondoñedo

Orfeón Veiga (1.908) José Castañeda Jurado funda este orfeón mindoniense no mes de Abril do ano 1.908, coa idea de amenizar as Festas de San Lucas. Esta primeira formación está composta por unhas trinta voces. Pola festa de Corpus organizase unha velada no Salón Teatro do Casino co motivo de recadar fondos para a organización das festas. Actuarían na mesma o Orfeón, a Banda Municipal, o cuarteto tradicional Os Pacheco e o cantante Julio Brandón. Polas festas de San Lucas actúan na Praza da Constitución os días 18 e 19 e polo mes de Novembro, despois de actuar no local da Sociedade de Obreiros, disólvese a agrupación. No ano 1.912 fórmase unha comisión, co motivo do traslado dos restos de Pascual Veiga a Mondoñedo, e acórdase reorganizar o orfeón. No mes de Agosto, baixo a batuta de José Castañeda Jurado, comeza a ensaiar un grupo de mozos da localidade. Os membros do Orfeón xunto coa Banda Municipal e Os Pacheco ofrécenlle unha serenata ó Presidente do Centro Galego na Habana na súa chegada á cidade. O 17 de Setembro chegan os restos á cidade e son conducidos ata a Catedral. Esa noite o Orfeón e a Banda Militar ofreceron unha serenata ás autoridades presentes na cidade e a continuación pecháronse no Casino para ensaiar o Himno Rexional de Veiga, que máis adiante sería o Himno Galego. O 18 de Setembro, ten lugar a Misa de Réquiem, coa colaboración da orquestra da Capela e Coro dirixidos polo competente mestre León Díaz Rubín. Segundo contan as crónicas con pouca preparación para o canto por parte dalgúns orfeonistas, que fixeron lembrar os bos tempos do Pacheco, cando era dirixido polo mestre Parga. Unha vez rematada a misa o féretro é levado ó lombo por seis membros do Orfeón. Despois do enterro o Orfeón interpreta a Alborada e conxuntamente coa Banda Militar de Isabel la Católica interpreta o Himno Rexional de Veiga, que despois sería o Himno Galego. En Decembro do mesmo ano ten lugar un concerto no Salón de Actos do Casino e no mes de Marzo do 1.913 disólvense, previa repartición dos fondos sociais entre os orfeonistas.

CONVENTO DE SAN PEDRO DE ALCÁNTARA

A música en Mondoñedo

Orfeón Veiga (1.913) Po u c o d e s p o i s d e desfacerse o Orfeón que se funda co motivo do traslado dos restos de Veiga á Mondoñedo, José Castañeda Jurado, Alfredo Martínez e Andrés Pérez Balsa propóñense de novo volver a reorganizalo presentando as bases no Goberno Civil o día 15 de Abril do 1.913. A nova coral estaba composta por eles tres e ORFEÓN VEIGA vintecinco mozos máis. Levaba o nome de Orfeón Veiga, e era dirixida por Castañeda. Un ano despois, o 24 de Abril de 1.914, o pintor Jesús Santeiro regala á Coral un retrato de Veiga e a colectividade agradecida acorda nomealo socio de mérito. Os ensaios tiñan lugar na antiga Casa Consistorial (actualmente Biblioteca Pública). Algunhas das pezas que forman parte do seu repertorio, ademais das obras de José Pacheco e Pascual Veiga, eran La Vendimia, El adios del recluta, Los barqueros e A Foliada de Chané, sen esquecer as composicións do seu director Pepe Castañeda coma Crepuscular, Barcarola e Nas San Lucas. Hai que destacar que, ademais das diversas actuacións que levaron a cabo, foron escoitados pola Infanta Isabel de Borbón co motivo do seu paso pola cidade e interpretaron a obra de Veiga no Palacio Episcopal diante do Nuncio Apostólico Monseñor Ragonesi, o cal fixo un donativo en metálico para a asociación. Ademáis das actuacións que realizaron en Mondoñedo tamén se desprazaron para actuar por distintos pobos da comarca. O 28 de Xuño do 1.914 actúan en Vilanova de Lourenzá, o 4 de Xullo do 1.915 en Ferreira do Valadouro e no ano 1.916 en Viveiro. O ministerio de Ilustración Pública y Bellas Artes concédelle ó Orfeón unha subvención de 2.000 ptas.no ano 1.916 que serven para establecer as Escolas de Música e Instrumental, encargándose de dirixilas José Castañeda e Ángel Rodríguez, este último era o director da Banda Municipal. O día 23 de Outubro de 1.917 chega a Mondoñedo a coral coruñesa Cántigas da Terra, para renderlle unha homenaxe a Veiga. Celébrase ó día seguinte unha festa no Campo dos Remedios na que actúan a coral coruñesa, os orfeóns Veiga e Brisas del Masma e o cuarteto Os Pacheco. O 26 de Decembro do ano 1.918, por iniciativa de Castañeda, acórdase que o Orfeón cante a seis voces. No ano 1.925 desfaise este orfeón debido á morte do seu director, posteriormente algúns dos seus compoñentes pasarían a formar parte do Orfeón Brisas del Masma .

A música en Mondoñedo

Sociedade Coral "Brisas del Masma" Este orfeón organizado e dirixido por Antonio Teijeiro Prieto, violinista da catedral, actúa por primeira vez nos actos que se celebran con motivo da Semana Santa do ano 1.916. Posteriormente tamén será dirixido pola experta batuta de Ildefonso Insua Pedrosa, mestre de capela da Catedral. Don Emilio Tapia, que fora presidente da Deputación, é nomeado presidente honorario. O 23 de Outubro do 1.917 chega a Mondoñedo a coral Cántigas da Terra da Coruña sendo recibida polo alcalde da cidade, a Banda Municipal, os orfeóns Veiga e Brisas del Masma, o cuarteto Os Pacheco e unha multitude de xente do pobo. O día 24 sae de Alcántara a coral coruñesa acompañada polos orfeóns e polas autoridades do pobo dirixíndose ó cemiterio para levar dúas coroas de flores á tumba de Pascual Veiga. Pola tarde celébrase na Alameda dos Remedios unha festa onde a Coral Brisas del Masma interpreta a Alborada de Veiga, continúa o cuarteto Os Pacheco con Aires Regionales, a Foliada de Chané é interpretada polo Orfeón Veiga, actuando tamén a coral coruñesa. COLECTIVIDADE "BRISAS DEL MASMA"

O 16 de Decembro do ano 1.917 realizan unha excursión a Lugo con todos os compoñentes, actuando no Teatro Coliseo da capital. No mes de Outubro do ano 1.918 celébrase unha homenaxe a Pascual Veiga actuando de novo Cántigas da Terra e o Orfeón Brisas del Masma. En Novembro do 1.919, pola festividade de Santos, a coral interpreta diante as tumbas de Emilio Tapia, Pacheco e Veiga a composición de Pacheco Libéra me Domine, que é escoitada polo público asistente con un relixioso silencio. O día 31 de Decembro do 1.919, por aclamación, foron nomeados presidente e vicepresidente da Sociedade Coral os señores César González-Seco Romero e Rafael Martínez Gómez. Nas festas de San Lucas dese mesmo ano ofreceron un concerto na Praza da Catedral xunto co Orfeón Veiga e a Banda de Infantería de Marina. O tema La canción del soldado foi interpretada con acompañamento da Banda Militar. O director Ildefonso Insua morre nun barco a mediados dos anos trinta cando viaxa á República Arxentina onde residen algúns fillos seus. O seu corpo é arroxado ao mar onde repousan os seus restos. Algúns mindonienses que formaron parte deste orfeón foron Graciano Fraga, o Xirigaito, Ricardo Veiga, o Macizo, Pixiñas, La Francia, Clemente, José Mª Rego, o Cosco, Augusto Insua, o Penasco, o Pinto, o Gabacho, Yoyas, o Cociñeiro e os cregos Balbuena e Manuel Rico Prieto.

A música en Mondoñedo

Coral Mindoniense Despois da Guerra Civil o movemento cultural da cidade renace de novo e fórmase esta coral que nos seus comezos polo ano 1.939 é dirixida polo sacerdote Manuel Pérez Fanego, natural da parroquia de San Nicolás de Neda (Ferrol), ordenado en Mondoñedo no ano 1.936. A nova coral, que é o primeiro orfeón mixto que se organiza na cidade, está composta por unhas cincuenta voces e ensaia no edificio da Sociedade de Obreiros Católicos que CORAL MINDONIENSE, ANO 1.945 está na actual Rúa de Pacheco posteriormente trasladaríanse os locais da Acción Social. Os gastos dos desprazamentos e da uniformidade da sociedade coral eran sufragados polos compoñentes. Pouco tempo despois da súa formación o director ten que trasladarse a Ferrol, onde posteriormente sería nomeado Capelán da Empresa Bazán e fundador da Coral Polifónica da mesma, aínda que continúa acudindo aos ensaios da coral mindoniense e cando non pode desprazarse a Mondoñedo déixalle as partituras a Antonio González Amieiro coñecido polo nome de O Gaspar que se encarga de dirixir os ensaios. Hai que destacar entre as actuacións que realizan a interpretación do Plorans de Pacheco nas procesións da Semana Santa Mindoniense, o encargado de facer a voz solista é o prestixioso tenor e violinista da Catedral Enrique Iglesias coñecido tamén como Enrique das Danielas. Actúan nunha velada que se celebra no día da Inmaculada Concepción como homenaxe ás forzas de infantería destacadas na cidade. O día 4 de Xaneiro do 1.940 actúan no Seminario presentando oito obras musicais. Ademais de actuar en Mondoñedo tamén se desprazan a Lugo, Vilalba, Ribadeo, Viveiro e outros pobos da provincia para participar en diversos actos. En Lugo participan nun concurso de orfeóns interpretando a peza obrigada O malpocadiño acadando o segundo posto tras da Coral Polifónica de Pontevedra. Non acadan o primeiro debido a que o xurado achácalles que na coral participan tamén voces brancas. Trasládanse a Ferrol co motivo da celebración dun Congreso Eucarístico interpretando o Pan divino, o Aleluya de Haendell e a opereta Un día na sega. No ano 1.945 co motivo da consagración do bispo Souto Vizoso actúan acompañados de orquestra. Posteriormente moitos dos compoñentes deste orfeón entre os que se encontran Cuco Camarena, Ricardo Caeiro, José Docal, Ramón Reigosa, Lino de Agapito, os irmáns Palacios, Pepe do Penasco, Angelito Freire, Milagros Veiga, Pilarita das Roxicas, Pepita de Botón, Elviro Lorenzo, Laura Insua, os irmáns Amor e Angelina Reigosa continúan formando parte do orfeón que despois se coñecería polo nome de Masa Coral de Educación y Descanso.

A música en Mondoñedo

Masa Coral de Educación y Descanso

MASA CORAL DE EDUCACIÓN Y DESCANSO

Na súa última etapa a Coral Mindoniense, denominada entonces Masa Coral de Educación y Descanso, pasa a ser dirixida polos músicos da cidade Manolo Araújo e Antonio González Amieiro (O Gaspar). O encargado era Antonio Canle García e os ensaios pasan a realizarse no novo local do Frente de Juventudes, situado na casa nº 5 da actual Rúa do Progreso. A coral nesta época esta composta por máis de cincuenta intérpretes entre os que destacan a solista Maruxa González, a Zapatillera, veciña do barrio dos Muíños de Arriba. Nunha ocasión participan nun concurso de corais, que ten lugar na Praza de España en Lugo, acadando o primeiro premio. O Sr. Méndez, director da banda de música lucense, cando escoita cantar a Maruxa queda tan impresionado que a bautiza como o Mirlo cantor de Mondoñedo. Esta masa coral leva a cabo a súa labor ata os anos sesenta, realizando actuacións por toda a provincia e participando en distintos actos de relevancia social na época como as Festas de Exaltación do Traballo que organizadas pola Delegación Provincial de Sindicatos celébranse tódolos anos o día 18 de Xullo. Tamén participan nos actos da Semana Santa mindoniense ademais de ofrecer concertos por varias localidades da provincia. Posteriormente é dirixida polo frade carmelita burgalés Alejandro Gonzalo Celorrio. Este frade chega a Mondoñedo por mediación do rector do Mosteiro dos Picos e ademais de encargarse de levar a batuta da coral presume de ser un mestre no manexo do acordeón. Nos súa última etapa parte dos compoñentes deste orfeón, entre os que se encontran Manolo Araújo, Roberto Michelena e Cuco Camarena, abandonan a coral e forman un novo orfeón denominado O.A.R. que se disolve pouco tempo despois.

A música en Mondoñedo

Orfeón da Sociedade de Obreiros O Orfeón fúndase no ano 1.967, cando se xuntan un grupo duns trinta homes co motivo de colaborar nun ciclo de festivais a beneficio do Asilo de Anciáns da cidade. Pouco máis tarde pasou a ser mixto e toma o nome da Sociedade de Obreiros Católicos ó integrarse na veterana asociación, que lle deu acollida no seu local social.

ORFEÓN NO ANO 1.969

Primeiro baixo a batuta de D. Uxío García Amor, mestre da Capela da Catedral, e dende 1.982 baixo a de D. Alfonso de la Torre Piñeiro, cura párroco de Burgás (Vilalba), actúa por toda Galicia, Asturias, Santander, León, Salamanca e tamén en Portugal. Do medio millar de actuacións públicas destacan as de Torrevieja del Mar (Alicante), con motivo do Festival Internacional de Habaneras, no que participa por dúas veces, onde actúa xunto coas mellores corais de España e do Continente Europeo. Hai que destacar tamén a gravación dun disco de cancións galegas coa firma Movieplay, a actuación en diversos programas das televisións nacional e autonómica e algunhas interpretacións para emisións radiofónicas. Tamén consigue varios premios en concursos de corais de Galicia. O seu repertorio estivo composto sempre por pezas de tódolos estilos musicais: habaneras, cantos espirituais, canción relixiosa, clásica e canción galega. A Alborada Galega e o Himno Galego de Pascual Veiga sempre foron temas obrigados, como tamén o son a interpretación do Plorans e o Miserere de Pacheco nas procesións da Semana Santa mindoniense, sendo acompañados nalgunhas ocasións pola Banda Municipal. No ano 1 .99 2 c elebrou solemnemente as súas Vodas de Prata: 25 anos cantando. Na actualidade é dirixido por Xulia Nogueira, profesora de coral da Escola Municipal de Música da cidade.

ORFEÓN DA SOCIEDADE DE OBREIROS A FINAIS DOS ANOS 70

No ano 2.000 foi nomeado socio de honor do Orfeón o anterior director Alfonso de la Torre Piñeiro, agradecéndolle así a labor que realizara durante tantos anos no mesmo.

A música en Mondoñedo

Veladas literario-musicais Pola década dos anos trinta a xuventude católica feminina organiza na cidade veladas literario-musicais. A dirección artística e musical, as presentacións escénicas e o vestiario corrían a cargo da asociación. Nalgunha ocasión as interpretacións e os intermedios eran amenizados por músicos mindonienses dirixidos polo mestre Eduardo Rodríguez. Mª Carmen Insua, Pepita García, Carmiña Cigarrán,Conchita Tapia, Lolita Lombardero, Victorina Artiaga, Celia Polo, Lupe de la Peña, Conchita Díaz e Maruja Iglesias eran algunhas das mozas mindonienses que participaban nas veladas.

A música en Mondoñedo

Corais da V.O.T.

TERCIARIAS FRANCISCANAS, FESTA DE SAN FRANCISCO - 1.935

Na segunda metade da década dos anos trinta as corais masculina e feminina da Venerable Orden Tercera de San Francisco de Asís (V.O.T.) realizan numerosas actuacións con motivo de diferentes celebracións interpretando o himno da orde e alusivos e piadosos motetes (pezas curtas de carácter relixioso), nalgunhas ocasións son acompañadas con música de harmonio. Tamén realizan actuacións tódolos anos pola Festa de San Francisco e contribúen a dar solemnidade aos actos da Semana Santa que teñen lugar na cidade.

A música en Mondoñedo

Discografía mindoniense na década dos setenta

            MOVIEPLAY / STEREO / S-21.495

      

A música en Mondoñedo

O quiosco da Alameda

O quiosco constrúese no Campo da Alameda no ano 1.895. Para a súa inauguración, que se celebra no mesmo ano, fórmase un sexteto composto de tres violíns, unha viola, un violonchelo e un contrabaixo. O sexteto, dirixido polo mestre e compositor Mariano Casares, interpreta varias composicións para o público asistente ó concerto. Os compoñentes do sexteto son músicos da orquestra da Capela da Catedral. A Banda de música Municipal que por entonces dirixía Ángel Rodríguez, tocaba no quiosco os xoves pola tarde, e no Cantón os Domingos pola mañá. A principios de Setembro do 1.904 remodélase colocándolle uns balconciños, columnas e demais materiais de ferro, para estrealo nas festas dos Remedios. Púxoselle entón o nome de quiosco Buenos Aires dedicado aos fillos da cidade que se encontran na Arxentina. No ano 1.907 lévase a cabo o seu decorado por competentes artistas de fora da cidade, e recóbreselle o tellado de Zinc. Despois de moito tempo, no ano 1.980, sufre unha restauración que é levada a cabo polos irmáns Leivas dos Muíños de Arriba. No acto da inauguración, ante a falla dunha Banda de Música na cidade por esas datas, actúa o Orfeón de Mondoñedo.

A música en Mondoñedo

Banda Popular de Mondoñedo (remate do século XIX)

A música en Mondoñedo

Banda Municipal (1) A primeira Banda de Música en Mondoñedo aparece na segunda metade do século dezanove cunha pequena formación duns quince músicos adestrados por Manuel García. Despois aumentaría o número de instrumentistas ata chegar a estar composta por máis de trinta. Nos seus comezos é dirixida por Hermenegildo Mancebo Vázquez, baixo e trompa da orquesta da Catedral é despois por Ángel Ro d r í g u e z G ó m e z , p ia n i s t a , DIANTE DO CONSISTORIO A PRIMEIROS DO SÉCULO XX compositor e segundo organista da Catedral. Ángel recibe no ano 1.893 unha batuta de prata con incrustacións de ouro pola festa de Santa Cecilia, regalo de tódolos músicos. Xa no remate do século a banda pasa a ser municipal dependendo do Concello da cidade. Os instrumentos e os uniformes eran propiedade deste último. No ano 1.895 constrúese na Alameda dos Remedios o quiosco Buenos Aires que sería utilizado pola banda para dar concertos os xoves pola tarde. O violinista César González-Seco é tamén organizador da Banda Municipal noutra das súas etapas, nos primeiros anos do século vinte. Naquela época a banda amenizá os paseos da alameda de 6 a 8 da tarde e tamén ofrece concertos no Cantón interpretando temas como o valse Azul, a mazurca Solita, o pasodobre El futuro ou a composición tradicional Na festa. Tamén participa no acompañamento das procesións e nas festas e actos solemnes que se celebran na cidade.

BANDA DE MÚSICA MUNICIPAL DIANTE DO QUIOSCO "BUENOS AIRES"

No ano 1.913 celébrase unha animada verbena no Campo de Alcántara amenizada pola banda. No mesmo ano na compaña do Orfeón Veiga obsequian cunha serenata nocturna ó benfeitor Miranda Luaces co motivo da súa estancia na localidade.

A música en Mondoñedo

Banda Municipal (2) Arredor dos anos vinte a banda encóntrase moi necesitada de uns uniformes novos, por este motivo o edil Augusto Insua, encargado da mesma por aquelas datas, decide organizar unhas rifas e vender lotería de Nadal para recadar fondos, sendo tamén importante os donativos dalgúns particulares. Debido a falta de medios económicos algún dos membros chega a comentar que era mellor que repartiran os cartos en lugar de empregalos na roupa nova. O xénero para a realización da mesma NA INAUGURACIÓN DO MONUMENTO DOS CAIDOS é mercado no comercio da familia Rego (Xacinto) na praza da Catedral. O pantalón do novo uniforme leva unha franxa de cor vermella longa e estreita cosida á man, un dato curioso é que esta franxa era descosida por algúns dos músicos co fin de poder usar o pantalón a diario. Polos anos vinte crease unha escola de música na localidade, correndo a cargo do Concello o profesorado e o material, invitándose a tódolos veciños maiores de 12 anos que estean capacitados para ler e escribir. Os alumnos máis avantaxados terán como premio o seu ingreso na Banda Municipal con dereito a un salario mensual. O presidente da comisión encargada da escola é Augusto Insua, que xunto con Ángel Rodríguez, director da banda, serán os encargados de examinar as aptitudes e condicións dos solicitantes. No ano 1.921 da un concerto no campo da desaparecida ermida de San Caetano. Tamén asisten á botadura do barco Espiñeira-Mondoñedo que ten lugar na factoría naval dos Reimunde e López na Espiñeira, tocando a Marcha Real e posteriormente na compaña do cuarteto Os Veiga amenizan un animado baile. Na primeira visita do xeneral Primo de Rivera a Mondoñedo, o día 18 de Agosto do 1.924, a Banda interpreta a Marcha Real e o Himno Nacional.

FESTAS DOS REMEDIOS DO ANO 1.960

No mes de Agosto do 1.926 chega a Mondoñedo Julián de Diego Alcolea, arcebispo de Santiago, sendo obsequiado cunha serenata diante do palacio episcopal a cargo da banda.

A música en Mondoñedo

Banda Municipal (3) No ano 1.930 o Axuntamento suprime a praza de director, por medo a que os músicos pasaran a ser funcionarios. Créase entonces a Academia de Música, asignándoselle á banda unha subvención simbólica, quedando o director da mesma como empregado municipal.

CON PASO MARCIAL POLO CANTÓN

Por esas datas reciben a partitura principal do Himno Nacional Arxentino, enviada desde aquela nación a Ángel Rodríguez para que figure no arquivo da colectividade.

O día 15 de Xuño do 1.933 celebrase no Principal Cinema de Mondoñedo un festival benéfico organizado pola Banda Municipal para recadar fondos, proxectaríanse varios filmes e no intermedio actua o cuarteto de gaiteiros Os Veiga. No verán do ano 1.934 a banda volve a amenizar os paseos nocturnos da Alameda dos Remedios e no mes de Maio do ano 1.935 reciben, xunto co cuarteto Os Pacheco, ó novo bispo da cidade Benjamín de Arriba y Castro. No mes de Maio do ano 1.937 visita Mondoñedo Pilar Franco, irmá do xeneral, sendo recibida polas autoridades da cidade e pola Banda Municipal. Polas festas dos Remedios do ano 1.944 celébrase o 1º concurso de Bandas Civis de Música. Os premios son o primeiro de 10.000 ptas., o segundo de 5.000 ptas. e o terceiro de 3.000 ptas. O músico mindoniense Lodeiro Piñeiroa finado o 22 de Decembro do 1.934 na Coruña, legou unha cuantiosa cantidade para a organización e celebración deste concurso que el mesmo impulsa, celebrándose despois cada tres anos na cidade. O día primeiro de Agosto do 1.954 chega á cidade o Cardeal de Tarragona e diante da Casa Consistorial a Banda Municipal interpreta nesta ocasión o HImno Nacional. Na última etapa a banda é dirixida por Eduardo Rodríguez González, fillo do anterior director. Sendo éste director a agrupación desaparece no ano 1.960 e posteriormente no ano 1.977 suprímese no axuntamento a praza de director. Baixo a batuta de Eduardo Rodríguez chega a contar con un grupo de gaitas forxándose tamén o nacemento do que será o cuarteto tradicional Brisas do Masma. O lugar utilizado para os ensaios era un baixo da rúa Pardo de Cela.

MÚSICOS DA BANDA

A música en Mondoñedo

Banda de Sta. María Maior Na primeira metade do século vinte había unha banda de música na parroquia de Sta. María Maior, pertencente ó concello de Mondoñedo, que tocaba polas festas, procesións e bailes da zona. Esta banda chega a contar cun grupo bastante numeroso de membros dirixidos polo prestixioso músico e veciño da Quintá Antonio Pértega Rodríguez, que ademais de tocar o clarinete tamén era un bo gaiteiro e con anterioridade formara parte do grupo tradicional do Val de Lourenzá Los Celitas. Entre os membros da agrupación están José Antonio Freire (clarinete 1º), José Manuel Pérez do Fatiga (clarinete), Salvador Braña (clarinete), Victor Bouso de Piepito (saxo 1º e óboe), Delfino Muíño Pértega (saxo 2º), Faustino Pértega Saavedra (saxo), Daniel Comendeiro Gutiérrez (saxo tenor), Feliciano Bouso (trombón), Manuel Rivas do Milleiro (fiscornio), Victor Morales de Benito (trompeta), Emilio Muíño Neira (baixo), Atilano Gómez (bombardino), Julio Rivas do Milleiro (bombo), Eladio Pérez do Fatiga (platillos), Jesús Morales (caixa), Eulogio García Muíño (requinta), Leoncio Pérez Xarará (baixo e trompeta) e Samuel Pértega (clarinete e gaita).

ANTONIO PÉRTEGA

Os ensaios teñen lugar na Casa de Amieiro, posteriormente trasládanse á casa do director, na Quintá, e na última etapa da banda ensaian na casa de Leoncio Pérez Xarará. Antonio Pértega era o que mellor dominaba o arte do solfexo e ademais de realizar as funcións de director tamén exerce de mestre preparando a algúns veciños para ampliar e rexuvenecer a banda. Nos primeiros tempos desprázanse a pé para ir a tocar as festas da zona. Tocan sempre nas de Santa Mariña, San Roque, Nosa Sra. das Neves e as de San Antonio na capela de Veira do Río. Despois comezan a contratalos para outras festas tendo que desprazarse en bicicletas polo que era moi pintoresco velos cando se dirixían a tocar nas de Santa Mª de Bretoña ou cando marchaban para o San Andrés de Masma. Tamén tocan na Filomena de San Adrián, en Fitoiro de Bretoña, nas festas do 15 en Trabada, en Lindín, Argomoso e nas de Santa Leocadia de Castro de Rei. Nas festas do San Cristovo en Cesuras (Mondoñedo) teñen tanto éxito entre os veciños que o dono da capela, Antonio Crespo López (Monterroso), deixa dito antes de finar que pola celebración do santo ten que tocar sempre a Banda de Santa María Maior, mentres exista. Tódolos anos chegaban polas dez da mañá e ,despois de aparcar as bicicletas nunha cabana, comezaban a tocar ata o anoitecer. Un dato curioso é que nalgunhas ocasións dividíanse para ir a tocar, formando dúas bandas. Nos últimos anos chegaron a cobrar 80 pesos por unha actuación. A banda debido á algunhas disputas e á emigración dalgúns dos membros a outras cidades e países do estranxeiro (Arxentina, Venezuela, Uruguai e Barcelona) disolveuse a principios dos anos 60.

A música en Mondoñedo

Nova Banda de Música "Pascual Veiga" Despois dunha longa etapa sen banda de música, na Semana Santa do ano 1.988 as procesións son acompañadas por unha formación de músicos novos e veteranos da localidade que se xuntan por iniciativa propia formando así as bases do que pasaría a ser a nova Banda de Música Pascual Veiga. Esta nace como unha asociación creada para a promoción e o ensino musical a finais dese ano, creando un calendario de actividades para o ano seguinte, programando actuacións nas distintas festas que se celebran na cidade, así como o acompañamento de procesións e pasarrúas polos distintos barrios. Entre os músicos que a compoñen encóntranse algúns que xa formaran parte da antiga Banda Municipal como o tamborileiro Chamosa e Caetano Cabanas. O 29 de Novembro do mesmo ano, participan no enterro de Eduardo Rodríguez, que fora director da anterior Banda Municipal, acompañando os seus restos ata o templo. As clases de solfexo comezan impartíndose nos baixos da Praza de Abastos e despois as aulas de ensino trasládanse á Casa da Cultura, no antigo Colexio das Monxas. Os profesores que levaban a cabo as tarefas de preparar os alumnos que desexaban formar parte da banda eran os veteranos Antonio Seivane, Enrique Teijeiro e Antonio Caselas que ao mesmo tempo alternábanse para a dirección da Banda nas actuacións. Nas San Lucas do ano 1.990 as corais das Pontes e de Mondoñedo en conxunto coa Banda interpretan unhas pezas ó remate do pregón. Hai que destacar a actuación no día das Letras Galegas dedicado a Cunqueiro, no ano 1.991, onde reciben as autoridades e académicos que se reúnen en Mondoñedo e acompañan a ofrenda floral que ten lugar no Cemiterio Vello, onde descansan os restos do ilustre escritor.. O 5 de Xaneiro do 1.992 réndeselle unha homenaxe a Alfredo Chamosa, o máis veterano dos seus compoñentes, músico da antiga Banda Municipal dende o ano 1.928. Aínda que a súa duración máis ben foi curta, pois no ano 1.996 practicamente estaba desfeita, realizaron un bo número de actuacións.

PASARRÚAS DA NOVA BANDA PASCUAL VEIGA

A música en Mondoñedo

Escola Municipal de Música "O Pallarego"

1º FESTIVAL FIN DE CURSO

No ano 1.996, por iniciativa do Axuntamento sendo alcalde Xabier Loira, créase unha Escola de Música, nun momento no que a Banda Pascual Veiga está practicamente de sa pa rec ida. O motivo e ra potenciar a formación musical e acádemica da xuventude do Concello e levar a cabo todo tipo de actividades musicais, tendo como primeiros obxectivos, a medio prazo, a creación dunha banda de música e unha orquestra de vento e corda.

A escola comeza a funcionar nese mesmo ano cun número de alumnos que roldan o centenar, entre os que se encontran xentes de tódalas idades, aínda que a maior parte son rapaces novos. Contrátase para levar a cabo as labores de docencia e dirección a Xan Carballal, director da Orquestra Sinfónica de Xove, que fora violinista do grupo lucense de música folk Brath e á súa dona, Xulia Nogueira, encargándose das clases de corda, solfexo e coro, Marcos Galán como profesor das clases na modalidade de vento-madeira e música tradicional e Xosé Antonio González profesor de vento-metal. Pola falta dun local en condicións comeza a rehabilitarse o Matadeiro Municipal vello, no barrio da Pontepousada, para que sirva de local da nova escola. O día 13 de Setembro do 1.997 inaugúrase, sendo bendicido polo Bispo Gea Escolano, e pónselle o nome de Escola de Música O Pallarego, na honra do prestixioso músico da cidade. A escola realiza un primeiro festival de fin do curso 96-97 onde se pode observar a evolución dos alumnos que xa comezan a sacar proveito dos ensinos. Paralelamente ás clases celébranse ao longo do ano concertos, organizados pola escola, de diferentes estilos musicais, onde tamén participan grupos de fora da cidade. Tamén se organizan cursos de verán e un concurso de panxoliñas de nadal en colaboración co Orfeón da Sociedade de Obreiros. No ano 1.999 fórmase unha banda que participa no acompañamento das procesións que se celebran na cidade e unha orquestra que comeza interpretando algún pequeno concerto, tamén varios grupos de corda e vento entre os que empezan a destacar os mellores alumnos. No ano 2.000 realizan actuacións nos festivais de fin de curso, participan no Mercado Medieval que se celebra na cidade e tamén gravan un programa para a televisión de Galicia co motivo das festas de San Lucas.

LOCAL DA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA

A música en Mondoñedo

Banda de Cornetas e Tambores-1.938 As organizacións da xuventude da cidade en Febreiro do ano 1.938 comezan a preparación dunha banda de cornetas e tambores, abríndose unha subscrición pública para a adquisición dos instrumentos. Recíbense os donativos no cuartel de F.E.T. y de las JONS, na librería de Lombardía e na sede de Acción Social. Esta formación musical sería organizada polos cadetes, flechas y pelayos do Frente de Juventudes e os uniformes serían os da organización, que estaban compostos por unha boina vermella, camisa azul, pantalón curto gris, medias brancas e botas negras. A banda estaba composta por sete cornetas e seis tambores e o seu encargado era Antonio Canle García. Ensaiaban no actual edificio do Banco Bilbao onde se encontraba naquela época a sede do Frente de Juventudes que posteriormente se trasladaría a un local da actual Rúa do Progreso. A banda desfilaba e tocaba cando se celebraban certos acontecementos políticos e nalgunhas ocasións co motivo de outras celebracións e actos públicos como as visitas a Mondoñedo de Pilar Primo de Rivera ou o Xeneral Rolando Tella, ademais de tocar nas procesións que había na cidade. Tamén se desprazaron para tocar a Lugo, Ribadeo, Foz, Valladolid e nunha ocasión a Madrid para asistir a unha concentración nacional de bandas. Os compoñentes desta banda realizaban tamén instrucción militar no Campo de Alcántara e na Alameda dos Remedios.

"CADETES, FLECHAS Y PELAYOS" NO CAMPO DA ALCÁNTARA

A música en Mondoñedo

Banda de Cornetas e Tambores - 1.995 Esta banda fórmase arredor do ano 1.995 coa intención de acompañar as procesións da Semana Santa que se celebran en Mondoñedo. A idea é de José Luís Fernández, máis coñecido por Keno, veciño de Vilalba e casado cunha mindoniense, que tamén exerce as funcións de director. Nos primeiros anos os ensaios desta banda realízanse nas inmediacións da Capela da V.O.T., que se encontra no antigo Campo da BANDA DE CORNETAS E TAMBORES DIRIXIDA POR "KENO" Alcántara. Alí é onde se xuntan os compoñentes durante todo o ano para preparar os toques e os pasos que chegado o momento executaran polas rúas acompañando ás fermosas imaxes que se mostran nas procesións desta cidade. Actualmente ensaian nos baixos da Praza de Abastos da localidade. A maior parte dos instrumentos de que dispoñen pertenceron con anterioridade a unha banda de Vilalba, sendo facilitados polo director, outros son propiedade dos membros e algúns foron mercados. As contribucións realizadas polas xentes da localidade serviron para encargar os primeiros traxes desta banda de cornetas e tambores. Máis adiante, durante a celebración dun curso de corte e confección patrocinado polo Concello, foi elaborada outra vestimenta tomando como modelo o traxe da imaxe de San Francisco de Asís da Capela da V.O.T. Por iniciativa desta banda celébrase en Mondoñedo desde o ano 1.999 a procesión do Prendemento que vai desde a capela de Santiago no barrio dos Muíños ata a capela da Alcántara, sendo a máis longa de tódalas que teñen lugar na cidade.

PROCESIÓN DO SANTO ENCONTRO, ANO 2.002

Na actualidade esta formación está composta por uns trinta membros, que son os encargados de facer sonar os bombos, cornetas e tambores coa solemnidade característica neste tipo de bandas.

A música en Mondoñedo

Comparsa "Manca na Cheda" Esta comparsa foi creada por un grupo de amigos co motivo de participar nas festas do entroido do ano 1.993. A súa composición é mixta e conta con compoñentes de idades que van desde os oito ata os sesenta e oito anos. O presidente é Luis Rubal, que foi elixido pola maioría. O nome da comparsa tamén foi elixido entre varios, propostos polos membros da mesma.

GRUPO MUSICAL DA COMPARSA

Realizan actuacións pola maior parte dos pobos da comarca, animando as rúas de Lourenzá, Ribadeo, Vilalba, Monterroso, Foz, Viveiro, Trabada, Alfoz e, como non, de Mondoñedo. Tamén se desprazaron a tocar nalgunha ocasión fóra de Galicia, destacando a actuación que tiveron en Cacabelos, na provincia de León. O repertorio da comparsa é bastante numeroso e consta dunhas corenta pezas musicais entre as que figuran temas de tódolos estilos: pasodobres, valses, rumbas e ademais dúas composicións do tamén músico mindoniense Kike Teijeiro tituladas Luisiño Xosé e Xuntoiro dos Farrucos. Trompetas, saxofóns, acordeóns, e todo tipo de percusións, incluído o espectacular charrasco, son os instrumentos que utilizan para animar as rúas e as festas onde actúan deixando ás xentes engaioladas en tódalas actuacións. A comparsa está formada na actualidade por uns trinta compoñentes e para os seus ensaios, que con anterioridade tiñan lugar no Pavillón Municipal de Deportes da cidade, empregan os baixos da Praza de Abastos debido á necesidade dun lugar espacioso para preparar os desfiles.Teñen por costume cambiar de traxe a miúdo, vestíndose con roupas de moito colorido. Todo esto unido á súa m úsic a fe s te i ra fa i dest a c ompa rsa unha das má is apreciadas de toda a Mariña FOTO DA COMPARSA NO ANO 1.999 lucense.

A música en Mondoñedo

Cuarteto de corda

"Las Margaritas"

Mondoñedo, 1913

A música en Mondoñedo

Pepe Castañeda José Castañeda Jurado nace en Mahón (Menorca), no ano 1.881 e cando ten catro anos de idade a súa familia trasládase a vivir a Mondoñedo, onde máis adiante traballaría de tipógrafo. De neno comeza a estudiar música con Manuel Iglesias, director da banda municipal, chegando a ser un virtuoso clarinetista. Con tan só 17 anos dirixe unha banda de música en Ferreira do Valadouro COMPARSA DE CARNAVAL sendo raro o ano que polo entroido non organizaba algunha artística e alegre comparsa na cidade de Mondoñedo. Posteriormente contrae matrimonio con Emilia Pernas Nieto, natural da veciña vila de Abadín, froito da súa unión nacen Ángel, José e Luís. Foi o fundador do Orfeón Veiga no mes de Abril do 1.908 coa idea de amenizar as festas de San Lucas, anque a duración desta coral sería máis ben curta. No ano 1.912 con motivo da chegada dos restos de Pascual Veiga á cidade volve a reorganizarse o orfeón baixo a súa dirección ata o mes de Marzo do ano 1.913 en que se disolve de novo. Xunto con Andrés Pérez Balsa e Alfredo Martínez propóñense volver a formar o orfeón no mes de Abril do 1.913 presentando as bases no Goberno Civil. Por Real Orden do 4 de Maio de 1.916 o ministro de Ilustración Pública y Bellas Artes concédelle á coral a cantidade de 2.000 ptas., establecéndose as Escuelas de Música e Instrumentación. Encargaríanse de dirixilas Pepe Castañeda e Ángel Rodríguez, director da Banda Municipal da localidade. Polos carnavais do ano 1.920 ameniza as rúas de Mondoñedo unha comparsa formada polos membros do Orfeón Veiga, acompañados de guitarras, violíns e outros instrumentos de corda, dirixida por Castañeda. No 1.921 dirixe a rondalla La Lira actuando nas festas máis importantes da cidade, amenizando bailes no Salón Teatro do Casino e ofrecendo concertos e serenatas polas rúas. O presidente da agrupación é Alfonso Martínez Terrón. Castañeda tamén é un mestre no difícil manexo da guitarra española, un especialista no arte de facer arranxos e un exemplar compositor. Ademais de ser o autor de obras como Barcarola ou Crepuscular e varias obras máis para orfeón e rondalla tamén compuxo temas como Nas San Lucas, que era unha recompilación de pezas tradicionais e que formaba parte do repertorio do Orfeón Veiga e do cuarteto de gaiteiros Os Pacheco, a xota La Mindoniense ou Balada e Mazurca para gaita. Despois de traballar na imprenta de Mancebo pasa a rexentar a de Acción Social. Morre en Mondoñedo na súa casa da rúa de Rigueira, cando conta con 44 anos de idade.

A música en Mondoñedo

César González-Seco César González-Seco Romero nace en Mondoñedo o 20 de Decembro do ano 1.877. Con 21 anos remata os estudios de Dereito e no ano 1.904 funda na cidade a revista quincenal De todo un poco que posteriormente en 1.907 pasaría a chamarse Mondoñedo. Caracterízase por ser un home moi emprendedor chegando a fundar varios negocios na cidade, un establecemento tipográfico, a fábrica de chocolates La mindoniense no ano 1.911 e unha tablajería modelo-reguladora no 1.912. No ano 1.914 pode presumir de ter unha das primeiras motocicletas da cidade. Contrae nupcias con Josefa Seoane Hermida e froito do seu matrimonio son os fillos María, Cesar, Elvira, Paulina, Micaela, José Mª e Nazario. Desempeña o cargo de Fiscal Municipal durante varios anos sendo tamén encargado do Rexistro da Propiedade. Paralelamente exerceu a profesión de avogado e foi elixido Deputado Provincial en Maio do 1.915. En canto á súa actividade cultural foi presidente da Sociedade de Obreiros, reorganizador da Banda Municipal e organizador de seccións de declamación, festas populares e demais actividades culturais no Mondoñedo da época. Foi tamén un gran afeccionado á lectura chegando a ter unha biblioteca persoal duns 2.000 exemplares. Como músico foi un gran violinista e tamén director do Orfeón Pacheco encargándose de reorganizalo en dúas ocasións, no ano 1.904 e no mes de Abril do ano 1.909. No ano 1.919 foi nomeado presidente da Sociedad Coral Brisas del Masma que dirixía o mestre de piano Ildefonso Insua. Nas noites de verán saía moitas veces a tocar polas rúas mindonienses na compaña de outros músicos da cidade como Eduardo Lence Santar, Pepe Castañeda, Teijeiro e outros amigos. Tamén deleitaban ás xentes da cidade coa súa música nas veladas que se celebraban ao longo do ano no Salón Teatro do Casino e na Sociedade de Obreiros Católicos. Morre o día 19 de Febreiro do ano 1.921 con 43 anos de idade, víctima dunha grave e traidora enfermidade.

CABECEIRA DA PUBLICACIÓN "MONDOÑEDO", FUNDADA POR CESAR

A música en Mondoñedo

Valentín da Maruxa Valentín Pérez Díaz nace en Mondoñedo na Rúa das Moscas do barrio dos Muíños de Arriba o día 2 de Xulio do ano 1.886. No ano 1.896 ingresa como neno de coro na Capela da Catedral onde aprende música tendo como mestre ó organista Mariano Casares, natural de Valladolid. Son compañeiros seus Pibardos, Antonio González Amieiro, Jesús López Díaz e tamén Manuel Ledo entre outros. Exerce como salmista da Capela durante moito tempo. Nesta etapa soe acudir a tocar ós enterros de primeira na compaña dos antes nomeados. Polo ano 1.920 trasládase a Ourense onde comeza a tocar no Teatro Apolo da cidade. Chega a ter fama sendo coñecido polas xentes como O Calvo do Apolo. A finais dos anos vinte regresa a Mondoñedo e comeza a traballar de bedel no Casino, tendo dereito a unha habitación e cociña no segundo piso do local onde vivirá durante moitos anos, despois casa con Ramona Louzao natural de Chavín (Viveiro) que traballa de criada no barrio de San Lázaro. Como non lle poden abonar o soldo íntegro rexenta o bar do local percibindo os beneficios do mesmo, tamén se encarga das labores da limpeza e de cobrar os recibos dos socios. APRENDE A TOCAR O VIOLÍN NA CAPELA

Ensaia tódalas tardes nas horas en que acude pouca xente ó Casino. Chega a ter tres violíns, un da marca Guarnerius e tamén unha guitarra. Nalgunhas ocasións arroupa o instrumento entre as mantas da cama para que colla máis temperatura, pois asegura que así soa mellor. Tamén exerceu de mestre de violín, guitarra e acordeón tendo como alumnos a Enrique Cabanela, César González-Seco, Raúl e Ricardo Mourelle, Ramón Iglesias e o sacerdote José Luís Betoño entre outros. Como compositor realiza algunhas pezas como A Fonte da Ponte Pousada, feita en colaboración con Pepe Castañeda. Ademais de exercer as funcións de bedel vestido coa súa gorra de prato e chaqueta con botóns dourados tamén é un gran amante das plantas, un meticuloso encadernador e un mestre no arte do xogo do billar. O mesmo que se enfrontaba a unha composición de Vivaldi empuñando o seu Guarnerius era capaz de dar clases no manexo do taco para realizar unha carambola. Morre o día 19 de Maio do ano 1.962 na súa casa da Rúa Pardo de Cela, e cando pasa o seu enterro pola porta do Casino pódese ver no balcón do local unha bandeira española cun crespón mouro de loito.

VALENTÍN (PRIMEIRO POLA ESQUERDA)

A música en Mondoñedo

Eduardo Pernas, Pibardos Eduardo Pernas Botana, nace no ano 1.909 na parroquia de San Pedro de Candia pertencente ao concello de Abadín. Cando conta con tan so dous anos de idade a súa familia trasládase a vivir ao barrio do Río de Sixto da cidade de Mondoñedo debido a que o seu pai, Jesús Pernas, traballa como funcionario do Xulgado.

EDUARDO PERNAS

De novo xa sinte unha grande afección pola música e ingresa na Capela da Catedral onde ademais de acadar uns bos coñecementos de solfexo e harmonía aprende a tocar o violín, chegando a ser violín segundo da orquestra. Tamén chega a dominar outros instrumentos como a guitarra, o clarinete e a trompeta.

Nos anos trinta é subdirector da rondalla O Eco dirixida por Manuel Ledo (O Pallarego) da que tamén formaban parte músicos como O Gaspar, O Bolero, Clemente e Rafael da Confitería, participando nas diversas comparsas que se preparaban para tocar polas rúas na celebración das festas do entroido. Participa tamén como violinista nunha orquestra que toca durante o rezo dos salmos e na celebración das misas dos enterros de primeira ou de a oito. Esta orquestra está formada por catro nenos de coro, dous salmistas, bombardino, saxofón, contrabaixo, violín e frauta. Forma parte da orquestra de cámara de Educación y Descanso, toca a trompeta na Banda Municipal e durante certo tempo toca nunha das primeiras orquestras que se forman en Mondoñedo coa finalidade de interpretar a banda sonora das películas que se emiten no Principal Cinema e para amenizar as obras de teatro que se realizan na cidade. Eduardo, máis coñecido na localidade mindoniense como Pibardos, ademais de participar en moitas das actividades musicais que se organizan na cidade traballa como repartidor no servicio de Telégrafos. Tamén se dedica ó ensino musical, tendo como alumnos a varios mozos da bisbarra. Os seus fillos, aínda moi noviños gozan do privilexio de ter como mestre ó seu pai de quen aprenden as primeiras notas musicais. Morre en Mondoñedo debido a unha enfermidade na casa da actual Rúa do Progreso o día 2 de Xaneiro do ano 1.952, cando conta coa idade de 43 anos. Continúa a tradición familiar o seu fillo Lalo, que ademais de tocar a guitarra polos anos cincuenta na rondalla do Frente de Juventudes, tamén formaría parte do grupo Os Trovadores e do Orfeón de Obreiros Católicos, aportando a estas agrupacións a súa potente e harmoniosa voz. Na actualidade é un dos compoñentes da Rondalla de antigos alumnos do Pallarego e aínda hoxe conserva o violín de Eduardo.

A música en Mondoñedo

Enrique das Danielas Enrique Díaz Iglesias nace en Mondoñedo no ano 1.889. No mes de Agosto de 1.896 é admitido como neno de coro da Catedral onde doce anos despois obtería autorización para vestir sobrepelliz coa obriga de tocar o violín cando fora necesario. No ano 1.910 é cantor e violín primero da orquesta da Capela, con un salario de catro reais diarios. No mesmo ano casa con Milagros Veiga González. Durante moitos anos forma parte da Banda Municipal de Mondoñedo tocando o clarinete baixo a dirección de Ángel Rodríguez. Traballou como redactor na Imprenta da Acción Social, onde se imprimía, entre outras publicacións, o diario mindoniense Vallibria. Foi socio honorífico do Casino da cidade. GAITEIRO DOS PACHECO

Enrique tamén era un mestre no manexo da gaita e no ano 1.907, xunto con Augusto Insua, José Cendán e Leopoldo Tapia, forman o cuarteto tradicional Os Pacheco. Esta formación acadou un notable éxito en tódalas actuacións que levaron a cabo. No ano 1.928 dirixe unha coral integrada por socios de Juventud Católica que actúa no Principal Cinema da localidade interpretando algunhas obras galegas. Nas festas do entroido mindoniense do ano 1.934 funda e dirixe, coa colaboración de Antonio González Amieiro (O Gaspar), a rondalla Os Veiga, formada por uns trinta compoñentes. Esta rondalla amenizou durante varios anos os carnavais da cidade ademais de tocar noutros pobos da zona como Lourenzá, Foz, Viveiro e Ribadeo. Tódolos anos pola Festa de Defuntos realizaban unha actuación diante das tumbas de José Pacheco e Pascual Veiga. Nos actos celebrados pola Semana Santa do ano 1.936, na antiga Praza da Constitución, a Schola Cantorum dos Pasionistas e a Orquestra da Catedral interpretan o Plorans de Pacheco dirixidas por Enrique Iglesias. Durante a Guerra Civil dirixe a Banda Municipal da cidade, debido a que Eduardo Rodríguez, actual director, encontrábase no fronte. Pouco tempo despois de rematar a guerra forma parte da Coral Mindoniense baixo a batuta do mestre Pérez Fanego, sendo o encargado de executar a parte solista do Plorans nas procesións da Semana Santa. Morre en Mondoñedo o día 30 de Maio do ano 1.941, cando conta con 52 anos de idade.

ENRIQUE IGLESIAS (SENTADO NO CENTRO)

A música en Mondoñedo

O Pallarego Manuel María Ledo Bermúdez nace nos Muíños de Abaixo, en Mondoñedo, o 30 de Xaneiro do 1.899. Ós nove anos é admitido como neno de coro da Catedral e os dezaseis pasa a tocar o violín na orquestra, ata o ano 1.930 en que o bispo aproba a desaparición da mesma. Polo ano 1.916 comeza a traballar de barbeiro nun baixo situado preto da Fonte Vella, converténdose a súa barbería no centro do movemento musical e intelectual da cidade. Alí podíase ver a Cunqueiro, Aquilino Iglesia, Trapero, Vidarte, Santeiro e tantos outros. Tamén facía as funcións de academia musical, onde Manuel exercía de mestre de violín, guitarra, laúde e canto. Foi un dos piares básicos do movemento musical na cidade formando MANUEL LEDO "O PALLAREGO" diversos grupos entre os que hai que destacar a primeira rondalla O Eco, os coros infantís dos Maios e posteriormente a rondalla do Frente de Juventudes. As festas do entroido da cidade, nos anos trinta, tamén eran animadas por comparsas de carnaval preparadas por el. Xunto con Antonio González Amieiro dirixiu as escolas de música da Fundación Lodeiro Piñeiroa e uns anos despois,no ano 1.960, foi nomeado Presidente da Sociedad de Obreros Católicos. Axudado por Cunqueiro, que era o encargado de confeccionar as letras, compuxo as coplas dos Maios dos anos 30 e tamén unhas panxoliñas para que as cantara a súa filla Remediños. Tamén Compuxo a música das Cantigas de Arrieiro, con letra de Cunqueiro e do Cantar de Segadores, con letra de Aquilino Iglesia Alvariño. Durante toda a súa vida recolleu cantares populares da bisbarra mindoniense. No ano 1.963 publicou o Cantar das Coruxeiras co motivo do ingreso de Alvaro Cunqueiro na Real Academia Galega. Morreu en Mondoñedo dun infarto de miocardio o día 14 de Xullo do 1.964, supoñendo unha gran perda para a música tradicional da cidade. Vinte anos despois, o 14 de Agosto do 1.984, celebróuselle unha homenaxe póstuma na cidade que rematou coa actuación no Instituto de Bacharelato da nova rondalla formada polos antigos alumnos.

RONDALLA DO "FRENTE DE JUVENTUDES", 1.960

No ano 1.996 por iniciativa do Axuntamento crease unha Escola M unic ipa l de Mús ic a e n Mondoñedo que levará o nome do Pallarego.

A música en Mondoñedo

Antonio González Amieiro, O Gaspar Antonio María González Amieiro nace en Mondoñedo no barrio dos Castros o día 18 de Setembro do ano 1.900. No ano 1.910 é proposto para neno de coro da Catedral onde tamén aprende a tocar o violín, tendo como compañeiros a Eduardo Pernas (Pibardos), Manuel Ledo (O Pallarego), Jesús López Díaz, Valentín da Maruxa, Taíño Ramallal e a Enrique Iglesias entre outros. Chega a ser violín primeiro da orquestra da capela, demostrando que é capaz de manexar o instrumento con excelente virtuosismo. Forma parte da Banda Municipal da localidade dirixida por Ángel Rodríguez nos anos vinte tocando o clarinete. Máis adiante casa con Remedios Cabanela López e residen na rúa de José María Pardo. A súa profesión é a de carpinteiro chegando a traballar nalgunhas das obras importantes que se realizan na cidade como a O GASPAR construcción da igrexa do Seminario Conciliar e a construcción do Instituto Laboral que se leva a cabo na década dos anos cincuenta. Participa en diferentes comparsas que se forman na cidade para amenizar as festas do entroido, como Dominó e Os románticos no ano 1.932. Dirixe xunto con Enrique Iglesias a rondalla Os Veiga que se funda no ano 1.934. Desenrola as labores de mestre, xunto co Pallarego, na Academia de Música que se funda na cidade despois da Guerra Civil, formando e dirixindo diversas corais e rondallas. Tamén colabora nas tarefas de dirección da Coral Mindoniense que dirixía o mestre Fanego polo ano 1.939 e despois encárgase de dirixir a Coral de Educación y Descanso. Na década dos cincuenta toca durante un tempo na orquestra Radio Jazz de Santo Tomé de Lourenzá, coñecida tamén como dos Foregos, o instrumento que toca é o contrabaixo. Nalgunhas ocasións tamén participa como reforzo na orquestra Melodías del Jazz, de Mondoñedo tocando o violín. Interpretando con excelente virtuosismo os Tangos.

BANDA MUNICIPAL NOS ANOS 20

Morre na súa residencia da rúa José Mª Pardo o día 2 de Febreiro do ano 1.976.

A música en Mondoñedo

José Ruiz Tejero José Ruiz Tejero nace na cidade de Toledo e sendo aínda un mozo ingresa na Academia de Infantería da mesma localidade. Alí aproveita parte do tempo para aprender os segredos da música chegando a dominar o arte das partituras e o manexo do saxofón. Uns anos despois trasládase á cidade da Coruña onde durante certo tempo exerce o cargo de director da Banda de Música do Colexio dos Salesianos. A vinculación de José coa música na cidade mindoniense débese a que na súa estancia na capital galega coñece a Carmen Leivas Gallego, veciña de Mondoñedo, que posteriormente se convertería na súa muller. JOSÉ RUÍZ TEJERO

Máis adiante debido a un ascenso na súa carreira militar acada o cargo de Brigada de Infantería, sendo nomeado subdirector da Banda Militar del Regimiento de Isabel la Católica, encargándose tamén de tocar o saxofón. Rematada a Guerra Civil xubílase e trasládase coa súa familia a Mondoñedo. Debido a que por aquela época a pensión militar que recibe non da para moitos luxos decide dedicar parte do seu tempo libre ao ensino musical impartindo clases de solfexo, saxofón e clarinete nun local da súa casa que estaba situado na Rúa Méndez Núñez da localidade. Germán Sordo, Daniel Lorenzo, David Fernández, Toño Caselas e Suso Sordo, entre outros, son algúns dos mozos mindonienses que entrando pola porta da súa horta, fronte ao Seminario Conciliar, recibían as leccións de José que tódalas tardes se empregaba a fondo para que os seus alumnos chegaran a dominar o arte musical. Morre o día 1 de Marzo do ano 1.942, cando se encontraba facendo os arranxos musicais dunha peza por encargo da Banda Musical de Sta. María Maior. O seu enterro foi acompañado por unha multitude de xente da cidade e tamén polos soldados destinados no batallón que estaba emprazado na cidade.

A música en Mondoñedo

O Eco, agrupación musical Esta agrupación que foi fundada e dirixida por Manuel Ledo, O Pallarego, era unha escola de música onde os alumnos podían aprender o manexo de calquera dos instrumentos de corda e tamén o arte do canto.

FESTA DOS MAIOS, 1.934

Nela chegaron a formarse dúas rondallas, unha composta polos alumnos maiores de vinte anos e outra polos máis novos, esta última composta por uns catorce nenos de idades comprendidas entre os 12 e os 19 anos.

Hai que dicir que o ensino era gratuíto e contaba con grandes colaboradores como Alvaro Cunqueiro, Díaz Jácome, Raimundo Aguiar, Bernardino Vidarte, Pepe Robles ou o excelente músico Pernas Botana. Unha labor importante dos coros e rondallas da Agrupación foi a participación nos carnavais desde o ano 1.929 ata o 1.936, formando comparsas que animaban e alegraban as rúas da cidade nas tradicionais festas. As letras das coplas eran compostas por Cunqueiro, Jácome ou Iglesia Alvariño, e da música encargábase o Pallarego. Tamén tivo unha grande importancia a participación das rondallas da Agrupación O Eco na festa dos Maios, contribuíndo a mellorar esta fermosa tradición, sobre todo nos anos 1.934, 1.935 e 1.936 cando Manuel Ledo organizou un coro duns cincuenta rapaces que cantaban as coplas, con letra de Cunqueiro, e vestían de azul e branco lembrando as cores da nosa bandeira galega. O camiño desta agrupación remata coa chegada da Guerra Civíl, cando están a piques de perderse dúas grandes manifestacións tradicionais do pobo galego como eran a festa dos Maios e a festa do entroido, hoxe en día recuperadas de novo.

"OS ROMÁNTICOS" COMPARSA DA RONDALLA O ECO, 1.932

A música en Mondoñedo

Rondalla Os Veiga A rondalla Os Veiga nace como unha comparsa para animar os carnavais da cidade no ano 1934. Era dirixida polos prestixiosos violinistas Enrique Díaz Iglesias e Antonio González Amieiro, O Gaspar. O presidente era Germán Vázquez. Entre os compoñentes da agrupación encontrábanse Taíño Ramallal e Ramón Fernández, O Portugués, que xunto con RONDALLA "OS VEIGA" Eduardo Rodríguez, director da Banda de Música da cidade, formaron un trío durante a súa estancia en filas, chegando a dar un concerto en Huesca no que deixaron ó público engaiolado co seu violín prodixioso e os solos do acordeón do Portugués. Os traxes da rondalla foron feitos a imitación dos que usaba a Tuna de Compostela por aqueles anos, As irmáns de Germán Vázquez, presidente da rondalla, axudadas por outras rapazas do pobo, servíronse para confeccionalos dunha fotografía que conservaba Manuel Devesa, o cal tamén formaba parte da rondalla. A bandeira foi confeccionada pola madriña da rondalla, Antoñita Viadé e outras amigas. Ademais de actuar na cidade de Mondoñedo desprazáronse tamén para animar as rúas de Viveiro, Foz, Lourenzá, Ribadeo e outros pobos da zona. Os ensaios realizábanos na Alcántara. Pola festividade de Defuntos interpretaban tamén algúns temas no cemiterio da cidade ante as tumbas de Pascual Veiga e José Pacheco, acompañados do seu estandarte portado por Manolo Vázquez.

NAS FESTAS DO ANTROIDO DO ANO 1.934

A música en Mondoñedo

Rondalla "Frente de Juventudes" Despois do ano 1.936 o Pallarego continúa no seu empeño de formar á xuventude no arte do solfexo e no manexo dos instrumentos de corda preparando rondallas e corais. Nos anos cincuenta crease na cidade unha Academia de Solfexo pertencente ao Frente de Juventudes en colaboración coa Fundación Lodeiro Piñeiroa, que estaba dirixida polos músicos Manuel Ledo, O Pallarego, e Antonio González Amieiro, O Gaspar. RONDALLA DO "FRENTE DE JUVENTUDES"

Os alumnos unha vez iniciados no solfexo preparábanse para entrar nas corais ou nas rondallas que se formaban, organizando tamén grupos de gaiteiros. Nace así a rondalla do Frente de Juventudes, agrupación que chegou a tocar en actos moi importantes. Entre as numerosas actuacións que realizaron ao longo de varios anos destacan algunhas diante de personalidades importantes. O día 12 de setembro do ano 1.954, con motivo da coroación canónica da Virxe dos Remedios chega a Mondoñedo o Cardeal Arcebispo de Tarragona Benjamin de Arriba y Castro, a rondalla do Frente de Juventudes interpreta diversas composicións na súa presencia. Tamén actúan na localidade de Ribadeo diante do Xeneral Franco, co motivo da inauguración do Parador de Turismo da vila. En Xaneiro do 1.954 con motivo da inauguración do Instituto Laboral da cidade actúa a rondalla do Frente de Juventudes interpretando diversas composicións baixo a batuta de Manuel Ledo. No mesmo ano desprázanse a Lugo xunto coa Coral da Centuria Cardenal Cisneros, actuando nas competicións nacionais do sector e obtendo un notable éxito. Actúan pola festa de Santo Tomás de Aquino e na celebración do Día de la Canción, ademáis de tocar serenatas polas rúas da cidade en numerosas ocasións. Tamén asisten a diferentes concursos de rondallas que se celebran na provincia. O seu repertorio estaba composto por pasodobres, valses, polcas, minuetos e algunhas pezas de aire tradicional galego. A sección de gaitas do Frente de Juventudes abre a Cabalgata de Reis da Capital lucense no ano 1.955 con un brillante éxito. Acompañan ás autoridades do Axuntamento de Mondoñedo cando se desprazan a Lugo para facer a ofrenda e tamén tocan en Ferreira do Valadouro o día da inauguración do cine da vila.

TOCANDO NA CABALGATA DE REIS DE FOZ, 1.959

A música en Mondoñedo

Rondalla Militar

RONDALLA MILITAR NOS TEMPOS DA "GUERRA CIVIL"

Cuarteto de Guitarras

MANOLO ARAÚJO, ABELARDO GONZÁLEZ, MANUEL LEDO E RICARDO MOURELLE

A música en Mondoñedo

Os Trovadores A mediados dos anos sesenta Eduardo Pernas (Lalo) e David Loureiro, que foran guitarristas da rondalla do Pallarego, xunto coa mindoniense Irma Neira, que tiña unha voz das que non se cansa un de escoitar, forman o trío Os Trovadores de Mondoñedo, dedicándose a cultivar a canción Hispanoamericana e tamén a canción galega. O nome fora idea do periodista Jorge Sueiro. Este trío musical refórzase con motivo de participar no famoso Cancioneiro das San Lucas de canción galega que por entonces se celebraba na cidade, pasando DAVID, IRMA E LALO a formar parte do grupo Ramón Paz (O Latoneiro) que era un virtuoso da frauta traveseira, o sacerdote Antonio Domínguez que acompañaba na guitarra e tamén facía coros, e o acordeonista Manolo Araújo. Os ensaios tiñan lugar nos baixos da Acción Social, que se encontraban na casa nº 19 da actual Praza da Catedral. Con esta formación preséntanse ao concurso onde compiten con músicos da talla de Xoán Rubia, Jei Noguerol e o famoso grupo Fuxan os Ventos. Acadan o 1º premio na modalidade de canción inédita interpretando a peza composta por Uxío García Amor O meu corazón. Tamén acadan o 2º premio na modalidade de canción libre interpretando a melodía tradicional Rosiña primeira. Rematado o festival Manolo Araújo abandona o grupo. Durante algún tempo tamén formaron parte do grupo Antonio Canle (contrabaixo) e César Marful (guitarra). Despois do éxito acadado continúan a súa andaina dedicándose á interpretación da canción gale ga con diversas actuacións na cidade e pola zona, actuando tamén na inauguración do Teleclub do Castro de Vilaronte. Participan tamén noutras edicións do Cancioneiro e preparan a gravación dun traballo discográfico que ten lugar no salón de actos do Instituto Laboral por cortesía da casa Movieplay. OS TROVADORES DE MONDOÑEDO

Ademais desta gravación tamén participan en actuacións benéficas con motivo de recadar fondos para varios asilos da zona, e desprázanse a Madrid para participar no programa de televisión El Club del Mediodía que presentaba Boby Deglané. Tamén gravan en Mondoñedo para outros dous programas: Hablemos de España e España en directo, nos que se proxectan tamén pintorescas imaxes da cidade.

A música en Mondoñedo

Rondalla de antigos alumnos do Pallarego

RECITAL NO SALON DE ACTOS DO INSTITUTO DE MONDOÑEDO

No ano 1.984 celébrase en Mondoñedo unha homenaxe a Manuel Ledo (O Pallarego). Despois de vinte anos, xúntanse algúns dos antigos alumnos para actuar no remate dos actos que teñen lugar o día 14 de Agosto. A raíz desta actuación deciden formar unha rondalla e continúan ensaiando e tocando a pesar de que algún dos compoñentes reside fóra da cidade, aproveitando as épocas de vacacións para alegrar as rúas mindonienses coas súas melodías. Remedios Ledo (guitarra), Lalo Pernas (guitarra), Manolo González (guitarra), Marta González (guitarra), Rubén Leivas (laúd), Ramón Díaz (laúde e mandolina), Manuel Leivas Ledo (viola, bandurria e laúde), Juan Muíño (violín), Sergio Seivane (violín) e Rubén Leivas Ledo (bandurria e violín) son os compoñentes desta nova rondalla do Pallarego. Os ensaios realízanos no Barrio dos Muíños de Abaixo, nun local da casa onde residira Manuel Ledo, alí preparan con entusiasmo o extenso e variado repertorio formado por temas que abarcan desde a música clásica ata a música popular. No ano 1.988 constitúense como unha asociación que será rexistrada no Axuntamento de Mondoñedo e no Goberno Civil de Lugo. En Mondoñedo veñen realizando concertos tódolos anos polo verán, actuando no Salón de Actos do Instituto. Tamén ofrecen algúns concertos no Asilo de Anciáns e no Hospital de San Pablo e participan no IV Centenario da Festa da Árbore que se celebra na cidade. Nalgunha ocasión tamén se desprazan a Foz para tocar na Festa do Libro. No mes de Agosto do 1.990 ofrecen o tradicional concerto de verán no salón de actos do Instituto de Bacharelato. O acto é presentado por Ramón Pérez Díaz, catedrático de Latín en Torrejón de Ardoz. No ano 1.991 actúan nunha homenaxe ó escritor Álvaro Cunqueiro co motivo do Día das Letras Galegas, estreando unha peza inédita: Madrigal do século XVII, que fora musicada polo escritor coa axuda do Pallarego. Fundan o Concerto Xacobeo de Corda e Coral, onde ademais da parte musical ofrécense conferencias relacionadas coa música e o Camiño Norte.

A música en Mondoñedo

Grupos de música folk Na década dos anos oitenta fórmanse na cidade varios grupos de música que se caracterizan pola interpretación de temas galegos. Arredor do ano 1.982 o grupo folk Hoxe e polo ano 1.984 o grupo Vento realizan actuacións para as xentes da cidade acadando un notable éxito.

GRUPO FOLK "HOXE" (ABRIL 1.982)

GRUPO FOLK "VENTO" (OUTUBRO 1.985)

A música en Mondoñedo

Grupo Folk Nós O Cancioneiro das San Lucas era un festival de canción galega inédita que se comezara a facer nos anos sesenta en Mondoñedo e no cal triunfaran grupos como Fuxan os Ventos e Os Trovadores. No ano 1.986 con motivo das festas das San Lucas vólvese a recuperar e celébrase a quinta edición na que participan varios grupos e solistas de toda Galicia. O grupo folk Nós, de canción galega, fórmase no mes de setembro coa intención de participar nese festival, no que interpretan a canción Meu Mondoñedo da ialma composta por Moncho García, gaiteiro e guitarrista do grupo, acadando o segundo premio. A raíz desta actuación comezan a súa andaina polos escenarios da provincia, participando en diversos festivais, concursos e festas. GRUPO REVELACIÓN DO 5º CANCIONEIRO DAS SAN LUCAS, 1.986

A maior parte dos seus temas eran composicións propias, incluíndo tamén cancións populares e algunhas de grupos como Xocaloma ou Fuxan os Ventos. Na súa música ademais das voces e os instrumentos de corda podíanse escoitar tamén instrumentos tradicionais como gaitas, frautas e pandeiros. Os ensaios tiñan lugar no local da Sociedade de Obreiros, posto que algúns dos compoñentes do grupo tamén formaban parte da coral da mesma. No seu palmarés contan con diversos premios: 2º no Festival de Castroverde no ano 1.986, 1º no Festival de Palmeiro (Xove) no 1.987 e 2º no festival da Pontenova en Xuño do 1.987. Tamén hai que destacar a participación no festival de Nadal de Vilaronte en decembro do 1.986 e nos festivais de Becerreá e Sarria. Un dos temas que máis éxito acadou nestes festivais foi a Cantiga da espranza composta tamén por Moncho García. O grupo foi considerado pola prensa como un dos maiores expoñentes do folclore do norde nesas datas, aínda que a súa traxectoria sería máis ben curta, desfacéndose no ano 1.987.

FESTIVAL DE NADAL, VILARONTE 1.986

A música en Mondoñedo

A música en Mondoñedo

Orquestras "Manhatan" e "Ritmo" Na década dos anos trinta a orquestra Manhatan, formada por compoñentes da Banda Municipal e dirixida por Eduardo Rodríguez, tocaba nos intermedios e durante as veladas que se organizaban en Mondoñedo e que tiñan lugar no salón do Principal Cinema da localidade. A labor desta orquestra remata no comezo da Guerra Civil. Nos anos corenta fórmase unha nova agrupación para amenizar os bailes da cidade e da bisbarra mindoniense dirixida tamén por Eduardo Rodríguez ORQUESTRA RITMO NO SALÓN CAGEAO DE FOZ que leva como nome orquestra Ritmo. Magín Pérez (trompeta), David Fernández (saxo), Ramón Paz (saxo), Manolo Araújo (saxo), Daniel o Farraco (saxo), Toño (trombón), Mauricio Rivas de Godoy (trompeta), César Rivas de Godoy (trompeta), José R. García Piñeiroa (trompeta), O Gorrito (contrabaixo), Tatá de Polo (batería) e Antonio de Tupinamba (vocalista) son algúns dos músicos que ademais de tocar na orquestra tamén formaban parte da banda de música da cidade. Nalgunha etapa tamén actúa de vocalista un soldado catalán que estaba destinado en Mondoñedo chamado Miguel Prats, máis coñecido como O Moreno. Por aqueles anos, en que a palabra discoteca non existía no diccionario e os micrófonos aínda non chegaran a esta zona (o vocalista cantaba por unha especie de embude), os mindonienses acudían os fins de semana e polas festas que se celebraban ao longo do ano ó baile de San Lázaro ou ó Salón Teatro do Casino. A orquestra Ritmo encargábase a maior parte das veces de amenizar os bailables. Coa chegada do verán o traballo aumentaba sendo contratados para tocar en moitas das festas que se celebraban pola bisbarra. Tamén foron contratados para tocar no prestixioso Salón Mosquera da vila de San Miguel de Reinante e no Salón Cageao de Foz. Algunhas das festas que amenizaron na cidade foron a do San Isidro na Praza do Cantón, a noite de San Xoán no Cristo dos Remedios e a verbena do San Pedro na Fonte Vella. Ensaiaban no mesmo local que a Banda Municipal, e para o traslado do material e dos músicos, a maior parte das veces, alugaban a rubia de Manolo de Chao. Esta orquestra queda desfeita no ano 1.953, o principal motivo foi a incompatibilidade do director por estar ao cargo das dúas formacións musicais.Remata así unha etapa que despois continuará coa formación das orquestras de Manolo Araújo, Melodías del Jazz, Royalty e Royalty Melodías, todas elas compostas por músicos da localidade.

A música en Mondoñedo

Orquestra de Manolo Araújo Manuel Pérez de Araújo funda esta agrupación músical na década dos anos 50 en Mondoñedo. Formada por membros da Banda Municipal e da anterior orquestra Ritmo. Araújo, que ademais de cantar, tocaba a guitarra, o acordeón ou o saxofón, era o director. Xunto con Manolo de Pancho e Antonio de Tupinamba formaban un trío moi ben conxuntado, interpretando prodixiosamente as rumbas e os boleros, acadando un notable éxito nas súas actuacións. BAILE AMENIZADO POLA ORQUESTRA DE ARAÚJO

Vestidos con chaquetas verdes e pantalóns, camisa e zapatos brancos executaban os temas con moito entusiasmo. Os saxofóns de Ramón Paz e David Fernández, o trombón de Toño, as trompetas de Magín e Sergio do Cadavedo, na base rítmica o contrabaixo do Gorrito e a batería de Mauricio Rivas do Godoy, facían que nos bailes as xentes non pararan de bailar. Tamén era todo un espectáculo escoitar os temas hispanoamericanos acompañados polos timbais, as maracas e o ritmo de corda das guitarras e o contrabaixo. O lugar onde se realizaban os ensaios para preparar o repertorio era a parte traseira da casa de Manolo Araújo, que estaba na rúa Rigueira. Actuaron en bailes e festas por toda a comarca, chegando a ter tamén algunhas actuacións nas provincias da Coruña, León e Asturias. A antiga sala de baile Rosa Lar en Ribadeo, a sala Os Pinos na Veiga, o salón Bahía de Foz, o casino de Astorga ou o Quiosco Alfonso da Coruña foron algúns dos locais onde se escoitou o son desta fantástica orquestra que chegou a ter unha gran fama. No ano 1.955 amenizaron os bailables das festas dos Remedios os días 10, 11 e 12 de Setembro, os dous últimos na compaña da orquestra Spallant da Coruña. Algúns contratempos que foron aparecendo e as diferencias de opinión entre os músicos fixeron que a orquestra pasara a ser parte da historia da música mindoniense a finais dos anos 50.

ORQUESTRA ARAÚJO, 1.956

A música en Mondoñedo

Orquestra de Manolo Araújo

A música en Mondoñedo

"Melodías del Jazz" Polo ano 1.955 os músicos Magín Pérez Anello, David Fernández e Ramón Paz abandonan a Orquestra de Manolo Araújo e forman a Melodías del Jazz. Ademais de estes tres tamén tocaban na mesma Julio Rodríguez Guerra (trompeta), Enrique Teijeiro ( t rom bón) , Ed e l mi ro o Venéreo (saxo), Cayetano Cabanas (saxo), Alejandro Soto (contrabaixo), Rafael Legide (batería) e Luís Tudea Chinchón (vocalista).

MELODÍAS DEL JAZZ

Ensaiaban a carón da panadería de Crespo, no barrio dos Remedios. O primeiro equipo de amplificación foille encargado a García, empregado da ferraxería mindoniense de Castañal, anque pouco despois foi relevado por outro procedente do establecemento Radio Record de Lugo e máis adiante dous compoñentes do grupo encargáronse de mercar un de mellores prestacións no comercio Radio Meilán da capital. A primeira vestimenta da orquestra estaba composta por casaca negra, pantalón gris e paxara. Tamén tiveron uns xerseis moi rechamantes e un traxe gris. Durante o verán facían numerosas actuacións, chegando a tocar ata seis días nalgunha localidade. Para os se us desprazamentos alugaban un vehículo de San Cosme de Barreiros. Tamén viaxaban algunhas veces nos de José Luís Trigo e José da Forneira. Ademais de tocar pola bisbarra tocaban tamén polas provincias de Asturias e de León. No ano 1.956 tiveron numerosas actuacións. No mes de Maio actuaron nunha verbena popular con motivo da festa do San MELODIAS DEL JAZZ, NUNHA FESTA NO CANTÓN, ANO 1.958 Isidro que se celebrou no Cantón. Os días 16 e 17 de Xulio amenizaron as festas do Carme, xunto cun cuarteto tradicional de gaitas. O 18 de Xullo dese mesmo ano foron contratados para unha gran verbena popular que se celebrou en Viveiro e o 29 tocaron na festa do San Cristovo. Os días 18 e 19 de Agosto nas festas do San Roque. Amenizaron amén as San Lucas do 1.958 xunto coa Orquesta X da Coruña e a Royalty de Mondoñedo.

A música en Mondoñedo

Orquestra "Melodías del Jazz"

A música en Mondoñedo

Orquestra "Royalty" A finais dos anos cincuenta Manolo Araújo e algúns dos músicos que tocaban con el deixan de formar parte da orquestra que leva o seu nome. O resto dos compoñentes deciden continuar e buscan novos músicos para substituílos. Os membros desta nova agrupación son Eduardo Luaces (saxo, clarinete e acordeón), Sergio Seivane (trompeta), Manuel Vieites (trompeta), Daniel Lorenzo (saxo), Juan Muíño Rochil (saxo e violín), Ramón Insua o Camaruxo (saxo e violín), José Rodríguez Soto (batería), Ángel Freire Gorriz (contrabaixo) e Manuel Rico de Xil (vocalista), máis adiante tocaría tamén nesta orquestra Antonio Caselas (trombón) e sería o vocalista Jesús Amieiro. Araújo nalgunhas ocasións continuou colaborando e tocando con esta nova formación orquestral. Pola festa do San Vicente en Rábade bautizan a nova formación co nome dunha cafetería existente nesa localidade a onde acudían en numerosas ocasións, chamándose desde esa data Orquesta Royalty. Ensaian nunha caseta de Xaquina da Cordeira na rúa Rigueira e para os seus desprazamentos alugan o automóbil de Manolo de Chao de San Vicente ou o de José Luís Trigo de Mondoñedo. Ademais de actuar por toda a bisbarra son contratados para tocar bailes e festas nas terras da veciña Asturias e pola comarca leonesa de El Bierzo. Nas festas de San Lucas do ano 1.958 en Mondoñedo actúan na compaña da Orquesta X da Coruña e da orquestra Melodías del Jazz. A Orquesta Royalty desfaise no ano 1.964, formándose pouco tempo despois unha nova con algúns membros desta e outros da Melodías del Jazz.

ORQUESTA ROYALTY, 1.964 - CASINO DE MONDOÑEDO

A música en Mondoñedo

Orquestra "Royalty-Melodías" No ano 1.964 algúns músicos das desaparecidas orquestras Royalty e Melodías del Jazz deciden xuntarse e formar unha nova agrupación musical. Nace así unha nova orquestra en Mondoñedo que se chamará RoyaltyMelodías. Os membros que compoñen esta nova orquestra son Manuel Vieites (trompeta), Antonio Seivane (trompeta), Daniel Lorenzo (saxo), Cayetano Cabanas (saxo), José Carreiras (saxo), Sergio Seivane SALÓN DE BAILE DE SAN LÁZARO, MARZO DE 1.965 (acordeón e violín), Alejandro R. Soto (contrabaixo), José R. Soto (batería) e Jesús Amieiro (vocalista). Máis adiante os músicos Pedro Rivas, Armando Irimia e Jesús Cigarrán ocuparán os postos de Alejandro, Sergio e Jesús Amieiro. Primeiro ensaian no obradoiro que ten na Faxina o músico Alejandro (Patrulla) e posteriormente nun local da rúa da Rigueira propiedade de Xaquina a Cordeira. O primeiro equipo de amplificación pertence a dous dos membros da orquestra (Cayetano e Carreiras), máis adiante é substituído por outro máis moderno da marca Music-Son, propiedade do empresario mindoniense Alfredo Losada. Dispoñen dunha variada e moi elegante vestimenta para realizar as actuacións como se pode ver nas fotografías. Ademais de amenizar moitas festas por toda Galicia tamén tocan polas provincias de Asturias e de León, chegando a ter moito éxito por toda a comarca de El Bierzo onde son contratados en numerosas ocasións. A Royalty-Melodías é a primeira orquestra que ten un representante, natural da zona de Cacabelos (León), a axencia que os representa leva o curioso nome de Prada a tope. Na maioría das ocasións alugan a rubia de Claudio o Muiñeiro para realizar os seus desprazamentos. No ano 1.971 algúns dos músicos que forman esta orquestra deciden levar a cabo unha renovación da mesma, nunha época en que comezan a aparecer novas te nde ncia s na actividade musical. Desaparece entonces a Royalty-Melodías dando paso a unha nova e moderna agrupación que levará o nome de Los Royal. ROYALTY-MELODÍAS, XUÑO DE 1.969

A música en Mondoñedo

Orquestra "Royalty-Melodías"

A música en Mondoñedo

Grupo musical "Los Caver" Arredor do ano 1.965 fórmase en Mondoñedo o grupo musical Los Caver. Os primeiros compoñentes eran Juan Meilán (guitarra), Paco Fanego (batería), Cuquiño (baixo) e Antonio Augusto Canle (guitarra) que ademais era o que facía as funcións de encargado. Este grupo aparece nun momento en que o grupo británico The Beatles triúnfa a nivel mundial chegando exercer unha grande influencia na xuventude da época, de aí o nome de Los Caver, posto que o cuarteto de Liverpool comezou tocando nun local chamado The Cavern. Pouco tempo despois de comezar a ensaiar abandona o grupo Cuquiño, encargándose Antonio Canle de tocar o baixo. Despois comeza a ensaiar con eles o guitarrista Jesús Cigarrán. A primeira actuación pública ten lugar nun baile celebrado no Casino da cidade arredor do ano 1.967 amenizado pola orquestra da cidade Royalty-Melodías, facendo o seu debut no descanso e sendo esperada a súa actuación con moito entusiasmo polas xentes que acudiron a velos. Despois das primeiras actuacións únese a eles Cesar Marful que pasaría a ser o vocalista ademáis de tocar "LOS CAVER", OUTUBRO DE 1.966 a guitarra nalgúns temas. Máis adiante Paco Fanego abandona o grupo por motivos de traballo e comeza a tocar con eles o batería Ibaseta, de San Miguel de Reinante. O lugar onde realizan os ensaios son os baixos da casa de Antonio Canle na actual Rúa da Fonte e tamén nos baixos da casa de Augusto Insua, na actual Rúa do Progreso. Un dato curioso é que construían eles mesmos as guitarras eléctricas que tocaban aproveitando o taller de Cantil, chegando tamén a fabricar un micrófono polo que cantaba Juan Meilán coas pezas de un teléfono vello. O seu repertorio está composto por temas dos grupos máis escoitados da época como Los Bravos, Los Sirex, Los Mitos, Los Brincos e Simon & Garfunkel entre outros, sendo obrigados algúns temas do emblemático grupo The Beatles. Tamén chegaron a compoñer e interpretar algúns temas propios. Ademais de actuar nos bailes que se realizaban no Casino de Mondoñedo tamén realizaron algunha actuación na praza da cidade e desprazáronse para tocar en Vilalba, Ribadeo e Burela. O motivo de que se desfixera este grupo foi por razóns de estudios o ter que marchar fóra da cidade algúns dos compoñentes.

A música en Mondoñedo

Grupo musical "Los Royal"

"LOS ROYAL" NO CASINO DE MONDOÑEDO EN DECEMBRO DE 1.971

Chegado o ano 1.971 a remodelación da orquestra Royalty-Melodías da paso a un novo grupo que levará o nome de Los Royal. Forman este grupo os músicos Kike Teijeiro (batería, baixo, guitarra e voz), Antonio Seivane (trompeta e baixo), Armando Irimia (órgano eléctrico, acordeón e voz), Daniel Lorenzo (saxofón e clarinete), Manuel Vieites (batería e trompeta) e José Carreiras (saxofón e clarinete). Os ensaios seguían realizándose na propiedade de Xaquina a Cordeira, na rúa da Rigueira e para os desprazamentos do grupo o músico José Carreiras Carballeira mercou unha furgoneta. O equipo de amplificación de marca Music-Son era o mesmo que utilizaba a desaparecida Royalty-Melodías, propiedade do industrial mindoniense Alfredo Losada. Os membros do grupo para a renovación de material (micrófonos, soportes, instrumental) tiveron que pedir un crédito bancario. A primeira actuación da nova formación Los Royal tivo lugar o día 31 de Decembro do ano 1.971 no Salón do Casino da localidade co motivo do tradicional baile de Fin de Ano. Durante o ano 1.972 realizan numerosas actuacións por Galicia, Asturias e León, a maior parte delas na época de verán. Chegaron a tocar 28 días seguidos polos pobos da comarca leonesa de El Bierzo. As comidas e o aloxamento corrían a cargo das comisións de festas. Os ingresos por actuación eran os mesmos que os da anterior orquestra Royalty-Melodías tocando máis a repartir por ser menor o número de músicos. Un ano despois da súa formación, o 31 de Decembro de 1.972, desprázanse ó pobo asturiano de Cornellana onde tocan no baile de Fin de Ano e tamén os días 1 e 2 de Xaneiro. Esta sería a última actuación que realizan, desfacéndose o grupo posteriormente, despois de un breve e intenso camiño musical.

A música en Mondoñedo

Grupo musical "Bahía" Os irmáns Zalo e Moncho García de Pedomonte forman no ano 1.992 un dúo musical para amenizar as verbenas que tiñan lugar polo verán na Praza do Concello interpretando música de tódolos estilos.

ZALO E MONCHO GARCÍA, 1.992

No ano 93, xunto con Mónica Barreira que comezaba a súa traxectoria musical como vocalista, forman o trío Acordes que se encargaba de animar os bailes que se celebraban os sábados pola noite no Salón do Hotel Mirador, rexentado daquela por Jesús Lombardía.

Un ano despois Mónica (voz), Moncho (guitarra,gaita e voz) e Zalo (teclados e caixa rítmica) xunto co veterano músico ribadense Xosé Ramón Alonso (baixo e voz) forman o grupo musical Bahía, reforzándose este cuarteto coa colaboración do músico de Masma Lino Rico, pianista e acordeonista . Ensaiaban no baixo da casa dos irmáns Pedomonte, na Rúa da Concepción. Hai que destacar deste grupo a compenetración que existía entre os músicos e a capacidade de improvisación nas súas actuacións. O repertorio do grupo era moi variado interpretando temas de tódolos estilos musicais, tamén executaban algúns temas tradicionais acompañados pola gaita de Moncho García. Dende os comezos as actuacións do grupo foron numerosas, percorrendo toda a provincia de Lugo, e tamén a zona occidental asturiana, actuando tamén nas festas máis importantes de Mondoñedo como as San Lucas e as Quendas. Hai que destacar a participación do grupo no IV Festival da Canción do Landro en Viveiro e algunhas gravacións en directo para programas da Televisión de Galicia, como a realizada no ano 1.996 para o Magazine Galicia enteira. No ano 1.997 deciden realizar a maior parte das actuacións en locais cubertos como salas de baile, casinos e discotecas, sendo tamén contratados durante varios anos para tocar como grupo oficial no Hotel-Restaurante do Val do Naseiro de Viveiro. Despois abandona a formación o ribadense José Ramón Alonso e por esas datas o grupo troca o nome de Bahía polo de Talismán, comezando de esta maneira unha nova andaina.

ACTUACIÓN DO GRUPO "BAHÍA", 1.997

A música en Mondoñedo

"Diglósicos & Porco Jones" Ao principio dos anos noventa tres xóvenes músicos da mariña lucense, movidos pola idea de crear un estilo persoal coas súas composicións propias baseadas nunha mixtura de estilos que van desde o rock clásico ata os ritmos electrónicos máis modernos, comezan a ensaiar na cidade coa idea de formar un grupo musical. Nace así a banda Diglósicos & Porco Jones composta polos mindonienses EN VIVO E EN DIRECTO Fran Loureiro (guitarra e voz), Ernesto González (batería) e Ignacio Castro (teclados e baixo), este último de Vilanova de Lourenzá. Os tres cursan estudios de terceiro de BUP no Instituto da cidade. O lugar de ensaio era entonces a casa de Ignacio na Tilleira, en Lourenzá. No ano 1.994 actúan no Punteiro Rock pola festa do Conde Santo, cos Skornabois, Gravilla e Necesidade de Parafusos. Un ano despois gravan en plan caseiro unha maqueta con catro cancións que serve como punto de partida para unha serie de concertos por diversos lugares da xeografía galega. As primeiras actuacións demostran que o seu traballo merece a pena ser escoitado e deciden continuar a labor musical participando no Festival da Canción V Centenario. O premio consiste na gravación de dous temas de cada un dos mellores grupos participantes. As gravacións realízanse no mes de Xullo do ano 1.996 nos estudios da Radio Galega. A peculiar voz de Fran cantando O rock da lavadora, Capitán Filloa e Hai tanto tempo pódese escoitar nalgúns dos festivais que se organizan en Mondoñedo. Hai que destacar as actuacións que realizan na sala Nasa de Santiago, por onde desfilan os mellores grupos galegos de tódolos estilos, sen esquecer o seu paso por Lourenzá, Barreiros, Ribadeo, Vilalba, Lugo, Vigo e Caldas de Reis. No ano 1.998 actúan en Mondoñedo no festival que ten lugar co motivo do IX Encontro de Malabaristas, no que tamén participan outros importantes grupos galegos como Dhais e Chouteira. A anual concentración de motos que se celebra na cidade polos anos noventa remata cun festival musical que en varias ocasións é amenizado polos Diglósicos. Polo ano 1.999 as distintas ocupacións dos membros da banda e a dificultade de reunirse para traballar contribúen a que o grupo se disolva despois de ter realizados arredor de unha vintena de concertos.

A música en Mondoñedo

Lino Rico Lino Rico Fernández nace na parroquia de Masma en Mondoñedo no ano 1.957. Cando aínda non contaba con dez anos comeza a estudiar música para continuar a súa tradición familiar. O seu avó era acordeonista e o seu pai tocaba o saxofón, foron músicos de varias das orquestras que se formaron no Val de Lourenzá. Nalgunha ocasión, ten tocado con eles o acordeón antes de marchar á Coruña para continuar os seus estudios musicais. No conservatorio realiza os estudios de piano e paralelamente forma parte de diversos grupos e orquestras que se forman na capital chegando a tocar en máis de vinte diferentes. Hai que destacar a súa etapa como músico en grupos como Impacto 68 e Foliada que percorreron toda a xeografía galega chegando a tocar tamén nalgúns pobos de fóra da rexión. Durante algún tempo toca no transbordador que vai de Santander a Londres e tamén en diferentes locais musicais pasando despois a ser o pianista do Gran Hotel na capital lucense, tarefa que desempeña ó longo duns cinco anos. ACTUACIÓN CO GRUPO "BAHÍA"

Polos anos oitenta volve a Mondoñedo onde se dedica ó ensino musical impartindo clases de solfexo e piano. Forma parte do grupo Royal-5, no que tamén tocaba seu pai e o músico mindoniense Kike Teijeiro, e das orquestras Superstar e Metropol. Despois encárgase dos teclados do grupo Los Mejoranos e posteriormente trasládase a Barcelona para rematar os estudios de acordeón. Durante algúns anos dedicase o ensino musical na vila de Lourenzá chegando a organizar un grupo musical chamado Cucaina composto por alumnos seus que destacan no manexo de instrumentos como o piano, violín, acordeón e tamén a gaita que nas súas actuacións interpretan temas de tódolos estilos musicais. A mediados dos noventa forma parte do grupo mindoniense Bahía e despois trasládase a Viveiro onde pasa a formar parte do cadro de persoal de profesores do conservatorio musical da vila encargándose de impartir clases de solfexo, piano e acordeón. Como compositor ten rexistrados máis de dez temas na Sociedade Española de Autores , todos eles de corte romántico.

NO PIANO DO "GRAN HOTEL" LUCENSE

A música en Mondoñedo

Miguel Lustres Miguel Anxo Lustres Blanco nace en Mondoñedo no ano 1.958 e alí comeza os estudios musicais desde neno. Despois ingresa no Seminario Santa Catalina da cidade, onde ademais de realizar os estudios de ensino medio continúa a súa preparación musical coa axuda dalgúns profesores do centro. Dende moi novo domina o arte do solfexo e comeza a tocar a frauta e o piano chegando a executar as melodías que interpreta cun estilo moi persoal. Nalgunhas ocasións acostuma a ensaiar no piano do Hospital de San Pablo, na alameda dos Remedios.

MIGUEL LUSTRES, ANO 2.000

Despois trasládase a Santiago de Compostela onde comeza os estudios de Filoloxía Galego-Portuguesa asistindo paralelamente as clases do Conservatorio de Música e cantando no Coro Universitario. Cando remata a licenciatura comeza e exercer a profesión de mestre en diversos centros de Galicia.

Como autor literario ten escrito diversos artigos e poemas en distintas publicacións ademais de ser coautor da traducción dun episodio de El ingenioso hidalgo Don Quijote de la Mancha ó galego. Aprende tamén o manexo do acordeón e cando se despraza a Mondoñedo en época de vacacións, acostuma a tocar nalgunhas ocasións deleitando a amigos e coñecidos coas súas melodías. A finais dos anos setenta forma parte do grupo de música tradicional Tangaraño, que despois de realizar numerosas actuacións e acadar un notable éxito disólvese nos oitenta cando preparaban a edición do seu primeiro traballo discográfico. Polas festas de San Lucas do ano 1.978 actúan en Mondoñedo acompañados polo grupo lucense Fuxan os Ventos, xuntándose así na cidade dous dos grupos máis representativos da música galega do momento. O día 23 de Decembro do ano 2.000 ten lugar a presentación do seu primeiro traballo como acordeonista no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo, sendo moi aplaudida polo público asistente a composición titulada Tango Mindoniense. O disco compacto que leva por título Para que nada se perda, do que só se editaron cen copias, é un traballo dedicado as xentes e á cidade do Masma e nel ademais figuran outros temas como París-La Habana, Antón, Mareantes e Habanera sentimental de Luís Pimentel. PORTADA DO TRABALLO "PARA QUE NADA SE PERDA"

A música en Mondoñedo

A gaita xa é coñecida en Galicia seis séculos antes do nacemento de Cristo, segundo afirma Faustino Santalices, e desde aqui difúndese polo resto da Península e por toda Europa. Pódese afirmar que este instrumento é representativo de Galicia xa na Idade Media. Das Cantígas de Santa María de Alfonso X pódese deducir que tamén era un instrumento culto.

GAITEIRO E TAMBORILEIRO DO SÉCULO XVIII

A música en Mondoñedo

Os Veiga Cando por toda Galicia soaban os nomes de Ventosela e Perfecto Feijoo como grandes mestres da gaita, en Xuño do ano 1.907 fórmase o cuarteto tradicional Os Veiga en Mondoñedo. Contribuíndo os mindonienses coa súa achega económica para axudar a conseguir os instrumentos e os traxes típicos feitos na xastrería de Cándido Carreiras Domenech.

CUARTETO "OS VEIGA", 1907

Os músicos que compoñen esta agrupación, de dereita a esquerda na fotografía, son: Victor Domenech (gaita), Andrés García (requinta), José Cendán (caixa) e Gervasio Bermúdez (bombo).

A gaita encárgaselle a un home da Casa de Argolazas en Láncara (Sarria), que probablemente fora Antonio López Quiroga y Somoza, artesán de gaitas e prestixioso gaiteiro, un dos primeiros en ornamentar a gaita con aneis de prata. No Salón Teatro do Casino tivo lugar a súa primeira actuación, tendo que repetir a maior parte das pezas interpretadas a petición do público. José Lodeiro Piñeiroa, Músico Mayor del Regimiento de Alcántara, desde Barcelona remitiulles unhas composicións feitas por el mesmo expresamente para a comparsa: Os Pelamios (pasodobre), Viva Galicia (xota) e Os Muíños d'arriba (muiñeira). Esta comparsa en pouco tempo acada moita aceptación, sentíndose tódolos mindonienses moi orgullosos dos seus compoñentes. Ao pouco de comezar a súa andaina son solicitados para tocar nas festas do Carmen e do Santiago en Mondoñedo, San Juan de Alaxe, Ourol, Celeiro, Reinante, Meira e San Ramón Nonato en Adelán entre outras, pero non puideron asistir a todas por coincidir algunhas nas mesmas datas. Tamén tocaron no Conde Santo en Lourenzá e nas festas do San Froilán en Lugo. Vestían moi engalanados para aquela época, con traxes compostos por chaqueta, pantalón, chaleco e monteira escuros. As xentes admiraban a súa maneira de tocar a muiñeira. Un dos temas máis populares que tiñan no repertorio era Airiños da Terra, o público cantaba con eles cando o interpretaban. No mes de Xuño do 1.933 presentase de novo outra formación co nome de Os Veiga actuando nun festival benéfico organizado pola Banda Municipal que se celebra no Principal Cinema da localidade mindoniense, interpretando dúas pezas: unha balada e muiñeira que se titulaba Gloria de Galicia e unha xota composta por Pepe Castañeda titulada La Mindoniense.

A música en Mondoñedo

Os Pacheco O mesmo que Os Veiga no ano 1.907 en Mondoñedo formase tamén este grupo de gaiteiros, naquela época denominado cuarteto típico gallego. Os mindonienses que o integran eran: Augusto Insua (gaita), Enrique Iglesias (gaita), José Cendán (caixa) e Leopoldo Tapia (bombo). Fan a súa primeira actuación pública nunha velada que se celebra no Salón Teatro do Casino o 18 de Xuño de 1.908, día de Corpus, con CUARTETO "OS PACHECO" NO ANO 1.908 motivo de recadar fondos para as Festas de San Lucas, actuando tamén o Orfeón Mindoniense e a Banda Municipal. Tamén hai que destacar a actuación que realizan en conxunto co Orfeón e a Banda de Música co motivo da chegada a Mondoñedo do presidente do Centro Galego da Habana o 20 de Xullo do 1.908 e a actuación na Praza da Constitución polas festas de San Lucas dese ano, sendo un dos números do programa posto que interpretan tódalas pezas cunha grande mestría, sendo moi aplaudida a que leva por título Nas San Lucas, potpourri de temas galegos recollidos por Pepe Castañeda. Unha das cousas que máis chama a atención deste cuarteto é a gaita de Augusto Insua, que ten o ronco e o punteiro de prata e que fora construída por el coa axuda do seu pai. No mes de Setembro do 1.913 preséntanse de novo Os Pacheco, por iniciativa de Pepe Castañeda, nesta nova formación do cuarteto utilizan a combinación gaita-clarínete, sendo executado éste por Baldomero García e a gaita por Enrique Iglesias, os dous eran prestixiosos clarinetistas da orquesta da Catedral, da percusión encargábanse Romero Rivas e Veiga González. As festas das San Lucas en Outubro do ano 1.917 tamén son amenizadas por eles con aires rexionais. Como se pode ollar nas fotografías o traxe é similar ó do cuarteto Os Veiga, composto por chaqueta, chaleco e pantalón escuros, camisa e medias claras, con monteira típica tamén escura. CUARTETO "OS PACHECO", 1.913

A música en Mondoñedo

Brisas do Masma O grupo de música tradicional Brisas do Masma comeza a súa andaina a finais dos anos 50 en Mondoñedo. Naquela época a Banda Municipal da cidade, que tiña o local de ensaio na casa de Jaime Díaz Doural na rúa Pardo de Cela, incluía no seu repertorio algunha peza interpretada tamén con gaitas. Entre algúns dos compoñentes, nace a idea de preparar un grupo de música do país debido a que na localidade non había ningún por aquelas datas.

PRIMEIROS ENSAIOS DO GRUPO

Na súa primeira formación conta cos seguintes músicos, de esquerda a dereita na fotografía: Alfredo Chamosa (caixa), Baltasar Graña (bombo), Pedro Rivas (gaita e clarín), Jesús Sordo (gaita) e Cesar Rivas (gaita). Este último e máis Eduardo Rodríguez, director da Banda Municipal, son os que se encargan de preparar e organizar o repertorio. Chegan a ter un cento de partituras no seu poder, algunha das cales van preparando ó longo do tempo para aumentar o repertorio. Algunhas das pezas máis típicas que soen interpretar nos pasarrúas son Manoliño, Festa na Vila e Santiago, sen esquecernos da tan coñecida Muiñeira de Lugo, que non pode faltar. Nalgunha ocasión acompañan ó Orfeón da Sociedade de Obreiros nas súas actuacións, interpretando algúns temas en conxunto como a Alborada de Veiga ou Rosiña Primeira. Ademais de ser coñecidos en toda a comarca, tamén teñen moita aceptación nas terras do occidente de Asturias. Nas San Lucas acompañan ós Xigantes e Cabezudos no seu recorrido polas rúas da cidade. Nas festas da Veiga tocan case tódolos anos. A primeira Rapa das Bestas celebrada no Campo do Oso o 6 de Xuño de 1.968 tamén é amenizada por eles.

UN PASARRÚAS NOS ANOS SETENTA

Brisas do Masma ven a ser unha agrupación de moi longa duración, a finais dos anos oitenta aínda seguían tocando polos pobos da comarca, anque da súa primeira formación só permanecía no grupo o veterano tamborileiro Alfredo Chamosa.

A música en Mondoñedo

Brisas do Masma

Brisas do Masma e Os Mariñáns

A música en Mondoñedo

Vallibria A finais do ano 1.982 créase na cidade unha escola de gaita e baile tradicional por iniciativa do Axuntamento, encargándose do ensino dous profesores da cidade de Viveiro contratados polo Concello. De esta maneira comeza a funcionar o que se chamará Grupo de baile e música tradicional Vallibria. As clases de aprendizaxe teñen lugar os sábados nos baixos do Colexio Público Alvaro Cunqueiro. A primeira actuación pública, que serve tamén como presentación da agrupación, organízase co motivo do Día das Letras Galegas no mes de Maio do 1.983, actuando na Praza da Catedral. O grupo componse para esta ocasión de seis gaitas, pandeiro, tamboril, dúas pandeiretas e bombo, contando tamén con un numeroso corpo de baile. O 16 de Setembro do 1.984 actúan co motivo da celebración do 2º Centenario do músico mindoniense José Pacheco. Durante a década dos oitenta ademais das actuacións nas principais festas de Mondoñedo tamén actúan nalgunhas que teñen lugar na bisbarra e no resto da provincia. O faiado do Casino da localidade e maila primeira planta do local da Sociedade de Obreiros tamén son utilizados para os ensaios do grupo de gaiteiros da asociación durante algún tempo. A principios dos anos noventa deixan de pertencer ó Axuntamento pasando a formar parte da Asociación Cultural Leiras Pulpeiro, os ensaios nesta etapa teñen lugar nun local do barrio dos Remedios onde se encontran actualmente as oficinas do INEM. Uns anos despois volve a encargarse o Axuntamento da súa organización. O grupo Vallibria foi un piar básico para a formación de gaiteiros e bailadores e contribuiría a fomentar a música tradicional na cidade que daquela contaba só coa última formación do grupo Brisas do Masma, a piques de rematar a súa andaina.

GRUPO DE GAITAS "VALLIBRIA", MAIO 1.983

A música en Mondoñedo

Val do Brea

UNHA FESTA NO VERÁN DO 1.987

O grupo de gaitas Val do Brea, formado por algúns dos músicos da agrupación Vallibría, comeza a súa andaina no ano 1.986. Nace co motivo de independizarse da escola e levar a cabo actuacións nas romarías e festas da provincia continuando a tradición. A primeira formación está composta por Xan Bermúdez (Canelo), Xesús Lombardía, Xabier da Chanta, Marcelino Gacio e Moncho García (Pedomonte). Aínda que polo grupo pasarían algúns músicos máis entre os que figuran Fran Fernández do Pinto, Anuska Lombardía, Mabel Rodríguez, Enrique Picoaga e Xosé María Fernández (Machi). Amenizan as principais festas de Mondoñedo en numerosas ocasións ademais de tocar na maior parte das que se celebran pola bisbarra. Tamén levan a súa música polas vilas e pobos de Burela, Barreiros, Reinante, Bretoña, Riotorto, Meira, Castro de Rei, Martiñán, O Bizarro, Viveiro, Lourenzá, Ribadeo entre outros. Hai que destacar a súa participación na 1ª Noite de Merlín que se organizou en Mondoñedo no ano 1.990 e a actuación na Xira de Santa Cruz en Ribadeo, onde ó longo de moitos anos veñen participando os mellores grupos de gaitas de Galicia. O longo camiño deste grupo de gaiteiros aínda non rematou no ano 2.000 e continúan amenizando coas súas melodías as romarías, feiras e festas que se celebran por toda a provincia, agardemos que por moitos anos máis.

1ª NOITE DE MERLÍN, VERÁN DO 1.990

A música en Mondoñedo

A música do noso pobo está viva, e hoxe máis que nunca, pola labor de todos aqueles que a cultivaron con agarimo ao longo dos tempos...

ELADIO FERNÁNDEZ, "O CEGO DOS MUÍÑOS"

"Garda a gaitiña, gaiteiro, vólvete a tocar pra aldea que os vilegos desleigados xa estoxan a muiñeira..." Manuel Leiras Pulpeiro

A música en Mondoñedo

O Gaiteiro de Zoñán No século dezanove un dos gaiteiros de máis sona nas terras de Mondoñedo era o Gaiteiro de Zoñán que ademais de ser contratado para tocar nas fías, festas e romarías da zona tamén tocaba nalgunhas das procesións que se celebraban na cidade episcopal. A véspera da festa de Corpus baixábanse as imaxes de San Isidro e Santa María da Cabeza en procesión desde a capela do Couto de Outeiro ata a Catedral. Os labregos levaban as andas dos santos e diante deles coa gaita ó lombo marchaba o gaiteiro de Zoñán. Ó día seguinte dous cabalos marchaban diante na procesión do Corpus que percorría as rúas da cidade, tras deles, abrindo o paso ás imaxes de San Pascual Bailón e San Xoan, ía o gaiteiro Lerín de Fanoy e despois as imaxes da capela do Couto rodeadas de labregos e acompañadas pola comparsa do gaiteiro con tamboril e bombo e cerraba a procesión a imaxe da Virxe camiñando tras dela os salmistas, o bispo, a corporación e a banda de música dirixida por Hermenegildo Mancebo (Menexildo). Nas romarías e festas populares o gaiteiro tamén tocaba nas misas, subía ó coro (poleiro) e acompañaba os cantos con ritmo lento de muiñeira. Despois tamén tocaba na procesión con bombo e redobrante e xa polo serán despois dunha boa enchenta comezaba a festa onde a gaita xa non tiña descanso interpretando muiñeiras, fandangos e zapateados. Pola relleira de Cesuras cóntase que o tío do gaiteiro deulle de beber ó demo unha cazola de leite e este entrou no corpo do home ata que llo sacou un crego da mariña catorce meses despois. Unha das festas que tocou foi a do San Ramón na parroquia de Viloalle en 1.869. Tamén tocaba os martes e xoves na fía de Cesuras, segundo escribe Noriega Varela no seu poema De ruada, premiado nun certame literario que se celebrou nas San Lucas do ano 1.895 en Mondoñedo. Noriega refírese ó frauteiro de Zoñán en varias ocasións:

GRABADO, AUTOR: X. PRADA

Que o frauteiro de Zoñán; anque viste cirigolas, en tendo a frauta na man acaba por volver tolas ás nenas que á fia van.

Unha noite de Inverno das máis escuras tentoume seique o demo de ir a Cesuras ...................... Onda ás casas pareime xunta dun carro, arrimeime a unha roda, piquei cigarro, e buscando o librillo pola chaqueta ouvín o ruxe-ruxe da pandeireta; pois pretiño, moi preto, de donde estaba o bodego da fía de alí cadraba, ....................... e onde martes e xoves toca o frauteiro cal tocara decote a non ser careiro, ou si as pícaras novas, máis dadiveiras, máis cadelas tiveran nas faldriqueiras.

A música en Mondoñedo

Pepe da Gaita A principios de século nas terras de Mondoñedo pódese escoitar a gaita de Xosé Rivas, coñecido polas xentes como Pepe da Gaita, que é un gaiteiro que reside no lugar de Pena da Moa pertencente á parroquia de San Martiño de Figueiras. Tamén é un dos compoñentes da banda de Fanoy, fundada no 1.880 por Fernando González, que chega a ter uns catorce músicos dos cales o máis famoso é Pepiño (Boca torta), que toca o baixo poñendo de lado a boquilla do mesmo debido a un defecto na súa faciana. Esta banda desaparece no ano 1.909. Pepe tocaba a maior parte das veces acompañado polo seu veciño Martiño que tocaba o redobrante, aínda que nalgunha ocasión tamén o acompañaba Lourenzo, un compañeiro da banda que era un artista no manexo do clarín. Nos seus anos mozos, cando reinaba na nosa terra a pantasma da emigración e as xentes fuxían a outras terras en busca de fortuna, coma tantos galegos Pepe colleu a gaita e marchou a facer as Américas, e aló, na Arxentina percorreu varias provincias tocando, incluíndo a de Bos Aires. Despois duns anos, volveu a Galicia e trouxo moitos cartos que fixo por aló. Xa de volta na súa casa continua tocando polas festas dos arredores, como a de Santa Marta no barrio de San Lázaro en 1.922. Posteriormente o seu fillo Antonio tamén tocou a gaita, continuando de esta maneira a tradición familiar. Era amigo de Eduardo Lence, e cando viña a tocar a Mondoñedo, sabedor de que este tamén era amigo da música galega, acostumaba a tocar unhas pezas diante da súa casa. Contan que Pepe era dos que opinaban falando da gaita que: os mellores foles eran os de pel de ovella ou de carneiro curtidos con mexos de cristiano. Segundo dicían os entendidos daqueles tempos Pepe era mellor gaiteiro que Coruxeiras, anque non chegou a ter a popularidade deste. Parou de tocar debido a unha hernia que lle impedía soprar no instrumento e morreu a finais dos anos vinte, sen chegar a vello.

CARTEL DO ANO 1.912, BOS AIRES

¡ Cántos marchan no vapor, mozos do val e da serra, que van deixar noutra terra a virtú do seu sudor ! Noriega Varela

A música en Mondoñedo

Coruxeiras Nos derradeiros anos do século pasado tiveron grande e merecida sona os gaiteiros Lerín de Fanoy e O Xugo de Cangas. Despois apareceu Coruxeiras. O seu verdadeiro nome era Manuel Prieto Rego, o sobrenome víñalle de haber nacido no barrio das Coruxeiras en San Vicente de Reigosa (Pastoriza), no 18 de Outubro de 1.852. Foi un gaiteiro moi popular, que tocou na maior parte das festas que se celebraron en Mondoñedo no primeiro tercio do século XX. Vestía cun gran chambergo, fortes botas e traxe de escuro pano con reforzos de pana e marchaba sempre paseniño, arrandeándose, dicían que era o gaiteiro que máis tempo aguantaba tocando. As foliadas de San Vicente de Reigosa tocounas el todas, ata que morreu. En Mondoñedo tiña por costume poñerse na Alameda dos Remedios ou no adro da Catedral, esperando que a Paula dera as doce. Case sempre estaba rodeado de nenos que lle cantaban as seguintes coplas: Eí ven Coruxeiras coa gaita a runfar que os mozos e mozas veñan xa bailar. Eí vai Coruxeiras, deixadeo pasar, leva a gaita rota e non pode tocar.

O GAITEIRO CORUXEIRAS

Sacaba a gaita, que traía envolta nun pano vermello, con moito coidado estiráballe os farrapos e, disposto para tocar, inflaba as meixelas cos ollos abertos ao ceo e comezaba unha nova, que viña a ser a mesma peza de tódolos anos. Aínda que non foi un gran gaiteiro, presumía de ser un mestre do instrumento, e non deixaba de alegrar o pobo coas súas melodías. Cando o gaiteiro de fama Ventosela veu a tocar a Mondoñedo contan que lle dixo a Coruxeiras despois de que éste lle tocara a Villalbesa:...O primeiro gaiteiro do mundo son eu, pero o segundo érelo ti, Manuel. Outra peza que interpretaba con habilidade era a Xota-valse de Esteto. Coruxeiras chegou a formar un cuarteto para tocar nas festas máis importantes formado por gaita, clarinete, tambor e bombo. Como os catro músicos eran labregos, de parroquias opostas, xuntábanse para ensaiar no lugar de encontro, que era o Cristo do Fiouco. Pepe do Regimiento, que tocaba o clarinete, era o único que sabía de música. Morreu o 10 de Febreiro de 1.927 na casa do seu irmán Francisco, no lugar coñecido por Córneas da parroquia de San Vicente de Reigosa (Pastoriza). COMPARSA DE CORUXEIRAS

A música en Mondoñedo

O Gaiteiro do Masma Eduardo Lence-Santar y Guitián nace en Mondoñedo, na rúa de Batitales, no ano 1.876. No ano 1.898 aprende a tocar a gaita nun punteiro que lle mercara ao famoso gaiteiro Marañas de Vilapedre, no concello de Sarria, onde viviu durante uns anos. O mestre que lle ensinou a tocala foi o gaiteiro de renome Navás de Orteá (Sarria), aprendeulle tamén a construír as palletas e os pallóns para o roncón, de caña macho. Sentía tamén unha grande afección polo baile. Contan que era un excelente bailador da muiñeira. De outro mestre gaiteiro, o Vizano, aprendeu unha vella alborada, unha xota e dúas muiñeiras, unha das cales era a do Quirogués. Tamén lle ensinou a tocar unha fermosa marcha, á que Lence puxo letra. Ó Vizano foi a quén lle mercou unha gaita no ano 1.900, por corenta reais, feita de buxo. Era unha gaita redonda, (na tonalidade de DO maior). Tamén lle encarga outra tumbal (de tonalidade máis baixa) ao Dradas das Encrucilladas, en Tóldaos no concello de Triacastela. Lence tamén era un excelente tocador da sinfonía ou zanfona. En Maio do 1.901 trasládase de novo a Mondoñedo, cidade da cal é nomeado Cronista Oficial no ano 1.917. O goberno da nación en 1.949 concédelle o ingreso na Orden Civil de Alfonso X el Sabio. En Mondoñedo acostumaba a tocar nas veladas do Casino e da Sociedade de Obreiros Católicos. Tamén ten tocado algún verán polas rúas da cidade na compaña dos seus amigos Cesar Seco, os Teixeiros e os Castañedas. A raíz das súas actuacións comezou unha grande afección pola gaita na localidade, da cal ninguén se lembraba. Pepe da Gaita de Figueiras tamén era amigo seu e cando viña a tocar a Mondoñedo, interpretaba sempre unha muiñeira e unha alborada diante da súa porta. Morre en Xaneiro do 1.960 na Rúa de Cándido Martínez. Noriega Varela no seu libro Montañeses dedicoulle o poema O Gaiteiro do Masma: Quere cantar o poeta pra compracerte, gaiteiro; máis ¡ ti que fas no punteiro se che sacan a palleta ! ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... Incha o fol e, por favor, nesa gaita colorada toca unha meiga alborada, que xa rufa o meu tambor; No hai poesia mellor pra alegrar o corazón; os meus versos -con perdón das túas barbas-, ¡ moito bombo ! botaos por riba do lombo, como botas o roncón. EDUARDO LENCE-SANTAR

A música en Mondoñedo

Augusto Insua Augusto Insua Amieiro naceu na cidade de Mondoñedo no ano 1.887. Traballou de reloxeiro nun pequeno taller situado na parte baixa da súa vivenda, tendo fama de desempeñar ben o oficio. O mesmo que moitos galegos viaxou á República Arxentina nos seus anos mozos. Foi edil do Axuntamento de Mondoñedo, tendo ao seu cargo a Banda Municipal e tamén foi mestre da Escola de Artes e Oficios que funcionaba por aquel tempo na cidade. Contan que lles tocaba a gaita as xentes cando subían polo camiño da Infesta desde a Alameda dos Remedios ás monterías de Toxoso. No ano 1.907 xunto con Enrique Díaz Iglesias foi un dos fundadores do grupo de gaitas Os Pacheco de Mondoñedo, composto na súa primeira formación por dúas gaitas, tambor e bombo e que tanto éxito acadou por aquelas datas. Ademais da gaita tamén tocaba outros instrumentos como o laúde, a guitarra e o acordeón, demostrando que era un dos músicos máis completos que había na cidade. AUGUSTO INSUA

Contan que un ano polas San Lucas, escoitando a un grupo de gaiteiros da Coruña, achegouse a un deles cando pararon de tocar e comentoulle que tiña a gaita desafinada, despois levouno ao seu taller onde lle ensinou como se afinaba. Un ano despois polas festas o grupo coruñés volveu a Mondoñedo e tocoulle unhas pezas diante a porta da casa como mostra de agradecemento. Posuía unha Gaita que tiña o punteiro, o ronco e as buxas de prata, feita por el coa axuda do seu pai Jesús Insua. Esta gaita chamaba moito a atención polo material empregado e polo seu característico son. O punteiro, como se pode ollar na fotografía da dereita, tiña unhas chaves, que posiblemente foran para acadar algunhas notas sostidas. Hai que lembrar que o gaiteiro de fama Ventosela por aquela época tamén usaba punteiro con chaves. Augusto morreu en Mondoñedo o 23 de Xullo do 1.973, na actual rúa do Progreso, onde residía.

PUNTEIRO E RONCO DE PRATA

A música en Mondoñedo

As procesións que se celebraban na cidade e na bisbarra con motivo das festas e romarías na maior parte das ocasións eran acompañadas por agrupacións musicais (bandas, gaiteiros, comparsas...) para dárlles máis solemnidade.

PROCESIÓN DE SAN ANTONIO NO CARRASCAL

PROCESIÓN DO SAN BARTOLOMÉ DE ESTELO

A música en Mondoñedo

José Antonio López, Xóxaras José Antonio López Ledo nace no ano 1.888 en Zoñán, no lugar de Os Pardos pertencente á parroquia mindoniense dos Remedios. Sendo moi novo ten que viaxar a Cuba sen poder recibir educación escolar algunha, aínda que pouco tempo despois regresa a Mondoñedo e no barco que o trae de volta é onde aprende as catro regras (suma, resta, multiplicación e división). Xa na súa casa de Zoñán comeza a tocar a gaita, tendo como mestre ó seu tío Antonio que era moi bo gaiteiro e continuador da tradición familiar. José pon moito interese en aprender a dominar o instrumento e cando pode péchase para ensaiar nunha habitación da súa casa. Como non ten coñecementos musicais toca de oído, aínda que como e sabido se funciona ben a orella non fan falta papeis para interpretar ben as melodías. José, a quen tamén se coñece polo sobrenome de Xóxaras, traballa toda a súa vida no campo e ó mesmo tempo exerce o oficio de carpinteiro pois a música non da para comer todo o ano, anque tamén toca a gaita polas fías de Zoñán e Cesuras, amenizando tamén as comidas dos callos que se celebran nas casas do lugar cando chega a época da matanza do porco. Tamén ten por costume tocar nas festas do entroido. A maior parte das veces é acompañado ó bombo por José María Candia Rubiños, coñecido tamén como Tato, veciño de Zoñán. Tamén toca nas festas de San Lucas e nas da Virxe dos Remedios, nas romarías do San Cristovo, Santa Margarita, Nosa Sra. do Camiño en Zoñán, San Xoán de Romariz e na festa da Fátima en Gontán. Nunha ocasión vai andando a tocar a Lugo na compaña dun veciño de Romariz (Abadín) chamado Zacarías. Morre de repente en Zoñán na casa dun veciño seu chamado Xusto Otero (o Neno) no ano 1.969, cando contaba con 81 anos de idade. A súa gaita aínda se conserva na actualidade téndoa no seu poder un veciño da parroquia dos Remedios que está aprendendo a tocar nela. "Escoita chirlar a gaita, sinte o teu peito estoupar mentras ao ceo se erguen as notas do seu penar". "OS PARDOS", ZOÑÁN

A música en Mondoñedo

O Gaiteiro das Casas Novas Manuel López González nace o 14 de Agosto do ano 1.903 en San Pedro de Bogo (Pontenova-Villaodriz). De novo sinte unha grande afección pola música e comeza a tocar a gaita de oído, sen ter coñecementos de solfeo. Mais adiante desprázase a Mondoñedo para asistir ó sorteo que ten lugar na Caixa de Reclutamento da cidade. Nesta etapa é cando coñece á súa futura muller, que traballa na Fonda Meilán.

MANUEL LÓPEZ

Posteriormente é destinado a León onde realiza o servicio militar no Regimiento de Caballería Almansa nº 5, na sección de Sementales. Unha vez rematado este periodo contrae matrimonio e fixa a súa residencia no Barrio das Casas Novas de Mondoñedo.

Despois de casar continúa tocando a gaita amenizando algunhas das festas e romarías que se celebran na bisbarra mindoniense como as da Guadalupe no Grove e as da Santa Margarita en Cesuras. Manuel López, coñecido como o Gaiteiro das Casas Novas, tiña unha gaita de madeira de ébano con dúas letras de prata incrustadas no punteiro: L. L. que eran as iniciais do home que lle regalou a gaita, Luciano Losas. Os farrapos que penduraban do ronco tiñan as cores da bandeira republicana: vermella, amarela e violeta. Hai que destacar a súa participación nas tradicionais festas dos Maios que se celebran en Mondoñedo nos anos anteriores á Guerra Civil, acompañando as explendorosas carrozas que percorren as rúas da cidade, festas nas que triunfa tamén a rondalla O Eco dirixida por Manuel Ledo O Pallarego interpretando as coplas compostas polos escritores Cunqueiro e Díaz Jácome. Manuel morre o día 11 de Novembro do 1.965 en Mondoñedo, no seu domicilio das Casas Novas. A súa gaita foi vendida por 300 pesos a Alfonso Reigosa do Cociñeiro, veciño da Rúa do Pumar.

FERRERÍA DA FAMILIA LÓPEZ NO BOGO

A música en Mondoñedo

José Chao López José Chao López nace no lugar de Xastoso pertencente á parroquia de Santiago de Mondoñedo no ano 1.906. Dende moi novo ten unha grande afección pola música e aprende a tocar a gaita sen ter coñecementos musicais. Nos anos vinte participa na Guerra de África e cando volve a Mondoñedo despois de casar trasládase a vivir ó Carballo na parroquia de San Vicente onde traballa de labrego, exercendo tamén a profesión de zoqueiro. Ademais da gaita que fora mercada no ano 1.940 por seis pesos ó veciño de Angüín José Ramón Cabanas, que traballaba de peón caminero en Mondoñedo, tamén tiña unha requinta de tres pezas feita con madeira de buxo e unha ocarina de barro. Ten tocado moitas veces nas fías ou muiñadas que se realizaban nas Aceas de Chao, acompañado polos irmáns Jesús e José Manuel Chao Ledo que tamén tocaban a gaita e a requinta. En San Vicente tiña por costume tocar na noite de San Xoán cando se lle prendía lume ó folión, tamén tocaba polas festas e polas fías da parroquia como as que se facían na casa de Liñares, na aira de Atilano o Serrador, na Casa de Riba e na da Taberna de Golilla ó pé da estrada. Tamén toca en numerosas ocasións nas fías que se celebran no cruce de camiños coñecido como O Espiño onde tamén tocaban un grupo de pandereiteiras formado por Aurora García A Meilana, Leonor A Xastosa e Trinidad García. No ano 1.954 deixa de tocar por motivos de saúde aínda que a tradición familiar e musical non se perde pois o seu fillo Jesús Chao Cabanela ademais de exercer o oficio de zoqueiro toca a gaita dende os quince anos e aprende a tocar tamén a ocarina e a requinta que lle deixara seu pai. José Chao morre dun ataque ó corazón no verán do ano 1.971 cando camiñaba por unha rúa da cidade de Mondoñedo. Posteriormente tamén tocaron a gaita na parroquia de San Vicente os veciños Marcelino de Pedro, Alfonso do Zulo e Manolo de Chao.

JESÚS CHAO CABANELA TOCANDO A GAITA DE SEU PAI

A música en Mondoñedo

Ramón Barreira Rivas Ramón Barreira Rivas nace no ano 1.921 en San Bartolomé de Estelo, no lugar de Porta de Galdo pertencente á parroquia dos Remedios. O mesmo que os seus irmáns José e José Antonio comezan a tocar as primeiras melodías nun pínfano de latón que lle fora mercado na rúa Méndez Núñez ao latoeiro da cidade, máis adiante continúan ensaiando nunha frauta de madeira. Posteriormente tocan nunha gaita mercada polo seu irmán José, e algunhas veces tamén utilizan para tocar a dúo a que ten o seu tío Antonio, fillo do gaiteiro de sona José Rivas de San Martiño de Figueiras (Pepe da Gaita). No ano 1.942 desprázase a Betanzos para cumprir o servicio militar, permanecendo ali durante tres anos nun depósito de víveres. Aproveita parte do tempo para ensaiar chegando a formar un cuarteto con outros compañeiros composto por RAMÓN BARREIRA dúas gaitas caixa e bombo. Con este grupo participa nos actos que se celebran o 18 de Xullo e nalgunha ocasión tamén amenizan as festas dos Caneiros. Mércalle a gaita a un pontevedrés que toca con el no grupo pola cantidade de vinte pesos. De volta a Mondoñedo comeza tocando no barrio de Estelo e no ano 1.946 contrátano para tocar na fía de Zoñán, onde tocaría durante varios anos acompañado por Patricio de Xan do Campo que tocaba nun bombo con platillos. Nalgunha ocasión tamén toca en Tronceda. No seu repertorio ademais de muiñeiras e pasodobres inclúe outras pezas de diversos estilos musicais como valses e mazurcas. Ademais da gaita tamén manexa con destreza unha harmónica que posúe interpretando con ela as cancións máis populares. Toca a gaita polo concello de Abadín nas foliadas de Romariz acompañado ao bombo por un dos veciños do lugar chamado Zacarias. Nas festas do entroido de Estelo ameniza os bailes e acompaña as máscaras polo barrio, tocando tamén ao longo do ano nos bailes que se celebran os domingos cobrando polas súas actuacións os cartos que se xuntan ó pasar a gorra entre os asistentes. Durante trinta e cinco anos traballa de garda forestal nos montes da zona dependentes do patrimonio forestal. Co paso dos anos deixa de tocar debido a falta de ensaio e axilidade nos dedos. Na parroquia de Estelo tocaban tamén a gaita os veciños Eulogio Cortiñas, Jaime e Feliciano da Chalana e Amadeo Candia.

A música en Mondoñedo

Pablo do Neno Pablo Otero Ares nace en 1.911 no lugar de Burgo de Arriba en Valiño, pertencente á parroquia dos Remedios de Mondoñedo. Desde moi novo Pablo mostra unha grande afección pola música e aprende a tocar nun acordeón que lle cómpra a un veciño seu de Valiño chamado Victor de Ramón Grande, sendo instruído no manexo do mesmo polo acordeonista Jesús Rubal Chao do barrio mindoniense de San Lázaro.

PABLO OTERO (TERCEIRO POLA ESQUERDA)

Uns anos despois casa con Concepción Vázquez González, veciña do barrio dos Remedios, filla do capataz dos peóns camiñeiros.

Durante algúns anos traballa de obreiro nunha finca situada no lugar da Brava en Masma e un tempo despois dedícase a traballar para os Pais Pasionistas do mosteiro dos Picos encargándose de conducir un carro tirado por unha mula que se empregaba para recoller a rogación polos concellos de Abadín, Vilalba e outros. No tempo que lle queda libre dedicase a practicar no acordeón, sendo contratado para tocar nas fías e festas que se celebran pola zona. Algunhas das que ameniza son as que se celebran en Zoñán, Pelourín, As Curuxeiras, Rego de Cas, Cesuras, Valiño, Seivane e tamén chega a tocar nas de Estelo. Uns anos despois comeza a traballar na construcción, profesión que exerce ata a súa xubilación, sendo contratado por diferentes empresas da localidade. Como tantos mindonienses participa nas obras do novo edificio do Seminario Conciliar da cidade. Como do seu matrimonio non ten descendencia, os derradeiros anos da súa vida reside en Pumariño na casa dun irmán seu onde morre o día 11 de Xaneiro do ano 1.992. O seu acordeón foi mercado polos Pais Pasionistas do mosteiro dos Picos a comezo dos anos sesenta.

MOSTEIRO DOS PICOS

A música en Mondoñedo

Tomás Gruñeiro, O Páxaro Tomás Gruñeiro Reigosa nace o día 30 de Novembro do ano 1.915 no Barrio da Cuba, parroquia de San Pedro de Argomoso e uns anos despois desprázase a vivir cuns tíos seus que non tiveran descendencia ó lugar de As Plazas, onde residirá durante toda a súa vida. Sendo moi novo xa mostraba unha grande afección pola música e comeza a tocar a gaita de oído, máis adiante tamén aprende a tocar nun acordeón que fora propiedade de Manolo Araújo.

TOMÁS GRUÑEIRO

Participa como soldado na Guerra Civil sendo destinado ó rexemento de infantería do Ferrol. Despois regresa a Argomoso e dedícase a traballar de labrego ademais de ter fama de ser un bo matachín de porcos pola zona.

No pouco tempo de lecer de que dispón aproveita para ensaiar a maior parte dos temas musicais que despois interpreta polas festas e romarías da bisbarra. Os veciños da súa parroquia recordan que era frecuente velo tocar na xanela da súa casa. Ademais de levar a súa música polas fías que teñen lugar nos barrios da parroquia de Argomoso e Lindín tamén toca polas tradicionais festas do entroido e nas que organizan algúns veciños da zona ao longo do ano. Polas súas actuacións percibe os cartos que se xuntan entre os asistentes ós bailes que ameniza. Polo día do San Pedro de Argomoso, cando remata a misa e comeza a procesión, non pode faltar a melodía da gaita de Tomás camiñando con solemnidade detrás da imaxe do patrón. Outra das súas grandes afeccións ademais da música é a de xogar á brisca, chegando a percorrer toda a parroquia dende o Orxal ata o Carballo, demostrando que era un artista no manexo das cartas da baralla. Morre no Barrio das Prazas no ano 1.978 cando conta coa idade de 63 anos, despois de padecer unha longa enfermidade, sen chegar a cumprirse un dos seus grandes desexos que era o de cobrar a pensión de xubilación. Ademais de Tomás tamén toca a gaita pola zona de Argomoso un veciño de Escourido chamado Gervasio.

PROCESIÓN DO SAN PEDRO

A música en Mondoñedo

Ramiro Botana Ramiro Botana Pérez nace en Mondoñedo, no barrio de Estelo pertencente á parroquia dos Remedios, no ano 1.922. De neno comeza a xogar coas notas musicais nun pínfano, frauta de latón, feito polo latoeiro da cidade que residía na rúa Méndez Núñez. Máis adiante seu pai regálalle unha gaita pequena pola cal ten que pagar a prazos a cantidade de dez pesetas a Sigiberto do Gaiteiro, veciño de Zoñán. Ramiro incorpórase a filas no ano 1.943, sendo destinado ó Regimiento de Infantería Mérida do Ferrol. Oito meses despois co motivo dunha baixa por enfermidade aproveita para asistir ós ensaios da banda do rexemento que conta cun grupo de vinte gaiteiros dirixidos polo cabo Gabriel Mato, compoñente tamén do cuarteto Os Garceiras de Melide, e despois de demostrar que el tamén sabía tocar o instrumento entra a formar parte da agrupación onde permanece ata que remata o servicio militar. O GAITEIRO DE ESTELO

Unha anécdota curiosa é que estando en Ferrol desprázase andando uns 14 quilómetros, ata chegar a Valdoviño, para mercar unha gaita grileira de madeira de buxo a un constructor daquel pobo, tendo que pagar por ela arredor de duascentas pesetas. Con esta banda percorre distintos pobos da xeografía galega coma O Barco de Valdeorras, Becerreá, Chantada e Escairón entre outros, tocando tamén en Mondoñedo polas festas da Nosa Sra. dos Remedios. Pouco tempo despois de volver a Mondoñedo casa cunha veciña do lugar de A Cabana (Viloalle), fixando alí a súa residencia. En Viloalle toca nalgunha ocasión acompañado por Alfredo Chamosa co redobrante pola festa do San Ramón, tamén é contratado para tocar na celebración das misas onde, como era costume, interpretaba o Himno Nacional no momento do ofertorio. A razón pola que deixa de tocar con frecuencia e por motivos de saúde despois de sufrir diversas intervencións cirúrxicas en un período curto de tempo. Despois véndelle a gaita a un veciño de Pumariño pola cantidade de duascentas pesetas. A derradeira vez que toca na gaita é polos anos noventa co motivo do casamento dunha veciña do Coto da Recadeira que se celebra no Hostal Montero de Vilalba. CAPELA DO SAN RAMÓN DE VILOALLE

A música en Mondoñedo

Manolo de Chao Manolo Chao Falcón nace en 1.925 no lugar de Combarro que pertence á parroquia mindoniense de San Vicente. Sendo moi novo comeza a asistir as clases de música que imparte na cidade Eduardo Rodríguez, director da Banda Municipal. De esta maneira comeza a dominar o manexo da gaita e do clarinete. Manolo aproveita calquera momento para tocar. Cando se despraza para botarlles auga ós prados da Fabega acostuma a levar o clarinete ou a gaita e vai tocando, a maior parte das veces acompañado por algúns veciños que camiñan con el entusiasmados escoitando as melodías que interpreta. Tamén toca cando chega a época de mondar o trigo, despois da cea que ten lugar no palleiro da súa casa, e pola festa do San Vicente organiza un animado baile no comedor acompañado por algúns músicos da orquestra que son invitados á xantar na súa casa. Uns anos despois é destinado a Tetuán, cidade do Norte de África onde realiza o servicio militar e paralelamente continúa ensaiando e tocando a gaita. Co motivo dunhas festas que se celebran nesa localidade participa nun desfile de carrozas percorrendo as rúas tocando a gaita no alto dunha delas.

EN SAN VICENTE NO ANO 2.001

Cando regresa a Mondoñedo merca unha rubia propiedade do practicante Andrés Bahamonde e durante varios anos dedícase ó transporte de materiais e persoal das orquestras da cidade. Nalgunha ocasión, animado polos músicos e polas xentes do baile, sube ó palco para realizar algún número no clarinete. No mes de Xulio do ano 1.953 casa con Escolástica Deán, mestra de San Vicente. Tres anos despois trasládanse á localidade de Viveiro onde Manolo traballa de taxista ata a súa xubilación. Na actualidade segue tocando a gaita e continúa os seus estudios musicais no Conservatorio de Música da cidade, ademais de formar parte dun grupo de gaitas da localidade viveirense. Tódolos anos pola festa do San Vicente desprázase a Mondoñedo e toca a gaita na procesión que se celebra arredor da capela do santo sendo acompañado polos seus irmáns nalgunha ocasión.

A música en Mondoñedo

Torres do Vilar José Manuel Torres Rey nace o día 17 de Xuño do ano 1.929 en Mondoñedo no lugar de Supena en Argomoso. Comeza a tocar a gaita cando conta con dezaseis anos de idade. Cómpralle a primeira ó gaiteiro Marcelino de Pedro, veciño da parroquia de San Vicente, que é o que lle ensina a tocar as primeiras melodías. Posteriormente mércalle outra a Tomás Gruñeiro, veciño de Argomoso. Ao longo do ano é raro o día en que Manuel non descolga o instrumento do teito da súa habitación para interpretar algunhas pezas, sendo moi J. MANUEL TORRES grande a afección que manifesta pola música, aínda que nalgunha ocasión ten que aguantar as críticas dos máis achegados, pois a gaita non é dos instrumentos máis silenciosos como todos sabemos. A finais dos anos sesenta casa cunha veciña da parroquia de Argomoso pasando a residir ao lugar de O Vilar na compaña da súa familia. Ademais de tocar en Supena tamén se despraza a outros lugares da bisbarra para amenizar as diversas festas, fías e foliadas que se celebran ao longo do ano. San Vicente, Argomoso, Maariz e Cadavedo son algúns dos lugares onde toca. Na noite do San Xoán cando se xuntan as xentes ó pé das fogueiras e nas festas do entroido son datas de moito o traballo. Cando regresa de tocar de Cadavedo atravesa os montes do Fiouco montado no seu cabalo e aproveita para tocar polo camiño. Para pagarlle por amenizar os bailes os veciños que o contratan teñen por costume pasar a gorra entre os asistentes. Nas festas onde toca unha das pezas obrigadas é A Conga, e cando a interpreta fórmase unha roda na que Manuel tamén se integra mentres vai tocando a famosa melodía. A súa devoción polo San Cosme faille desprazarse ata o santuario de Galgao en Abadín tódolos anos, acompañado sempre pola súa gaita. Participa na repoboación da Fraga de Rioseco polos anos cincuenta e nunha ocasión encóntrase co lobo cando vai de camiño polo Campo da Tenda, curiosamente o animal fuxe ao escoitar o son da gaita de Torres. José Manuel morre o día 23 de Xulio do ano 1.990 no lugar de O Vilar sendo víctima dunha grave enfermidade. O VILAR

A música en Mondoñedo

Alfonso Rodríguez, O Zulo Alfonso Rodríguez nace no mes de Decembro do ano 1.932 en Mondoñedo, no lugar de O Carballo que pertence á parroquia de San Vicente. De neno mostra un grande interese pola música e seu pai mércalle un pínfano, que ben a ser unha especie de frauta de latón. Por aquelas datas moitos nenos aprenden a tocar as primeiras melodías neses instrumentos fabricados polo latoeiro Ramón Paz da rúa Méndez Núñez da localidade. A penas ten oportunidade de asistir á escola, a maior parte do tempo ten que levar as ovellas ó monte realizando as labores de pastor e así aproveita para tocar o pínfano de tal maneira que parece que os animais andan máis ledos.

O ZULO NA PONTE DE TOXEIRO

A finais dos anos corenta seu pai decide regalarlle unha gaita e desprazase a Abeledo no concello de Abadín, onde por esas datas reside un home que se dedica a construílas, mercándolle unha de madeira de buxo pola cantidade de 250 pesos.

Moi ledo coa gaita nova, comeza a practicar e ensaiar todo tipo de melodías. Cando vai a feira a Gontán aproveita para mercar coplas das que venden os cegos, preparando despois moitas delas para tocar na gaita. Ademais das tradicionais muiñeiras, xotas e pasodobres tamén toca outro tipo de pezas como polcas, chotis, valses e rumbas. Ensaia tódolos días algunha peza, sentado no escano a carón do lume da lareira, mentres as mulleres preparan a cea. Algúns dos lugares onde soe tocar Alfonso son Maariz, A Valiña, San Vicente, Lousada, Ximil e tamén ameniza as foliadas do Espiño. Polo ano 1.957 casa con Carmen García Rego, veciña do lugar de A Valiña fixando alí a súa residencia ata que no ano 1.963 emigra a Suíza o mesmo que moitos galegos, traballando naquel país durante algúns anos ata que regresa de novo a Galicia. Na actualidade conserva a súa gaita gardada nunha hucha de madeira, das que hai anos se utilizaban para gardar o trigo. Unha das derradeiras ocasións nas que volve a tocar a gaita é co motivo do casamento da súa filla, interpretando unhas melodías despois do xantar que ten lugar no restaurante Padornelo de Mondoñedo, coincidindo co seu veciño e tamén gaiteiro Manolo de Chao que coma sempre estaba acompañado pola súa inseparable gaita.

A música en Mondoñedo

O Tío Xosé de Xorxe José Sánchez Gómez nace no ano 1.879 en Mondoñedo, no lugar de Marquide (Masma). Cando aínda é un mozo comeza ensaiar as primeiras melodías nun vello acordeón de botóns que hai na casa da súa familia. Como non ten coñecementos musicais aprende a tocalo de oído sen recibir consellos de ninguén. As fías e as esfolladas do millo que se celebran pola zona de Masma nos primeiros anos do século vinte son amenizadas nalgunhas ocasións por Xosé que acompañado por algunha das mulleres que acoden ó lugar para tocar a pandeireta fai sonar o seu serra-serra (acordeón) para que os mozos e mozas de Marquide, San Andrés de Masma, Vilar e Viloalle bailen sen parar ata que remata a festa. Traballa de labrego durante toda a súa vida e aproveita parte do pouco tempo de lecer de que dispón para ensaiar algunhas das cancións que despois interpreta. Máis adiante casa con Antonia Gómez, veciña de Masma. Moitas das noites do ano, na súa casa de Marquide, escoitase o son do acordeón de Xosé que interpreta as mellores pezas para a súa familia e amigos. O TIO XOSÉ DE XORXE

Nos días festivos os veciños do lugar teñen por costume xuntarse no Campo de Marquide para organizar unha pequena festa con acordeón, pandeireta e cantos. Tamén ten tocado no lugar o famoso acordeonista Maseda do Valadouro. As foliadas que se organizan en Maderne, da parroquia de San Andrés, tamén son amenizadas polo Tío Xosé de Xorxe. Posteriormente aprenderon a tocar no serra-serra os seus fillos José, Manolo, Jesús e Germán aínda que non chegaron a manexalo tan ben como o facía seu pai. A súa filla Josefa e algunhas sobriñas tamén cantaron e tocaron a pandeireta en moitas das fías e foliadas que se organizaban na parroquia demostrando de esta maneira que a familia Sánchez contribuíu a manter a tradición musical da zona. O Tío Xosé morre en Marquide no ano 1.961 cando conta con 87 anos de idade.

ACORDEÓN DO TIO XOSÉ

A música en Mondoñedo

Jesús Rubal

FOTO FAMILIAR NO CALEXÓN DA LEÑA,1.969

Jesús Rubal Chao nace no Coto da Recadeira, en Mondoñedo, o día 18 de Abril do 1.893. Con doce anos era monaguillo da Catedral. Na súa mocidade, sen ter coñecementos musicais de solfexo, chegou a tocar o acordeón de oído. Jesús acostumaba a tocar no Coto da Recadeira, nunha festa onde se realizaba o tradicional Rito do Galo que consistía en enterrar un galo no chan e tapalo cunha lousa que tiña un burato no medio por onde se lle sacaba a cabeza ó animal, despois os participantes cos ollos tapados intentaban decapitalo cun fouciño. Tamén tocaba nas festas do San Xoán na Aira do Músico, nas festas de Maariz, San Vicente, Sopena, Argomoso, Cesuras, Zoñán, Seivane e outras moitas das que se celebraban pola bisbarra. Durante algún tempo tamén tocou pola zona de Bretoña, a onde acudía acompañado por Caetano da Viveiresa, veciño de Viloalle. Chegaban a pasar entre quince e trinta días fóra da casa e cando viñan de volta ademais dos cartos das actuacións traían patacas, carnes e outros productos que lles daban nos lugares onde tocaban. Foi vixiante da liña eléctrica La Mindoniense na época de Don Hilario. Co paso dos anos foi perdendo a vista debido a que padecía de cataratas, aínda que seguía tocando no seu acordeón de chaves como se pode apreciar na fotografía. Jesús Rubal residiu toda a súa vida entre o Coto e o Barrio de San Lázaro, onde morreu o día 3 de Setembro do 1.973.

A música en Mondoñedo

José Rico López, O Peto José Rico López, máis coñecido polo sobrenome de O Peto nace no barrio da Seara en Masma (Mondoñedo) no ano 1.909. Con poucos anos demostra ter unha grande afección pola música e aprende a tocar o acordeón de oído. Posteriormente asiste a clases de solfexo en Mondoñedo e continua a súa aprendizaxe no manexo do instrumento.

O ACORDEONISTA JOSÉ RICO

Primeiro tocaba nas esfolladas do millo, nas fías, nos bailes e nas festas que se celebraban polos barrios da zona. Masma, Couboeira, Oirán, San Vicente, Maariz, Vilamor e Pedrido foron algúns dos lugares a onde se desprazou andando ou en bicicleta para tocar. Máis adiante tivo unha moto Vespa e despois un SEAT 600 podendo así ampliar as súas actuacións pola zona do Valadouro.

Despois de casar trasládase a vivir ó lugar da Ribeira en Villapol (Lourenzá) e cando o seu fillo aínda é pequeno recibe a notificación para participar na Guerra Civil. Rematada a guerra comeza a tocar na Orquesta Lorenzana e despois continúa a súa traxectoria musical formando parte de Ibérica, Los Rumberos e Los Villas de Vilanova de Lourenzá e Os Beni de Romariz, coñecidos tamén polo curioso nome de Os cachelos. O longo da súa vida tivo varios acordeóns, o primeiro era un de dous teclados, despois mercou un da marca italiana Guerrini e xa por último un acordeón-piano. José Rico morre no lugar da Ribeira, onde residía no ano 1.980 debido a unha grave enfermidade do corazón. O seu fillo José Ramón Rico recibe clases de música na vila de Lourenzá e posteriormente en Mondoñedo, tocando despois o saxofón na orquestra de Vidarte e formando parte, xunto co seu pai, de Los Rumberos e Los Villas. Outras orquestras nas que tocou son Marina Show de Bretoña, Doble Sonido, Royal-5, Superstar e Metropol. Tamén foi músico da Banda de Música Pascual Veiga de Mondoñedo a finais dos anos oitenta. O fillo de José Ramón, Lino Rico, actualmente é profesor de piano e acordeón no conservatorio de Viveiro, continuando así a tradición musical da familia.

JOSÉ RAMÓN RICO

A música en Mondoñedo

O cego de Grove Vicente Villalba Maseda nace en Mondoñedo no lugar de Grove, parroquia de Sta. Mª de Vilamor, no ano 1.910. Perde a vista de neno despois de sufrir un desgraciado accidente ó estouparlle un barreno que encontra cando xoga polas canteiras de As Pedreiras en Vilamor. A pesar de ser trasladado á un hospital da Coruña non se pode facer nada por conservarlle a vista. Despois desto suponse que ingresa nun colexio de cegos posto que ademais de escribir e ler braille dispón duns coñecementos culturais aceptables e aprende a tocar o acordeón.

AS PORTAS DA IGREXA

A pesar de carecer do sentido da vista desenvólvese perfectamente levando a pacer o gando ó monte, transportando auga desde a fonte para a casa, ademais de realizar algunhas tarefas domésticas. Comeza a tocar o acordeón pola bisbarra coincidindo nalgunhas ocasións co Praviano, que despois chegaría a ser o seu acompañante durante varios anos nas xiras que realiza cantando e vendendo coplas. Posteriormente casa coa nai deste último na Igrexa parroquial do Carme de Mondoñedo fixando a súa residencia no barrio das Abidueiras. Máis adiante trasládanse a vivir ó lugar de San Pedro da Torre. Mantén unha boa amizade co cego de Viloalle, coincidindo con el nalgúns lugares de Galicia durante as súas xiras. O día 6 de Xulio do 1.955 ingresa na Organización Nacional de Cegos pero como non lle fai moita gracia o de vender os cupóns segue exercendo a profesión musical tocando o acordeón polas vilas e pobos da bisbarra. Uns anos despois trasládanse a vivir a vila de Ribadeo e continua tocando polas feiras e festas da comarca acompañado pola súa dona. Tamén ten por costume tocar ás portas das igrexas cando entra e sae a xente da misa.

VICENTE E A SÚA DONA

Nos últimos anos volve a Mondoñedo residindo coa familia da súa dona no Coto de Outeiro ata que o día 29 de Outubro do ano 1.985 morre tres días despois de sufrir un infarto.

A música en Mondoñedo

Celestino de Xastoso Celestino Chao López nace no ano 1.914, no lugar de Xastoso, pertencente á parroquia de Santiago de Mondoñedo. Desde moi novo sinte unha grande afección pola música, sendo o acordeón o instrumento que máis atrae a súa atención. Despois de licenciarse do servicio militar, polo ano 1.936 é mobilizado para participar na Guerra Civil. Unha vez rematada esta comeza a recibir instrucción no manexo do acordeón da man de Xosé Antonio Pardo, da familia dos Xanpardos do Vilar.

CELESTINO CHAO, 87 ANOS

Dedícase a ensaiar toda a semana polas noites incluíndo os domingos, xa que polo día había que traballar nas faenas do campo e domésticas, e o tempo non daba para máis. Pouco a pouco e sen ter coñecementos musicais vai aprendendo, chegando a acadar un bo nivel no manexo do instrumento.

Ameniza os carnavais da parroquia de Argomoso durante vintesete anos. Tamén toca en Lindín, Cadavedo, Lagoa, Sasdónigas, Lousada, San Vicente e Sopena, principalmente nas fías e foliadas como a que ten lugar no fiadeiro de Pousalido, e ademais toca nalgunhas festas populares da bisbarra. O tempo das actuacións que realiza ten unha duración dunhas catro horas, tocando desde as cinco do serán ata as nove da noite. Algunha vez deixa de asistir a algunha por ser requirida a súa presencia ata altas horas da madrugada. Entre as pezas que compoñen o seu repertorio destacan algunhas como o Pasodoble Marcial, Doce cascabeles, Manolo mío e a popular Carmiña, Carmela. O acordeón no que toca durante uns trinta e cinco anos mércao na Coruña, e cando deixa de tocalo véndello a uns veciños da Valiña. Actualmente reside na rúa da Rigueira en Mondoñedo, fora de toda actividade musical. Lonxe quedan os tempos en que as xentes despois do traballo se xuntaban a cantar e bailar as ledas melodías que Celestino tocaba.

FIADEIRO DE POUSALIDO

A música en Mondoñedo

Santiago Doural Anque o acordeón e un instrumento procedente doutras terras, tamén acabou asentando raíces en Galicia, onde foi acollido polas xentes, se cadra cando escoitaron saír del as ledas notas dun pasodobre ou quizais dunha muiñeira. E hoxe en día xa forma parte do noso folclore. Santiago Doural García nace no barrio de Maariz pertencente ao Concello de Mondoñedo, no ano 1922. Desde moi novo ten afección pola música e aprende a tocar o acordeón con Manuel Ledo, o Pallarego.

SANTIAGO DOURAL

O primeiro acordeón que posúe ven por encargo de Hernani, no Pais Vasco, terra de moi bos acordeonistas. Santiago comeza a tocar nas fías que teñen lugar nos fiadeiros, lugares onde se xuntan as xentes do lugar nas longas noites de inverno para fiar e contar contos, rematando cun baile que dura ata a media noite.

Polas festas de San Vicente tamén era costume que velo tocar algunhas pezas para os veciños da parroquia, sendo ademais contratado para amenizar moitas das festas que se celebran pola zona como as de Zóñan, Cesuras, Sasdónigas, Argomoso, Maariz e Galgao. Durante a súa vida traballa de labrego, carpinteiro e por suposto como músico, anque o da música máis que un traballo debía ser para el un pasatempo pois contan que ademais tocaba moitas veces para os amigos que se xuntaban diante da súa porta para escoitar as ledas melodías que saían do seu acordeón. Outra das afeccións de Santiago é a caza, dedicándolle unha parte do pouco tempo que lle queda libre. Os días festivos cando non ten que tocar colle a escopeta que garda a carón da xanela da súa habitación e marcha polo monte adiante en solitario ata que chega o serán, sempre acompañado polo seu can Pirri. Morre en Agosto do 1.988 no lugar de O Pedroso na parroquia de San Vicente. cando contaba con 66 anos de idade. O acordeón e a escopeta aínda hoxe consérvanse na casa do seu fillo Guillermo no lugar de Vicos en Galgao (Abadín).

SANTIAGO AMENIZANDO UNHA FESTA FAMILIAR

A música en Mondoñedo

Emilio López, O Turuta Emilio López Villaverde nace o 13 de Setembro do ano 1.923 en San Vicente de Reigosa na Pastoriza. O sobrenome de O Turuta procede dun irmán que tocaba a corneta no servicio militar. Toca o acordeón sen ter coñecementos de música e ó mesmo tempo acompaña as melodías valéndose dun aparello de madeira moi curioso, cando o pisa fai sonar o bombo e ó soltar o pé fai sonar os platillos, pódese dicir que O Turuta é un auténtico home-orquestra. Tamén manexa con moita destreza a pandeireta.

EMILIO LÓPEZ NO SEU CABALO

De novo comeza a percorrer os pobos da zona co seu acordeón tocando nas fías, festas e bailes onde é contratado. Algunhas veces tarda entre dúas e tres semanas en volver á casa, chegando a tocar nalgunhas ocasións polas terras da Fonsagrada. Un dos lugares onde ameniza os bailes é no Salón Falcón de Bretoña. Chega a acadar un bo nivel no manexo do acordeón aínda que non lle dedicaba moito tempo os ensaios.

Pouco tempo despois de casar, cando os seus fillos aínda eran pequenos, trasládase a Mondoñedo residindo no barrio dos Muíños de Abaixo onde continúa a súa afección pola música ata os últimos días. Xa instalado en Mondoñedo chámano para tocar nas fías que se realizan pola zona, como son as de Zoñán, Cesuras, Argomoso e Maariz. Os desprazamentos para ir a tocar realízaos montado nun burro ou nun cabalo que tiran dalgún dos carros que posúe. Na aira de Remedios Varela en Maariz toca durante moitos anos e tamén na taberna de Jaime García, onde realiza o número especial de tocar o acordeón por detrás da cabeza acadando os aplausos das xentes que acoden a velo. Outro dos lugares onde toca é na Casa de Santiago do Filliño en Maariz, onde se celebran fías de moita sona. Un ano polas festas do antroido é contratado para actuar en Bretoña a onde se despraza acompañado polo mindoniense Albino Leiras, veciño do Río de Sixto, que rasca na guitarra. Outro mindoniense que toca a guitarra con el nalgunhas ocasións é José Insua, veciño do Couto de Outeiro coñecido como Pepucho do Mouro. Tamén realiza unha xira pola zona da Ribeira de Piquín facendo un dúo con Vicente veciño do lugar de Vigo (Mondoñedo) que toca o acordeón. Outro dos lugares onde toca con frecuencia é diante da caseta dos peóns camiñeiros na parroquia de San Vicente e tamén ten tocado o acordeón polas festas de San Pedro da Torre en Mondoñedo. Emilio López morre no mes de Marzo do ano 1.973 no barrio dos Muíños de Abaixo en Mondoñedo. Actualmente a súa neta Silvia continúa a tradicción musical da familia formando parte da orquestra Nueva Generación de Viveiro e convertida nunha das mellores voces do actual panorama musical galego.

A música en Mondoñedo

Jose Mª Gómez, O Praviano José María Gómez Fernández, coñecido tamén como O Praviano, nace en Vilaodriz, no Concello da Pontenova, no ano 1.928 aínda que despois fixa a súa residencia en Mondoñedo. Aprende a tocar as primeiras melodías nunha frauta que constrúe el mesmo con madeira de bieiteiro. Cando ten pouco máis de vinte anos comeza a tocar o acordeón de oído na súa casa. Algunhas veces mentres realiza a tarefa de levar as vacas ó prado aproveita para ensaiar. Ademais de tocar o acordeón tamén aprende a tocar a gaita e a redobrar na caixa. JOSE MARÍA E A SUA MULLER VENDENDO AS COPLAS

Posteriormente comeza a tocar nas ruadas das aldeas, nas fías da zona e polas festas do entroido, tocando tamén nalgunhas das festas das que se celebran por toda a comarca. Nalgunha ocasión ten tocado a dúo co Turuta dos Muíños, chegando a realizar unha xira os dous xuntos pola zona da Ribeira de Piquín. Despois dedícase á música no sentido profesional comezando a tocar por tódalas feiras da provincia como as de Gontán, Meira e Viveiro entre outras. Pouco tempo despois de casar é acompañado nas xiras pola súa dona que tamén colabora cantando e vendendo as coplas. Xuntos percorren as catro provincias galegas ademais de León e Asturias. Toca tamén nas Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Xinzo de Limia, Verín, Benvibre, Ponferrada, Pontevedra, A Estrada e noutras moitas vilas e cidades máis. Para os seus desprazamentos utilizan os autobuses do mercado e nalgunhas ocasións tamén viaxan no tren. Para realizar as xiras dividen o ano en dúas etapas, a primeira comeza antes das festas do Nadal e finaliza polas festas do entroido, cando chega a cuarentena e non se poden facer bailes. A segunda etapa comeza unha vez rematada a Semana Santa chegando ata finais de Setembro que é a temporada en que remata a vendima na provincia de Ourense. As coplas son encargadas na Imprenta Paredes de Pontevedra. José María chega a ter varios acordeóns e gaitas ao longo do seu camiño musical. Nos últimos anos da súa vida dedícase á venta de roupa polos mercados da bisbarra. Morre de repente na súa casa do Couto de Outeiro o día 26 de Novembro do ano 1.994.

A música en Mondoñedo

A Pachacha Certo é que os cegos tiveron a súa importancia a nivel social na Galicia de hai non moitos anos tocando e cantando polas rúas de tantos pobos e vilas. Ademais de interpretar calquera tipo de temas (valses, xotas, muiñeiras, polcas, mazurcas...) o máis propio deles eran os cantares de cego que podían tratar de críticas sociais, romances ou todo tipo de sucesos tráxicos como crimes, asasinatos, desastres naturais e outros. A Pachacha é unha cega do Couto de Outeiro, na terra de Mondoñedo, que toca o violín en moitas das festas e romarías que se celebran na bisbarra aló polo século dezanove. Tamén leva a súa música durante moitos anos por outros pobos da Galicia chegando a tocar nas provincias de León, Asturias, as dúas Castelas e o Norte de Portugal. Unha das festas nas que toca é a do San Ramón, na parroquia de Viloalle, en 1.869 onde tamén esta contratado o Gaiteiro de Zoñán, dividíndose as xentes en dous grupos, namentres o gaiteiro acompañado polo bombo e redobrante toca as muiñeiras, os fandangos e os zapateados no lugar da festa, a cega toca ó pé do río onde se xuntan os partidarios dos bailes agarradiños. Un dos temas que toca no violín é a peza popular Me gustan todas. Ten unha criada chamada Toña, natural da parroquia de Labrada que ademais é costureira, bota a peneira, levanta de palabra a espiñela e sabe moitos cantares, adiviñas, contos populares e romances, entre eles o de Delgadiña. Posteriormente o violín da Pachacha vai parar á familia do que fora tenor e violinista da Catedral Enrique Iglesias, que toca nel desde os doce anos.

¡Delgadiña, delgadiña, delgada da miña ialma! Pilláime a esa traidora, pilláime a esa malvada. Cerrádema nunha sala, con siete llaves cerrada Quitáronlle o viño, quitáronlle a iauga, i a comer lle daban touciño i vaca salada. Delgadiña coa sede se asomó a una ventana, víra vir a sus hermanas a la fuente catar agua... CEGA TOCANDO O VIOLÍN

A música en Mondoñedo

Benigno Soto, O Roso O seu verdadeiro nome é Benigno Soto Pajón. Nace en Ourol (Viveiro) no ano 1.877. Aprende a tocar o violín e comeza a tocar nos derradeiros anos do século dezanove. Mais adiante contrae nupcias con Maripepa Carvajal fixando a súa residencia en Mondoñedo, no lugar de Rego de Cás pertencente a parroquia dos Remedios, froito do seu matrimonio nacen os fillos Jesús, Josefa, Nieves e José. Ensaia nun corredor de madeira que hai na súa casa, situada na beira da estrada que vai a Zoñán. Os veciños e os nenos do lugar xúntanse diante da súa porta para escoitalo. Chega a manexar o violín con moita mestría e forma un dúo co seu veciño José das Montañesas, que toca nun bombo de reducidas dimensións. Xuntos tocan nos bailes que se celebran polas vilas de Romariz, Labrada, Espiñarcao, San Vicente, Galgao, Bretoña, Sta. María Maior, Trabada, chegando algunhas veces a amenizar festas pola comarca da Terra Cha. Durante certo tempo tamén o acompaña a súa filla Josefa. Cando saen de xira soben polo camiño da Infesta acompañados dun burro que levan para o transporte dos instrumentos e despois de permanecer entre 15 e 30 días tocando fora das casas, cando regresan traen o animal cargado con diversos alimentos (carnes, ovos, patacas, chourizos...) que lles dan nos lugares onde tocan, tamén xuntan algúns cartos que recadados nos bailes, onde cada un dos asistentes aporta o que pode. Contan que nalgunha ocasión encontrase co lobo cando atravesan a montaña, pero Benigno di:... con dous golpes de bombo o lobo asustase e bota a correr, e tamén opina que: ...é mellor ter ó lobo de compañeiro que a un mal home. Segundo contan os veciños do lugar O Roso é un home alegre e ten fama de ser un bo contador de contos. Benigno ademais de tocar ben tamén canta e presume de ter unha boa voz. Na maior parte dos lugares onde toca sempre hai unha casa onde comer e durmir por conta dos veciños. No inverno cando chega a estación da matanza dos porcos toca polas casas de Cesuras, Zoñán e Pelourín onde se celebran as tradicionais comidas e ceas dos callos. Morre viúvo cando conta coa idade de 72 anos, o día 26 de Abril de 1.949. O seu fillo Jesús Soto Carvajal continúa a tradición familiar tocando o violín durante uns anos ata que emigra a Cuba, aínda que uns anos despois ó regresar a Mondoñedo volve a tocalo de novo.

CRUCEIRO NO LUGAR DE "REGO DE CÁS"

A música en Mondoñedo

O Cego de Viloalle Outro dos músicos da zona de Mondoñedo que percorría vilas e cidades cantando as coplas e tocando o violín, na primeira metade do século, era Antonio Lexide Fernández, o Cego de Viloalle. Nace o 9 de Xaneiro do 1.895 en Millarado, na parroquia de Viloalle. A enfermidade da viruela prívao da vista cando só ten oito anos, ingresando despois nun colexio en Compostela onde aprende a tocar o violín. De volta a Mondoñedo comeza a frecuentar as feiras dos arredores tocando e vendendo coplas acompañado polos seus irmáns Ramón e Marcial, ANTÓN E SABINA máis adiante pola súa muller, e despois pola súa filla Sabina, que vai con el desde pequena e as veces canta algunha copla mentres Antón toca o violín e faille os coros. Durante un tempo tamén toca con el o seu sobriño Rafael. É fácil velo nas San Lucas vendendo os panfletos do último crime, ou preparando o arco para interpretarlle as xentes que veñen de toda a zona o romance máis espectacular da temporada. Pode presumir de ser amigo do ilustre escritor Alvaro Cunqueiro, a quén tantas veces acode para que lle amañe as coplas dos acontecementos, a maior parte delas están baseadas en feitos reais. Tamén interpreta outro tipo de pezas entre as que destacan algúns cuplés. Tódolos anos realiza unha xira que comeza pasado o carnaval e remata pola festa do San Xoán. Percorrendo as catro provincias galegas, León e Asturias e chegando ata Medina de Rioseco onde para polo San Isidro. Antón sempre esta de bo humor, o pitillo entre os beizos é algo que non lle pode faltar. Contan que chega a ter problemas cos familiares de acusados en certos delictos, os cales se opoñen á venta e canto das coplas. Moitas delas son sacadas do semanario El Caso, diario famoso na época por relatar todo tipo de crimes. Entre as cantigas que interpreta Antón encontramos Romance de las dos gemelas, Cuatro niños envenenados, Vinde mociños e mozas, Carta de Pepe a Rosa e A tola de Cangas de Onís (que quixo comer ó seu home pola noite, morrendo desangrado).

VENDENDO AS COPLAS

Morreu no lugar de A Cabana na parroquia de Viloalle, o día 30 de Abril do ano 1.976.

A música en Mondoñedo

O Cego dos Muíños Eladio Fernández Rodríguez nace en Aldixe, parroquia do Concello de Abadín, en Decembro do ano 1.927. De neno ingresa como interno nun colexio de cegos en Santiago de Compostela, onde aprende Cultura Xeral e tamén a escribir e ler braille. Ademais complementa os seus estudios aprendendo a tocar varios instrumentos: violín, acordeón e gaita, tamén chega a ter uns platillos e un bombo.

ELADIO TOCANDO O VIOLÍN

De novo toca nas foliadas e nas fías que se celebran polas aldeas dos Concellos de Abadín, Vilalba e Mondoñedo. Nalgunhas ocasións tamén toca pola festa do entroido na parroquia de San Vicente, onde ten lugar unha curiosa competición entre os veciños que consiste en ver quén aguanta máis bailando A Raspita.

Despois de casar dedícase a cantar e vender Coplas de Cego polas feiras de Gontán, Vilalba, Meira, Cospeito e outras da comarca. No ano 1.963 trasládase a Mondoñedo, residindo primeiro no barrio do Pasatempo e despois nos Muíños de Arriba. Nesa época abandona a súa labor musical e comeza a traballar como vendedor de loterías na cidade, anque nalgunhas das festas que se celebran, animado polos veciños e amigos, colle o violín ou a gaita para interpretarlles unhas melodías. Algúns aínda o lembran tocando no Folión dos Muíños pola noite de San Xoán ou na festa do San Pedro da Fonte Vella e tamén nalgunha casa particular da Rúa Méndez Núñez. Cando a súa muller Matilde morre, Eladio fixa a residencia na Coruña, onde segue vendendo lotería. Xa nos últimos anos intentan que actúe para a televisión de Galicia no programa Luar, aínda que el denega a invitación. Morre na Coruña o día 6 de Xaneiro do ano 2.000. O acordeón, o bombo e os platillos que posuía foron vendidos a outro músico mindoniense, e a súa gaita e mailo violín consérvanse na casa dun familiar.

ACOMPAÑADO POR ARAUJO NO ACORDEÓN

A música en Mondoñedo

Muiñeira Popular

Recollida por Eduardo Lence Santar en Tronceda a primeiros de século

Leverelen, carneiro d'a choca, Leverelen, n-a Pena da Roca, Leverelen, ¿Quén vai co-as ovellas? Leverelen, San Antoño entre elas. Leverelen, mandal-o criado. Leverelen, é mal mandado. Leverelen, mandal-a criada. Leverelen, é mal mandada. Leverelen, mandal-a cadela. Leverelen, marchou pra Burela. Leverelen, ¿Qué vai a catar? Leverelen, unha carga de sal. Leverelen, ¿Pra qui-e o sal? Leverelen, pr'as sopas d'as vellas. Leverelen, ¿Pr'a que son as vellas? Leverelen, pr'a mondal-o millo. Leverelen, ¿Pr'a qui-e o millo? Leverelen, pr'os pitiños novos. Leverelen, ¿Pr'a que son os ovos? Leverelen, pr'os creguiños novos. Leverelen, ¿Pr'a que son os cregos? Leverelen, pr'a decil-a misa. Leverelen, ¿Pr'a qui-e a misa? Leverelen, pr'a alabar a Dios. E vaite con Dios.

A música en Mondoñedo

Os instrumentos tradicionais en Mondoñedo A primeiros de século nas terras de Mondoñedo facían gaitas Antón de Vicente de San Lázaro e Val de San Martiño dos Cucos, ademais pola zona tamén había outros constructores como José Fortes Portela e Arturo Parga de Abeledo (Abadín), Venancio de Rigueira (Lagoa), Gabín de Crecente (Pastoriza) e Misen do Rapeto de Carballido (Alfoz). A maior parte das gaitas que se tocaban na bisbarra eran de buxo, aínda que tamén se facían algunhas de esvedro, de teixo e de oliveira. As palletas facíanse de cana macho que é a que ten os nós máis mestos.

PANDEIROS CADRADOS

Os mellores foles eran os de pel de ovella ou de carneiro, curtidos con fermento, auga quente e sal ou con cebola picada, manteiga crúa e auga quente. Para curtilas deixábanse dous días no esterco das vacas ou dos bois ou catro días enriba dunha táboa. Despois sacábaselles a la, enchíanse de palla ou de herba e finalmente colgábanse para un perfecto secado. A maior parte das gaitas da zona de Mondoñedo eran grileiras. O pandeiro de Zoñán, Estelo e Tronceda o mesmo que os de Romariz, Labrada e Montouto era redondo, cuberto de pel de ovella ou de carneiro. O pandeiro da zona de Viloalle era cadrado o mesmo que os de Riotorto, Val de Lourenzá e Pastoriza, e tiña dentro unha ou dúas campaíñas e dúas cordas de guitarra, cuberto tamén de pel de ovella ou de carneiro. Algúns dos que tocaban no pandeiro pola zona de Mondoñedo eran o tío Xan de VIvá (Viloalle) e os da casa de Rubiños en Zoñán.

PANDEIRAS (PANDEIROS REDONDOS)

Facían pandeiros na zona de Mondoñedo o Berbés veciño de Viloalle e Cesareo Losada veciño da rúa Méndez Núñez. Este último tamén facía pandeiretas, peneiras e barquillos, que vendía polas feiras dos arredores.

A música en Mondoñedo

OCARINA E REQUINTA QUE PERTENCERAN A JOSÉ CHAO LÓPEZ GAITEIRO DE SAN VICENTE

ACORDEÓN PROCEDENTE DE CUBA QUE FOI RECOLLIDO EN MONDOÑEDO

A música en Mondoñedo

As fías de Cesuras Ao longo de moitos anos os veciños de Cesuras reúnense para realizar as fías en diversos lugares. Ao pé da Casa do Valeco (Pacios de Abaixo), no lugar coñecido polo nome de Naquel cabo, na Cuadra da Santa, na beira da estrada ou na Aira de Roque son algúns dos lugares onde se celebran as fías máis concorridas da comarca. O poeta Noriega Varela no seu poema De Ruada falando das fías que alí se celebran a finais do século dezanove conta que os martes e xoves toca o frauteiro e que alí acoden xentes de tódalas clases, mozos, vellos, militares, poetas, habaneiros e madrileños. Ademais de gozar, baixo a luz do candil, da música e do baile que en moitas ocasións é amenizado polo carismático gaiteiro de Zoñán, tamén se contan contos, lendas e historias de moi diversos temas (a guerra, os mouros, o demo, a santa compaña, o mal de ollo, as fachas). Na primeira metade do século vinte as fías teñen lugar principalmente os mércores e os sábados, no tempo do entroido tamén acoden mazcaras e algúns domingos organízanse festas. A Cesuras veñen xentes da cidade, das Curuxeiras, Zoñán, Valiño, Pumariño, Pelourín e moitos lugares máis. Os sábados a música dura ata as tres da madrugada e os mércores as xentes recóllense máis cedo posto que ao día seguinte hai que madrugar de novo para traballar. Por esta época ademais dos gaiteiros, violinistas e acordeonistas que acoden a tocar a elas tamén animan os bailes un grupo de boas pandereiteiras entre as que se encontran Esperanza Doural, Manuela e Pilar Fanego, Josefa Crespo (a Estanqueira), Manuela Ledo e Concha Díaz (de Ramoneiro), tamén toca con elas un pandereiteiro incansable chamado Luís Fernández (de Caseiro). Por alí pasan a maior parte dos músicos da zona, O Roso (violín), O Valeco (acordeón), Santiago Doural (acordeón), Ramiro Botana (gaita), Rubal (acordeón) e Pablo de Valiño (acordeón) entre outros.

Unha noite de inverno das máis escuras tentoume seique o demo de ir a Cesuras por mor dunha rapaza máis feiticeira, que as froliñas que nascen na primaveira. ........................... cheguei á Margarida, brinquei o río e seguín cara adiantre, sin medo ó frio. ........................... Onda ás casas pareime xunta dun carro, arrimeime a unha roda, piquei cigarro, e buscando o librillo pola chaqueta ouvín o ruxe-ruxe da pandeireta pois pretiño, moi preto, de donde estaba o bodego da fía de alí cadraba. ............................

A música en Mondoñedo

As foliadas do Espiño Na parroquia de San Vicente, pertencente ó Concello de Mondoñedo, entre os lugares de O Carballo e O Combarro encontrase O Espiño, un espacio grande que está situado nun cruce onde se xuntan catro camiños. Rematada a Guerra Civil este era un dos lugares onde se celebraban as fías e foliadas máis animadas de toda a parroquia. Unha vez rematada a faena do día xuntábanse alí os veciños e ao son dun grupo de pandereiteiras cantaban e bailaban sen parar. Ao abrigo dos loureiros, coa luz da lúa e dos pitillos dos homes, que calzaban zocos de madeira a maior parte deles, comezaba a foliada coa chegada do solpor e non remataba ata a media noite. O grupo de pandereiteiras que tocaban estaba composto por Trinidad García, Leonor (A Xastosa) e Aurora García (A Meilana). Ademais de A PANDEREITEIRA TRINIDAD GARCÍA tocar nas pandeiretas tamén tiñan fama de cantar ben. As xentes quedaban engaioladas cando as escoitaban cantar pola parroquia mentres realizaban o segado e mondado do trigo, o sachado do millo ou a recollida da herba verde para o gando. No Espiño tamén se facían as fogueiras do San Xoán, aínda que sempre había problemas para xuntar os cueiros, xa que a maior parte deles picábanos para o lume os seus donos. A estas foliadas viñan xentes de Sasdónigas, Maariz, Vicos, Samordás, Invernegas, Quende, A Ribeira e moitos lugares máis. Alí realizábase un sorteo que consistía en escribir e meter nunha saqueta os nomes dos homes que asistían á festa e noutra os nomes das mulleres, a continuación sacábase un de cada e formábanse as parellas para o baile. Non podían entrar no sorteo as persoas casadas, aínda que algún se lle deixaran seguro que entraba de boa gana, e tamén podía resultar que algún vello solteiro resultara agraciado cunha rapaza nova, armándose un gran alboroto entre as xentes que participaban na festa. Facíanse rifas para sortear caramelos, bolos de pan e saquetas de peras e vendíanse por dúas perras gordas. Nalgunha ocasión estas foliadas foron amenizadas polo acordeón de Santiago Doural e tamén teñen tocado alí os gaiteiros Manolo de Chao, Marcelino de Pedro e Alfonso do Zulo. Pola Semana Santa estaban prohibidas as foliadas e algunha vez tivo que acudir a parella da Garda Civil para que non se realizaran.

A música en Mondoñedo

As fías e o Entroido de Zoñán A mediados do século vinte as xentes da parroquia de Zoñán xuntábanse nun lugar chamado O Campo para realizar as fías. Había dous locais que se encontraban no mesmo lugar separados por un camiño, un era propiedade de Justo Carreiras e outro de Remedios Oseira, preparábanse para celebrar as fías limpando o chan, que estaba cuberto de terra, cunhas vasoiras de ramas e colocando unhas táboas de madeira polas paredes que eran utilizadas polos asistentes como bancos para sentarse.

RECINTO ONDE SE CELEBRABAN AS FÍAS

A iluminación dos recintos facíase cun candil de carburo ata finais dos anos cincuenta cando nas últimas fías xa se dispoñía de luz eléctrica. Por aquelas datas o veciño de Zoñán Jorge Candia Rubiños encargábase de colocar unha pequena taberna dentro do local, onde podían repoñer forzas os asistentes aos bailes. Nun dos locais case sempre tocaba un gaiteiro e no outro un acordeonista. As fías comezaban dúas ou tres semanas antes da festa do entroido e celebrábanse os mércores e os sábados. Tamén se aproveitaban os locais para celebrar outras festas os domingos.

Cando remataba a fía, despois de cear os mozos xuntábanse arredor do local e comezaba o baile que duraba ata as dúas da madrugada e en ocasións sinaladas era amenizado polo violín de Benigno Soto mais coñecido polo sobrenome de O Roso. As fías de Zoñán eran de moita sona pois a parroquia tiña fama de boas mozas, viñan a elas mozos da zona de Mondoñedo e de toda a súa bisbarra. Os músicos que tocaban nas fías cobraban pola súa actuación o que se lograba recadar entre os asistentes ao baile, aportando cada un o que podía. Nos anos corenta a cantidade de cinco pesetas por actuación para o músico xa supoñía un bo día. Algúns dos músicos da zona de Mondoñedo que tocaron en Zoñán foron os acordeonistas Pablo do Neno, O Turuta e Santiago Doural, os gaiteiros Ramón de Estelo, Xóxaras e o gaiteiro de Zoñán ademais do violinista de sona Benigno Soto. Un ano cando estaba tocando o gaiteiro Ramón de Estelo acompañado ao bombo por Patricio de Xan do Campo contan que este último deulle un golpe tan forte ao instrumento que o mazo atravesou o coiro do mesmo. Pódese asegurar que aquela peza foi ben cargada de bombo. O entroido tamén era moi celebrado no lugar, as xentes disfrazábanse xa unha semana antes e o martes de Carnaval tiña lugar a Gran Rumbada, nese día comezaba a festa despois do xantar. Os homes e mulleres que percorrían os camiños disfrazados e acompañados de gaitas e botas de viño tiñan que ir acompañados polo respaldeiro, sendo este o encargado de responder por todos os que levaban a cara tapada.

A música en Mondoñedo

Pandereiteiras de Sta Mª Maior Arredor dos anos trinta do século vinte na parroquia de Sta. María Maior había un grupo de pandereiteiras que tocaban os domingos nas airas, nas fías e tamén nalgúns bodegos do lugar. As fías, que se realizaban nas cortes do gando, comezaban polas catro da tarde e dábaselles a cea ás fiadoras. Algunhas mulleres fiaban nas súas casas e despois levaban o material preparado ós fiadeiros que tiñan lugar nas casas onde se cultivaba o liño. Cando se celebraba unha fía corríase a voz pola zona para que asistiran as xentes. Polas doce e media da noite parábase de fiar e comezaba o baile, permitíndoselle a entrada ós homes. As fías de Santa María Maior tiveron moita sona acudindo a elas rapaces doutros lugares como Sopena, Argomoso, Lindín ou Cadavedo. MARÍA MÉNDEZ, 82 ANOS

A maior parte das veces tocaban e cantaban as pandereiteiras entre as que se encontraban as veciñas da parroquia María Gruñeiro, Balbina de Maseda, María Méndez, Clara de Baltasar e Amadora Saavedra que tiñan fama de tocar ben na pandeireta. Nalgunhas ocasións contratábase ós gaiteiros da Quintá, os irmáns Antonio e Samuel Pértega Rodríguez, que amenizaban o baile interpretando xotas, valses e muiñeiras, sendo acompañados polas pandereiteiras. Cando remataban as fías quedaban as cortes trilladas de bailar e troular ao son das gaitas e das pandeiretas. Algunhas das coplas que se cantaban nelas foron recollidas de María Méndez que na actualidade conta con 82 anos e son as seguintes:

A Pandereta non toca porque lle doe a barriga, hai que lle dar chiculate como a unha muller parida.

Moito che quero escopeta porque es miña encubridora, pensan que veño de caza e veño de vela novia.

Pensas que che quero ben porque me río pra ti, Ai se Dios me faiga ben me estou burlando de ti.

Vilalba corral de vacas, Mondoñedo de cabritos, Vilanova de embusteros, que tres pobos máis bonitos.

Se queres que veña a verte de noite polo luar has prender a cadeliña que non fai máis que ladrar.

Adiós Mondoñedo, adiós, as costas che vou virando, ventanas e corredores todas me quedan mirando.

A música en Mondoñedo

A música en Lindín No comezo do século vinte a parroquia de Lindín, no Concello de Mondoñedo, é unha das poucas que poden presumir de ter unha pequena banda de música. José Barreira Seivane, Ramón Barreira Reigosa, José Alvite, Manuel Ferreira e José Ferreira Fernández son algúns dos músicos que dirixidos por José Martinez de Narciso forman a Banda de Música de Lindín encargándose de amenizar as festas e bailes que se celebran por toda a zona. Algúns dos compoñentes da agrupación müsical tamén se encargan de participar nas procesións e outras celebracións relixiosas da parroquia. José Martinez e Ramón Barreira tocan nalgunha ocasión os enterros cos seus bombardinos e Manuel Ferreira toca a gaita e canta nas misas xunto con José Ferreira que o acompaña redobrando na caixa ou tocando o acordeón. As foliadas e gaitadas que se celebran os días festivos en diversos lugares da parroquia son amenizadas a maior parte das veces por grupos de mulleres que cantan e tocan nas pandeiretas. En ocasións tamén é contratado un gaiteiro ou un acordeonista. O mesmo que noutros lugares da bisbarra mindoniense a festa do entroido en Lindín tamén ten a súa importancia. Nos carnavais dos anos 1.930 e 1.931 un grupo de veciños da parroquia xúntase para formar unha rondalla e amenizar as festas. Esta agrupación musical bautizada co nome de Os Entusiastas de Lindín leva as cores da bandeira galega no seu estandarte e nas boinas de cada un dos membros que a compoñen. Ademais de cantar as coplas que compoñen por toda a parroquia alugan un autocar dos Hermanos Verdegas para desprazarse a Gontán, San Miguel de Reinante, Ribadeo, Mondoñedo e Vegadeo. Moi boas tardes mociñas nos somos os dos mais anos con gana de divertirnos volvemos a visitalos. ... ... ... ... ... ... Nesta terra os de Lindín quizaves naide os conoce pois asi eu medre e luza somo-los que vimos hoxe. ... ... ... ... ... ...

RONDALLA "OS ENTUSIASTAS" DE LINDÍN

Polos seus procedementos non lles daremo-las gracias si un día van por Lindín confien nos Entusiastas.

A música en Mondoñedo

Festa do Árbol, ano 1.927

NENOS DA ESCOLA DE ZÓÑAN

CARROZA DOS MESTRES DO PARTIDO

A música en Mondoñedo

Festa dos Maios

CORO INFANTIL DA RONDALLA "O ECO". FESTA DOS MAIOS, 1.933

NENOS DO COLEXIO "ALVARO CUNQUEIRO". FESTA DOS MAIOS, 2.001

A música en Mondoñedo

Coplas dos Maios

Ei ven o Maio, señor Capitán. Bótelle as maiolas da hucha do pan. Ei ven o Maio galán e frolido. Pola lúa chea nacéu pequeniño.

Ei ven o Maio frolido e galán. Tódalas rapazas amores lle dan.

Dín que trae as herbas para namorar, i o caravel roxo da beira do mar.

O Maio bulreiro O Maio dos ventos, que rico que ven. señor Capitán. Dín que trae as froles, Bótelle as maiolas dín que trae a mel. da hucha do pan.

A música en Mondoñedo

Cantares da zona de Mondoñedo Recollidos por Manuel Ledo "O Pallarego"

Pola mañán oio a Paula, pola noite oio a Martiña, amanezo xunto ó Masma e anoitezo en Fonte Miña. Esta noite hai unha fía, tamén hai unha espadela, bóteme o caldo, mamai, que eu tamén quero ir a ela. Nena que átalo pan na Veiga de Valoría, cando bótelo vencello, aparta ben queridiña. As rapazas de Cesuras e mailas das Curuxeiras cando van mondar o trigo todas cantan que rabean. Pasei Valiña de Freire e din a volta na Infesta, vin as nenas de Cesuras revolvendo na herba seca. Hei de ir á feira a Gontán hei traguer zocas chinelas, pra gastar a miña filla que pensa tamén poñelas. Fun lavar a miña roupa ó río de Pumariño, cando viña de lavar cantaban os paxariños.

A música en Mondoñedo

Algúns músicos mindonienses tamén colaboraron na formación de diversas agrupacións musicais da vila de Lourenzá...

ORQUESTRA "IBÉRICA" DE LOURENZÁ

José Rico López (acordeón) e o seu fillo José Ramón Rico (saxo) formaron parte de algunhas orquestas que se formaron no Val de Lourenzá como Los Valles, Ibérica, Los Rumberos, Lorenzana, etc.

QUINTETO TRADICIONAL "OS CELITAS" DE LOURENZÁ

Pola dereita na fotografía: Vidarte, Moure, Xusto do Gaiteiro, Comendeiro e Antonio Pértega (que posteriormente sería director da Banda de Sta. María Maior)

A música en Mondoñedo

Curiosidades - I Nas festas que se celebran o 24 de Outubro do ano 1.611 na honra de San Rosendo contrátanse cinco gaiteiros pola cantidade de oito reais cada un. O día 5 de Outubro do ano 1.618 celébrase unha festa taurina na praza da cidade e as autoridades acordan chamar un tamborileiro e dous gaiteiros para que asistan á mesma dándolles a cada un a cantidade de dezaseis reais. O 28 de Maio de 1.664 contrátase a tres gaiteiros para o tradicional baile das tres danzas que se celebra co gallo da subida da Virxe dos Remedios desde a Catedral ata o seu Santuario. Nas festas dos Remedios do ano 1.699 fórmase unha mázcara, acompañada de gaiteiros, tambor e danzadores. Pola festa do Corpus, nos comezos do 1.700, as imaxes de San Isidro e Stª María da Cabeza báixanse en procesión ata a Catedral acompañadas de gaita e foguetes. No ano 1.703 o gremio dos xastres encargase de pagar os oito danzadores e máis o gaiteiro que actúan co motivo da celebración da festa do Corpus en Mondoñedo. O 29 de Maio do ano 1.706 a Cofradía de la Santísima Trinidad admite por fundadores a Domingo do Rego, da Graña de Villarente e a súa dona María López, habéndose obrigado a tocala gaita mentras el viva, na véspera e no día da Santísima Trinidad, por catro reais. Asi mesmo tamén se obriga a tocar no día de Corpus e a súa oitava por 22 reais no ano. O día 14 de Xuño do ano 1.709 o Cabido da licencia para que os músicos da Capela da Catedral asistan á procesión do San Isidro, con instrumentos e cubertos de sobrepelliz. Co motivo da inauguración do actual santuario da Igrexa dos Remedios no mes de Setembro do ano 1.738 actúan os tambores da Compañía de Milicias de Mondoñedo, recibindo do concello vinte reais, Os gremios de mercería, xastres, labregos e zapateiros acoden á procesión, realizando os zapateiros a súa Danza de Espadas. No ano 1.715 a Catedral dispoñía de un órgano portátil coñecido como realexo que se tocaba nas funcións que non eran corais: Se advierte al organista que no debe de tocar los órganos en las funciones de las cofradías, que en su lugar toque el realexo, a cuyo fin se manda ponerlo en el plan del segundo órgano, que en bautizos de particulares no toque el segundo órgano.

A música en Mondoñedo

Curiosidades - II O 23 de Maio do 1.750 é admitido na Cofradía de la Santísima Trinidad o gaiteiro Tomás López, do Couto de Outeiro, que terá que tocala gaita gratuitamente tódolos anos no día da Santísima Trinidad e as súas vésperas. A 1ª Asemblea do Rexemento Provincial celébrase en Mondoñedo no día 7 de Agosto do 1.770. Os cornetas e tambores que tocan nese acto ensaian no Carrascal, nunha finca de un ferrado. O día 5 de Xulio do ano 1.773, finado Sebastián López gaiteiro da Santísima Trinidad e veciño de Argomoso, son admitidos por fundadores o seu fillo Manuel López e a dona deste último, quedando Manuel obrigado a tocála gaita mentres viva no día da Trinidad e vésperas. No ano 1.774 publícase en Compostela unha ópera do célebre músico portugués Joao Pedro de Almeida y Motta que por entonces era tenor da Capela da Catedral mindoniense. Posteriormente sería músco de cámara do rei Carlos IV. O mestre de Capela da Catedral Ángel Custodio Santabaya arredor do ano 1.798 pon música ás panxoliñas dos escritores mindonienses da época para que sexan cantadas polas festas do Nadal. Polo ano 1.809 o mestre da Capela da Catedral José Eusebio Pacheco dirixe unha comparsa composta de gaita, tambor e outros instrumentos. Nas festas que se celebran en Mondoñedo co gallo da aprobación da Constitución de 1.812 o Concello convoca a tódolos gaiteiros do contorno e tamén aos tambores e pínfanos de alarma para tocar polas noites nas fogueiras que terán lugar na Praza da Catedral, alternando coa Capela de Música que se colocará no balcón do Consistorio. En Novembro do ano 1.833 co motivo da proclamación de Isabel II a comparsa do gremio dos zapateiros executa a danza das espadas e a Orquestra da Catedral costeada polo gremio do comercio toca unha marcha composta para dita festa. No 10 de Xunio do 1.838 é admitido na Cofradía de la Santísima Trinidad o gaiteiro Ramón Otero, que cobrará anualmente a cantidade de seis reais. Para celebrar a maioria de idade de Isabel II nos días 1 e 2 de Decembro do a no 1.843 dous ga iteiros acompañados por dous tambores de milicia percorren o pobo anunciando a festa a partir das oito da mañán.

A música en Mondoñedo

Curiosidades - III Victor María de Silva morre o 25 de xuño do 1.855. Ás súas honras fúnebres concurre toda a capela de música da Catedral, da cal era neno de coro Pascual Veiga, dirixida polo mestre Pacheco que compuxo para a ocasión o Libera me. O día 6 de Xullo do ano 1.857 o alcalde comunícalle ao depositario do Teatro de Alcántara: Sírvase recibir a D. Enrique Espina, inventor del instrumento de música de paja y madera. Co motivo da inauguración da Xuventude Católica celébrase unha gran festa no Teatro de Alcántara o primeiro de Maio do 1.871, interpretándose un himno composto por Francisco de Paula Buón, presbítero e violonchelista da Catedral, musicado por José Ramón García, organísta da Catedral. No ano 1.872 nas Ordenanzas da Policia Urbana e Rural para Mondoñedo e o seu término, no artigo 227 expónse o seguinte: Los titiriteros, saltimbanquis, ciegos y músicos que por razón de su ocupación suelen atraer gente para verlos y escucharlos, podrán colocarse en sitios en que no embaracen el tránsito, pero dejando siempre libres las aceras y bocacalles y siempre que en sus acciones, discursos y cantares se abstengan de todo lo que pueda ofender la moral pública. O día 13 de Setembro do ano 1.873 polas festas dos Remedios celébrase unha animada velada no Campo da Alameda que rematará ás doce da noite, actuando a Banda de Música de afeccionados e un grupo de gaitas do país. No último tercio do século XIX os enterros de xente importante ademais de acudir os crégos e salmistas tamén eran acompañados por Floupes no fagot e polo Barrolo que tocaba no figle: do-sol-mi-sol-do. Detrás deles marchaban con paso solemne as autoridades da cidade episcopal. No ano 1.888 polas festas de San Lucas celébranse carreiras de pollinos e un certame de gaitas, sendo premiado o popular gaiteiro O Xugo de San Pedro de Cangas. Outro dos gaiteiros que se presentan o certame é o virtuoso Lerín de Fanoy. En numerosas ocasións de 1.896 a 1.926 é contratado pola Catedral o gaiteiro Coruxeiras, para tocar a gaita na procesión de San Roque e no mes de Agosto pola festividade da Asunción. A finais do século XIX cando as mozas e mozos nas noites de festa se xuntaban para cantar o alalá destacaba a voz melosa e ben timbrada de Pilar do Lindego, rapaza nacida no barrio das Curuxeiras.

A música en Mondoñedo

Curiosidades - IV En Xaneiro do 1.907 celébrase nos salóns da xuventude carlista unha velada literario-musical interpretando a rondalla dirixida por Ramón Rey unha marcha adicada á xuventude carlista e composta para este acto polo organista da Catedral Mariano Casares. No ano 1.907 na festa do Santiago do Barrio dos Muiños, que as malas língoas chamaban Triana, según conta a prensa da época ten lugar un desagradable suceso, despois dunha noite axetreada na que se producen varias rifas (peleas) a gaita do famoso Coruxeiras bota todo o aire para fora ao recibir un navallazo. Co gallo da consagración do Bispo Solis no mes de Maio do ano 1.907 a Banda Municipal percorre as rúas da cidade e posteriormente ofrece un concerto diante do Seminario desde as nove ata as once da noite. O cuarteto de gaiteiros Os Veiga recibe do fabriquero da S. I. Catedral a cantidade de vintecinco pesetas por amenizar unha festa que se organiza o 6 de Xuño do 1.907 como obsequio o Bispo Solis. O día 26 de Novembro do ano 1.907 co gallo do milenario do nacemento de San Rosendo a Banda Municipal actúa pola noite no Cantón. A veciña do Coto da Recadeira Aurora Lombán a primeiros de século toca na pandereta e nun acordeón que mercou pola cantidade de corenta reais. O día 20 de Setembro do 1.909 celébrase no Círculo de Recreo un concerto a cargo do tenor sevillano Sr. Mariani, acompañado no piano polo profesor Ángel Rodríguez Gómez. O día 5 de Xuño do ano 1.910 ten lugar no Salón Teatro do Casino da cidade unha gran velada literariomusical, impoñendoselle ó poeta Noriega Varela unha ar tística medalla de ouro regalada polos m indoniense s re sidente s na Arxentina. As festas do San Vicente en Mondoñedo a primeiros do século vinte son amenizadas pola Murga de Aldixe (Abadín). O 14 de Outubro do 1.913 celébrase unha animada verbena no Campo de Alcántara amenizada pola Banda Municipal co motivo da inauguración da Residencia dos Pasionistas.

A música en Mondoñedo

Curiosidades - V A infanta Isabel visita a cidade no día 2 de Xullo de 1.914, sendo recibida no Campo dos Remedios polas autoridades e pola Banda Municipal que interpreta a Marcha Real. O día 24 de Outubro do ano 1.917 nunha homenaxe a Pascual Veiga actuan a Coral Coruñesa Cántigas da Terra, os orfeóns Veiga e Brisas del Masma e o cuarteto de gaitas mindoniense Os Pacheco. A principios de século Paquito de Benino, que é un dos cacharreiros da cidade, toca o baixo na banda municipal e ademáis ten fama de ser un bo cantador, segundo contan as xentes canta tan ben o meigo Cantar das Curuxeiras que da xenio oílo. Polos anos vinte o baile de San Lázaro é clausurado polo Axuntamento por motivos de orde público, hixiene e moralidade, sendo permitida a súa reapertura no mes de Outubro do 1.923. Para amenizar a festa do San Cosme do ano 1.925 son contratados o cuarteto Os Pacheco, a Banda Municipal e o incansable gaiteiro Coruxeiras. A Schola Cantorum do Seminario interpreta os temas A Barcarola, O Consolo e a alborada O sol da Primaveira nunha velada que se celébra o día 12 de Xaneiro do ano 1.936. O 26 de Setembro do ano 1.936 o Gobernador Civil de Lugo, Ramón Bermúdez de Castro, prohibe a celebración de calquer tipo de bailes públicos en toda a provincia. A toma de Bilbao o 19 de Xuño do ano 1.937 é moi celebrada na cidade. Multitude de mindonienses percorren as rúas precedidos pola Banda de Música Pascual Veiga e nos días seguintes celébranse dúas verbenas na Plazuela de Oswaldo Codina que tamén son amenizadas pola Banda. A Capela de música pola festividade do Corpus no ano 1.937 canta na Catedral a Misa do mestre Réficet a tres voces mixtas, nos intermedios o organista Sr. Casares interpreta diversas composicións eucarísticas. A procesión que se celébra a continuación, acompañada pola banda de música Pascual Veiga, deténse diante dos altares colocados na porta da igrexa de Santiago e no Cristo dos Remedios interpretando a Capela de Música a catro voces o Ave Verum de Mozart e a tres voces O sacrum cum vivium, obra alemana do século XVI. As festas do San Cosme de Galgao do ano 1.939 son amenizadas pola Banda Municipal de Mondoñedo e polos gaiteiros de Zoñán, participando tamén algunha charanga.

A música en Mondoñedo

Curiosidades - VI O día 7 de Decembro do 1.939 o 3º Batallón do Rexemento da Infantería de Montaña nº 30 organíza uns festexos na honra da súa patrona, a Inmaculada Concepción, realizándose diversas actuacións. Canto Flamenco interpretado polo soldado Francisco Gavira, Tangos Arxentinos interpretados polo soldado Juan Figueroa, sendo acompañados os dous por Pascual Cigarrán coa guitarra. O grupo formado por Hermenegildo Fernández (gaita), José Niñeiro (acordeón), Fausto Gardón (tambor) acompañados por unha coral interpretan temas galegos e na parte de baile participan os soldados Casiano López e José Eiriz. En Decembro do 1.939 celébrase unha velada organizada pola xuventude masculina de Acción Católica en homenaxe ás forzas da Infantería destacadas na cidade, contando coa colaboración da Coral Mindoniense integrada por cincoenta voces dirixidas polo mestre Manuel Pérez Fanego e baixo a presidencia do Bispo de Mondoñedo. O gaiteiro e o tamborileiro de Zoñán son contratados para tocar tres días nas festas dos Remedios do ano 1.939, cobrando a cantidade de noventa pesetas pola súa actuación. A música dentro das igrexas nos anos corenta caracterízase pola presencia de violinistas de moita sona como Valentín da Maruxa, O Gaspar, O Pallarego e Pibardos. Os enterros dos anos corenta nalgunhas ocasións son acompañados por Angelito de Ríos co seu bombardino. O 18de Febreiro de 1.948 Felipe Bangueses Bande, ex-benedictino, é nomeado Mestre de Capela da Catedral, tomando posesión no mesmo día. No ano 1.952 fórmase unha nova coral que baixo o nome de Orfeón Alborada participa nun concurso rexional celebrado en Lugo acadando pola súa brilante actuación o segundo premio. No ano 1.955 fórmase unha schola cantorum no recéntemente inaugurado Instituto Laboral. A coral estaba a cargo das profesoras do centro Ángeles Alvarez Gago e Trinidad Valcarce Pestaña. Os alumnos son preparados no arte do solfexo, e despois pasan a formar parte da Coral. Pola festa de Sto Tomás de Aquino do 1.955 actúa o coro do Instituto e interpreta un variado repertorio, destacando unha peza do folclore da comarca. Uxío García Amor, presbítero da diócese e profesor do Seminario, acada a praza de Mestre de Capela da Catedral mindoniense, desempeñando o cargo ata o ano 1.971. Polos anos sesenta, cando chegan á Mondoñedo os primeiros magnetófonos, o electrónico e veciño de Mondoñedo Ángel Castañal reúne á Rondalla do Pallarego para efectuar unha grabación que despois será enviada ó Centro Galego de Bos Aires na Arxentina.

A música en Mondoñedo

Indice A música na Catedral A música Profana Roel del Río Ángel Custodio Santabaya O mestre Pacheco Pascual Veiga Orquestra da Catedral Xaime Cabot Bujosa Alborada Galega Os orfeóns mindonienses Orfeón Pacheco Orfeón Veiga (1.908) Orfeón Veiga (1.913) Coral Brisas del Masma Coral Mindoniense (1.939) Masa Coral de Educación y Descanso Orfeón da Sociedade de Obreiros Veladas literario-musicais Corais da V.O.T. Discografía na década dos setenta O Quiosco da Alameda Banda Municipal Banda de Sta. Mª Maior Nova Banda de Música Pascual Veiga Escola de música O Pallarego Banda de Cornetas e Tambores (1.938) Banda de Cornetas e Tambores (1.995) Comparsa Manca na Cheda Cuarteto de Cuerda Pepe Castañeda César González-Seco Valentín da Maruxa Eduardo Pernas Enrique das Danielas O Pallarego Antonio González Amieiro José Ruiz Tejero Agrupación músical O Eco Rondalla Os Veiga Rondalla Frente de Juventudes Os Trovadores Rondalla de Antígos Alumnos do Pallarego Grupos de música folk nos oitenta Grupo folk Nós Orquestras Manhatan e Ritmo Orquestra de Manolo Araújo Orquestra Melodías del Jazz Orquestra Royalty Orquestra Royalty-Melodías Grupo musical Los Caver Grupo musical Los Royal Grupo musical Bahía

Diglósicos & Porco Jones Lino Rico Miguel Lustres Os Veiga Os Pacheco Brisas do Masma Vallibria Val do Brea O Gaiteiro de Zoñán Pepe da Gaita Coruxeiras O Gaiteiro do Masma Augusto Insua José Antonio López O Gaiteiro das Casas Novas José Chao López Ramón Barreira Rivas Pablo do Neno Tomás Gruñeiro Ramiro Botana Manolo de Chao Torres do Vilar O Zulo O Tio Xosé de Xorxe Jesús Rubal José Rico, O Peto O Cego do Grove Celestino de Xastoso Santiago Doural Emilio López, O Turuta José Mª Gómez, O Praviano A Pachacha O Roso O Cego de Viloalle O Cego dos Muíños Muiñeira Popular Instrumentos tradicionais As Fías de Cesuras As Foliadas do Espiño As fías e o entroido de Zoñán Pandereteiras de Sta Mª Maior A música en Lindín Festa do Árbol Festa dos Maios Cantares da zona As procesións Curiosidades Índice Colaboracións Bibliografía e outras fontes

A música en Mondoñedo

Colaboracións Graciñas pola súa colaboración a: Mª Carmen Insua Antonio Canle Angelina Reigosa Hnas Amor Fillas de Enrique Iglesias Suso Sordo e Xosefa Méndez Basilio do Rato María Méndez Kike Teijeiro José Luís Fdez. "Keno" Jesús Rico Cándido Pérez José dos Castros Manuel Devesa David Loureiro Irma Neira Luis Rubal Daniel Rubal Rubén Leivas Antonio Caselas Cayetano Cabanas Mª Carmen Fdez Legaspi Amelia Vázquez Sergio e Vicente Fernández Monserrat Sánchez José Ruíz Leivas Manolo Montero Jesús Cigarrán Enrique Cal Pardo Magdalena dos Muíños Pedro Rivas Leonardo Pérez Juan López Torres

Jesús Chao Cabanela Antonio Mel Ramiro Botana Ramón García Nogueira Milagros Doural Ricardo Torres Alfonso Rodríguez Socorro Rubal José R. Rico Lino Rico Viuda do Praviano Celestino Chao Vda. de Emilio López Elba Candia Sabina Legide Mónica Barreira Trinidad García Toñita Seco Gonzalo García Fdez Fernando López Ramón Barreira Maruja Pernas Magdalena Domenech Alicia Tella Villamarín Rusé González-Redondo Carmiña Salgueiro Reigosa de Zoñán Jacinto Otero Daniel Lorenzo Victorino García L. Joaquín Salaberri Tarsicio Rico Fran, Ernesto e Ignacio (Diglósicos)

A música en Mondoñedo

Bibliografía e outras fontes de información Fontes consultadas: E. Lence Santar - El Santuario de los Remedios - Imprenta: César González-Seco, 1.909. E. Lence Santar - Del obispado - Tomos I, II y III (1911-1915). E. Lence Santar - Los gremios de Mondoñedo Enrique Cal Pardo - Estudios mindonienses - Tomo II (1986), Tomo IV (1988). Enrique Cal Pardo - La música de la Catedral de Mondoñedo - Alvarellos (1.996) Joam Trillo y Carlos Villanueva - Estudios mindonienses - Tomo IX (1993). Isidro Fdez. Villalba - Mondoñedo, regreso al pasado - Tomos I, II y III - Suc. de Mancebo Armando Requeixo - Etnografía mindoniense - Follas Novas. Armando Requeixo - Escritores mindonienses - Ensaio. Francisco Mayán - O Pallarego - Diputación Provincial de Lugo. Xe Freire - Mondoñedo - Editorial Everest S. A. Galicia Eterna - Tomo IV - Ediciones Nauta S.A. Xan de Masma - A besta - Galaxia. Noriega Varela - Do Ermo - Galaxia. Xosé de Cora e Xulio Pardo - Pascual Veiga - Xunta de Galicia. Rexistro Civil de Mondoñedo. Prensa consultada: Publicación de Acción Social Bisemanario Mondoñedo Semanario Vallibria Semanario Mondoñedo De todo un poco Diario Justicia La Voz de Mondoñedo La defensa El Progreso El Ideal Gallego

A música en Mondoñedo

Related Documents

En A
June 2020 1
A En
June 2020 3
En A
July 2020 1

More Documents from ""

April 2020 0
April 2020 0
April 2020 0
Os Meus Poemas
April 2020 3
20170717-proc-269-rrd.pdf
December 2019 28