Galeusca 2009 - Arantzazu DIFUSIÓN 2009-10-10 Relatores: Igor Elortza e Gotzon Barandiaran (Edorta Jimenez e Aitor Txarterina) Deuse lectura aos catro folios da intervención e constatouse a irrupción de novos medios que se teñen convertido en novas fontes de cultura. En relación co concepto de difusión dos contidos das literaturas en linguas minorizadas propúxose a necesidade de establecer estratexias que favorezan a socialización e o contacto co público dun modo horizontal. Un modo de comunicación no que os contidos distribuídos a través das redes sociais permitan a visibilización da cultura e a oferta literaria das nosas linguas dun modo eficiente. Esta estratexia, unida á utilización do software libre, contribuiría á difusión de novos e necesarios referentes culturais para unha sociedade que valora o coñecemento. Ao mesmo tempo, considerouse imprescindíbel non perder de vista que estamos a vivir un retroceso da cultura naqueles espazos que tiñan sido gañados en anos precedentes. Neste sentido, sinalouse a conveniencia de apostar por proxectos que seduzan e dean protagonismo á propia sociedade. Abordouse o papel da militancia, e da necesidade de adoptar iniciativas para lograr a visualización do que os e as autoras realizan (colaboración abertas, iniciativas que engloben diferentes disciplinas...). Sobre o concepto de sedución concluíse o seguinte: a) Público potencial: existen limitacións para que a creación se socialice a través dos grandes medios de comunicación clásicos. Ese é o motivo polo que deben explorarse outros medios de difusión para facela visíbel. b) O mero tratamento da lingua como unha “asignatura a superar” no ámbito educativo impediu que a lingua cumprise a súa función comunicativa e de identificación, o que implica unha perda de funcionalidade da mesma, non só para ser vehículo de cultura, senón de realización persoal (laboral, científica, afectiva, social). c) Un sistema lingüístico pleno ten que ofertar produtos diversos, desde as obras literarias máis elevadas até produtos de consumo masivo e cotián como a imprensa deportiva, as revistas de viaxes, os manuais de instrucións, as cartas de restaurante, o ámbito legal, etc. d) A lingua necesita da literatura, e a literatura necesita da lingua. Considérase que aínda é necesario asumir certo grao de militancia a este respecto: a normalización da situación do creador depende do grao de implicación da sociedade na normalización da propia lingua.