Epica

  • December 2019
  • PDF

This document was uploaded by user and they confirmed that they have the permission to share it. If you are author or own the copyright of this book, please report to us by using this DMCA report form. Report DMCA


Overview

Download & View Epica as PDF for free.

More details

  • Words: 4,200
  • Pages: 10
A ÉPICA LATINA: VIRXILIO I.

INTRODUCIÓN

1. Características xerais do xénero épico. A épica é unha narración heroica en verso e constitúe unha das primeiras manifestacións literarias dunha civilización. No poema épico trátanse as fazañas dun heroe, individual ou colectivo, baseándose nunha serie de materiais reais ou lendarios que conforman o legado de tradicións orais dun pobo. A misión da poesía épica consiste en lembrar tales acontecementos expoñendo unha acción en todas as súas fases, con todos os caracteres que realzan a súa grandeza, con todas as complicacións e aventuras que se derivan da acción do heroe. Representa, polo tanto, unha narración de carácter obxectivo e a súa finalidade esencial tense definido como a persecución da honra a través do risco1. Ese mundo irreal amósasenos como independente do propio poeta gracias a que é cantado segundo un ritmo regular, un recitado mecánico e segundo a uniformidade da palabra. Toda a poesía narrativa oral posúe trazos comúns e a épica oral presenta unha elevada proporción de analoxías aínda en pobos moi diferentes entre si: as circunstancias básicas de composición e difusión oral entre un auditorio popular tenden a producir idénticos resultados en calquera sitio onde se producen. 2. Clases de poemas épicos. Podemos distinguir na poesía épica dúas categorías: a narración épica primitiva ou épica heroica e o poema épico propiamente dito ou épica culta.

2.1.

1

A primeira fórmana aqueles poemas dirixidos a unha audiencia popular, compostos, en liñas xerais, de xeito oral e que eran recitados a modo de salmodia, frecuentemente con algún acompañamento musical. Neles reflectíase o mundo dun pobo particular e tiña primordialmente un fin de carácter mimético. Neste sentido todas as epopeas primitivas ofrécennos unha imaxe dun espírito nacional, reflectido na vida doméstica, nos costumes e relacións sociais, na guerra e na paz, etc. O heroe, como representante de toda unha civilización e de todo un pobo, constituía o arquetipo a imitar. A épica mellor coñecida de moitos pobos sitúa a narración nunha idade heroica, probablemente moi remota. A esta primeira categoría de poemas épicos pertencen os antigos poemas épicos orientais, como o Gilgamés asiriobabilónico, o Mahàbhàrata e o Ramayana indios e a Ilíada e a Odisea homéricas en Grecia, constituíndo estes dous últimos o punto de arranque da nosa tradición épica.

.Bowra, Heroic Poetry, Londres, 1952, páx. 5.

2.2.

A épica culta, ao contrario que a heroica, é obra de elevada meditación, de profundo estudio e, aínda que comparte algunhas características coa poesía heroica, poucos son, en cambio, os trazos estilísticos comúns. A diferencia esencial entre a poesía culta e a heroica non se sitúa tanto na parte do autor ou do tema, senón que hai que buscala máis ben no que se refire ao público e á tradición literaria na que os poetas se atopan mergullados. O poema épico propiamente dito é obra dun autor individual, consciente das súas intencións e dos recursos da súa arte e que, ademais, inventa o tema. Coa a épica culta a epopea convertese de oral en escrita, de tradicional en culta, de colectiva en individual. A esta segunda categoría pertence o poema épico por excelencia: A Eneida de Virxilio.

II.

ÉPICA PRIMITIVA Xa que non podemos constatar a existencia de poemas épicos á semellanza da Ilíada e da Odisea, os mesmos autores romanos falan, en certas ocasións, de poemas dedicados a salientar as fazañas dos seus antepasados: serían as antigas laudationes a persoas ilustres. Constatamos tamén a existencia dos antigos carmina conuiualia, cantados nos banquetes ao son da música e que se caracterizaban pola alternancia e mestura de historia e lenda. No caso romano atopamos imitación, adaptación, reelaboración, xa que todo o literario estaba creado xa polos gregos.Os romanos preferiron a épica, tipo de historia, propia de pobos guerreiros e conquistadores. Con este afervoamento épico harmonízase perfectamente a afección historiográfica. Épica e historiografía son as dúas vertentes dunha mesma liña que leva a eloxiar o pasado de Roma, amante de conservar o mos maiorum. Por outra banda a exaltación dun período heroico no que Roma puxera en xogo o seu destino fronte a Cartago, axudounos a concibir unha materia case heroica, e, tamén, contemporánea e tratala cun sentimento de patriotismo autoritario. 1. Livio Andronico (s. III a.C.). A literatura latina ábrese practicamente cunha tradución da Odisea de Homero (c. 240 a.C.). Livio Andronico quixo difundir en Roma esta obra no tradicional verso saturnio. Constitúe a primeira mostra de tradución poética, salvando problemas importantes como o da adaptación do hexámetro grego ao saturnio latino. Poucos son os fragmentos que se nos conservan, pero deles infírese que Livio traduce a obra grega dándolle unha marca peculiar. O carácter romano da Odisea de Andronico afírmase na reelaboración do texto, na importancia concedida ao que impresionaba aos latinos; ás xenealoxías, á humanización, etc.

Departamento de latín - 2 -

2. Nevio (270? –200?). Escolle para a súa epopea o Bellum Poenicum, obra de vellez e escrita no verso saturnio, un tema nacional e contemporáneo, a primeira guerra púnica, na que el participara nas ringleiras do exército romano. A este tema engadíaselle a lenda de Eneas: chegada de Eneas ao Lacio, a tempestade, etc. O Bellum Poenicum non tiña divisións en libros, era aínda unha especie de carmen conuiuale. É posible que Nevio utilizara fontes históricas (Q. Fabio Píctor, ...), pero o mérito indiscutible de Nevio é o de ter iniciado un novo tipo de épica, fundamento dunha tradición que se vai manter ate o final de Antigüidade. 3. Ennio (239-169) Ennio ensaiou nos seus Annales a adaptación da épica á lingua latina e deixou abertos os carreiros polos que camiñaría a épica posterior en Roma. Aplícase a un tipo de épica histórica e consegue asimilar a historia de Roma a perfecta obra dos gregos. O s Annales de Ennio son unha réplica aos Annales Maximi e á Ilíada de Homero e esta conxunción vai establecer os principios da épica futura. O poema cantaba en 18 libros (a penas chegaron ate nos 628 versos, moitos deles fragmentarios) a historia de Roma desde a súa fundación ate a época do autor. Para isto remóntase ás orixes troianas de Roma. Un dos maiores esforzos que tiveron que afrontar os primeiros escritores latinos foi o de poñer en marcha unha lingua literaria latina, e nesta obra de Ennio, unha lingua épica. Ademais Ennio vai substituír o saturnio polo hexámetro adoptado dos modelos gregos, avance crucial na evolución da poesía latina. O s Annales convertéronse na epopea nacional dos romanos e continuaron a selo ata que Virxilio creou a súa Eneida, froito dun novo espírito histórico e artístico. III.

A ÉPICA CLÁSICA.

1. O clasicismo da época de Augusto. O período entre o comezo de Virxilio e a morte de Ovidio foi unha época de extraordinaria creatividade literaria, sen precedentes en Roma. Probablemente ningún outro medio século na historia do mundo presenciou a publicación nunha soa cidade de tantas obras mestras incuestionables. Virxilio, Horacio e Ovidio elevaron ao seu punto máis alto os xéneros poéticos maiores: a épica, a lírica, a elexía, a pastoril, a didáctica, a sátira. Na prosa sobrevive en parte unha empresa monumental, a historia de Livio Ab Urbe Condita, para manter os canons

Departamento de latín - 3 -

ciceronianos na historiografía fronte a influencia de Salustio e para deixar unha pegada permanente na tradición. Despois da eliminación do último rival de Octaviano en Accio no 31 a.C. , o mundo romano entrou nun período de paz e prosperidade. Naturalmente o autor destas fazañas esperaba que os seus logros se reflectisen na literatura contemporánea. No seu amigo Mecenas, Augusto puido pedir a axuda a un intermediario, que podería representar o prototipo de protector literario. Creouse un equilibrio entre os refinamentos dos círculos aristocráticos e os gustos literarios do público: a arte tendía a converterse nun negocio de estado. Os autores non son prisioneiros dos seus protectores. O seu helenismo non é un disfrace aristocrático, senón un conxunto de calidades integradas no seu xenio e posta ao servizo dun ideal romano. Virxilio e Horacio son modernos: toman por primeiros mestres a Catulo e aos do seu grupo. Non só lle agradecen que crease unha lingua poética lixeira e variada, chea de cor e inspiración, e que desenvolvese ate o extremo todos os recursos da arte, senón que aceptan, ata nos adornos, os seus xogos antitéticos. Aínda que nun principio rexeitan aos vellos autores, aprovéitanse dos antigos na medida na que exaltan o nacionalismo romano. Ademais seguiron aos grandes clásicos de Grecia (Homero, Hesíodo, Alceo, Safo, Arquíloco): aprenden deles a súa grande sinxeleza, a sobria perfección e a exactitude nas proporcións. 2. VIRXILIO. Naceu Publius Vergilius Maro o 15 de outubro do 70 a.C. na aldea ou comarca de Andes, cerca de Mantua. Criouse nun ambiente modesto; recibiu en Cremona as primeiras leccións e despois de vestir a toga viril ao cumprir os 15 anos, emprendeu o estudio da retórica, primeiro en Milán e despois en Roma. Introduciuse no círculo do epicúreo Sirón en Nápoles a quen se refire varias veces Cicerón con recoñecemento. Nos tempos que corrían a casa de campo de Sirón serviu de refuxio á familia de Virxilio. No ano 41 a.C. expropiáronse terras na Traspadana para recompensar aos veteranos que venceran en Filipos (soldados de Marco Antonio e Augusto), véndose afectadas as propiedades paternas. Gracias a intervención dun amigo (Asinio Polión) logrou unha indemnización. Polos anos 42-39 naceron as Bucólicas, que cimentaron a fama poética de Virxilio: ata se recitaron no teatro. Para a súa segunda obra as Xeórxicas, Virxilio recibira alento de Mecenas, co que mantiña unha estreita relación. O poeta traballou sete anos. Pouco despois de terminar as Xeórxicas comezou Virxilio a súa obra suprema, a Eneida, a nova epopea do pobo romano. Augusto foi un dos seus alentadores. Ao cabo de once anos a obra chegaba a súa madureza, pero Virxilio non se sentía satisfeito. decidiu marchar a Grecia e Asia Menor coa intención de dar a última man ao seu poema nos lugares onde se localizaba a lenda de Eneas. Víctima da febre na cidade de Mégara, empeora o seu estado na viaxe de volta. Morreu en Brindis, poucos días despois de desembarcar, o 21 de setembro do 19

Departamento de latín - 4 -

a.C.. Desde o seu leito de morte pediu que se lle dese o orixinal da Eneida para queimalo, pero non se lle fixo caso. As Bucólicas (c. 41-39) amosan por vez primeira a Virxilio no cumio da súa arte. A poesía bucólica é unha creación do grego siciliano Teócrito, que viviu baixo Hierón II de Siracusa na época da primeira guerra púnica (264-241 a.C). Teócrito chamaba ás súas composicións eidylia, “pequenos esbozos”, que tiñan moito que ver cos mimos, só que as súas figuras son case sempre pastores sicilianos. Teócrito escribe ademais no dialecto dórico da súa patria. O título de Eclogae que as dez composicións levan nos manuscritos, designa a cada unha delas. Ao aplicarse Virxilio á poesía pastoril tentaba engadir á literatura romana ao genus Theocriteum. Pero xa nas súas primeiras composicións, as que máis se achegan a Teócrito, transfórmanse nas súas mans en algo distinto. Merece especial atención lembrar a égloga IV : á idade de ferro séguelle unha nova idade de ouro e anúnciase a chegada dun neno divino que ha de vir ao mundo neste “ano da salvación” do consulado de Polión. Xa a Antigüidade tratou de atopar nesta poesía un sentido misterioso: a antiga Igrexa interpretou mesianicamente esta poesía polas resonancias de Isaías e que pertencen aos elementos helenístico-xudeus das profecías das sibilas. Coas Xeórxicas pasa Virxilio ao mundo exterior, isto é, da Arcadia da súa poesía á Italia do seu tempo. É un poema sobre o traballo e a vida do campesiño romano tal como se vira noutro tempo: vir colendi peritus. Na vida do campesiño capta a esencia da vida do home en xeral; o traballo agrícola é aos seus ollos a raíz e o símbolo da cultura. A materia distribúese en catro partes, cada unha delas integra un libro: cultivo da terra, cultivo de árbores e da vide, cría de gando e apicultura. Virxilio puido atopar en Hesíodo (s. VIII a.C.) e na súa obra Os traballos e os días fonte de inspiración para plasmar a decadencia dunha idade de ouro noutra de ferro, a dureza do traballo como condición do benestar, a desaparición da xustiza e, con isto, consellos técnicos para o labrego e sentencias de todo tipo. A ENEIDA Adoita admitirse que Virxilio manifestou, máis dunha vez, a súa intención de escribir unha obra como A Eneida. Nas Xeórxicas2 fala dunha obra arquitectónica de limpa estrutura na honra de Augusto. Pero Virxilio mudou de parecer: a súa independencia de carácter e o convencemento de que o mito sería un material máis axeitado á poesía que a historia contemporánea, levárono a cambiar de protagonista e a adoptar a Eneas, antepasado do emperador, que tería, pois, unha orixe divina 3.

Xeórxicas, III, 12-36. . Eneas era fillo de Anquises e Venus. A lenda daba a Roma cartas de nobreza, xa que remontaba as súas orixes ata os deuses, xa que Rómulo era descendente de Eneas, e a gens Iulia pretendía decender de Xulia, filla do heroe troiano. Dita lenda inspirou con frecuencia aos artistas romanos (frescos e mosaicos). 2 3

Departamento de latín - 5 -

Os datos que posuímos indícannos que dedicou entre cinco e seis anos á procura e recompilación de materiais e algo menos á composición. Tras a morte do poeta (19 a.C.) os seus amigos publicárona como quedara, cos seus cincuenta e oito versos incompletos e unha serie de incongruencias, quitándolle, pola contra, catro versos do principio, que con toda probabilidade son do poeta. Sábese que compoñía primeiro en prosa, despois escribía un grande número de versos pola mañá, que reducía considerablemente pola tarde, cunha incansable labor de lima, ata que quedasen nuns poucos. Parece ser que terminou primeiro os libros II, IV e VI. A expectación pola aparición da obra era enorme: o mesmo Augusto pedía insistentemente desde Hispania a Virxilio que lle mandase algo do que tiña composto. Contido, fontes e intencións do poema. A Eneida emprega para o seu comezo o procedemento in medias res: tras os primeiros versos, que resumen o poema, atopámonos coa acción directa, unha tormenta no mar que leva aos enéadas ás costas de Cartago, onde os acolle a raíña que lle pide a Eneas que relate a súa aventura. A narración de Eneas abarca os dous libros seguintes: no II conta os últimos días e a última noite de Troia e no III a viaxe desde Troia. O libro IV trata da estancia de Eneas en Cartago e da súa marcha, deixando abandonada a raíña Dido. No Libro V descríbensenos uns xogos deportivos na honra do seu pai, Anquises, morto xa hai ano. No libro VI teñen lugar dous acontecementos importantes: a chegada dos troianos ás costas de Italia e o descenso de Eneas aos infernos, acompañado da Sibila, primeiro, e de seu pai despois, quen lle amosa aos romanos, que aínda están por nacer, os seus descendentes. Na segunda parte cóntasenos o asentamento dos enéadas en Italia. No libro VII chegan a desembocadura do Tíber. Prodúcense de seguido os primeiros incidentes, que conducirán a unha guerra desexada pola deusa Xuno para acabar cos troianos. No VIII Eneas remonta o Tíber para buscar alianzas. Ofrécella Evandro (rei asentado no lugar da futura Roma) co seu fillo Palante e cen cabaleiros. Venus entrega a Eneas un escudo fabricado por Vulcano, onde está cicelado a grandeza futura de Roma. No IX ten lugar, na ausencia de Eneas, o ataque o campamento troiano, despois dos intentos de pedir axuda atravesando as liñas inimigas. Situación crítica dos troianos no X, contencioso entre Venus e Xuno ante Xúpiter, volta de Eneas e catálogo de aliados que trae con el e que entran de seguido no combate. Asistimos no canto XI á batalla na chaira de Laurente e á morte de Camila, que obriga a Turno, rei dos rútulos, a cambiar de estratexia. No XII aproveita Turno que Eneas foi ferido para causar un grande estrago entre os troianos. Curado o troiano, reta a un combate singular a Turno, quen sucumbe na loita. Virxilio utiliza unha cantidade inxente de material. A lenda de Eneas era moi coñecida, pero el introduce outros temas de autores gregos, como Hesíodo e Sófocles, e, como non, de Homero, e autores latinos, como Nevio, Ennio, os analistas, Varrón e Catón. A intención que ten Virxilio cando se refire á obra que proxecta é de carácter eminentemente político: apoiar ideoloxicamente o réxime autoritario de Augusto e axudalo na súa tarefa de reconstrución nacional, pero o seu temperamento non podía sufrir subordinar o produto literario a unha finalidade allea a el. O certo é que Eneas é

Departamento de latín - 6 -

un heroe moi distinto dos homéricos, un heroe moi á medida dos desexos de Augusto, obediente e cumpridor do seu deber. Forma da Eneida Pódese distinguir na Eneida entre unha macroestrutura e unha microestrutura. Enténdese pola primeira a unión entre os diversos cantos ou libros, a súa disposición xeral. Existen varias interpretacións ao respecto: habería uns primeiros libros que se corresponderían coa Odisea e os demais (VII – XII) coa Ilíada. Tense observado tamén unha estrutura en tres bloques en relación co coprotagonista: no primeiro (libros I-IV) sería Dido; no segundo (libros V-VIII) habería varios, con Eneas como punto central; no terceiro (libros IX-XII) o protagonismo sería de Turno. Na microestrutura entrarían os dous planos da acción, o divino e o humano, as secuencias retrospectivas e prospectivas, a alternancia dos diversos escenarios, etc. Lingua e estilo da Eneida. O estilo épico virxiliano é tamén en boa parte o resultado dunha asimilación de elementos tradicionais. A súa lingua está marcada por numerosos homerismos e ennianismos. Os recursos propios da expresión poética dos antigos, e especialmente dos latinos, tales como repeticións fónicas ou verbais de todo tipo, orde de palabras conformando determinadas simetrías, tropos, etc., forman parte loxicamente da poesía de Virxilio. O poeta tivo que harmonizar convenientemente os múltiples e diversos ingredientes tradicionais que aceptaba no seu discurso e filtrounos a través da súa persoal sensibilidade. Un profundo sentido de equilibrio impregna por todas partes a expresión virxiliana. Isto é resultado da súa múltiple herdanza literaria, que el houbo necesariamente de harmonizar, e, por outra, do seu xenuíno temperamento conciliador. A herdanza de Homero, Apolonio e Calímaco está contrarrestada coa herdanza de Nevio, Ennio, Lucrecio e Catulo. O legado de Homero e Ennio, conxuntamente, tería que equilibrarse co bloque formado por Apolonio, Calímaco e o epilio neotérico. O grego e o romano, a solemnidade heroica da gran epopea, coas súas accións de implicación comunitaria, e o mundo máis íntimo e sentimental do epilio. Estes ingredientes son os que fan posible a mesura e equilibrio do estilo virxiliano da Eneida. Virxilio é grande en parte porque os aspectos da súa arte converxen e se funden tan ben, que é moi difícil estudalos por separado. Por conseguinte a súa lingua, metro, ritmo e estilo de expresión están tan fundidos nun todo que non se fan notar individualmente4.

4

. W.F. Jackson Knight, Roman Vergil, Hardmondsworth, 1966, páx.225. Departamento de latín - 7 -

IV.

A EPOPEA LATINA DESPOIS DE VIRXILIO.

1. Lucano Vai ser un hispano, M. Anneo Lucano (39-65 d.C.), quen tivo a honra de emprender con éxito literario o novo camiño da epopea histórica: o Bellum ciuile ou De bello ciuili, chamada comunmente Farsalia a partir da interpretación errónea dun verso 5 . Lucano comeza a Farsalia aproximadamente cando tiña vinte anos e como consecuencia da súa morte queda interrompidamente a metade do libro X. O argumento é a narración da guerra civil entre César e Pompeio. A obra comeza co paso do Rubicón (49 a.C.) e conclúe coa batalla de Farsalia e a fuxida e morte de Pompeio en Exipto. A orde da narración correspóndese co desenvolvemento cronolóxico dos feitos e neste sentido mantén relación co vello modelo dos Annales. O poema de Lucano é un canto ao pasado e a propaganda das ideas estoico-políticas eran unha especie de oposición ao réxime imperante (Nerón). Lucano remóntase a personaxes antigos que interviñeron directamente na guerra civil para levar a cabo a súa crítica. Coa súa actitude intenta repudiar unha guerra que deu orixe ao Imperio, rexeitando ao mesmo tempo o réxime no que vive: se a Eneida soporta a glorificación do Imperio romano, Lucano vai combater as orixes do nacemento do novo réxime. Lucano serviuse como fonte principal, incluso desde o punto de vista estilístico, de Tito Livio. Ademais extrae novas de carácter etnográfico, xeográfico, etc, das Quaestiones Naturales de Séneca, dos escritos de Posidonio e Nigidio Figulo. Tampouco debe esquecerse a influencia de Ovidio, Virxilio e Horacio. Lucano, conectando con Nevio, introduce a historia recente no xénero épico. Esta característica era xa criticada incluso na antigüidade, onde chegou a ser excluído do rango dos poetas 6. Esta concepción poética da épica facía do poema de Lucano unha obra verdadeiramente revolucionaria desde o punto de vista literario cara a posterioridade ao romper inexorablemente coa participación divina. 2. A épica na corte dos Flavios: Valerio Flaco, Silio Itálico, Estacio. C. Valerio Flaco (¿?-90?) remontouse de novo á lenda grega, escollendo un tema que xa fora tratado repetidamente por gregos e romanos: o mito dos Argonautas. Comeza a súa obra A Argonaútica (dedicada a Vespasiano) aproximadamente no ano 70 e queda interrompidamente no libro VIII (v. 467), faltando polo tanto o regreso dos Argonautas e a traizón de Xasón. O argumento era a famosa lenda de Medea e Xasón, cantada anteriormente polo alexandrino Apolonio de Rodas. Existía para Valerio Flaco unha correspondencia importante entre a expedición de Eneas e a dos Argonautas, aínda que se mantiña unha diferencia singular: mentres a Eneida tiña un significado . Pharsalia nostra / uiuet, et a nullo tenebris damnabimur aeuo. (IX, 985-6). . Servio afirma que Lucanus ideo in numero poetarum esse non meruit quia uidetur historiam composuisse, non poema (Ad Virg. En. I, 382). 5 6

Departamento de latín - 8 -

nacional e nela estaba inmersa a mesma historia de Roma, non ocorría o mesmo na Argonaútica. Valerio Flaco foi considerado na súa época como un grande poeta, recibindo a admiración de Quintiliano. Silio Itálico (25-101) escribe nos últimos anos de Domiciano os 17 libros dos seus Punica. Elixira como argumento non as guerras púnicas no seu sentido máis amplo, senón a máis dramática dentro delas, isto é, a segunda ou guerra contra Haníbal, que ofrecía certas conexións coa Eneida. No poema todos os feitos son tratados con uniformidade. Non existía un heroe, un protagonista arredor do que xirase o interese do traballo: nin o era Haníbal, xa que era unha obra dirixida aos romanos, nin o era Escipión o Africano, xa que existen outros personaxes que cooperan na grandeza de Roma. Silio Itálico segue na súa obra o relato de Tito Livio, que constituía a súa fonte principal, enriquecéndoa con obras selectas sobre a antigüidade. A materia histórica está sistematicamente cicelada de episodios míticos similares aos do repertorio virxiliano: para Silio Itálico como para Virxilio os deuses divídense en dous campos: Xuno a prol de Haníbal e os cartaxineses, Venus na defensa dos romanos. Papirio Estacio (40? – 96) é o autor do poema épico titulado a Tebaida, composta en doce libros, ao igual que a Eneida, e na que traballou doce anos consecutivos. Foi o seu propósito narrar a lendaria guerra dos Sete contra Tebas, tratándoa con amplitude. O poema está dividido, á semellanza da Eneida, en dúas partes de igual dimensión. N a Aquileida tentou Estacio resucitar a lenda do gran Aquiles desde as súas orixes máis remotas co obxectivo de ilustrar toda a vida do heroe. A pesar de estar inacabada, o que se conserva ofrece a impresión de ser superior á Tebaida. 3. Situación da épica latina no Baixo Imperio. Despois de Estacio a épica latina volta a facer acto de presencia na literatura latina a finais do século IV d.C. de mans de Claudiano (307? – 404?), orixinario de Alexandría e poeta pagan. Escribiu unha epopea contemporánea titulada De Bello Getico e non chegou a terminar unha epopea mitolóxica en tres libros De raptu Proserpinae. Claudiano resulta un poeta épico de grande soltura, herdeiro de Virxilio, Lucano e Estacio. A linguaxe e a técnica son manifestamente puros e clásicos. En África, a finais do século V d.C., volvemos a atopar mostras de poemas épicos. Draconcio, cartaxinés, vai compoñer unhas epopeas mitolóxicas, que aparecen a carón doutros poemas nos seus Romulea. Entre outros cabe citar O rapto de Helena ou Medea. Tamén pode inscribirse dentro da épica o seu Orestis Tragoedia.

Departamento de latín - 9 -

BIBLIOGRAFÍA BAYET, J., Literatura Latina. Barcelona, 1972. BICKEL, E., Historia de la Literatura Romana. Madrid, 1982. BIELER, L., Historia de la Literatura Romana. Madrid, 1985. FLORES SANTAMARÍA. P., “La épica”. Estudios Clásicos, 81-82, páx. 261 ss. KENNEY-CLAUSEN (eds.)., Historia de la Literatura Clásica.II. Madrid, 1989. MARTÍN DE RIQUER – VALVERDE, J.M., Historia de la Literatura Universal. I. Barcelona, 1984. VARIOS, “Poesía didáctica y epopeya”. Lengua Latina. UNED, Madrid, 1987, páx. 509 e ss. non últimos anos de Domiciano

Departamento de latín - 10 -

Related Documents

Epica
December 2019 8
Epica Omerica
October 2019 6