1
Aire
1
2
PERSONAXES
ANDRÉS-
Camareiro poeta.
BARCIA-
Ex sindicalista
SITO-
Aprendiz
ESTEBAN-
Pensador frustrado.
MARIO-
Namorado reprimido.
DANI-
Fuxido.
2
3
ACTO I
(Hai un mostrador. Semella o mostrador dun bar, tras do que hai un camareiro que ben podería ser o camareiro dun bar. Diante do mostrador hai unha mesa con catro cadeiras. Sobre cada cadeira está sentado un xogador. Están a xogar unha partida de cartas. A partida remata e un deles conta os puntos.)
Esteban- (Contando) Corenta... cincuenta e un... cincuenta e catro... sesenta e catro... sesenta e catro... sesenta e catro... e sesenta e oito. Un para nós. Barcia- (A Mario) ¿Pero como non arrastras? Mario- ¿E para que? Barcia- Saca-los triunfos e domino eu o resto do xogo. Mario- ¿Seguro? Esteban- Ten razón Barcia. É o típico erro de non xogar en equipo, de cegarse có propio. Mario- Non me decatei. Barcia- Tes que centrarte un pouco. Isto podeche pasar en calquera outra cousa. Sito- Penso que está máis centrado na rapaza da gasolineira. (Mario fai un aceno de contrariedade) 3
4
Esteban- (Con interese) ¿Pasouche algo con ela? Mario- A semana pasada fun botarlle tódolos días mil pesetas de gasolina. Logo de te-lo depósito cheo fixen coma sempre e dediqueime a dar voltas para gasta-la gasolina e facer sitio para botarlle outras mil. Pero de alí a pouco o motor parou e non o puiden arrincar de novo. Téñoo no taller e levo tres días sen repostar. Por iso estou un pouco descentrado. Sito- ¿E por que non vas a por gasolina a pé, con garrafas? Mario- Xa o pensei, pero non che é o mesmo. Estar dentro do coche dáme seguridade. Non sería quen de ir andando. Sentiríame desprotexido. Barcia- (Sacando unhas chaves) Iso cóntase antes. Toma, vai botarlle gasolina ó meu coche. Mario- (Animándose) ¿De verdade? Barcia- ¿Para que estamos os amigos? E debiches dicilo antes. Mario- (Collendo as chaves) Se non vos importa seguir logo a partida, vou agora mesmo botarlle mil (agarda o asentimento dos demais).Gracias (érguese). Sito- ¿Por qué sempre lle botas mil? Botándolle cincocentas poderías ir máis veces, ¿non? Mario- (Marchando) Si, pero é que non quero darlle unha mala impresión (vaise). Andrés- (Dende o seu posto de camareiro recita) O amor... estraña partida contra ninguén... solitario entre dous. 4
5
(O comentario non provoca ningunha reacción entre os xogadores) Barcia- Podemos xogar un subastado mentres non ben. Esteban- Mellor agardamos. Somos catro, non tres. Sito- Si, e mentres podemos falar. Esteban- Xa falamos onte. Non é bo falar tódolos días. Sito- ¿Por qué? Esteban- Poderiamos esgota-los recursos. É mellor dosificar. Xa o di o libro: "A vida é longa. Non queiras vivila toda o primeiro día" (sinala mentres fala o libro que ten enriba da mesa). Ata a décima vez que o lin non me decatei da importancia desta frase. Sempre aprendo algo novo. Sito- ¿E nunca pensas ler outro libro? Esteban- Non hai necesidade. É máis, iso sería un erro moi grave. Aquí está toda a sabedoría que necesito. Eu vou evolucionando e él evoluciona comigo, por iso cada vez que o leo é como se lera un libro novo, pero cos mesmos principios básicos. Só cambian matices. Sito- Pero ó mellor poderías atopar cousas interesantes noutros. Barcia- Mira Sito. Unha vez nunha manifestación contra a OTAN, coñecín a un tipo que tiña lido todo o que se escribira sobre o comunismo e agora é xerente dunha multinacional. A moita información satura. Iso é así. Se tes unha idea clara é mellor non darlle voltas, faime caso. Sito- ¿E se non a tes clara?
5
6
Barcia- A experiencia. É importante a experiencia real. Aprendín máis levando paos dos grises que con tódolos libros do mundo... (Esteban mírao bruscamente)... agás con este. Esteban- É unha aprendizaxe diferente. A experiencia non é o que se vive, senón o que se aprende co que se vive, e sobre todo co que se pensa. Sito- ¿Tamén pon iso no libro? Esteban- Si. Sito- ¿E a acción? ¿Que pasa coa acción? Barcia- Cada cousa ten o seu momento e o momento xa foi. Agora non hai necesidade de acción. Antes había outro espírito... ti non o entendes... xa te darás conta. Ademais, dixemos que hoxe non tocaba falar... (Entra Mario. Dálle as chaves a Barcia. O seu rostro non mellorou.) Barcia- ¿Que? ¿Que tal? Mario- Non lembraba que esta semana está a turno de mañá. Barcia- Mañá déixocho pola mañá. Veña, quedan poucas horas. Mario- Vale. (Abatido) E que xa se me fai moito sen falar con ela. (Senta e lembra) "Bos días. ¿Canto lle boto? Gracias". ¿Sabedes o que me dixo o outro día?: "Ten as luces prendidas". Xa sei que parece unha parvada, pero a min deume un brinco o corazón. Cando mo dixo sorriu, e eu devolvinlle o sorriso. Esteban- Pero ti non lle dixeches nada, ¿non?
6
7
Mario- Non, claro que non. Eu nunca lle digo nada. Só lle digo "Mil". Non quero que pense que quero algo. Sito- ¿E non queres nada? Mario- Non. Por suposto que non. Quero que siga todo así. Barcia- E fas ben. ¿Para que vas cambiar cando estás ben como estás? Custa moito chegar a algo como para apostar a todo ou nada. Esteban- A ambición é a que case sempre incita ós cambios. Sito- ¿E os soños? Esteban- Os soños hai que disfrutalos como tales. Como soños. Os soños son como as pompas de xabón. Moita xente comete o erro de intentar atrapalos en vez de dedicarse a contempla-la súa beleza. E o resultado é evidente. Sito- Pero hai xente que consigue realiza-los seus soños. Esteban- Pero cando o conseguen decátanse de que a verdadeira ilusión do soño consistía en imaxinalo. O rozamento da realidade fai que sexa imposible disfrutalo dende dentro. Están demasiado ocupados en que non se vaia. Barcia- ¿Que? ¿Seguimos coa partida ou que? ¿Non quedamos que hoxe non tocaba falar? Sito- Podemos poñe-los soños como tema para outro día. ¿Que vos parece? Mario- Aínda temos pendente o amor. Sito- Do amor xa falamos dúas veces. 7
8
Mario- Pero a min quedáronme algunhas dúbidas por aclarar. Sito- De acordo. Pero despois tócalle ós soños. ¿vale? Barcia- (Poñéndolle a baralla diante) Corta. (Sito faino). Imos empatados a sete. Céntrate Mario. (Reparte as cartas) Andrés- Dentro da caixa xira a buxaina.......a caixa pechada e a corda de andaina. Barcia- (Sen miralo) ¿Que dis, Andrés? Andrés- Nada. Barcia- ¿Queres poesía, Andrés? (Erguese, achégase a el e recítalle moi de preto, asoballándoo) Eu pídolle ó camareiro.... que me poña un ribeiro.... pero como se chama Andrés.... pídolle que poña outros tres. (Rin todos a gracia. Achégase Esteban) Esteban- E como Andrés é poeta... con cada ribeiro unha croqueta. (Rin. O turno cólleo Mario. Do mesmo xeito que os outros) Mario- E para que teña máis inspiración.... a min unha tapa de roxóns. (Máis gargalladas. Sito achégase a Andrés amigablemente) Sito- Tranquilo Andrés non te cabrees... e pon para todos percebes. (Risas. Escóitanse catro risas e un silencio) (Escuro)
8
9
ACTO II
(As catro cadeiras están postas do revés enriba da mesa, como nun bar antes de abrir. Andrés báixaas e colócaas no seu sitio. Catro cadeiras.) (Entra Sito) Sito- Ola Andrés. Chego de primeiro hoxe. (Andrés mira pero non di nada). ¿Non estarás aínda amolado? O de onte foi só unha chanza. Non o tomes a peito. (Andrés non contesta ó momento. Segue ó seu. Faise unha pausa) Andrés- Aínda estás a tempo. Sito- ¿A tempo de que? Andrés- De escapar da caixa. De trocar de xogo. Sito- Non sei que queres dicir. (Pausa) Andrés- ¿Por que ves aquí? Sito- ¿Por que veño aquí? Vaia pregunta. Atópome a gusto. Estou cos meus amigos... e aprendo moito deles. Atopei unha xente que sabe de que van as cousas e iso non é fácil. Por aí fóra o único que hai é superficialidade.... ¿por que me preguntas iso? Andrés- Aínda estás a tempo. As túas preguntas aínda semellan buscar respostas. Sito- ¿Que dis? Tódalas preguntas buscan respostas. 9
10
Andrés- Moitas preguntas agardan respostas, non as buscan. Sito- Non che entendo. ¿Non é o mesmo unha cousa ca outra? Andrés- Non.... aínda estás a tempo. (Marcha cara ó seu sitio tra- lo mostrador. Entran Barcia e Esteban. Sentan nas súas cadeiras) Barcia- (Con leve aire de reproche). Chegaches de primeiro hoxe, Sito. Sito- Si. Quería pedirlle perdón a Andrés. Barcia- ¿Pedirlle perdón? Sito- Si. Polo de onte. Pareceulle mal que nos ríramos del. Barcia- (Un pouco brusco) ¿E por iso chegaches antes? Sito- Si... igual debín agardar por vosoutros e desculparnos todos, pero quixen aproveita-lo tempo. ¿Non vos parece mal, non? Barcia- Non debeches pedirlle perdón. Sito- ¿Por que non? El sentiuse ofendido. Barcia- Por iso. Sito- ¿Por iso? Esteban- Mira... Andrés síntese poeta. E nós non debemos defraudalo. Sito- Pero rímonos del. ¿Iso non é defraudalo? Esteban- Ó contrario. Necesita sensacións frustrantes como inspiración. A tristura, o desengano, a amargura e tódolos sentimentos negativos son os que desencadean a creación poética. Por iso de vez en cando hai que motivalo para que se sinta realizado. ¿Daste conta? 10
11
Sito- Si, claro. É curioso como funcionan ás veces as cousas... Barcia- Por iso antes de tomar unha iniciativa é mellor asesorarse. Pode ser peor o remedio que a enfermidade. Sito- É verdade. Síntoo. Barcia- Non pasa nada. Ben, hoxe toca dominó (disponse para o xogo) Esteban- Dominó. Hai que xuntar para formar un camiño. Sito- Falta Mario. Barcia- Foi no meu coche á gasolineira. Debe estar a chegar. (Barcia vai colocando as fichas. Esteban saca o seu libro e ponse a ler.) Sito- (Sen poder resisti-la tentación) ¿Deixarasme un día botarlle unha ollada ó libro? (Barcia e Esteban deixan as súas respectivas actividades e cruzan as súas miradas) Barcia- (Tentando non ser demasiado agresivo) Coido que deberías ter claro a estas alturas o que se debe facer e o que non. As cousas non poden estar máis claras. Sito- Si, pero eu... Barcia- Ti dixeches que querías estar aquí para escoitar e aprender, ¿non? Sito- Si... Barcia- (Prendéndose pouco a pouco) ¿E por que queres agora abarcar un campo que non che pertence? ¿É que non estás contento coa túa personalidade? ¿Ou pretendes rompe-lo equilibrio do conxunto? ¿Viches 11
12
que algunha vez Esteban falara das súas experiencias pasadas? Non, porque ese é o meu terreo. ¿Escoitáchesme falar a min algunha vez falar dos meus sentimentos? Non, porque ese é o terreo de Mario. Tes que ter ben metido isto na cabeza, porque se non o equilibrio torna en caos. Como aí fora. Todo se mestura, ninguén sabe quen é ninguén porque todo se mestura. ¿Non o entendes? Esteban- Non te alporices, Barcia. Precísase tempo para madurar. (A Sito). Debemos aportar saberes diferentes porque así todos aprendemos de todos. Podemos discrepar, preguntar, a ata non crer algunhas cousas, pero en canto queiramos ocupa-lo espacio de aportación dos demais estaremos a toma-lo camiño da confusión e este camiño leva directamente á destrucción. ¿E ti non queres iso, non? Sito- Non... non.... claro que non. Tendes que perdoar. Eu non era consciente do que estaba a dicir. Non o pensei sequera. Non mo teñades en conta. Esteban- Veña, esquezamos isto. Ou mellor dito, non o esquezamos e xoguemos ó dominó. Hai que xuntar. (Entra Mario e dalle as chaves a Barcia) Mario- Gracias Barcia. Hoxe toca dominó. (Nótase ledo). Mañá xa teño o meu coche. É mellor. No meu xa teño controlada a distancia dende o tapón do depósito ata o surtidor e hoxe co teu quedei un pouco separado e tiven medo de que non chegara a mangueira. 12
13
Barcia- ¿Pero chegou? Mario- Si, pero por pouco. Pasei un apuro... xa vos podedes imaxinar... que situación máis embarazosa... Esteban- Dende logo... Barcia- No sindicato había un tipo que unha vez foi a uns grandes almacéns e non se lle abriron as portas automáticas da entrada. Estivo a piques de chocar con elas. Tivo a sorte de que lle deu tempo a frear. Podía facer un ridículo destes que marcan. Mario- Iso si que é forte. Barcia- Pero iso non foi todo. Outro día, o mesmo tipo, ó baixar do autobús tropezou, e case cae. Mario- Pobre home, se chega a caer... Barcia- E o autobús ía cheo de xente. Vaia panorama que o agardaba. Risas e máis risas. Mario- Meu Deus... Esteban- Hai que tentar evitar a toda costa as situacións de ridículo. Poden crear traumas importantes, salvo que queiras facer poesía. Sito- ¿E como se evitan esas situacións? Esteban- Prevendo os imprevistos. Sito- ¿E como se pode prever algo que non se sabe que vai pasar? Esteban- Analizando as posibilidades e fuxindo dos riscos elimínanse a meirande parte dos imprevistos, e os restantes soen ser froito da falta de 13
14
concentración, de ter a mente posta fora do que nos atinxe. Mario correu un risco ó ir cun coche distinto á gasolineira. O tipo do sindicato non contou coa posibilidade de que as portas automáticas non se abriran e en canto ó episodio do autobús, é un claro exemplo de falla de concentración. O tema dos tropezóns é típico en mentes dispersas. (Sinala o libro) Analizar, asegurar e concentrarse. E case imposible que falle deste xeito a prevención. Mario- (Un pouco asustado) Hoxe arrisquei ó levar un coche distinto ó meu. Pero tiña que facelo. Precisaba vela. ¿Paga a pena ou non? Ó final saíume ben. Barcia- Pero non xogues coa sorte. Os que xogan con lume rematan queimados. Pode que unha vez non pase nada. Pero aí está a trampa. Conforme un cre que non pasa nada medran as posibilidades de todo o contrario. Iso é o que leva ó ridículo e a situacións aínda peores. Dalgunhas non se pode saír nunca. Sito- ¿Por exemplo? Esteban- (Poñendo con forza a ficha de dominó na mesa) Pecho. (Escuro)
14
15
ACTO III
(Andrés está a colocar as cadeiras. Catro cadeiras.) Andrés- A noite tra-la noite xira.... na escura ruleta do día... A noite tra-la noite agarda... a escura ruleta descansa... (Repíteo unha e outra vez ata que entra Barcia). Barcia- Os dados. (Senta na súa cadeira. Andrés leva os dados á mesa. Van entrando respectivamente Mario, Esteban e Sito. Séntanse nas súas cadeiras e sen mediar palabra comeza o xogo. Tan só se escoita o ruído do cubilete contra a mesa e o son dos dados espallándose por ela. Os turnos sucédense unha e outra vez. Semellan unha pefecta máquina de rutina cando algo interrompe a monotonía. Entra Dani. A máquina cesa de funcionar e as pezas cravan as súas miradas no recen chegado. O silencio poderíase tocar). Dani- Seguide, seguide. (Con sorna) Non rompáde-la harmonía pola miña culpa. Non é a miña intención alterar un momento tan profundo. Barcia- (Agrio) ¿Qué ves facer aquí? Dani- Tranquilo, estou de paso. Non puiden resisti-la tentación de entrar. Tiña a esperanza de que algo cambiara pero xa vexo que todo segue igual. Agás que a miña cadeira xa ten un novo ocupante. Mario- Non é a túa cadeira. Trocámola por outra.
15
16
Dani- Xa o entendo. Hai que borrar calquera signo de malas vibracións. Non fora ser que a cadeira transmitira ideas subversivas ó dono do cu que sentara nela. Barcia- Non es ben recibido. Así que fai o favor de marchar. Dani- Non te preocupes. Non penso quedar aquí. (Máis serio) Só respirar este aire estancado faime doer o corpo por dentro. Barcia- Pois xa sabes o que tes que facer. Vai respirar outro aire. Dani- Dende logo que si. Pero antes vouvos dicir como me vai. Mario- Non nos interesa. Dani- Vaia Mario, que contundencia. Estás aprendendo moito. (A todos) Xa sei que non vos interesa, pero a min si me interesa dicilo e o ides escoitar queirades ou non. A non ser que uséde-la violencia. ¿Que dis, Esteban? ¿Neste caso sería lícito emprega-la violencia? ¿Que pon o libro sobre este caso? Barcia- (Erguéndose ameazante) ¿Queres saber o que opino eu? Esteban- (Tranquilizando a Barcia) Veña, di o que queiras lixeiro e logo vaite e non volvas nunca máis. ¿Dacordo? Dani- Ti sempre tan xusto. Dacordo. Vouvos contar como me vai. (Tómase unha pausa e pasea mentres fala) Ás veces vaime ben, ás veces vaime mal, algunhas veces río e outras veces choro. Algunhas veces fago plans que máis tarde saen mal e en troques outras atópome con sorpresas agradables coas que non contaba. Un día pola mañá espertei cunha boa idea. Eu 16
17
pensaba que era unha boa idea. Pero cando a quixen por en práctica dinme conta de que estaba trabucado e cambieina por outra que me deu mellor resultado. Tomo decisións axeitadas e noutras trabúcome. Deixoume unha noiva e agora volto estar namorado. Así é como me vai. Estou triste cando estou triste, estou ledo cando estou ledo, estou vivo sempre. Así é como me vai. Esteban- ¿Remátache? Dani- Si, rematei. Esteban- Pois agora marcha. Dani- Si, marcho... marcho. Pero aquí quedan flotando as miñas palabras. Daríame por satisfeito se conseguise polo menos que serviran para mover unha soa molécula deste aire estancado... aquí quedan de tódolos xeitos. Barcia- Xa abriremos unha fiestra para que marchen tamén. Dani- ¿Abrir unha fiestra? Non coido que o fagades. Podería entrar o vento. Podería entrar un vento tolo e fresco que vos espertase. Esteban- Marchar e non retornar nunca máis. Ese era o trato. ¿non? Dani- (Con aceno de decepción) Si, ese era o trato, Esteban, ese era o trato. Non vos preocupedes. Esta vez si que o cumprirei. Adeus. (Da media volta e vaise). Sito- (De súpeto) ¿Que nos espertara de que? Dani- (Volvendo sorprendido) ¿Eh? Sito- O vento. ¿De que nos tiña que espertar? 17
18
Dani- (Sorrindo) Vaia, vaia. ¿Así que o meu sucesor aínda busca respostas? Barcia- (Erguéndose) Abonda xa. Vaite. Dani- Aínda estás a tempo. Aínda estás a tempo. (Agora son tamén Mario e Esteban os que se erguen e os tres miran a Dani desafiantes) Dani- Voume, voume. Agora si que é lícito emprega-la violencia. ¡Que ninguén lle sopre ó castelo! Adeus. (Dani marchou. Os outros vanse sentando pouco a pouco. Ninguén fala. Comezan de novo a xogar ós dados. Despois de dubidalo moito Sito atrévese a falar.) Sito- ¿Quen era? Dixo que estivera aquí antes que min. Mario- E estivo. Sito- ¿E por que se foi? Esteban- Quixo atrapar pompas de xabón. Mario- E mira agora como lle vai. El mesmo recoñeceo. Pobre, de certo xeito dame lástima. Barcia- El buscouno. Tiña todo e arriscou. Perdeuno todo pola súa culpa. E por riba rompeu o trato e volveu. Non é digno de mágoa. Mario- Tes razón. Merece todo o que lle está a pasar... Barcia- O único positivo é que nos permite ver o que pasa cando se rompen as normas. ¿Dáste conta, Sito? Sito- Si... penso que si. 18
19
Esteban- ¿Pensas? ¿É que non o ves claro? Sito- Si, si. Era un xeito de falar. Xoguemos, xoguemos. Hoxe debíamos centrarnos nos dados, ¿non? Os dados esixen control pola importancia que teñen as pequenas decisións para ir trocando o azar que aparentemente domina, pero seguindo as pautas correctas pódese modificar. ¿Non é así? Esteban- (Compracido). Si, si, así é. Noraboa. Ás veces parece que che custa pero pouco a pouco vaste integrando mellor. Te-lo obxectivo de aprender e iso nótase porque escoitas e así é; o que escoita, se ten interese, remata sabendo. Sito- Gracias. (Collendo confianza) ¿E cal será o meu campo de aportación? Esteban- (Sorrí). Non teñas presa. Deixa primeiro que caian os dados antes de decidi-la xogada. E lembra sempre que se un dado cae fora a xogada é nula. Non te ocupes en saber que figura sae nel. ¿Entendes? Sito- Si. (Dalle a volta ó cubilete e os dados espállanse pola mesa) (Escuro)
19
20
ACTO IV
(Andrés está a colocar as cadeiras. Catro cadeiras. Pon unha botella de licor e catro vasos enriba da mesa. Os demais van chegando e sentándose nos seus lugares) Esteban- Cando queiras, Andrés. (Andrés saca un papel e ponse a ler. Mentraste dura a lectura os outros van bebendo vaso tras vaso, vaso tras vaso.) Andrés- (Lendo de xeito cerimonial) Nun oculto caixón da mente, por misterioso procedemento, vanse depositando as partes de nós que non somos quen de controlar conscientemente. Ideas absurdas, soños imposibles, ilusións inútiles, perigosas inquedanzas, sentimentos abrasivos, lembranzas punzantes, feridas sen cicatriz, rutas sen rumbo, espellismos cegadores e labirintos sen saída vanse apousentando no fondo do caixón agardando un burato polo que fuxir a outros compartimentos e sembrar ó seu paso falsas luces e falsas sombras. Non se pode impedir esta inquietante sedimentación, pero si evita-los seus efectos contaminantes. Do mesmo xeito que limpamos periodicamente o noso exterior, debemos face-lo mesmo co interior. Temos que valeira-lo caixón. Provocar unha explosión controlada coas portas abertas que permita o avance da onda expansiva cara fóra para que o caixón quede limpo e inofensivo. 20
21
O alcohol é a ferramenta axeitada para este xogo. El ábrenos o caixón cando chega, déixanos mirar nel e saca-lo que queiramos mentras nos acompaña e cando marcha péchao e lévase a chave. Beber para quita-lo lixo. Beber para saca-la basoira fóra. Beber para mata-lo monstro. Un monstro letal nas profundidades pero que ó contacto co aire morre. Beber e esquecer. Esquecer todo o que vexamos nos caixóns dos demais e no noso propio. Esquecer para sempre, porque as verbas empapadas en alcohol que xurdan hoxe mañá non existirán. Non existirán porque non existiron nunca, mais que nese rincón que a natureza creou por erro e que nós correximos en pos do equilibrio, a estabilidade e a razón. (Seguen a beber. Os movimentos fanse cada vez máis torpes. Os ritmos semellan alterados con respecto á normalidade. Beben vaso tras vaso. Vaso tras vaso.) Mario- (De súpeto) Quéroa... quéroa para min... bicala... bicala nos beizos. Pasear con ela... pasear con ela e de súpeto deterse... mirarse... e bicala... e despois seguir paseando collidos da man... ou mellor abrazados. ¡Deus!... quéroa comigo... quero bicala...
(Bebe). Voulle dicir: "tía, ti es a
gasolina que preciso para que ande o meu corazón". ¿Que vos parece? Esteban- Que vai caer rendida ós teus pes en canto lle soltes iso. Mario- ¿De verdade?
21
22
Esteban- (Despois dunha pausa). Non. (Rin todos. Beben todos. Esteban segue a falar. Está visiblemente bébedo.) As mulleres son todas a mesma. Semellan moi sensibles, semellan que todo as impresiona e conmóveas pero canto máis as vas coñecendo máis te decatas de que o teñen todo calculado. Toda esa aparente fraxilidade non é máis que para facernos crer que nós sómo-los fortes, cando a realidade é totalmente a contraria. (Bebe e lembra). O día que me deixou Laura vin nos seus ollos unha frialdade que daba medo. Parecía imposible que foran os mesmos ollos que en outro tempo choraban de emoción cando eu lle dicía que a quería ou choraban de tristura cando lle dicía que non. Sito- ¿Que non que? Esteban- Que non a quería. Sito- ¿Pero a querías ou non a querías? Esteban- Con toda a alma. Pero me din conta demasiado tarde. Cando estaba con ela dubidaba e cando cheguei a estar totalmente seguro ela xa estaba namorada dese músico cabrón que pretende arranxa-lo mundo coas súas cancións. Barcia- (Con desprezo) ¿Cantautor? Esteban- Cantamañáns, diría eu... (Sorrí con amargura) Unha guitarra e unha pila de cancións estúpidas foron dabondo para metérselle na cabeza a Laura. Mario- ¿E só se lle meteu na cabeza ou tamén noutros sitios? (Rin) 22
23
Esteban- (Alporizado) Iso non ten gracia. Aínda me doe ¿sabes?... aínda me doe. Barcia- Os cantautores son os peores. Van de comprometidos e logo véndense á primeira multinacional que pasa. Un dos que máis me criticou cando deixei o partido era cantautor. Acusoume de aburguesarme, de deixarme atrapar polo sistema, de renunciar á loita, de sucumbir perante o capitalismo e de todas esas lerias e agora saca discos de cancións de amor. ¡Cancións de amor! Nin unha soa fala do que el tanto defendía. Nin unha soa... (Bebe)... claro que iso non lle quita razón no que me dixo... Mario- (Noutra onda) Quero facerlle o amor. Quero que sexa a primeira. A primeira é a única. "Nena, ven comigo que che vou ensinar o que é unha mangueira" (Acompaña a frase con expresivos acenos) Sito- A min nunca se me deu a música. Pero gañei dous premios de debuxo no Instituto. Os mestres dicían que o meu futuro era pintar. Os meus pais tamén, pero non cadros... ¡Paredes! ... eran máis rentables. Ó final rematei por non pintar nada... en ningures. Mario- ¿Queres casar comigo "mon amour"? (Achegándolle os beizos a Mario) Esteban- Un día vouna chamar.(Fai que fala por teléfono). "Laura... Laura... cambiei... Laura... xa non vou facerte sufrir... xa sei deixarme levar... Laura... xa sei voar, Laura...
23
24
xa non teño medo a vivir... é verdade... non teño medo... quero fuxir disto, Laura...quero fuxir e non podo... non podo fuxir eu só, Laura... non... eu só non podo... son débil, Laura... os muros son moi fortes e eu son débil... (Con ebria determinación)... está ben, Laura... fareino...fareino eu só... fareino Laura... xúrocho. (Colga o suposto teléfono). (Convencido) Fareino. (Érguese). Vencerei o medo e marcharei cara ó vento. Mario- (Na súa película) Boneca, ¿Seica non queres vivir aventuras fascinantes co xinete enmascarado? Eu ensinareite a vivir ó límite, nena. (Xestualizando ó xinete enmascarado. Tararea unha canción de película de aventuras.) Sito- (Apoiando a idea). Eu pintareiche o anagrama na capa, Mario. Necesitas un símbolo para que os malos tremen nada máis recoñecelo cando te achegues. Barcia- (Seriamente integrado). E unha causa. O xinete enmascarado necesita unha causa. Debe loitar contra os fascistas encubertos que aínda nos rodean disfrazados de demócratas. Esteban- (Erguendo o vaso) ¡Vivan o xinete enmascarado e as súas apaixoantes aventuras! Todos- ¡Vivan!
24
25
(Todos a unha, coma se dous mosqueteiros se tratase, xuntan as súas copas e brindan coa enerxía dos que empezan con ilusión unha nova aventura. Cantan. A canción ten curiosamente a melodía de "my way" e a letra vai xurdindo con imaxinativa improvisación:) "Xa sei que atoparei moitos atrancos no camiño, tamén coñecerei flor de paixón, calor e frío. Moi ben, a que esperar para embarcarme no meu destino. O vento soprará .... ó meu xeito. Quero sentir xente soñar, Velos rir, oílos cantar. Que sexa así conseguireino....ó meu xeito" Mario- ¡Canta Andrés! ¡Canta connosco! (Andrés non fai caso. Seguen todos a entoar con berros a melodía do "xinete enmascarado" mentres todo vai tornándose...)
(Escuro)
25
26
ACTO V
(Barcia, Esteban e Mario durmen espallados polo local) Andrés- Apostando a perder... sempre a mesma dirección... pasa perante o anden... a carreira de vagóns... Un tras outro fan de tren... de estación en estación... Apostando a perder... na carreira de vagóns. (Mario esperta. Desperézase e toma contacto coa realidade) Mario- Vou botar gasolina. Dilles que logo veño, Andrés. (Andrés coloca un taboleiro de xadrez sobre a mesa e vai colocando as pezas unha por unha. Cando remata, e case simultaneamente, Barcia e Esteban espertan e sen mediar palabra comezan a xogar) (Sucédense as xogadas) Barcia- (A Andrés pero sen miralo) ¿Onde vai Sito? Andrés- Mario foi botar gasolina. Barcia- Iso xa o supoñía. ¿E onde vai Sito? Andrés- Non sei. Ergueuse e marchou. Barcia- ¿E non che dixo onde ía? Andrés- Non. Barcia- ¿E ti non lle preguntaches? Andrés- Non. Barcia- ¿Por que? (Andrés non resposta. Barcia segue dirixíndose mentras xoga.) 26
27
Barcia- ¿Non me oíches, Andrés? ¿Por que non lle preguntaches onde ía? Andrés- Non sei. Barcia- ¿Como que non o sabes? Ti viches como marchaba. Podías facerlle a pregunta ou non. E ti optaches por non facela. ¿Tomaches unha decisión e dis que non sabes porqué? Andrés, estasme a dicir que entre dúas posibilidades que tiñas elexiches unha sen saber por que? Andrés, Andrés, cada día es máis inconsciente, Andrés... ¿verdade Andrés? Andrés- Si. Andrés- Aparte de estúpido, inconsciente. ¿Non si? (Andrés cala) ¿Non si? Andrés- Si. Barcia- Es un pobre imbécil, Andrés. Un pobre imbécil, estúpido, miserable e inconsciente poeta de merda. ¿Non é así, Andrés? ¿Non é así? ¿Non es unha merda, Andrés? Andrés- Si. Barcia- Pois repite comigo: Son unha merda igual que os meus poemas. ¡Veña Andrés! ¡Repite! ¡Veña! Esteban- Vale xa. Barcia- Estouno motivando. Non quererás que teña que saír por aí a buscar inspiración. Esteban- Claro que non. Pero hai que motivalo en doses pequenas. Hai que deixar marxe para apertar pouco a pouco. Ás veces é mellor facerlle unha 27
28
pequena humillación, para que logo vaia medrando dentro da súa cabeza en vez de tentar apurala ó máximo dende fora. É máis eficaz a sutileza para que el lle de voltas que a saturación, porque ó darlle todo feito pode crear escudos e a humillación perde forza. Ás veces fáltache tacto. Barcia- Non sei, non sei. Non sei se non haberá mellores resultados co ataque directo. Polo menos nalgúns casos... Esteban- Só como derradeiro recurso para unha situación límite. Barcia- Con Mario funcionou. Esteban- Porque estaba a piques de perderse. ¿Non te lembras que estada decidido a declararse á rapaza da gasolineira? Non quedaba outro remedio que poñerlle as cousas claras. Barcia- E puxémosllas. E de que xeito. Esteban- E non volveu ter unha recaída. Pero o caso de Andrés é distinto. Andrés xa ten claro cal é o seu sitio. Só hai que facilitarlle as sensacións para manterlle o espírito atormentado e que poida seguir dedicándose ós seus versos. Non debemos atacalo de máis, porque podería bloquearse, e por suposto tampouco debemos tratalo sempre ben porque senón afundiríamos por completo a súa vocación. Barcia- (Asinte. Pausa) ¿E Sito? Esteban- ¿Que pasa con Sito?
28
29
Barcia- Non o vexo asentado. Pregunta demasiado e ás veces semella ter ideas que poden chegar a ser perigosas. Esteban- É normal. Aínda está verde. Pero esfórzase por aprender. Tamén a nós costounos chegar onde chegamos. ¿Non lembras os principios? Barcia- Claro que me lembro. Foi duro aprender a vivir. Pero coa perspectiva do tempo daste conta de que pagou a pena... se non fora polo caixón... Esteban- Xaque. (Movendo con seguridade unha peza) Barcia- (Analizando a situación do taboleiro) ¿Xaque Mate? Esteban- Non. Pero case. Só tes un movimento. Barcia- Non o vexo. (Buscando) (Entra Mario) Mario- Hola. (Sorrí). Cortou o pelo. Cortou o pelo e puxo mechas roxas. Esteban- ¿Quédalle ben? Mario- Claro que si. Como é o primeiro día que a vexo así pareceume un pouco rara, pero xa me acostumarei. Nunha semana xa me afago á nova imaxe. ¡Que susto! De lonxe non a coñecía. Ben, a verdade e que sí que a coñecía pero metinme un pouco a min mesmo para levar logo unha sorpresa. (Volve a sorrir) ¿Que? ¿Como vai a partida?
29
30
Barcia- ¡Aquí! Aquí está. Non me decataba do cabalo. (Move). Ás veces despístame o cabalo. As demais pezas móvense de xeito lóxico, pero o movemento do cabalo paréceme rebuscado. Nin horizontal, nin vertical, nin diagonal... non sei... unha cousa rara. E como se fora sempre dobrando esquinas. Mario- E brincando por riba dos demais. Nin sequera a raíña pode copialos seus movementos. Pode facer todos menos os do cabalo. Esteban- Porque é un animal. E representa iso, a parte irracional, que non segue pautas razoadas nin coherentes. A raíña simboliza a liberdade total dentro da racionalidade. Pode tomar calquera camiño por longo que sexa. Pero ata ese camiño ten límites. O límite físico é a dimensión do taboleiro, e o límite ético é a fronteira que separa o humano do salvaxe. (Cómelle o cabalo coa raíña. Mira o cabalo e tírao na caixa das pezas mortas.) Mario- ¿Onde vai Sito? Barcia- Pregúntalle a Andrés. Mario- Andrés, ¿onde vai Sito? Andrés- Non sei. Mario- Non sabe. Barcia- E nós tampouco. Mario- Que raro, ¿non? ¿onde pode estar? Pode que este enfermo. Barcia- Agardemos que sexa algo así, porque xa está tardando de máis.
30
31
Esteban- Tranquilos. Seguro que hai unha boa razón. Non empecedes a desconfiar. É signo de inseguridade. Barcia- Iso mesmo dixeches o primeiro día que faltou Dani. Esteban- Non é o mesmo caso. Sabes que non é o mesmo caso. Barcia- Non é o mesmo caso pero ti dixeche-las mesmas frases. Mario- É verdade. Iso non é casualidade. Dixeche-lo mesmo. Pobre Sito. Semellaba que aprendía rápido. Barcia- Eu xa lle notaba moitas dúbidas. Esteban- ¡Queredes calar! ¿Non vos dades conta de que estades a saltar por riba da orde do tempo? Estades a deixarvos levar por unha hipótese. Estades a cometer un dos erros máis terribles. Estades a imaxinar unha parte do futuro. Estades a deixarvos levar por unha suposición. É verdade que usei as mesmas frases que cando se foi Dani, e iso pode querer dicir algo, tedes razón. Pero deixade vir o que veña. Non anticipedes as vosas mentes. Mario- Eu coidaba que había que preve-los imprevistos. Barcia- ... analiza-las posibilidades. Esteban- Iso é cando sabes máis ou menos o que pode pasar. Aquí non temos ningunha referencia. Mario- ¿Queres dicir que non podemos facer nada? Iso é horrible. Esteban- Ata que chegue Sito non. 31
32
Barcia- Non témo-lo control. Pendemos das circunstancias. Esteban - (Movendo unha peza) Xaque Mate. (Nese intre chega Sito) Sito- ¡Ola! (Ledo. Trae algo envolto nun papel. Os outros o miran expectantes, sen dicir nada.) Xa veredes... (Comeza a desenvolve-lo paquete ata que descubre o contido: un cadro. Ensina o cadro ós demais.) Xa levaba moito tempo sen pintar pero... ¿Que vos parece?
(Escuro)
32
33
ACTO VI
(Andrés está a coloca-las cadeiras. Tres cadeiras.) (Ponse a limpar. Barcia, Esteban e Mario van chegando e póñense tamén a limpar. Limpan a mesa, as cadeiras, o chan, o mostrador, o aire...) Barcia- (Logo dun intre) Unha vez nunha asemblea o candidato leunos o discurso que preparara para o fin de campaña das eleccións. Cando rematou, puxémonos en pé e aplaudimos sen parar durante cinco minutos ou máis. Era unha especie de éxtase. Coma se o que acabábamos de escoitar fora o único e inamovible sentido das cousas, a revolución pefecta, o camiño do Paraíso. Tantos séculos buscando a verdade e alí estaba, no discurso do candidato. Que trabucados estábamos. E moitos ségueno estando. Venerábamos utopías, aplaudíamos soños inxenuos, aclamábamos proxectos de cambios estúpidos. Porque alí, no papel do discurso do candidato estaban tódalas nosas frustracións. Queríamos que o mundo cambiara en vez de aprender a vivir no que xa había. Parecíanos que así rematarían as nosas dificultades, pero o erro estaba en nós. (pausa). Pode que nun intre concreto todo iso tivera unha razón de ser, pero non podo entender como hai estúpidos que seguen sen evolucionar. Eu non me arrepinto de aquelo, pero a sabedoría dáme o dereito de chamarlles estúpidos. Daquela aprendín unha parte, colaborei en todo o que podía 33
34
colaborar, molleime en tódolos charcos, pero sería de estúpidos pasa-la vida así ¿non? (pausa). Agora si que sei a verdade, e non ten nada que ver co discurso do candidato. Co estúpido discurso do candidato. Co estúpido discurso do estúpido candidato. ¿Non é así? ¿Eh? ¿Non é así? (Pausa). As experiencias. As experiencias que me ensinaron a non querer ter máis experiencias. Que ben estamos agora ¿non? (Seguen a limpar) Mario- Dende logo. Eu antes era moi inseguro. Sufría moito por todo. Nunca sabía si facía ben ou mal. Metía a pata e logo remordíame a conciencia. Claro, non tiña nada claro e trabucábame unha vez tras outra. ¿Non vos lembrades cando lle quixen falar á rapaza da gasolineira?. Pois así era eu sempre antes. Irreflexivo total. Gracias a vos non seguín metendo a pata. Só imaxinarme o que pasaría se lle chego a falar... dáme arrepíos... pero non o imaxino. Nunca o imaxino. (pausa) (Seguen a limpar) Esteban- Libros de aventuras, libros de amor, libros de misterio, libros de contos, libros de teatro... A algúns pequenos danlle libros que lles meten estraños paxaros na cabeza que os fan querer se-lo que non son. Costa moito atopa-lo que realmente axuda a vivir a propia vida, e cando por fin o tes non podes renunciar a el por nada... por nada. (Seguen a limpar) 34
35
Andrés- Mortos nas caixas valeiras... mortos espidos de bágoas... mortos cubertos de terra... mortos flotando na auga. (Ningún dos tres dirixe a súa mirada a Andrés. Ningún dos tres di nada.) (Seguen a limpar) (Entra Sito. Mírano. Deixan de limpar e mírano sen movérense.) Sito- Non digades nada. Por favor, non digades nada. Deixádeme falar a min. (Pausa). Cando entrei aquí por primeira vez atopábame perdido. Non sabía o que quería nin que camiño tomar. Todo o que atopaba semellaba baleiro e sen sentido. De vos aprendín case todo o que sei. Aprendín a distinguir entre o auténtico e o falso, entre o verdadeiro e o ilusorio, entre o superficial e o realmente necesario e sobre todo aprendín a ser, simplemente a ser, sen artificios nin caretas, fuxindo dos cebos que de cotío nos pon a existencia e disfrutando de cada minuto , saboreando a esencia, pero... pero o outro día, despois de mirar no caixón... non puiden pechalo. Unha absurda ilusión de rapaz volveu cravarse en min e non fun capaz de arrincala. Unha estraña forza fixo que me puxera a pintar coma un tolo. Coidaba que cando rematara o cadro a forza cesaría, eu ensinaríavolo, colgaríamolo aquí e todo seguiría o seu curso con normalidade. Pero non, esa forza maligna non marchou, se non que polo contrario meteu en min o desexo de seguir pintando máis cadros e , o que e peor, o desexo de mostrarllos á xente, de expresarme por eles, de transmitirlle sensacións a todo o mundo, de dedicarme a iso, de dedica-la 35
36
miña vida a pintar... xa vedes... tratei de reprimila pero non podía sacar de min esa especie de posesión diabólica... xúrovos que o intentei. Intentei e intento freala, pero é imposible... perdín... perdín a partida. Tiña que vir despedirme. Só quero dicirvos que vos admiro. Que oxalá eu fora coma vos e que limpedes todo a conciencia como estades a facer, porque sei que apesto, e que nin un só centímetro cadrado deste cuarto merece que quede nin rastro da miña lembranza...... adeus. (Marcha) (Seguen a limpar. Ninguén di nada.) (Despois dun tempo, Mario estoupa) Mario- Teño medo. Barcia- Cala e segue a limpar. Mario- Teño medo de esa forza misteriosa. Barcia- ¿Queres calar? (Alporizado e ameazante) Mario- (Berrando) ¡É que teño medo! ¡Teño medo de que esperte "iso" dentro de min! ¡Teño medo! Barcia- ¿E que pensas? ¿Qué eu non teño medo? (Berrando igualmente) (Pausa) Mario- ¿Ti? Barcia- Si, eu. Eu tamén teño medo. Teño medo de recaer. De que volvan á miña mente as ideas de antes. Claro que teño medo. Mario- ¡Deus! ¿Que nos está a pasar? Esteban, algo está a pasar. Teño medo... e Barcia tamén... (Pausa)... ¿E ti?
36
37
Esteban- Limpade, limpade rápido, limpade todo. Borrade o pasado. Borrade o pasado e marchará con el o medo ó futuro. (Limpa coma un tolo mentraste Barcia e Mario observan). Limpade, limpade... O medo ven de atrás. Dos erros pasados. Non respiredes este aire. Pechade os poros. Mañá todo seguirá igual que sempre. Non ten por que haber cambios. Para sempre, para sempre, para sempre igual, sen medo, sen medo. Nada nos vai cambiar. Temo-lo camiño, veña. Limpade, ¡Limpade! (Segue a limpar desesperado) Barcia- Ti tamén tes medo. ¿Non é así? Esteban- (Parando) Non lle des máis voltas. ¿Queres derrubar todo o que nos custou tanto construír? Barcia- Cando Dani marchou nada se desestabilizou. Mais ben ó contrario, deunos seguridade. ¿Que é o que pasa agora? Quero que nos digas que pon o libro para resolver esta situación. ¿Que pon ese maldito libro? ¿Que pon ese maldito libro deste medo que temos todos? (Cólleo polo peito) ¿Vas dicirnos que pon ese maldito libro? (Tra-lo violento momento, sóltao e di máis sosegado) Necesitamos un consello para non perder. Por favor, dinos que pon o libro para isto. (Pausa. Esteban, despois dun intre de dúbida colle o libro, mírao, ábreo, volve a pechalo e deixao enriba da mesa.) Esteban- Aí o tedes. (Marcha)
37
38
(Barcia e Mario fican sen saber que facer. Miran o libro sen decidirse a collelo. Por fin, Barcia da o paso. Colle o libro. Mario ponse á súa beira. Barcia abre o libro e os dous miran nel.) (Escuro)
38
39
ACTO VII
(Andrés está a colocar as cadeiras. Unha cadeira.) Andrés- Un dos vermes pasou a ser bolboreta antes que os demais. Podía voar onde quixera. Xa non tiña que arrastrarse. Podía voar. Pero a nova bolboreta non estaba leda. Sentía morriña da terra. Sentía morriña de verme. Quería seguir sendo verme. Dubidou, pero non tardou moito en tomar unha decisión: arrincou as súas ás de cores e caeu de novo ó chan. Xa era de novo un verme. Quixo a natureza que fora xusto nese intre cando os demais vermes pasarán a converterse en bolboretas. Voaron lonxe, e na terra quedou, arrastrándose, a bolboreta sen ás. Feliz bolboreta sen ás. (Entra Sito. Colle a baralla, senta na cadeira e ponse a facer un solitario. Está lonxe de alí. Semella non estar en ningures. O tempo pasa. O silencio permanece.) (Entra Esteban. Sito ergue un segundo a cabeza e logo segue có solitario. Esteban pasea pola estancia. Observa, lembra. O tempo pasa. O silencio permanece.) Sito- (Sen mirar) ¿Por que? Esteban- (Pausa) O caixón. Sito- (Segue a xogar) ¿Mario? 39
40
Esteban- Coa rapaza da gasolineira. Van casar. Sito- (Segue a xogar) ¿Barcia? Esteban- Política. Vai nas listas das municipais. Sito- (Segue a xogar) ¿E ti? Esteban- (Pausa) Leo libros. Sito- (Segue a xogar) Perdestes. (Silencio) (Bota a derradeira carta do solitario) Gañei. Esteban- ¿Fíxeches trampa? Sito- Claro. Non ía deixar que o azar decidise a sorte da partida. (Pausa) Esteban- ¿Enganáchenos? Sito- Pódese estar preparado para repeler ataques, pero é máis difícil superar unha despedida arrepentida. Sabía que nin a fráxil seguridade de Mario nin as incoherentes conviccións de Barcia o superarían. O que me sorprendeu foi que ti caeras dun xeito tan fácil. Sabía da túa loita interna pero tiñas o apoio do libro para non derrubarte tan axiña. Coidaba que sería máis difícil pero o certo é que gañei. Esteban- Non era un xogo de competición. Era un xogo de equipo. Sito- Certo. Pero pensabades que eu non estaba preparado e eu tiña que demostrarvos que erades vos os que podiades fracasar. "O que escoita remata sabendo", iso foi o que me dixeches. E tiñas razón. E pode rematar sabendo máis que os que o ensinaron. Pobres. 40
41
Creastes unha teoría pefecta pero non fostes quen de levala á práctica. Sodes demasiado febles para manexar un castelo tan grande. Non sodes quen de domina-los sentimentos. E iso é básico. En fin, o castelo é meu... pero sempre teredes unha porta aberta se queredes comezar dende abaixo... Supoño que agora xa podo le-lo libro. (Mírao ironicamente). ¿Non si?... ¿Onde está o libro? Esteban- ¡Andrés! (Andrés ven có libro. Entrégallo a Sito) Sito- (Vai abrilo e detense. Diríxese a Esteban). Xa podes marchar. Xa non formas parte disto. Vai perderte entre os ilusos. (Esteban vaise) (Faise de novo o silencio. Sito colle o libro e ábreo. Pasa unha páxina. Fai un aceno estraño. Pasa outra páxina, e outra, e outra , e outra...) Andrés- Non busques. Non hai nada que buscar porque non hai nada que atopar. (Pausa) Sito- (Tira o libro ó chan con rabia) O importante é o que está escrito en min. Andrés- O importante é o que nunca se escribirá de ti. (Pausa) Sito- ¿Quen es ti, Andrés? (Míranse) Andrés- Un espectador. 41
42
(Pausa) Sito- ¿E eu? ¿Quen son eu? (Pausa) Andrés- Nada. Non eres nada. (Andrés marcha cara ó seu lugar, detrás do que podería ser un mostrador. Sito colle a baralla e volve xogar ó solitario. A luz vaise apagando moi, moi, moi, lentamente. Igual que algunhas vidas.)
FIN
42