Roberto Zucco de
Bernard-Marie Koltès
Tradución ao galego: Dani Salgado
Roberto Zucco
“Tras a segunda oración, verás como se mostra o disco solar e verás pendurar del o falo, a orixe do vento; e se volves a túa face cara a Oriente, desprazarase cara a alí; e se volves a túa face cara a Occidente, seguirate.” (Liturxia de Mitra, parte do Gran Papiro Máxico de París. Citado por Carl Jung na súa última entrevista á B.B.C.)
Esta peza, rematada no outono de 1988, foi estreada en Berlín en abril de 1990.
2
Roberto Zucco
PERSONAXES Roberto Zucco. A súa nai. A rapariga. A súa irmá. O seu irmán. O seu pai. A súa nai. O señor maior. A señora elegante. O mangallón. O chulo impaciente. A puta desacougada. O inspector melancólico. Un inspector. Un comisario. Primeiro garda. Segundo garda. Primeiro policía. Segundo policía. Homes. Mulleres. Putas. Chulos. Voces de prisioneiros e de gardas.
3
Roberto Zucco I. A EVASIÓN O camiño de ronda dun cárcere, ao nivel dos tellados. Os tellados do cárcere, até a súa cúspide. Á hora na que os gardas, logo de moito silencio e cansos de fitar a escuridade, son ás veces vítimas de alucinacións. PRIMEIRO GARDA.- Oíches algo? SEGUNDO GARDA.- Non, nada de nada. PRIMEIRO GARDA.- Ti nunca oes nada. SEGUNDO GARDA.- E ti, oíches algo? PRIMEIRO GARDA.- Non, pero teño a impresión de ter oído algo. SEGUNDO GARDA.- Oíches ou non oíches? PRIMEIRO GARDA.- Non oín cos oídos, mais veume a idea de ter oído algo. SEGUNDO GARDA.- A idea? Sen os oídos? PRIMEIRO GARDA.- Ti nunca tes ideas, por iso nunca oes nada nin ves nada. SEGUNDO GARDA.- Non oio nada porque non hai nada que oír e non vexo nada porque non hai nada que ver. A nosa presenza aquí é inútil, por iso sempre acabamos por nos aldraxar. Inútil, por completo; os fusís, as sereas mudas, os nosos ollos abertos cando a esta hora todo o mundo ten os ollos pechados. Paréceme inútil ter os ollos abertos sen se fixar en nada e os oídos á espreita sen nada que atender, cando a esta hora os nosos oídos deberían escoitar o ruído do noso universo interior e os nosos ollos contemplar as nosas paisaxes interiores. Cres no universo interior? PRIMEIRO GARDA.- Creo que non é inútil que esteamos aquí para impedir as evasións. SEGUNDO GARDA.- Mais aquí non hai evasións. É imposible. O cárcere é moderno de máis. Nin sequera un preso pequerrechiño podería evadirse. Nin sequera un preso pequeno como unha rata. Se pasase polas grandes reixas, hai despois outras máis finas, coma coadoiros, e logo outras aínda máis finas, coma unha peneira. Cumpriría ser de líquido para poder traspasalas. E unha man que acoitelou, un brazo que esganou, non poden estar feitos de líquido. Deben tornarse, pola contra, pesados e voluminosos. Como cres que a alguén lle pode vir a idea de acoitelar ou de esganar, virlle primeiro a idea, e logo entrar en acción? PRIMEIRO GARDA.- Puro vicio. SEGUNDO GARDA.- Eu, que son garda dende hai seis anos, sempre observei os asasinos para buscar onde se atopaba o que os diferenciaba de min, garda de cárcere, incapaz de acoitelar nin de esganar, incapaz mesmo de ter a idea. Reflexionei, busquei, mesmo os observei na ducha, porque me dixeron que era no sexo onde se aloxaba o instinto criminal. Vin máis de seiscentos e, en fin, non hai ningún punto en común entre eles; hainos grandes, hainos pequenos, hainos finos, hainos pequerrechiños, hainos redondos, hainos afiados, hainos enormes; non se saca nada en limpo. PRIMEIRO GARDA.- Puro vicio, dígocho eu. Non ves algo? Aparece Zucco, camiñando polo cumio do tellado. SEGUNDO GARDA.- Non, nada de nada. PRIMEIRO GARDA.- Eu tampouco, mais pareceume ter visto algo. SEGUNDO GARDA.- Vexo un tipo camiñando polo tellado. Debe ser froito da nosa falta de sono. PRIMEIRO GARDA.- Que podería facer un tipo no tellado? Tes razón. De cando en vez deberiamos pechar os ollos sobre o noso universo interior.
4
Roberto Zucco SEGUNDO GARDA.- Mesmo diría que é Roberto Zucco, o que foi encarcerado esta tarde polo asasinato do seu pai. Unha besta furiosa, unha besta salvaxe. PRIMEIRO GARDA.- Roberto Zucco. Nunca oín falar del. SEGUNDO GARDA.- Mais ti ves algo, alá, ou só son eu quen o ve? Zucco continúa avanzando, tranquilamente, polo tellado. PRIMEIRO GARDA.- Paréceme que vexo algo. Mais que é? Zucco comeza a desaparecer detrás dunha cheminea. SEGUNDO GARDA.- É un prisioneiro que se evade. Zucco desaparece. PRIMEIRO GARDA.- Arre carallo, tes razón: é unha evasión. Disparos, focos, sereas. II. ASASINATO DA NAI A nai de Zucco, en roupa de durmir, diante da porta pechada. A NAI. – Roberto, teño a man no teléfono, cólloo e chamo á policía. ZUCCO. – Abre. A NAI. – Endexamais. ZUCCO. – Se lle dou un golpe á porta, bótoa abaixo, ben o sabes, non fagas o parvo. A NAI. – Pois veña, faino, doente, tolambrón, faino e espertarás os veciños. Estabas máis seguro no cárcere, porque como te vexan hante linchar; aquí non se acepta que ninguén mate o seu pai. Mesmo os cans, neste barrio, te ollarán de esguello. Zucco peta na porta. A NAI. – Como escapaches? Que clase de cárcere é ese? ZUCCO. – Nunca me reterán no cárcere máis dunhas cantas horas. Endexamais. Abre xa; faríaslle perder a paciencia a unha lesma. Abre, ou derrubo a chabola. A NAI . – Que viñeches facer aquí? De onde che ven esa necesidade de volver? Eu non te quero ver máis, non te que quero ver máis. Xa non es o meu fillo, acabouse. Para min, xa non vales máis ca unha mosca na merda. Zucco derruba a porta. A NAI. – Roberto, non te me achegues. ZUCCO. – Vin buscar o meu uniforme. A NAI. – O teu que? ZUCCO. – O meu uniforme: a miña camisa caqui e os meus pantalóns de combate. A NAI. – Ese traxe militar de merda. Para que necesitas ese traxe militar de merda? Estás tolo, Roberto. Deberiamos telo sabido cando estabas no berce e guindarte ao lixo. ZUCCO. – Móvete, bule, tráemo deseguida.
5
Roberto Zucco A NAI. – Douche diñeiro. É diñeiro o que queres. Mercarás todos os traxes que queiras. ZUCCO. – Non quero diñeiro. O que eu quero é o meu uniforme. A NAI. – Non quero, non quero. Vou chamar os veciños. ZUCCO. – Quero o meu uniforme. A NAI. – Non berres, Roberto, non berres, dásme medo; non berres, vas espertar os veciños. Non cho podo dar, é imposible; está sucio, dá noxo, non o podes levar así. Dáme tempo para o lavar, para o secar, para lle pasar o ferro. ZUCCO. – Xa o lavarei eu. Irei á lavandaría automática. A NAI. – Pobriño, ti desvarías. Estás completamente chalado. ZUCCO. – É o lugar do mundo que máis me gusta. É calmo, é tranquilo; e hai mulleres. A NAI. – Tanto me ten. Non cho quero dar. Non te me achegues, Roberto. Aínda levo o loito polo teu pai, vasme matar agora a min? ZUCCO. – Non me teñas medo, mamá. Sempre fun doce e amable contigo. Por que haberías de ter medo de min? Por que non me haberías de dar o meu uniforme? Necesítoo, mamá, necesítoo. A NAI. – Non sexas amable comigo, Roberto. Como queres que esqueza que ti mataches o teu pai, que o tiraches pola fiestra, coma quen tira un cigarro? E agora, es amable comigo. Non quero esquecer que ti mataches o teu pai, e a túa dozura faríame esquecelo todo, Roberto. ZUCCO. – Esquece, mamá. Dáme o meu uniforme, a miña camisa caqui e os meus pantalóns de combate; mesmo sucios, mesmo engurrados, damos. E logo marcharei, xúrocho. A NAI. – Son eu, Roberto, son eu quen te pariu? É de min de quen saíches? Se eu non te parira aquí, se eu non te vira saír e non te seguira cos ollos até que te puxeron no berce; se eu non mantivera, despois do berce, a miña mirada sobre ti sen te deixar, e seguira cada cambio do teu corpo até o punto de non percibir como se producían eses cambios e te vira agora aquí, cuspido a quen saíu de min nese leito, eu crería que non é o meu fillo quen teño diante miña. Porén, eu recoñézote, Roberto. Recoñezo a forma do teu corpo, o teu talle, a cor dos teus cabelos, a cor dos teus ollos, a forma das túas mans, esas grandes mans fortes que nunca serviron máis que para acariñar o pescozo da túa nai, para oprimir o do teu pai, a quen ti mataches. Por que ese neno, tan axuizado durante vinte e catro anos, se volveu tolo de súpeto? Por que te descarreiraches, Roberto? Quen puxo un toro nese camiño tan dereito para te facer caer no abismo? Roberto, Roberto, un coche que se esnafra contra o fondo dun barranco non se arranxa. Un tren que descarrila non se volve meter nas vías. Abandónase, esquécese. Esquézote, Roberto, xa te esquecín. ZUCCO. – Antes de me esquecer, dime onde está o meu uniforme. A NAI. – Está alí, no cesto. Está sucio e todo engurrado. (Zucco saca o uniforme.) E agora vaite, xuráchesmo. ZUCCO. – Si, xureino. Achégase, acaríñaa, apértaa, prémea; ela xeme. El sóltaa e ela cae, esganada. Zucco desvístese, pon o seu uniforme e sae. III.- BAIXO A MESA Na cociña. Unha mesa, cuberta cun mantel que cae até o chan. Entra a irmá da rapariga.
6
Roberto Zucco Diríxese cara a fiestra; entreábrea. A IRMÁ. – Entra, non fagas ruído, quita os zapatos; senta alí e cala. (A rapariga entra pola fiestra.) Así que, a semellante hora da noite, encóntrote anicada ao pé dun muro. O teu irmán está percorrendo a cidade co coche; xa che digo que, cando te atope, vaiche quentar o cu, porque levou un susto do demo. A túa nai asexou pola fiestra durante horas facendo toda clase de suposicións, dende a violación colectiva por unha banda de canallas até o corpo despezado que se atopará nun bosque, por non falar do sádico que te metería nunha adega; pasoulle de todo pola cabeza. E o teu pai está xa tan certo de non volverte a ver que agarrou unha chea e ronca no sofá co ronquido da desesperación. En canto a min, dou voltas polo barrio como unha tola e atópote alí, encrequenada ao pé dun valado. Cando sería dabondo con que cruzases o patio para nos tranquilizar. Todo o que conseguiches é que che zosque nas cachas o teu irmán, e agardo que chas zosque até que sangren. (Tempo.) Pero xa vexo que decidiches non falarme. Decidiches gardar un silencio total. Silencio. Silencio. Todo se altera ao meu redor pero eu calo. Morra o conto. Xa se verá se a túa boca se manterá calada cando o teu irmán che zosque nas cachas. Cando abrirás a boca para me explicar por que, se só tiñas permiso até medianoite, por que volviches tan tarde? Se non dis algo, vou perder o siso, tamén eu vou facer toda clase de suposicións. Meu pequeno pardal, fala coa túa irmá, son capaz de entender todo; e protexereite, xúrocho, da carraxe do teu irmán. (Tempo.) Tiveches unha pequena lea de rapariga, coñeciches un mozo, foi imbécil como todos os mozos, foi torpe, tratoute con brusquidade? Ben sei o que é iso, meu pimpín, eu tamén fun rapariga, estiven en festas onde os mozos se viraban imbéciles. Aínda que te deixases bicar, que ten iso de malo? Deixaraste bicar mil veces máis por imbéciles, deséxelo ou non; e deixarás que che metan a man nas cachas, pobriña, quéiralo ou non. Porque os rapaces son imbéciles e todo o que saben facer é meter a man nas cachas das raparigas. Encántalles. Non sei que pracer lle encontran; estou convencida, por outra banda, que eles non lle encontran ningún pracer. Lévano no corpo. Non poden evitalo. Xa nacen sendo imbéciles. Pero de todo iso non hai que facer un drama. O esencial é que ti non te deixes roubar iso que non debe ser roubado antes de tempo. Porque eu sei que ti agardarás o momento, e que nós escolleremos, todos xuntos –a túa nai, o teu irmán, eu mesma, e ti tamén, claro- a quen llo darás. A non ser que te forzaran, e iso, quen ousaría facerllo a unha rapariga coma ti, tan pura, tan virxe? Dime que non te forzaron. Dimo, dime que non che roubaron iso, non si?, iso que non debe ser roubado. Responde. Responde ou enfádome. (Ruído.) Agóchate de contado debaixo da mesa. Coido que aí volve o teu irmán. A rapariga desaparece baixo a mesa. Entra o pai, en pixama, medio adurmiñado. Atravesa a cociña, desaparece algúns segundos, volve a cruzar a cociña e regresa á súa habitación. Ti es unha rapariga, es unha virxenciña, es a virxenciña da túa irmá, do teu irmán, do teu pai e da túa nai. Non me digas esa cousa terrible. Cala. Estou volvéndome tola. Estás perdida, e todos nós, perdidos canda ti. Entra o irmán, cun gran balbordo. A irmá bótase enriba del. A IRMÀ. – Non berres, non te alporices. Ela non está aquí pero xa a atoparon. Xa a atoparon pero non está aquí. Acouga, ou volvereime tola. Non podo con tantas desgrazas de golpe e, como berres, mátome.
7
Roberto Zucco O IRMÀN. – Onde está? Onde está? A IRMÁ. – Vai na casa dunha amiga. Dorme cunha amiga, no leito da súa amiga, ao quente, segura, nada lle vai pasar, nada. Aconteceunos unha terrible desgraza. Non berres, prégocho, porque, despois, pode que o lamentes e mesmo que chores. O IRMÁN. – Nada me podería facer chorar, agás unha terrible desgraza que lle acontecese á miña irmá. Velei tanto por ela, e só esta noite me escapou. Escapou unhas cantas horas despois de tantos anos de velar por ela. A desgraza precisa de máis tempo para caer sobre alguén. A IRMÁ. – A desgraza non require tempo. Vén cando quere, transforma todo nun instante. Destrúe nun instante un obxecto precioso que se garda durante anos. (Colle un obxecto e déixao caer ao chan.) E non se poden colar de novo os anacos. Nin mesmo berrando se poderían colar de novo os anacos. Entra o pai. Atravesa a cociña como a primeira vez e desaparece. O IRMÁN. – Axúdame, irmá, axúdame. Es máis forte ca min. Non aturo as desgrazas. A IRMÁ. – Ninguén atura a desgraza. O IRMÁN. – Compártea comigo. A IRMÁ. – Eu xa teño dabondo. O IRMÁN. - Vou beber un grolo. (Sae.) O pai volve. O PAI. – Choras, filla? Pareceume oír que alguén choraba. (A irmá érguese.) A IRMÁ. – Non. Cantaruxaba. (Sae.) O PAI. – Fas ben. Iso afasta a desgraza. (Sae.) Ao cabo dun momento, a rapariga sae de debaixo da mesa, achégase á fiestra, entreábrea e fai entrar a Zucco. A RAPARIGA. – Quita os zapatos. Como te chamas? ZUCCO. – Chámame como queiras. E ti? A RAPARIGA. – Eu xa non teño nome. Chámanme todo o tempo con nomes de animaliños: pitiño, pimpín, pardal, laverca, estorniño, pomba, reiseñor. Preferiría que me chamaran rata, serpe de cascabel ou leitón. Que fas na vida? ZUCCO. – Na vida? A RAPARIGA. – Si, na vida: o teu oficio, o teu traballo, como gañas diñeiro e todas esas cousas que todo o mundo fai. ZUCCO. – Eu non fago o que fai todo o mundo. A RAPARIGA. – Pois por iso mesmo, dime o que fas. ZUCCO. – Son axente secreto. Sabes o que é un axente secreto? A RAPARIGA. – Sei o que é un axente secreto. ZUCCO. – Un axente, ademais de ser secreto, viaxa, percorre o mundo, ten armas. A RAPARIGA. – Tes unha arma? ZUCCO. – Por suposto que a teño. A RAPARIGA. – Ensínama. ZUCCO. – Non. A RAPARIGA. – Entón é que non tes arma ningunha. ZUCCO. – Mira. (Saca un puñal.) A RAPARIGA. – Iso non é unha arma.
8
Roberto Zucco ZUCCO. – Con isto, podes matar tan ben como con calquera outra arma. A RAPARIGA. – E á parte de matar, que máis fai un axente secreto? ZUCCO. – Viaxa, vai a África. Coñeces África? A RAPARIGA. – Moi ben. ZUCCO. – Coñezo lugares en África, uns montes tan altos que neva neles todo o tempo. Ninguén sabe que neva en África. A min, o que máis me gusta no mundo é iso: a neve que cae en África sobre os lagos xeados. A RAPARIGA. – Gustaríame ir ver a neve en África. Gustaríame patinar sobre os lagos xeados. ZUCCO. – Hai tamén rinocerontes brancos que atravesan o lago, baixo a neve. A RAPARIGA. – Como te chamas? Dime o teu nome. ZUCCO. – Endexamais direi o meu nome. A RAPARIGA. – Por que? Quero saber o teu nome. ZUCCO. – É un segredo. A RAPARIGA. – Sei gardar segredos. Dime o teu nome. ZUCCO. – Esquecino. A RAPARIGA. – Mentirán. ZUCCO. – Andreas. A RAPARIGA. – Non. ZUCCO. – Angelo. A RAPARIGA. – Non te burles de min ou berrarei. Non é ningún deses nomes. ZUCCO. – E como o sabes se ti non o sabes? A RAPARIGA. – Imposible. Recoñeceríao de seguido. ZUCCO. – Non o podo dicir. A RAPARIGA. – Aínda que non poidas dicilo, aínda así, dimo. ZUCCO. – Imposible. Poderíame acontecer unha desgraza. A RAPARIGA. – Que máis ten? Aínda así, dimo. ZUCCO. – Se cho dixese, morrería. A RAPARIGA. – Aínda que teñas que morrer, aínda así, dimo. ZUCCO. – Roberto. A RAPARIGA. – Roberto que máis? ZUCCO. – Confórmate con iso. A RAPARIGA. – Roberto que máis? Se non mo dis, berrarei, e o meu irmán, que está moi irado, hate matar. ZUCCO. – Dixéchesme que sabías o que era un segredo. Sábelo de verdade? A RAPARIGA. – É a única cousa que sei perfectamente. Dime o teu apelido, dime o teu apelido. ZUCCO. – Zucco. A RAPARIGA. – Roberto Zucco. Endexamais esquecerei ese nome. Agóchate baixo a mesa; vén alguén. Entra a nai. A NAI. – Falas soíña, meu reiseñor? A RAPARIGA. – Non. Cantaruxo para afastar a desgraza. A NAI. – Tes razón. (Vendo o obxecto escachado:) Mellor así. Xa había tempo que me quería desfacer desa porcallada. Sae. A rapariga xúntase debaixo da mesa con Zucco.
9
Roberto Zucco
VOZ DA RAPARIGA. – Ti, amigo, quitáchesme a miña virxindade e vas quedar con ela. Agora, non haberá ninguén que ma poida quitar. Tela deica a fin dos teus días, terala mesmo cando me esquezas ou cando esteas morto. Estás marcado por min como por unha cicatriz despois dunha liorta. Eu non corro o risco de esquecer, pois non teño outra que lle dar a ninguén; acabouse, xa está, deica a fin da miña vida. Deina e es ti quen a ten. IV. A MELANCOLÍA DO INSPECTOR A recepción dun hotel de putas no Petit Chicago. O INSPECTOR. – Estou triste, patroa. Sinto o corazón aflixido e non sei por que. Estou triste a miúdo pero, esta vez, hai algo que non anda ben. De costume, cando me sinto así, con ganas de chorar ou de morrer, busco a razón dese estado. Doulle voltas a todo o que aconteceu nese día, na noite e na véspera. E sempre acabo por atopar un acontecemento sen importancia que, de primeiras, non me provoca unha gran impresión pero que, como unha merda de microbio de nada, se instala no meu corazón e retórcemo en todos os sentidos. Entón, cando identifico cal é o acontecemento sen importancia que me fai sufrir tanto, póñome a rir, o microbio acaba esmagado como un piollo por unha unlla, e todo vai ben. Mais hoxe busquei, remonteime a tres días atrás, primeiro nun sentido e logo no outro, e aquí me tes agora, sen saber de onde vén o mal, igual de triste e co corazón tan aflixido coma antes. A PATROA. – Furga demasiado nos cadáveres e nas leas de chulos, inspector. O INSPECTOR. – Non hai tantos cadáveres. Pero chulos, hai si, hainos de sobra. Mellor estariamos con máis cadáveres e menos chulos. A PATROA. – Eu prefiro os chulos; fanme vivir e eles mesmos son moi vivos. O INSPECTOR. – Cómpre que me vaia, patroa. Adeus. Zucco sae dunha habitación; pecha a porta con chave. A PATROA. – Nunca se debe dicir adeus, inspector. O inspector sae, seguido de Zucco. Ao cabo dun instante, entra unha puta, desacougada. A PUTA. – Señora, señora, unhas forzas diabólicas acaban de atravesar o Petit Chicago. Todo o barrio está trastornado, as putas xa non traballan, os chulos quedan coa boca aberta, os clientes fuxiron, todo se detivo, todo está petrificado. Señora, acollestes o demo na vosa casa. Ese mozo que chegou recentemente, que non abre a boca, que non responde ás preguntas das damas, a saber se ten voz e sexo; ese mozo, porén, coa ollada tan doce; ese mozo, sen dúbida, tan fermoso, e do que moito falamos as damas, velaí sae detrás do inspector. Observámolo ben todas nós, as damas, rimos, facemos suposicións. Camiña detrás do inspector, que semella mergullado nunha reflexión profunda; camiña detrás del como unha sombra; e a sombra estréitase como no mediodía, está cada vez máis preto do lombo empenado do inspector e, bruscamente, saca un longo puñal dun peto da súa roupa e chántao no lombo do pobre home. O inspector detense. Non se volve. Abanea docemente a testa, como se a reflexión profunda na que estivera mergullado acabase de atopar a súa solución. Logo todo o seu
1
Roberto Zucco corpo abanea e bate contra o chan. Nin o asasino nin a vítima se miraron en ningún momento. O mozo tiña os ollos cravados no revólver do inspector; inclínase, cólleo, méteo no seu peto e vaise, tranquilamente, coa tranquilidade do demo, señora. Porque ninguén se moveu; todo o mundo, inmobilizado, o veu marchar. Desapareceu entre a multitude. Era o demo quen tiña vostede baixo o seu teito, señora. A PATROA. – De todos modos, coa morte dun inspector, ese mozo está perdido. V. O COLEGA A cociña. A rapariga está contra o muro, espantada. O IRMÁN. – Non teñas medo de min, pitiño. Non che vou facer mal ningún. A túa irmá é unha parva. Por que cre que che ía zoscar? Agora es unha femia; eu nunca lle zosquei a unha femia. Amo as femias; son o que máis me gusta. Son mellores ca unha irmá menor. Unha irmá menor é un fastío. Cómpre vixiala decote, tela de ollo. Para protexer o que? A súa virxindade? Durante canto tempo cómpre coidar a virxindade dunha irmá? Todo o tempo que pasei velándote foi tempo perdido. Arrepíntome de todo ese tempo. Arrepíntome de cada día, de cada hora perdida en terte de ollo. Habería que desflorar as nenas dende que son nenas, así deixaríase en paz aos irmáns maiores, xa non terían nada que vixiar e poderían empregar o seu tempo noutra cousa. Alégrome moito de que te deixases forzar por un tipo; porque agora teño paz. Ti vas polo teu camiño, eu vou polo meu; xa non te levo ás costas como unha cruz. Ven tomar un grolo comigo. Cómpre que agora aprendas a non baixar os ollos, a non arrubiarte, a arriscarte a ollar os mozos. Todo aquilo, acabouse. Sé descarada. Ergue a cabeza, olla para os tíos, míraos en fite; iso encántalles. Para nada serve que sexas recatada nin un segundo máis. Lúcete, muller, e de seguida. Déixate levar pola natureza, vaga polo Petit Chicago coas putas, faite puta; gañarás pasta e xa non estarás a cargo de ninguén. E pode que te atope nos bares de alterne; fareiche un pequeno sinal, seremos colegas de bar; enfastía menos e un divírtese moito máis. Non perdas máis o teu tempo baixando os ollos e apertando as pernas, pitiño, iso xa non serve para nada. De todos modos, agora, a voda foi á ruína. Para iso pagaba a pena vixiarte deica a voda, para iso pagaba a pena que baixaras os ollos timidamente deica o día da voda, pero agora a voda foi á ruína e tamén todo o demais se arruinou. Nun só golpe coma este todo foi á ruína: a voda, a familia, o teu pai, a túa nai, a túa irmá; e a min impórtame un carallo. O teu pai ronca de tanta miseria e a túa nai chora; máis vale deixalos chorar e roncar e abandonar a casa. Podes ter nenos; impórtanos un can. Podes non telos; tamén nos importa un can. Podes facer o que queiras. Eu xa deixei de vixiarte, e ti deixaches de ser unha rapariga. Xa non tes idade; poderías ter quince ou cincuenta anos, dáche o mesmo. Es unha femia e a ninguén lle importa un carallo. VI. METRO Baixo un carteliño de título: “Búscase”, coa foto de Zucco no centro, sen nome; sentados un á beira do outro no banco dunha estación de metro, despois da hora de peche, un señor maior e Zucco. O SEÑOR. – Son un vello e atraseime máis da conta. Xa me aledaba de ter collido o último
11
Roberto Zucco metro cando, de súpeto, nunha encrucillada deste labirinto de corredores e de escaleiras, non fun quen de recoñecer a miña estación, que frecuento, porén, de maneira tan regular que cría coñecela tan ben como a miña cociña. Ignoraba, non obstante, que agochaba detrás do nidio percorrido que practico cada día, un mundo escuro de túneles, de direccións descoñecidas que preferiría ter ignorado pero que a miña parva distracción me obrigou a coñecer. E entón, de súpeto, apáganse as luces e non queda máis claridade que a deses foquiños brancos nos que eu nunca reparara. Camiño entón ao dereito cara a adiante, por un mundo descoñecido, o máis rápido que podo, o cal non quere dicir gran cousa tratándose dun vello coma min. E cando ao cabo de interminables escaleiras mecánicas, ao determe, coido albiscar unha saída, cataplún, unha reixa enorme impídeme o paso. E velaquí estou, nunha situación ben extravagante para un home da miña idade, castigado pola miña distracción e pola lentitude do meu andar, agardando non sei moi ben o que, nin me interesa sabelo, pois tales novidades son abondo duras de roer. É, sen dúbida, a alborada, si ho, sen dúbida é iso o que agardo nesta estación que me era tan familiar como a miña cociña, e que agora me dá medo. Sen dúbida estou agardando que as luces habituais se volvan a acender e que pase o primeiro metro. Pero estou moi inquieto pois non sei como volverei a ver a luz do día despois dunha aventura tan estrambótica; esta estación nunca me parecerá a mesma, nunca máis poderei ignorar a presenza deses foquiños brancos que noutrora non existían; e ademais, non sei como transforma a vida unha noite en vela, nunca pasei por ningunha; todo debe ser aprazado, os días xa non se poden alternar coas noites como acontecía noutrora. Estou moi inquieto con todo este asunto. Pero vostede, mozo, semella ter pernas ben áxiles e o espírito ben claro, si ho, ben vexo a súa ollada clara e non turbia nin parva como a deste vello que eu son; é imposible de crer que se deixase caer na trampa destes corredores e destas reixas pechadas; non, un mozo co espírito claro como vostede podería atravesar unha reixa pechada como unha pinga de auga atravesa un coadoiro. Traballa aquí de noite? Fáleme de vostede; tranquilizarame. ZUCCO. – Son un mozo normal e razoable, señor. Nunca me fixen notar. Reparariades na miña presenza se non estivese sentado á vosa beira? Sempre coidei que a mellor maneira de vivir tranquilo era a de ser tan transparente coma un cristal, coma un camaleón sobre unha pedra, pasar a través dos muros, non ter cor nin olor; que a ollada da xente te atravese e vexan á xente de detrás túa, como se non estiveses aí. Ser transparente é unha dura tarefa; é un traballo; é un soño antigo, moi antigo, o de ser invisible. Non son un heroe. Os heroes son uns criminais. Non hai heroes que non teñan a roupa mollada de sangue, e o sangue é a única cousa no mundo que non pode pasar desapercibida. É a cousa máis visible do mundo. Cando todo sexa destruído, cando unha néboa do fin do mundo recubra a terra, quedarán aínda as roupas molladas de sangue dos heroes. Eu estudei, fun un bo alumno. Nunca se volve para atrás cando se colleu o costume de ser un bo alumno. Inscribinme na universidade. Teño reservada a miña praza nos bancos da Sorbonne, xunto con outros bos alumnos no medio dos cales non me fago notar. Xúrolle que cómpre ser un bo alumno, discreto e invisible, para estar na Sorbonne. Non é unha desas universidades das aforas onde van os golfos e aqueles que se cren heroes. Os corredores da miña universidade son silenciosos, transítanos sombras das que non se oen nin os pasos. A partir de mañá volverei a asistir ao meu curso de lingüística. Mañá é o día do curso de lingüística. Estarei alí, invisible entre os invisibles, silencioso e atento na mesta néboa da vida ordinaria. Nada podería cambiar o curso das cousas, señor. Son coma un tren que atravesa tranquilamente un prado e ao que nada podería descarreirar. Son coma un hipopótamo afundido na lama que se despraza moi lentamente e que nada podería desviar do
1
Roberto Zucco camiño nin do ritmo que decidiu tomar. O SEÑOR. – Sempre se pode un descarreirar, mociño, sempre, agora sei que calquera pode descarreirarse, en calquera momento. Eu, que son un vello, eu que cría coñecer o mundo e a vida tanto como a miña cociña, cataplún, aquí me tes fóra do mundo, a estas horas que non son horas, baixo unha luz estraña, coa inquietude, sobre todo, do que pasará cando as luces habituais volvan a acenderse e cando o primeiro metro pase, cando a xente habitual, como eu era, invadan esta estación; e a min, despois desta primeira noite en vela, cumprirame saír, atravesar a reixa por fin aberta, ver o día, xa que non puiden ver a noite. E agora non sei nada do que vai acontecer, da maneira na que verei o mundo e na que o mundo me verá ou non me verá. Posto que xa non saberei que é o día e que é a noite, xa non saberei que facer; darei voltas pola miña cociña buscando a hora, e todo iso dáme moito medo, mociño. ZUCCO. – Ten motivos para ter medo, en efecto. O SEÑOR. – Vostede tatexa, moi lixeiramente; gústame. Tranquilízame. Axúdeme na hora na que o ruído invada este lugar. Axúdeme, acompañe este velliño perdido que eu son até a saída; e, se cadra, un pouco máis ala. As luces da estación volven a acenderse. Zucco axuda o vello a erguerse e acompáñao. Pasa o primeiro metro. VII. DÚAS IRMÁS Na cociña. A rapariga, cunha bolsa. Entra a súa irmá. A IRMÁ. – Prohíboche que marches. A RAPARIGA. – Non me podes prohibir nada. Dende agora son maior ca ti. A IRMÁ. – Que estás a dicir? Ti es un pequeno pardal pousado nunha póla; e eu, a túa irmá maior. A RAPARIGA. – Ti es unha virxe perpetua, non sabes nada da vida, preservácheste ben, protexícheste ben. Eu xa son maior, fun violada, estou perdida, tomo as miñas decisións soa. A IRMÁ. – E logo non es a miña irmá pequena, a que me facía todas as súas confidencias? A RAPARIGA. – E logo non es unha solteirona que non coñece nada de nada e que debería calar ante a miña experiencia? A IRMÁ. – De que experiencia estás a falar? A experiencia da desgraza non serve de nada. Tan só é boa para ser esquecida o máis á présa posible. Só a experiencia da felicidade serve de algo. Sempre lembrarás os fermosos e tranquilos encontros cos teus pais, o teu irmán e a túa irmá; lembraraste deles deica que sexas vella. Mentres que a desgraza que caeu sobre nós esquecerala axiña, estorniño meu, baixo a ollada da túa irmá, do teu irmán e dos teus pais. A RAPARIGA. – Será aos meus pais, ao meu irmán e á miña irmá a quen eu esqueza, a quen xa esquezo; mais non á miña desgraza. A IRMÁ. – O teu irmán protexerate, meu pequeno cirrio; hate querer máis do que ninguén te queira, porque el sempre te quixo como non quixo a ninguén. El será todos os homes que precises. A RAPARIGA. – Non quero que me queiran.
1
Roberto Zucco A IRMÁ. – Non digas iso. Non hai máis nada que valla a pena nesta vida. A RAPARIGA. – Como te atreves a dicir o que dis? Nunca estiveches con ningún home. Ninguén te quixo nunca. Estiveches soa toda a túa vida e fuches moi desgraciada. A IRMÁ. – Nunca fun desgraciada, agás coa túa desgraza. A RAPARIGA. – Fúchelo, sei que fuches moi desgraciada. Cacheite a miúdo mentres chorabas detrás das cortinas. A IRMÁ. – Eu choro sen motivo, de forma regular, por anticipado, e agora, xa nunca máis me verás chorar; xa anticipei moito. Por que queres liscar? A RAPARIGA. – Quero atopalo. A IRMÁ. – Non o atoparás. A RAPARIGA. – Atopareino. A IRMÁ. – Imposible. Sabes perfectamente que o teu irmán o intentou durante días e noites, para te vingar. A RAPARIGA. – Mais eu non quero vingarme, e por iso o atoparei. A IRMÁ. – E que farás cando o atopes? A RAPARIGA. – Direille algo. A IRMÁ. – O que? A RAPARIGA. – Algo. A IRMÁ. – Onde o pensas atopar? A RAPARIGA. – No Petit Chicago. A IRMÁ. – Por que te queres estragar, pombiña inocente? Non, non me abandones, non me deixes soa. Non quero quedar soa co teu irmán e cos teus pais. Non quero quedar soa nesta casa. Sen ti, a miña vida non valerá nada, xa nada terá sentido. Non me abandones, prégocho, non me abandones. Detesto o teu irmán, e os teus pais, e esta casa; só te quero a ti, pombiña, pombiña; só te teño a ti na miña vida. Entra o pai, furioso. O PAI. – A vosa nai agachou a cervexa. Voulle bater como o facía antes. Por que deixaría de facelo? Tiña o brazo canso; mais debía terme esforzado, exercitarme, mandar que o fixese outro. Debería ter continuado como noutros tempos: baterlle cada día, con regularidade. Pero, aí tes, fun neglixente e agora ela agáchame a cervexa, e estou seguro de que vós sodes cómplices. (Mira debaixo da mesa.) Quedaban cinco botellas. Batereivos cinco veces a cada unha de vós se non as atopo. Sae. A IRMÁ. – A miña rula no Petit Chicago! Que desgraciada debes ser, e canto máis o serás. Entra a nai. A NAI. – O voso pai aínda está bébedo. Encheuse de cervexas, unha tras outra. Que facedes vós, sendo tan compracentes con ese vello tolo? Deixádesme loitar soa contra ese borracho. A vós tanto vos ten, deixades que nos arruíne no alcol. Sodes dúas parvioliñas que latricades sen tino, só vos preocupades por lerias estúpidas e deixádesme soa con ese borrachón. E logo esa bolsa, que é? A IRMÁ. – Vai pasar a noite na casa da súa amiga. A NAI. – A súa amiga, a súa amiga... Que é iso da súa amiga? Que é iso das lerias entre rapazas? Por que ten que pasar a noite na casa da súa amiga? Os leitos son mellores que os de aquí? A escuridade da noite é máis escura alí que aquí? Se tiverades outra
1
Roberto Zucco idade e eu outra forza, bateríavos ás dúas. Sae. A IRMÁ. – Non quero que sexas desgraciada. A RAPARIGA. – Son desgraciada e son afortunada. Sufrín moito pero obtiven moito pracer dese sufrimento. A IRMÁ. – E eu vou morrer se me abandonas. A rapariga colle a súa bolsa e sae. VIII. XUSTO ANTES DE MORRER Un bar de noite. Unha cabina telefónica. Zucco sae proxectado pola fiestra, cun gran estrondo de vidros rotos. Berros no interior. Aglomeración na porta. ZUCCO. «É así como eu fun creado como atleta. É hoxe a túa enorme furia a que me completa. Oh mar, síntome extenso sobre o sublime chan do teu grandor roendo estes meus pés en van, nu, forte, a fronte alzada nun abismo de bruma.» UNHA PUTA. – Vai un frío que se mete nun. Ese mozo vai coller unha boa. UN INDIVIDUO. – Non te preocupes por el. Súa, debe estar ben quente por dentro. ZUCCO. «E envolto de balbordo, de saraiba e escuma, de noites e de ventos que chocan poderosos elevo os meus dous brazos cara ao éter tebroso.» UN INDIVIDUO. – Ese tipo está bébedo. UN INDIVIDUO. – Non ho. Non bebeu nada. UNHA PUTA. – É un toleirán, iso é o que é. Hai que deixalo tranquilo. O MANGALLÓN. – Deixalo tranquilo? Fódenos durante horas e aínda o temos que deixar tranquilo? Como me provoque de novo voulle romper a cara. UNHA PUTA (achegándose a Zucco para erguelo). – Non busques máis liorta, raparigo, non busques máis liorta. A túa cara fermosa xa se estragou de abondo. Queres que as mozas non reparen máis en ti? Neno, a cara é moi fráxil. Se che rompen a cara estarás tan arruinado para toda a túa vida como se che cortaran o rabo. Nunca se pensa nesas cousas a tempo, pero xúroche que pensarás nelas despois. Non me mires desa maneira ou chorarei; es da caste dos que dan ganas de chorar con só miralos. Zucco achégase ao mangallón e dálle unha puñada. UNHA PUTA. – Non irán comezar de novo. O MANGALLÓN. – Non me provoques, pequeno, non me provoques. Zucco dálle unha segunda puñada. O mangallón responde. Pelexan.
1
Roberto Zucco UNHA PUTA. – Vou chamar a poli. Vaino matar. UN INDIVIDUO. – Non é motivo para chamar a poli. UN INDIVIDUO. – De todos os xeitos, xa o tirou ao chan. Zucco érguese e persegue o mangallón, que xa se afastaba. Achégaselle e bátelle na cara. UNHA PUTA. – Non respondas, déixao tranquilo, xa non se ten de pé. ZUCCO. – Pelexa, covarde, cagainas, non tes collóns! O mangallón faino voar polo aire. O MANGALLÓN. – Unha vez máis e esmágoo coma a un mosquito. Zucco volve erguerse e busca de novo o mangallón. UNHA PUTA (ao mangallón). – Non lle toques, non lle toques, non o machuques. O mangallón tumba a Zucco dunha puñada. UN INDIVIDUO. – Tombouno, vaia tipo. UNHA PUTA. – Era ben fácil. Ten razón cando di que sodes uns covardes. O MANGALLÓN. – Un home non debe deixarse morder dúas veces polo mesmo can. Entran no bar. Zucco volve erguese e achégase á cabina. Colle o teléfono, marca un número e agarda. ZUCCO. – Quero marchar. Cómpre marchar axiña. Vai calor de máis nesta puta cidade. Quero ir a África, baixo a neve. Cómpre que marche porque vou morrer. De todos os xeitos, ninguén se interesa por ninguén. Ninguén. Os homes precisan as mulleres e as mulleres precisan os homes. Pero amor, aquí non hai. Empálmome coas mulleres por piedade. Gustaríame nacer de novo sendo can, para ser menos desgraciado. Can de rúa, fozón de cubos de lixo; ninguén repararía en min. Gustaríame ser un can amarelo, papado pola sarna, do cal un se desfai sen prestar atención. Gustaríame ser un fozón de cubos de lixo por toda a eternidade. Coido que non cómpren máis palabras, que non hai máis nada que dicir. Cómpre deixar de ensinar as palabras. Cómpre pechar as escolas e ampliar os cemiterios. De todos os xeitos, tanto ten un ano como cen anos; tarde ou cedo, haberemos morrer todos, todos. E iso fai que canten os paxaros, que rían os paxaros. UNHA PUTA (á porta do bar). – Xa vos dixen que era un tolo. Fala por un teléfono que non funciona. Zucco solta o auricular e senta contra a cabina. O mangallón achégase a Zucco. O MANGALLÓN. – En que pensas, pequeno? ZUCCO. – Fantasío coa inmortalidade do caranguexo, da lesma e do abesouro. O MANGALLÓN. – Non me gusta pelexar, sabes? Pero ti provocáchesme tanto, pequeno, que non puiden aguantar sen facer nada. Por que buscaches a liorta? Semella que
1
Roberto Zucco queres morrer. ZUCCO. – Non quero morrer. Vou morrer. O MANGALLÓN. – Como todo o mundo, pequeno. ZUCCO. – Esa non é unha razón. O MANGALLÓN. – Quizais. ZUCCO. – O problema da cervexa é que non se compra; só se pode alugar. Cómpre que vaia mexar. O MANGALLÓN. – Vai antes de que sexa tarde de máis. ZUCCO. – É certo que mesmo os cans me ollarán de esguello? O MANGALLÓN. – Os cans endexamais ollan a ninguén de esguello. Os cans son os únicos seres nos que se pode confiar. Quérente ou non te queren, pero endexamais te xulgan. Cando todos te abandonen, pequeno, sempre haberá un can que vague por aí para che lamber a planta dos pés. ZUCCO “Morte villana, di pietà nemica, di dolor madre antica, giudicio incontastabile gravoso, di te blasmar la lingua s’affatica.” O MANGALLÓN. – Tes que ir mexar. ZUCCO. – É tarde de máis. Amence. Zucco adormece. IX. DALILA Unha comisaría de policía. Un inspector; un comisario. Entra a rapariga, seguida de seu irmán. Este queda á sombra, xunto á porta. A rapariga avanza cara ao retrato de Zucco e sinálao co dedo. A RAPARIGA. – Coñézoo. O COMISARIO. – Que é o que coñeces? A RAPARIGA. – Ese mozo. Coñézoo moi ben. O INSPECTOR. – Quen é? A RAPARIGA. – Un axente secreto. Un amigo. O INSPECTOR. – Quen é ese tipo que está detrás túa? A RAPARIGA. – O meu irmán. Acompañoume. É el quen me dixo de vir velos porque recoñecín esa foto na rúa. O INSPECTOR. – Sabes que o andamos a buscar? A RAPARIGA. – Sei; eu tamén o busco. O INSPECTOR. – É un amigo, dixeches? A RAPARIGA. – Un amigo, é, un amigo. O INSPECTOR. – Un asasino de polis. Vas ser arrestada e acusada de complicidade, ocultación de armas e omisión de denuncia de malfeitor. A RAPARIGA. – Foi o meu irmán quen quixo que viñera a dicirlles que o coñezo. Eu non oculto nada nin denuncio a ninguén; coñézoo, iso é todo. O INSPECTOR. – Dille ao teu irmán que lisque. O COMISARIO. – Non oíches? Ti, fóra de aí.
1
Roberto Zucco
O irmán sae. O INSPECTOR. – Que sabes del? A RAPARIGA. – Todo. O INSPECTOR. – É francés? Estranxeiro? A RAPARIGA. – Tiña un lixeiro e fermoso acento estranxeiro. O COMISARIO. – Xermánico? A RAPARIGA. – Non sei que quere dicir xermánico. O INSPECTOR. – Así que che dixo que era axente secreto. É estraño. En principio, un axente secreto debe permanecer secreto. A RAPARIGA. – Eu díxenlle que lle gardaría o segredo pasara o que pasase. O COMISARIO. – Así se fai! Se todos os segredos estivesen tan ben gardados coma este, o noso traballo sería doado. A RAPARIGA. – Díxome que facía misións en África, nos montes, alá onde hai neve todo o tempo. O INSPECTOR. – Un axente alemán en Kenya. O COMISARIO. – As suposicións da policía non eran tan erradas, á fin e ao cabo. O INSPECTOR. – Eran exactas, comisario. (Á rapariga:) O seu nome, veña. Sábelo? Débelo saber se era o teu amigo. A RAPARIGA. – Si, seino. O COMISARIO. – Dio. A RAPARIGA. – Seino moi ben. O COMISARIO. – Búrlaste de nós, rapariga. Queres que che dea unha labazada? A RAPARIGA. – Non quero labazada ningunha. Seino, pero non consigo dicilo. O INSPECTOR. – Como é iso de que non consegues dicilo? A RAPARIGA. – Téñoo aí, na punta da lingua. O COMISARIO. – Na punta da lingua, na punta da lingua. Queres que che dea unha labazada e unhas puñadas e que che turre dos cabelos? Hai salas equipadas para ese propósito, sabíalo? A RAPARIGA. – Non, non, téñoo aí; vai vir. O INSPECTOR. – O seu alcume, polo menos. Debes lembrarte ben, seguro que llo dixeches á orella. O COMISARIO. – Un nome, un nome. Non importa cal, ou arrástrote até a sala de tortura. A RAPARIGA. – Andreas. O INSPECTOR (ao comisario). – Apunte: Andreas. (Á rapariga:) Estás segura? A RAPARIGA. – Non. O COMISARIO. – Vouna matar. O INSPECTOR. – Solta esa merda de nome ou rebéntoche a cara. Bule ou vaste acordar. A RAPARIGA. – Angelo. O INSPECTOR. – Un español. O COMISARIO. – Ou un italiano, un brasileiro, un portugués, un mexicano; mesmo coñecín un berlinés que se chamaba Julio. O INSPECTOR. – Sabe moitas cousas, comisario. (Á rapariga:) Estoume alporizando. A RAPARIGA. – Xa o sinto a carón dos beizos. O COMISARIO. – Queres unha lapada nos beizos para o facer saír? A RAPARIGA. – Angelo, Angelo, Dolce, ou algo así. O INSPECTOR. – Dolce? Como doce? A RAPARIGA. – Doce, si. Díxome que o seu nome se parecía a un nome estranxeiro que quería dicir doce, ou azucrado. (Chora.) El era tan doce, tan amable.
1
Roberto Zucco O INSPECTOR. – Supoño que hai moitas palabras para dicir azucrado. O COMISARIO. – Azucarado, zuccherato, sweetened, gezuckert, ocukrzony. O INSPECTOR. – Xa o sei, comisario. A RAPARIGA. – Zucco. Zucco. Roberto Zucco. O INSPECTOR. – Estás segura? A RAPARIGA. – Segura. Estou segura. O COMISARIO. – Zucco. Cun Z? A RAPARIGA. – Cun Z, si. Roberto. Cun Z. O INSPECTOR. – Lévea a facer a declaración. A RAPARIGA. – E meu irmán? O COMISARIO. – O teu irmán? Que irmán? Precisas un irmán? Xa nos tes a nós. Saen. X. O REFÉN Nun parque público, en pleno día. Unha señora elegante está sentada nun banco. Entra Zucco. A SEÑORA. – Sente á miña beira. Fale. Abúrrome; teñamos unha conversa. Detesto os parques. Vostede parece tímido. Intimídoo? ZUCCO. – Non son tímido. A SEÑORA. – Porén, trémenlle as mans como un raparigo diante da súa primeira moza. Ten unha face agradable. É un rapaz fermoso. Gústanlle as mulleres? É case que un rapaz fermoso de máis como para que lle gusten as mulleres. ZUCCO. – Gústanme as mulleres, si, moito. A SEÑORA. – Deben gustarlle esa caste de raparigas de dezaoito anos. ZUCCO. – Gústanme todas as mulleres. A SEÑORA. – Iso está moi ben. Foi duro algunha vez cunha muller? ZUCCO. – Endexamais. A SEÑORA. – Pero, e a gana? Xa debeu ter gana de ser violento cunha muller, non si? Todos os homes senten algún día esa gana, todos. ZUCCO. – Eu non. Son doce e pacífico. A SEÑORA. – É vostede un tipo curioso. ZUCCO. – Veu en taxi? A SEÑORA. – Por suposto que non. Non aturo os taxistas. ZUCCO. – Entón, veu en coche. A SEÑORA. – Evidentemente. Non vin a pé; vivo na outra punta da cidade. ZUCCO. – Cal é a marca do coche? A SEÑORA. – Pensa, quizais, que teño un Porsche? Non, tan só teño un cochiño desastroso. O meu home é un rañas. ZUCCO. – Cal é a marca? A SEÑORA. – Mercedes. ZUCCO. – Cal? A SEÑORA. – 280 SE. ZUCCO. – Non é un cochiño desastroso. A SEÑORA. – Quizais non. Pero, aínda así, o meu home é un rañas. ZUCCO. – Quen é ese tipo? Míraa sen parar.
1
Roberto Zucco A SEÑORA. – É o meu fillo. ZUCCO. – O seu fillo? É maior. A SEÑORA. – Ten catorce anos, non ten máis. Non son unha vellouca. ZUCCO. – Parece maior do que é. Fai deporte? A SEÑORA. – Non fai outra cousa. Págolle todos os clubs da cidade, todas as pistas de tenis, de hóckey, de golf e, dese xeito, encontrou a maneira de me esixir que o acompañe aos adestramentos. É un pillabán. ZUCCO. – Parece forte para ter esa idade. Déame as chaves do seu coche. A SEÑORA. – Por suposto, por suposto. Quizais tamén quere o coche. ZUCCO. – Si, quero o coche. A SEÑORA. – Cóllao. ZUCCO. – Déame as chaves. A SEÑORA. – Non me amole. ZUCCO. – Déame as chaves. (Saca a pistola; póusaa sobre os xeonllos.) A SEÑORA. – Está tolo. Non se xoga con eses artefactos. ZUCCO. – Chame o seu fillo. A SEÑORA. – Por suposto que non. ZUCCO (ameazándoa coa pistola). – Chame o seu fillo. A SEÑORA. – Vostede é un toleirán. (Berrándolle ao seu fillo:) Lisca de aquí. Volve para a casa. Amáñate ti só. O fillo achégase, a muller érguese, Zucco colócalle a pistola na gorxa. A SEÑORA. – Dispare, imbécil. Non lle darei as chaves, aínda que só sexa porque vostede me toma por idiota. O meu home tómame por idiota, o meu fillo tómame por idiota, a criada tómame por idiota; pode disparar, haberá unha idiota de menos. Pero non lle darei as chaves. Peor para vostede, porque é un coche magnífico, asentos de coiro e cadro de instrumentos de nogueira. Peor para vostede. Deixe de armar un escándalo. Mire, eses imbéciles vanse achegar, van facer comentarios, van chamar á policía. Mire, xa se relamben. Encántalles isto. Non soporto os comentarios desa xente. Dispare, veña. Non quero escoitalos, non quero escoitar. ZUCCO (ao rapaz). – Non te achegues. UN HOME. – Miren como treme. ZUCCO. – Mala rabia te coma, non te achegues! Déitate no chan. UNHA MULLER. – Tenlle medo ao neno. ZUCCO. – E agora, leva as mans contra o corpo. Achégate. UNHA MULLER. – Pero como quere que se arrastre coas mans pegadas ao corpo? UN HOME. – É posible, é posible. Eu sería quen de facelo. ZUCCO. – A modo. As mans ás costas. Non ergas a cabeza. Para quieto! (O rapaz fai un movemento.) Ou deixas de moverte ou mato a túa nai. UN HOME. – Farao. UNHA MULLER. – Seguro. Vaino facer. Pobre cativo. ZUCCO. – Xuras que non te has mover? O RAPAZ. – Xúroo. ZUCCO. – Pon ben a cabeza contra o chan. Vírate de vagar para ter a cara do outro lado. Vírate, non quero que nos vexas. O RAPAZ. – Pero por que ten medo de min? Non podo facer nada. Son un neno. Non quero que mate a miña nai. Non ten por que ter medo de min; vostede é moito máis forte ca min. ZUCCO. – Si, son máis forte ca ti.
2
Roberto Zucco O RAPAZ. – E entón, por que me ten medo? Que lle podería facer? Son moi pequeno. ZUCCO. – Non es tan pequeno. E non teño medo. O RAPAZ. – Si, está a tremer, está a tremer. Ben oio como treme. UN HOME. – Aí chegan os polis. UNHA MULLER. – Agora vai ter motivos para tremer. UN HOME. – Imos rir. Imos rir. ZUCCO (ao rapaz). – Pecha os ollos. O RAPAZ. – Xa están pechados. Xa están pechados. Meu deus, vostede é un cagainas. ZUCCO. – Pecha tamén a boca. O RAPAZ. – De acordo, péchoo todo. Pero es un cagainas. Méteslle medo a unha muller. Ameazas unha muller coa túa pipa. ZUCCO. – Que coche ten a túa nai? O RAPAZ. – Un Porsche, coido. ZUCCO. – Cala. Cala a boca. Pecha a boca. Pecha os ollos. Faite o morto. O RAPAZ. – Non sei como se fai o morto. ZUCCO. – Valo saber. Vou matar a túa nai e xa verás o que é facer o morto. UNHA MULLER. – Pobre cativo. O RAPAZ. – Xa fago o morto, xa fago o morto. UN HOME. – Os polis non se achegan. UNHA MULLER. – Teñen o medo no cu. UN HOME. – Non ho. É unha estratexia. Eles saben o que fan. Teñen medios que non coñecemos. Pero eles saben o que fan, créame. O tipo está perdido. UN HOME. – A muller tamén, sen dúbida. UN HOME. – Non se fai unha tortilla sen escachar os ovos. UNHA MULLER. – Pero que non toque ao pícaro, sobre todo que non toque ao pícaro, polo amor de Deus. Zucco achégase ao rapaz empurrando a señora e mantendo sempre a pistola contra o seu colo. Logo, pon o pé sobre a cabeza do rapaz. UNHA MULLER. – Ai, vállame Deus, os nenos de hoxe teñen que ver cada cousa. UN HOME. – Tamén nós vimos cousas boas cando eramos raparigos. UNHA MULLER. – E logo, tamén vostede foi ameazado por un tolo? UN HOME. – E a guerra, señora, xa esqueceu a guerra? UNHA MULLER. – Ca! E logo, puxeron os alemáns o pé sobre a súa cabeza e ameazaron a súa nai? UN HOME. – Peor ca iso, señora, peor ca iso. UNHA MULLER. – En todo caso, aí está vostede, ben vivo, ben vello e ben gordo. UN HOME. – Señora, vostede é unha ordinaria. UNHA MULLER. – Eu só penso no neno, só penso no neno. UN HOME. – Veña ho, pare xa co neno. Quen ten a pistola na gorxa é a muller. UNHA MULLER. – Si, pero quen vai sufrir é o neno. UNHA MULLER. – A ver, señor, dígame, iso é o que vostede chama a técnica especial dos polis? Que vai ser iso unha técnica! Eles quedan na outra punta. Teñen o medo no cu. UN HOME. – Dixen que era unha estratexia. OS POLIS (dende lonxe). – Solte a súa arma. UNHA MULLER. – Ben feito! UNHA MULLER. – Xa estamos salvados. UN HOME. – Estratexia, o carallo. UN HOME. – Preparan un golpe, xa llo dixen.
2
Roberto Zucco UNHA MULLER. – Eu non vexo que ninguén máis ca ese de aí estea a preparar un golpe. UN HOME. – Ademais, o golpe está xa practicamente feito. UNHA MULLER. – Pobre cativo. UN HOME. – Señora, voulle dar unha labazada se continúa falando do cativo. UN HOME. – De verdade cren que é o momento de discutir? Un pouco de dignidade. Somos testemuñas dun drama. Estamos diante da morte. OS POLIS (dende lonxe). – Ordenámoslle que solte a súa arma. Está arrodeado. (A asistencia escacha a rir.) ZUCCO. – Díganlle que me dea as chaves do coche. É un Porsche. A SEÑORA. – Imbécil. UNHA MULLER. – Déalle a chave, déalle a chave. A SEÑORA. – Endexamais. Que a colla el mesmo. UN HOME. – Vaille rebentar a gorxa, miña señora. A SEÑORA. – Mellor. Así xa non verei as vosas gorxas nunca máis. Mellor. UNHA MULLER. – Esta muller é horrible. UN HOME. – É mala. Hai tanta xente mala e cruel. UNHA MULLER. – Quítelle as chaves á forza. Non hai un home aquí que lle rexistre os petos e lle colla as chaves? UNHA MULLER. – Vostede de aí, que tanto sufriu cando era raparigo, vostede a quen os alemáns lle puxeron o pé sobre a súa cabeza ameazando a súa nai, demostre entón que ten collóns, demostre entón que polo menos aínda lle queda un, aínda que sexa pequeno, aínda que estea reseco. UN HOME. – Señora, merece que lle dean unha labazada. Ten sorte de que eu sexa un home de mundo. UNHA MULLER. – Rexistre entón nos petos, colla as chaves e déame unha labazada despois. O home achégase, tremendo, alonga o brazo, remexe no peto da señora e saca as chaves. A SEÑORA. – Imbécil. O HOME (triunfante). – Viu? Viu? Que traian o Porsche até aquí. (A señora ri.) UNHA MULLER. – E aínda ri. Atopa un motivo para rir cando o seu neno vai morrer. UNHA MULLER. – Que horror. UN HOME. – Está tola. UN HOME. – Déanlle a chave aos polis. Que polo menos se encarguen diso. Agardo que polo menos saiban conducir un coche. O home volve correndo. UN HOME. – Non é un Porsche. É un Mercedes. UN HOME. – Que modelo? UN HOME. – 280 SE, creo. Moi fermoso. UN HOME. – Os Mercedes son bos coches. UNHA MULLER. – Pois tráiano, que máis ten a marca. Vai matar a todo o mundo. ZUCCO. – Quero un Porsche. Non quero que ninguén se ría na miña cara. UNHA MULLER. – Pídalle aos polis que lle busquen un Porsche. Non discutan. Se é un tolo, é un tolo. Hai que lle atopar un Porsche. UN HOME. – Iso, polo menos, saberano facer os polis. UN HOME. – Quen sabe. Mantéñense á marxe.
2
Roberto Zucco Van cara aos polis. UN HOME. – Mírennos a nós, que somos a xente do pobo. Nós somos máis valentes ca eles. UNHA MULLER (ao rapaz). – Pobriño, non che fai dano ese pé cruel? ZUCCO. – Cale. Non quero que lle falen. Non quero que abra a boca. Ti, pecha os ollos. Non te movas. UN HOME. – E vostede, señora? Como se sente? A SEÑORA. – Estou ben, grazas, estou ben. Pero sentiríame moito mellor se pecharan a boca e volveran ás súas cociñas a zorregarlles aos seus pícaros. UNHA MULLER. – Que rabuda que é. Que rabuda. UN POLI (dende o outro lado da aglomeración). – Aquí están as chaves do coche. É un Porsche. Está alí. Pódeo ver dende aquí. (Á xente:) Pásenlle as chaves. UN HOME. – Déanllas vostedes. Os asasinos son da súa incumbencia. UN POLI. – Temos as nosas razóns. UNHA MULLER. – Razóns, o carallo. UN HOME. – Eu non penso tocar esas chaves. Non é asunto meu. Son pai de familia. ZUCCO. – Vou liquidar a muller e métome unha bala na testa. Non teño nada que rañar na vida. Xúrovos que non teño nada que rañar. Hai seis balas no cargador. Liquido a cinco persoas e logo liquídome eu. UNHA MULLER. – Vaino facer. Vaino facer. Lisquemos. UN POLI. – Non se movan. Vano pór nervioso. UN HOME. – Son vostedes quen nos poñen nerviosos por non facer nada. UN HOME. – Non os amoles. Déixaos. Teñen un plan, ben se ve. UN POLI. – Non se movan. (Pousa as chaves no chan e, cun bastón, empúxaas entre as pernas da xente até os pés de Zucco. Zucco inclínase lentamente, recolle a chave e métea no peto.) ZUCCO. – Levo a muller comigo. Afástense. UNHA MULLER. – O rapaz está salvado. Grazas, meu Deus. UN HOME. – E a señora? Que lle acontecerá a ela? ZUCCO. – Afástense. Todo o mundo se afasta. Levando nunha man a pistola, Zucco inclínase, colle a cabeza do rapaz polos cabelos e mételle unha bala na caluga. Ouveos, fuga. Mentres mantén a pistola apuntando sobre a gorxa da señora, Zucco, no parque case deserto, diríxese cara ao coche. XI. O TRATO Na recepción do hotel do Petit Chicago. A patroa na súa butaca e a rapariga agardando. A RAPARIGA. – Son fea. A PATROA. – Non digas baballadas, parruliña. A RAPARIGA. – Estou gorda; teño papada, dous ventres, uns peitos como balóns de fútbol e no tocante ás cachas, sorte que están detrás nosa e así non se poden ver. Estou certa de que son como dous xamóns que se abanean con cada paso que dou. A PATROA. – Queres calar, parvioliña? A RAPARIGA. – Estou segura, estou segura; ben vexo como me seguen os cans pola rúa, coa boca aberta e coa baba escorréndolle pola boca. Se os deixara, rillarían aí dentro como
2
Roberto Zucco nun escaparate de carnizaría. A PATROA. – Pero de onde che saíron esas ideas, paviña? Es bonita, es repoluda, es gordecha, tes formas. Pensas que aos homes lles gustan as pólas de árbore secas que teñen medo de rachar ao coller coas mans? A eles gústanlles as formas, miña nena, gústanlles as formas que lles enchen ben a man. A RAPARIGA. – Eu quixera ser fraca. Quixera ser unha póla de árbore seca que dá medo rachar. A PATROA. – Ai, pois eu non. E ademais, ti es hoxe repoluda mais pode que mañá sexas fraca. Unha femia cambia ao longo da súa vida. Non hai por que se preocupar. Cando eu era unha rapariga coma ti, era fraquiña, moi fraca, case se podía ver a través de min, só tiña un pouco de pel e algúns ósos. Nin a sombra dun peito. Plana como un rapaz. Aquilo púñame de malas porque naquela época non me gustaban os rapaces. Eu soñaba con me arredondar. Soñaba con ter peitos bonitos. Entón púxenme unhas tetas de cartón que fixera eu mesma. Pero os rapaces repararan ben no asunto e, cada vez que pasaban xunta min, soltábanme unha cotenada nos peitos que mos estrullaba por completo. Ao cabo dun tempo, puxen unha agulla no interior dos peitos e os berros oíronse de ben lonxe, pódelo crer ben. E logo, xa ves, todo se arredondou, todo se encheu, e quedei ben contenta. Ponte tranquila, estorniño meu: ti hoxe es repoluda mais pode que mañá sexas fraca. A RAPARIGA. – Tanto ten. Hoxe son fea, gorda e desgraciada. Entra o irmán, falando cun chulo. Non lle botan nin unha ollada á rapariga. O CHULO (impaciente). – É caro de máis. O IRMÁN. – Non ten prezo. O CHULO. – Todo ten un prezo, e o teu é excesivo. O IRMÁN. – Cando se lle pode pór un prezo a unha cousa calquera, iso quere dicir que non vale moito. Quere dicir que se pode negociar, baixar, subir o prezo. Eu puxen o prezo en abstracto porque xustamente non ten prezo. É coma un cadro de Picasso: oícheslle dicir a alguén que é caro de máis? Viches a algún vendedor baixar o prezo dun Picasso? O prezo que se pon, neses casos, é unha abstracción. O CHULO. – Agarda aí, é unha abstracción que pasará do meu peto ao teu, e o baleiro que haberá no meu peto xa non o atoparei tan abstracto. O IRMÁN. – Un baleiro coma ese, énchese. Encheralo logo, creme, e esqueceraste do prezo que pagaches nun tempo máis curto que o que empregas en relear. Eu non releo. Ou tómalo ou déixalo. Ou fas o mellor negocio do ano ou continúas na miseria. O CHULO. – Non te poñas nervioso, ho, non te poñas nervioso. Estou pensándoo ben. O IRMÁN. – Pensa ben, pensa, mais non tardes de máis. Cómpre que leve a miña irmá á casa da súa nai. O CHULO. – De acordo, trato feito. O IRMÁN (á rapariga). – Bríllache o nariz, pitiño. Cómpre ir pensando en empoala. (A rapariga sae. Mírana.) E entón que, o meu Picasso? O CHULO. – Coido que, aínda así, é cara. O IRMÁN. – Farache gañar diñeiro dabondo como para que te esquezas do prezo. Intercambio de diñeiro. O CHULO. – Cando estará dispoñible? O IRMÁN. – Non te poñas nervioso, ho, non te poñas nervioso; temos todo o tempo do mundo.
2
Roberto Zucco O CHULO. – Non, non temos todo o tempo do mundo. Ti xa tes o diñeiro e eu quero a rapaza. O IRMÁN. – Xa a tes, ho, xa a tes, é como se a tiveses. O CHULO. – Agora que tes o diñeiro, arrepínteste. O IRMÁN. – Non me arrepinto de nada en absoluto, de nada. Estou a pensar. O CHULO. – E en que pensas? Non é o momento de pensar. Cando? O IRMÁN. – Mañá; pasado mañá. O CHULO. – Por que non hoxe? O IRMÁN. – Si, por que non hoxe? Á tardiña. O CHULO. – Por que non agora mesmo? O IRMÁN. – Estaste a pór nervioso, estaste a pór nervioso. (Óese o son dos pasos da rapariga.) De acordo, agora mesmo. (O irmán lisca e vaise agachar nunha habitación.) Entra a rapariga. A RAPARIGA. – Onde vai o meu irmán? O CHULO. – Encargoume que me ocupara de ti. A RAPARIGA. – Quero saber onde vai o meu irmán. O CHULO. – Veña, ven comigo. A RAPARIGA. – Non quero ir con vostede. A PATROA. – Obedece inmediatamente, pava gorda. Non se discuten as ordes dun irmán. A rapariga e o chulo saen. O irmán sae da habitación e senta diante da patroa. O IRMÁN. – Non fun eu quen o quixo, patroa, xúrollo. Foi ela quen insistiu, foi ela quen quixo vir a este barrio e facer o traballo. Está buscando a non sei quen e quéreo atopar. Está segura de o atopar aquí. Eu non quería. Eu velei por ela como ningún irmán maior velou nunca pola súa irmá. Meu pitiño, miña queridiña, endexamais quixen a ninguén tanto como a quixen a ela. Non podo facer nada. A desgraza caeu sobre nós. Foi ela a que quixo, eu tan só o consentín. Nunca puiden deixar de consentirlle todo á miña irmá. A desgraza escolleunos e asáñase connosco. (Chora.) A PATROA. – Ti si que es boa peza. XII. A ESTACIÓN Nunha estación de ferrocarril. ZUCCO. – Roberto Zucco. A SEÑORA. – Por que repite ese nome todo o tempo? ZUCCO. – Porque teño medo de esquecelo. A SEÑORA. – Ninguén esquece o seu nome. Debe ser a última cousa que un esquece. ZUCCO. – Non, non; eu esquézoo. Véxoo escrito no meu cerebro, e cada vez peor escrito, cada vez menos claramente, como se se borrase; cómpre que o mire cada vez máis de preto para chegar a lelo. Teño medo de me atopar sen saber o meu nome. A SEÑORA. – Eu non o esquecerei. Serei a súa memoria. ZUCCO (logo dun tempo). – Gústanme as mulleres. Gústanme de máis as mulleres. A SEÑORA. – Nunca gustan de máis. ZUCCO. – Gústanme, gústanme, todas. Nunca hai mulleres abondas. A SEÑORA. – Entón, eu gústolle.
2
Roberto Zucco ZUCCO. – Gusta, por suposto, xa que vostede é unha muller. A SEÑORA. – Por que me trouxo até aquí con vostede? ZUCCO. – Porque vou coller o tren. A SEÑORA. – E o Porsche? Por que non lisca en Porsche? ZUCCO. – Non quero que reparen en min. Nun tren, ninguén ve a ninguén. A SEÑORA. – Suponse que o debo coller con vostede? ZUCCO. – Non. A SEÑORA. – Por que non? Non teño ningunha razón para non collelo con vostede. Non me desagradou dende que o vin. Vou collelo con vostede. Ademais, é o que vostede desexa; doutro xeito, teríame matado ou deixado escapar en calquera lugar. ZUCCO. – Necesito que me dea diñeiro para coller o tren. Non teño diñeiro. A miña nai tiña que darmo pero esqueceuse. A SEÑORA. – As nais sempre se esquecen de dar diñeiro. Onde quere ir? ZUCCO. – A Venecia. A SEÑORA. – Venecia? Que idea tan curiosa. ZUCCO. – Coñece Venecia? A SEÑORA. – Por suposto. Todo o mundo coñece Venecia. ZUCCO. – Eu nacín alí. A SEÑORA. – Que ben! Sempre pensei que ninguén nacía en Venecia e que todos ían morrer alí. Os bebés deben nacer cheos de po e cubertos de arañeiras. En todo caso, Francia limpouno ben. Non lle vexo nin rastro de po. Francia é un deterxente soberbio. Que ben! ZUCCO. – Teño que marchar, é preciso que o faga; teño que marchar. Non quero que me collan. Non quero que me encerren. Dáme medo estar no medio de toda esa xente. A SEÑORA. – Medo? Sexa un home. Ten unha arma; faraos fuxir con tan só sacala do peto. ZUCCO. –Teño medo porque son un home. A SEÑORA. – Eu non o teño. Despois de todo o que me fixo ver, nin o teño nin o tiven nunca. ZUCCO. – É precisamente porque vostede non é un home. A SEÑORA. – Vostede é complicado, complicado. ZUCCO. – Se me collen, encerraranme. Se me encerran, volvereime tolo. Ademais, agora estoume a volver tolo. Hai polis por todas partes, hai xente por todas partes. Xa estou encerrado no medio desa xente. Non os mire, non mire a ninguén. A SEÑORA. – E logo parece que teño a intención de denuncialo? Imbécil. Xa o tería feito despois de tanto tempo. Pero eses papahostias danme noxo. Vostede gústame máis. ZUCCO. – Mire todos eses tolos. Mire que pinta tan malévola teñen. Son asasinos. Endexamais vin tantos asasinos ao mesmo tempo. Ao menor sinal na súa cabeza, mataranse entre eles. Pregúntome por que o sinal non se lles activa aí, agora, nas súas cabezas. Porque todos eles están dispostos a matar. Son como ratas en gaiolas de laboratorio. Teñen desexos de matar, véselles na súa face, véselles na súa conduta; vexo os seus puños apertados nos seus petos. Eu recoñezo un asasino á primeira ollada; teñen a roupa chea de sangue. Aquí, hainos por todas partes; cómpre estar tranquilo, sen se alterar, cómpre non os mirar aos ollos. Cómpre que non nos vexan; cómpre ser transparente. Porque, se non, se se lles mira aos ollos, se se decatan de que os miramos, se se poñen a mirarnos e a nos ver, o sinal actívase na súa cabeza e matan, matan. E se comeza un deles, aquí todo o mundo vai matar a todo o mundo. Todo o mundo agarda ese sinal na cabeza. A SEÑORA. – Pare. Non comece cun ataque de nervios. Vou mercar os dous billetes. Pero cálmese, vai facer que reparen en nós. (Logo dun tempo:) Por que o matou? ZUCCO. – A quen?
2
Roberto Zucco A SEÑORA. – O meu fillo, imbécil. ZUCCO. – Porque era un pillabán. A SEÑORA. – Quen llo dixo? ZUCCO. – Vostede. Vostede dixo que era un pillabán. Vostede dixo que el a tomaba por idiota. A SEÑORA. – E se eu quixese que me tomasen por idiota? E se eu quixese os pillabáns? E se eu quixese os pequenos pillabáns máis que nada no mundo, máis que os grandes mamalóns? E se eu detestase todo salvo os pequenos pillabáns? ZUCCO. – Cumpría dicilo. A SEÑORA. – Díxeno, imbécil, díxeno. ZUCCO. – Non tiña por que me negar as chaves. Non tiña por que me humillar. Non o quería matar, pero todo se encadeou a causa daquela historia do Porsche. A SEÑORA. – Mentirán. Nada se encadeou; todo foi ao revés. Era a min a quen vostede apuntaba coa súa arma. Por que lle rebentou a cabeza a el, con todo aquel sangue por todas partes? ZUCCO. – Se fose a súa cabeza tamén deixaría sangue por todas partes. A SEÑORA. – Pero eu non o tería visto, imbécil, non o tería visto. O meu sangue impórtame unha puta merda, non me pertence. Pero o do meu fillo, fun eu quen llo meteu, nas putas veas; é un asunto meu, era meu, non se poden estragar os meus asuntos de calquera maneira, nun parque público, aos pés dunha banda de imbéciles. Agora, xa non teño nada. Calquera pode camiñar sobre a única cousa que me pertencía. Os xardineiros hano limpar mañá pola mañá. Que me queda agora, que me queda? Zucco érguese. ZUCCO. – Marcho. A SEÑORA. – Marcho con vostede. ZUCCO. – Non se mova. A SEÑORA. – Non ten nin con que coller o tren. Nin me deixou tempo para llo dar. Non lle deixa a ninguén tempo para o axudar. É como unha navalla automática que volve pechar de cando en vez e que garda no seu peto. ZUCCO. – Non necesito que ninguén me axude. A SEÑORA. – Todos necesitamos que alguén nos axude. ZUCCO. – Non empece a chorar. Ten cara de muller que se vai pór a chorar. Detéstoo. A SEÑORA. – Díxome que lle gustaban as mulleres, todas as mulleres, mesmo eu. ZUCCO. – Agás cando poñen cara de mulleres que se botan a chorar. A SEÑORA. – Xúrolle que non chorarei. Chora. Zucco afástase. A SEÑORA. – E o seu nome, imbécil? É capaz de dicirmo, agora? Quen se lembrará del por vostede? Xa o esqueceu, estou segura. Agora son a única que se lembra del. Vai marchar sen a súa memoria. Zucco sae. A señora queda sentada e olla os trens. XIII. OFELIA O mesmo lugar; de noite.
2
Roberto Zucco A estación está deserta. Escóitase caer a chuvia. Entra a irmá. A IRMÁ. – Onde está a miña pomba? A que sucidade te arrastraron? En que gaiola infame te encerraron? De que animais perversos e viciosos está rodeada? Quero atoparte, miña rola, buscareite deica morrer. (Tempo.) O macho é o animal máis repugnante entre os animais repugnantes que produce a terra. Hai un cheiro no macho que me anoxa. De ratas nos sumidoiros, de porcos na lama, un cheiro de estanque onde podrecen os cadáveres. (Tempo.) O macho é sucio, os homes non se lavan, deixan que a súa sucidade e os líquidos repugnantes das súas secrecións se acumulen sobre eles, e non os tocan, como se fosen un ben prezado. Os homes non se olen entre eles porque todos eles teñen o mesmo cheiro. Por iso se tratan todo o tempo, e tratan coas putas, xa que as putas, por diñeiro, aguantan ese cheiro. Lavei tanto a esa pequena. Bañeina tanto antes de cear, e bañeina pola mañá, fregueille as costas e as mans co cepillo, e cepilleille as unllas por debaixo, laveille todos os días os cabelos, corteille as unllas, laveina por enteiro todos os días con auga quente e xabón. Mantívena branca como unha pomba, aliseille as plumas como a unha rola. Protexina e mantívena nunha gaiola sempre limpa para que non aldraxase a súa brancura inmaculada co contacto coa sucidade dese mundo, da sucidade dos machos, para que non se deixase apestar pola peste do cheiro dos machos. E é o seu irmán, esa rata entre as ratas, ese porco fétido, ese macho corrupto, quen a ensuciou e a arrastrou pola lama e lle tirou dos cabelos até a súa esterqueira. Debería telo matado, debería telo envelenado, debería terlle impedido xirar arredor da gaiola da miña rola. Debería ter posto arames de espiño arredor da gaiola do meu amor. Debería ter esmagado esa rata co pé e queimala na tixola. (Tempo.) Aquí, todo está sucio. Toda esta cidade está sucia e poboada por machos. Que chova, que chova máis, que a chuvia lave un pouco a miña pequena rola na esterqueira onde ela se atopa. XIV. O ARRESTO O barrio do Petit Chicago. Dous policías. Unha putas e, entre elas, a rapariga. PRIMEIRO POLICÍA. – Viches a alguén? SEGUNDO POLICÍA. – Non, a ninguén. PRIMEIRO POLICÍA. – É de parvos. O noso traballo é de parvos. Ficar aquí chantados como sinais de estacionamento. En vez de poñernos a circular. SEGUNDO POLICÍA. – É normal. Foi aquí onde matou o inspector. PRIMEIRO POLICÍA. – Por iso mesmo. É ao único lugar onde non volverá. SEGUNDO POLICÍA. – Un asasino sempre volve aos lugares do crime. PRIMEIRO POLICÍA. – Volverá aquí? Por que cres que vai volver? Non deixou nada, ningunha equipaxe, nada. Non está tolo. Somos dous sinais de estacionamento completamente inútiles. SEGUNDO POLICÍA. – Volverá. PRIMEIRO POLICÍA. – Durante este tempo, poderiamos ter tomado unha copa coa patroa do hotel, e comentar a xogada coas señoritas e pasear por outro lugar, entre esa xente calma, tranquila; o Petit Chicago é o barrio máis tranquilo da cidade. SEGUNDO POLICÍA. – Hai lume baixo as cinzas. PRIMEIRO POLICÍA. – Lume? Que lume? Onde ves ti o lume? Mesmo as señoritas son
2
Roberto Zucco calmas e tranquilas como tendeiras; os clientes pasean como nun parque, e os chulos dan voltas coma libreiros que verifican se todos os libros están nos estantes e non lles roubaron algún. Onde ves ti o lume? Ese tipo non volverá aquí, apóstocho, apóstoche unha copa onda a patroa. SEGUNDO POLICÍA. – Ben que volveu á súa casa logo de matar o seu pai. PRIMEIRO POLICÍA. – Porque tiña algo que facer alí. SEGUNDO POLICÍA. – E que tiña que facer alí? PRIMEIRO POLICÍA. – Matar a súa nai. E cando o fixo, xa non volveu. E como aquí non hai ningún inspector máis que matar, non volverá. Síntome como un parvo; sinto que me medran raíces e follas nos brazos e nas pernas. Sinto que me afundo no formigón. Vaiamos tomar unha copa onda a patroa. Todo está calmo; todos pasean tranquilamente. Ves ti alguén que teña pinta de asasino? SEGUNDO POLICÍA. – Un asasino nunca ten pinta de asasino. Un asasino sae a pasear tranquilamente no medio doutros coma ti e coma min. PRIMEIRO POLICÍA. – Cumpriría que estivese tolo. SEGUNDO POLICÍA. – Un asasino está tolo por definición. PRIMEIRO POLICÍA. – Non tal, non tal. Hai veces nas que mesmo eu teño desexos de matar. SEGUNDO POLICÍA. – Ai, pois hai veces nas que debes estar case tolo. PRIMEIRO POLICÍA. – Ben pode ser, ben pode ser. SEGUNDO POLICÍA. – Estou seguro. Entra Zucco. PRIMEIRO POLICÍA. – Pero nunca –aínda que estivese tolo, aínda que fose un asasinonunca pasearía tranquilamente polos lugares do crime. SEGUNDO POLICÍA. – Olla ese tipo. PRIMEIRO POLICÍA. – Cal? SEGUNDO POLICÍA. – Ese que pasea tranquilamente, alí. PRIMEIRO POLICÍA. – Aquí todos pasean tranquilamente. O Petit Chicago converteuse nun parque onde mesmo os nenos poderían xogar á pelota. SEGUNDO POLICÍA. – Ese que viste un uniforme militar. PRIMEIRO POLICÍA. – Si, véxoo. SEGUNDO POLICÍA. – Non che recorda a alguén? PRIMEIRO POLICÍA. – Ben pode ser, ben pode ser. SEGUNDO POLICÍA. – Diría que é el. PRIMEIRO POLICÍA. – Imposible. A RAPARIGA (divisando a Zucco). – Roberto. (Precipítase sobre el e apértao.) SEGUNDO POLICÍA. – É el. PRIMEIRO POLICÍA. – Non queda ningunha dúbida. A RAPARIGA. – Busqueite, Roberto, busqueite, traizoeite, chorei, até o punto de converterme nunha pequeniña illa no medio do mar e as últimas ondas estanme afogando. Sufrín tanto que o meu sufrimento podería encher os abismos da terra e rebordar os volcáns. Quero quedar contigo, Roberto; quero vixiar cada latexo do teu corazón, cada sopro do teu peito; coa orella apegada contra ti oirei o ruído das engrenaxes do teu corpo, vixiarei o teu corpo coma un mecánico vixía a súa máquina. Gardarei todos os teus segredos, serei a maleta dos segredos; serei a bolsa onde colocarás os teus misterios. Velarei as túas armas, protexereinas da ferruxe. Serás o meu axente e o meu segredo e eu, nas túas viaxes, serei a túa equipaxe, o teu portador e o teu amor. PRIMEIRO POLICÍA (achegándose a Zucco). – Quen é vostede?
2
Roberto Zucco ZUCCO. – Son o asasino do meu pai, da miña nai, dun inspector de policía e dun neno. Son un asasino. Os policías detéñeno. XV. ZUCCO AO SOL. A cúspide dos tellados do cárcere, a mediodía. Non se ve a ninguén durante toda a escena, agás a Zucco cando agatuña polo tellado. Voces mesturadas de gardas e de prisioneiros. UNHA VOZ. – Roberto Zucco escapou. UNHA VOZ. – Outra vez. UNHA VOZ. – Mais quen o vixiaba? UNHA VOZ. – Quen o tiña ao seu cargo? UNHA VOZ. – Parecemos mamalóns. UNHA VOZ. – Parecedes mamalóns, si, ho. (Risas.) UNHA VOZ. – Silencio. UNHA VOZ. – Ten cómplices. UNHA VOZ. – Non; xustamente por non ter cómplices consegue escapar sempre. UNHA VOZ. – Só. UNHA VOZ. – Só, coma os heroes. UNHA VOZ. – Cómpre buscar nos recunchos do corredor. UNHA VOZ. – Debe estar acochado nalgunha parte. UNHA VOZ. – Debe estar anicado nun acocho, a tremer. UNHA VOZ. – Pois se treme non será por causa vosa. UNHA VOZ. – Zucco non está a tremer; estase rindo de vós. UNHA VOZ. – Zucco rise de todo o mundo. UNHA VOZ. – Non irá moi lonxe. UNHA VOZ. – É un cárcere moderno. Ninguén pode fuxir de aquí. UNHA VOZ. – É imposible. UNHA VOZ. – Estritamente imposible. UNHA VOZ. – Zucco está perdido. UNHA VOZ. – Quizais estea perdido Zucco mais, polo momento, agatuña polo tellado e rise de vós todos. Zucco, co torso e os pés nus, chega á cúspide do tellado. UNHA VOZ. – Que fas aí? UNHA VOZ. – Baixe agora mesmo. (Risas.) UNHA VOZ. – Zucco, está perdido. (Risas) UNHA VOZ. – Zucco, Zucco, dinos como fas para non botar nin unha hora no cárcere? UNHA VOZ. – Como fas? UNHA VOZ. – Por onde liscaches? Dinos o truco. ZUCCO. – Por enriba. Non paga a pena intentar atravesar os muros, porque máis alá dos muros hai outros muros, hai sempre un cárcere. Cómpre escapar polos tellados, cara ao sol. Endexamais porán un muro entre o sol e a terra. UNHA VOZ. – E os gardas? ZUCCO. – Os gardas non existen. Abonda con non velos. De todas formas, eu podería coller
3
Roberto Zucco cinco nunha soa man e esmagalos dun golpe. UNHA VOZ. – De onde che vén a túa forza, Zucco, de onte che vén a túa forza? ZUCCO. – Cando avanzo, arremeto, non vexo os obstáculos, e como non miro para eles, caen eles sós diante miña. Son solitario e forte, son un rinoceronte. UNHA VOZ. – Pero o teu pai e a túa nai, Zucco; non se pode tocar os pais. ZUCCO. – É normal matar os pais. UNHA VOZ. – Pero un neno, Zucco; non se mata un neno. Mátase os inimigos, mátase a xente capaz de se defender. Pero un neno. ZUCCO. – Eu nin teño inimigos nin ataco. Esmago os outros animais non por maldade senón porque non os vexo ao pórlles o pé enriba. UNHA VOZ. – Tes diñeiro? Diñeiro acochado nalgunha parte? ZUCCO. – Non teño diñeiro, en ningunha parte. Non preciso diñeiro. UNHA VOZ. – Es un heroe, Zucco. UNHA VOZ. – É Goliat. UNHA VOZ. – É Sansón. UNHA VOZ. – Quen é Sansón? UNHA VOZ. – Un moinante marsellés. UNHA VOZ. – Coñecino no cárcere. Unha verdadeira besta. Podía partirlles a cara a dez persoas á vez. UNHA VOZ. – Mentirán. UNHA VOZ. – Tan só cos seus puños. UNHA VOZ. – Non, cunha queixada de burro. E non era de Marsella. UNHA VOZ. – Botou un canivete cunha muller. UNHA VOZ. – Dalila. Unha historia de cabelos. Coñézoa. UNHA VOZ. – Sempre hai unha muller que traizoa. UNHA VOZ. – Estariamos todos en liberdade se non houbese mulleres. O sol ascende, brillante, extraordinariamente luminoso. Levántase un forte vento. ZUCCO. – Mirade o sol. (Un silencio total instálase no patio.) Non vedes nada? Non vedes como se move dun lado para outro? UNHA VOZ. – Non se ve nada. UNHA VOZ. – O sol máncanos os ollos. Céganos. ZUCCO. – Mirade o que sae do sol. É o sexo do sol; é de aí de onde vén o vento. UNHA VOZ. – O que? O sol ten sexo? UNHA VOZ. – Calade a boca! ZUCCO. – Movede a testa; verédelo mover convosco. UNHA VOZ. – Que é o que se move? Eu non vexo que se mova nada. UNHA VOZ. – Como queres que se mova algo alá arriba? Todo está fixo dende a eternidade, e ben cravado, e ben suxeito. ZUCCO. – É a fonte dos ventos. UNHA VOZ. – Xa non se ve nada. Hai demasiada luz. ZUCCO. – Se volvedes a vosa face cara ao oriente, desprazarase cara a alí; e se volvedes a vosa face cara ao occidente, seguiravos. Érguese un vento de furacán. Zucco vacila. UNHA VOZ. – Está tolo. Vai caer. UNHA VOZ. – Para, Zucco; vas romper a crisma. UNHA VOZ. – Está tolo.
3
Roberto Zucco UNHA VOZ. – Vai caer. O sol ascende, vólvese cegador como o estalido dunha bomba atómica. Xa non se ve nada. UNHA VOZ (berrando). – Cae.
3