Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é galega polo menos desde 1973. Exerce profesionalmente como profesora de Didáctica das Ciencias e Educación Ambiental na Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolve unha intensa actividade cultural colaborando en diversas revistas literarias e foros científicos. Desde un profundo compromiso coa cultura e a lingua galegas participa tamén en diferentes espazos asociativos. Pero o seu principal campo de intervención social é a literatura.
PREMIO LAZARILLO 1999
No campo da narrativa, é autora de numerosos libros de relatos e novelas. Con A compañía clandestina da contrapublicidade acadou o Premio
Álvaro Cunqueiro de novela en 1998 e con Teoría do Caos o Premio Xerais no 2001. A súa obra literaria infantil-xuvenil recibiu destacados galardóns como é o caso de A expedición do pacífico (1994), Premio Merlín e Premio da Crítica á creación literaria, que por primeira vez recaeu nun libro xuvenil e nunha muller. O trasno de alqueidón foi Premio Rañolas 1997. É, así mesmo, autora dunha obra poética recoñecida. Os poemarios Catálogo de velenos e Mudanzas, de recente publicación, recibiron os premios Esquío en 1998 e Caixanova en 2006.
GUIÓN DE TRABALLO 1. Resumo da novela (non máis dunha páxina). 2. Comenta a trama argumental d’A banda sen futuro en relación cos temas centrais e secundarios. 3. Analiza os personaxes tendo en conta a súa evolución ao longo da novela, os seus comportamentos, as súas palabras... Establece a diferenza entre personaxes principais e secundarios. 4. As diferenzas entre a mocidade e os adultos evidéncianse en Carlota e noutros personaxes novos. Cando se manifesta e a que se debe esa falta de sintonía? 5. A descuberta da sexualidade e a aceptación de si mesma –da súa apariencia física e da súa personalidade ante os demais- son dúas cuestións que angustian a Carlota dende un comezo. Cales son as razóns, como a afectan e como evolúen ao longo da historia? 6. A música ten unha presenza continuada nas páxina desta obra. Que papel xoga? 7. Carlota expresa unha visión negativa do futuro para a mocidade, como así se reflicte no propio título. Reflexiona acerca desa actitude da protagonista e relaciónaa coa imaxe que ti e mais a túa xeración tedes sobre o día de mañá. 8. Elabora unha crítica destacando aqueles aspectos máis positivos e máis negativos da novela segundo o teu parecer.
Román Cerqueiro Landín
Dpto. Lingua Galega - CPI Aurelio M. Rey García (Cuntis)