Un espello do mundo na raia Crónica do Play-Doc de Tui, 2006 Entre os días 22 e 26 de marzo celebrouse a II edición do Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui. Ao longo de cinco días, historias de Bulgaria, Portugal, Bélxica, Israel, Paises Baixos, Polonia, México, Irán, Brasil, Estados Unidos, Canadá, España, Cuba, Italia, Francia, Rusia ou Galicia se viron reflectidas na pantalla do Play-Doc, como un espello do mundo capturado polas cámaras dos documentalistas, coma quen di, no fío da vida. Unha película documental supón un encontro da mirada do cineasta co mundo real que se lle ofrece a mirada do espectador, coma quen tende unha ponte entre dúas ribeiras que forman parte do mesmo río. Cineastas e espectadores veñen sendo camaradas arraianos, contrabandistas de miradas cómplices, rebeldes contra aqueles que pretenden detentar un discurso dominante e uniformizador sobre o mundo en que vivimos. Coma un barqueiro que vencella as dúas ribeiras, O Play-Doc de Tui quere configurarse como un espacio libre para que os creadores e o público confronten visións e críticas sobre o mundo e a súa representación cinematográfica documental. E abofé que o está conseguindo. Esta II edición o Festival Internacional de Documentais de Tui sobrepasou as expectativas xeneradas pola cálida acollida da edición fundacional e consolidouse como un referente ineludible no circuito ibérico de mostras cinematográficas. O soño de Sara García e Ángel Sánchez que agromara en 2005 rodeado de incertezas, medra en 2006 como un peza que se vai afinando nos detalles (como botón de mostra o cuidado deseño da imaxe do festival e da web, obra de Calpurnio, o autor do inolvidable Cuttlas), afianzando na súa credibilidade e, sen afastarse dunha escala que permita, estimula e garanta o contacto directo entre os cineastas e o público, abrindo novas áreas de expresión. Así, o Play-Doc ampliou a mostra de películas e o abano temático do xénero documental pero tamén acolleu un taller onde seis novos creadores –tres deles, galegos-, cunha obra en curso, asistiron a un seminario de montaxe e editaron os seus filmes que presentaron no festival e participaron nun concurso que lle permitirá ao gañador acabar a postproducción da súa obra. Esta nova dimensión de obradoiro contribúe a que o festival se convirta no berce de novas obras dos cineastas que empezan a súa traxectoria no mundo do documental. A mostra dos filmes presentados nesta II edición do Play-Doc de Tui componse da sección oficial e a sección informativa. Na sección oficial concursan os documentais que optan ao palmarés do festival nas categorías de longametraxe, curtametraxe e atlántico (para documentais en lingua galega e portuguesa, e produccións ou coproduccións galegas). A sección informativa estructurouse en varios ciclos: documentais de música, “a mala memoria” (vencellados temáticamente oa memoria histórica da guerra civil española), falso documental e foco Galicia. Como actividades paralelas o Play-Doc pogramou concertos de Dj’s e Vj’s na Sala Metropol: Juaninacka, un dos micros máis ácidos do rap español, hip-hop sen máscaras; Dj’ Blackbounce, de Portugal; All the Pretty Horses, a banda de Minneapolis, un dos referentes do underground USA; Calpurnio aka Error Vídeo Vj’, de Valencia, on isólitas sesións de mezclas de vídeo en directo; e a fusión de estilos da man dos tudendes Dj’s Nigga e Lattex. Un percorrido polos filmes presentados no Play-Doc permite asistir ao latexo dun modo de facer cinema, que desborda o marco xenérico do documental para convertirse nunha vangarda da propia linguaxe cinematográfica, transformando as limitacións con sobredoses de imaxinación, inventiva e risco narrativo en historias vivas
onde se pulsan os dramas do mundo pero tamén os íntimos segredos do corazón, ao tempo que recuperamos memorias perdidas no trasego histórico. Austeridade, innovación e mirada propia: esas son as materias primas os documentais proxectados en Tui. Asistimos á unha reflexión sobre conflictos que a penas consiguen verse reflectidos nas imaxes dos informativos, poñamos por caso Closed District (Distrito pechado) de Pierre-Yves Vanderweerd (Bélxica, 2004) que a partir da guerra sen cinema do Sudán plantexa o conflictivo lugar do cineasta ante un drama bélico; ou conflictos saturados de imaxes ate convertilos en insignificantes, poñamos por caso Shalom katan sheli (A miña pequena paz) de Eyal Avnery (Israel, 2004), que aborda a guerra entre Palestina e Israel desde a perspectiva dun pícaro que decide poñerlle remedio ao irremediable, unha achega que nos fai lembrar a fermosa película sobre a situación da muller en Afganistán, Ás cinco da tarde ; ou conflictos esquecidos como o dos Balcáns, poñamos por caso Retrats de l’ánima (Retratos da alma) de Ángel Leiro (España, 2005), a través do reencontro da fotoxornalista Sandra Balsells coas persoas que protagonizaron as súas fotografías tomadas durante a guerra. Tivemos oportunidade de contemplar nas proxeccións do Play-Doc historias caracterizadas pola intimidade que transmite a proximidade dun retrato de personaxes, unha intimidade que permite emerxer feridas agachadas, conflictos ocultos, segredos culpables. Nesta tipoloxía suliñaremos La casa de mi abuela (A casa da miña avoa) de Adán Aliaga (España, 2005), na liña da película sucoreana Sang-hoo e a súa avoa, unha exploración dunha dramática relación interxeneracional e familiar que xenera una reflexión educativa imprescindible nos tempos que vivimos. Desde Brasil chegounos A pessoa é para o que nasce (A persoa é para o que nace) de Roberto Berliner (2004), a historia, cativadora e contada con humor, de tres irmáns cegas que ven transformada a súa vida a causa do propio documental que protagonizan. Retrato de Carlos Ruíz Carmona (España-Portugal, 2004) articula unha confesión de viva voz dos propios pais do cineasta con fotografías familiares e imaxes da cotidianidade cunha elaborada estética en blanco e negro que recordan os retratos de Diane Arbus, unha testemuña dolorosa da intimidade familiar. Como doloroso resulta o itinerario kafkiano sementado de frustracións que nos propoñen en Giorgi i peperudite (Giorgi e as bolboretas) de Andrey Paounov (Bulgaria, 2004), sobre o psiquiatra que dirixe un centro para homes discapacitados na súa teima por montar algún negocio rentable que contribúa a remediar a falta de recursos do psiquiátrico e permita unha actividade ocupacional e terapéutica aos internos. Non faltaron os documentais orientados a recuperación da memoria histórica. No que se refire á guerra civil española, proxectáronse La mala muerte (A mala morte) de José Manuel Martín e Fidel Cordero (España, 2005) e El perro negro-Stories from the Spanish Civil War (O can negro-Historias da Guerra Civil Española) de Péter Forgács (Países Baixos, 2005). La mala muerte nucléase en torno as exhumacións de restos dos asasinados naqueles paseos de roxos que caracterizaron á España franquista nos primeiros meses da guerra civil en 1936, explora a pervivencia da memoria e do silencio e defende a necesidade ineludible de recuperar a historia colectiva e do recoñecemento da dignidade das víctimas da barbarie. El perro negro propón un percorrido elexíaco e poético a traves de filmacións caseiras de Joan Salvans e José Ernesto Díaz Noriega, dous homes arrastrados pola corrente tráxica que representou a guerra civil. Para rematar este percorrido pola II edición do Play-Doc compre facer fincapé na obra de Rafael Cid, Carrilanos, os túneles dun tempo (Galicia, 2003) que recupera unha historica épica e tráxica perdida no tempo, agachada nos relanzos da historia e entobada na memoria perdida dos traballadores que participaron na odisea que
representou a construcción do ferrocarril entre Puebla de Sanabria e Ourense. Un documental que debería gozar da máxima difusión pública e que está nas librerías en formato dvd, acompañando ao libro do mesmo título, de recente publicación pola editorial Xerais, unha iniciativa que merece o noso aplauso. O xurado da II edición do Play-Doc integrárono profesionais de ampla traxectoria no cinema e a televisión, mesmo específicamente no eido do documental: Enrique Nicanor (foi director da Segunda Cadena de TVE, membro do Programa Media da UE, Premio Ondas ao conxunto da súa obra en televisión e Medalla de Ouro da Academia Galega do Audiovisual), Eduardo Galán (Director de programas de TVG, crítico de cine, director e guionista de programas de información cinematográfica na TVG e autor de libros como “O bosque inanimado: cen anos de cine en Galicia”), Sandra Sánchez (prestixiosa montadora e realizadora, dirixiu pezas tan memorables como “Ven a Bens”, series documentais como “Moito mar” ou “112 Rescate”, e o documental “Aguiño, sobrevivir ao Prestige” que acadou unha ampla difusión internacional), Diego Mas Trelles (dirixe e presenta o programa Documenta2, membro do European Documentary Network, integrante da Plataforma do Cine Español para a diversidade cultural, productor e director de numerosos documentais para cadeas como ARTE, FR3, USA Networks...) e Antonio Delgado Liz (traballou na investigación, catalogación e conservación de fondos para o Museo do Cinema da Filmoteca Española e dirixe o Festival Internacional de Documentais DOCUMENTA MADRID). Palmarés da II edición do Play-Doc: Longametraxes: Premio do Festival: Georgi i peperudite (Georgi e as bolboretas) de Andrey Paounov (Bulgaria, 2004) Premio Documanía: Shalom katan sheli (A miña pequena paz) de Eyal Avneri (Israel, 2004) Mención especial: Retrato de Carlos Ruiz Carmona (Portugal-España, 2004) Curtametraxes: Premio do Festival: Po cud (Por unha milagre) de Jarek Sztandera (Polonia, 2004) Mención especial: Mooie wereld (Un mundo marabilloso) de Coco Schrijver (Países Baixos, 2004) Atlántico: Premio do Festival: A pessoa é para o que nasce (A persoa é para o que nace) de Roberto Berliner (Brasil, 2004). É de desexar que, dunha vez por todas, iniciativas como o Play-Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui, conten co apoio económico das institucións que deben protexer, alentar e achegar ao público a cultura audiovisual. Un apoio co que deben contar os organizadores do Play-Doc desde xa, para que o esforzo e dedicación que esixe poñer en pé un Festival destas características non leven aparellados a angustia e frustración da ausencia de recursos. Máis aínda cando o Play-Doc representa unha mostra exemplar de austeridade e optimización da limitadísima dotación económica, así como do entusiasmo con que Sara García e Ángel Sánchez e os seus colaboradores teñen afrontado a empresa de poñer na raia de Tui un espello do mundo. Daniel Domínguez Marzo, 2006