TEMA 6 OS ESPAZOS INDUSTRIAIS Materia Prima: Son os recursos que se extraen da natureza e que son transformados posteriormente mediante a actividade industrial. As materias primas minerais son un recurso non renovable que se poden clasificar en minerais metálicos, minerais non metálicos e rochas industriais. En España son escasas. Fonte de enerxía: Son aqueles recursos naturais e materias primas que se utilizan para producir enerxía, que é a forza necesaria para realizar un traballo. Enerxía hidroeléctrica: É un tipo de enerxía renovable que se obtén nas centrais hidroeléctricas que converten en electricidade a enerxía mecánica xerada pola forza da caída da auga embalsada ó mover unhas turbinas. Os inconvenientes que presenta son o impacto ambiental que provoca a construción dos embalses e a dependencia do medio e as condicións climáticas. É abundante en España. Enerxía térmica: É un tipo de enerxía non renovable que se obtén a través da combustión do carbón ou de combustibles líquidos como o petróleo. A súa vantaxe é independencia na localización xeográfica e a regularidade na produción. O principal inconveniente é a contaminación atmosférica, xa que contribúe á chuvia ácida. Enerxía nuclear: É un tipo de enerxía non renovable, producida nas centrais nucleares a partir da fisión dos átomos de uranio. A pesar de ser una enerxía que produce moita potencia e constituír unha solución para os países que carecen de combustibles físiles, ten importantes aspectos negativos como o perigo de radiación e o problema dos residuos radioactivos. Enerxías alternativas: Son as enerxías que se extraen dos elementos renovables da natureza (sol, vento, mar...) e, polo tanto, non corren el perigo de esgotarse. Reciben este nome porque comezaron a utilizarse como alternativa ás fontes de enerxía non renovables. Están sendo potenciadas porque non son contaminantes y porque poden contribuír ó autoabastecemento enerxético. Son a enerxía solar, eólica, maremotriz, xeotérmica, biomasa, hidráulica. Industrialización: Proceso de desenvolvemento industrial que tivo lugar en España nos dous últimos séculos e permitiu o paso do traballo artesanal á unha actividade industrial mecanizada no marco da fábrica. A súa expansión vai ligada ó desenvolvemento do capitalismo. Reconversión industrial: Proceso de modernización das industrias mediante a incorporación de tecnoloxías avanzadas para facelas competitivas. Consiste basicamente en rebaixar a produción e os postos de traballo nas empresas que eran deficitarias, mentres que se promocionaban as empresas que tiñan capacidade para diversificar a súa produción e para modernizar a súa tecnoloxía. En España desenvolveuse a partir de 1984 e afectou á industria siderúrxica, a construción naval, electrodomésticos, etc. En Galicia afectou principalmente ó sector naval nas comarcas de Vigo e Ferrol. Agroindustria: Conxunto de actividades referidas ás transformacións ou conservación de produtos agrícolas en bens de consumo para a alimentación humana e animal ou en bens para continuar a ser transformados noutros procesos industriais. Por exemplo: fábricas de fariña, conserveiras, azucreiras... Industria básica: Son aquelas industrias que fan posible o funcionamento doutras industrias. Reciben tamén o nome de industrias pesadas ou de primeira elaboración, pois tratan grandes cantidades de produtos brutos e pesados para transformalos noutros semielaborados e que servirán de base para outras industrias. Dedícanse principalmente á extracción, á produción de enerxía, metalurxia, siderurxia, química pesada, e localízanse preto dos centros mineiros formando conxuntos industriais. Industria de Bens de Consumo: Denomínase tamén lixeira e a súa produción encamíñase ao consumo (fabrica bens para consumir) Son moi numerosas. Destacan as téxtiles, as de confección, as do coiro, as do calzado, as de electrodomésticos, a do moble, química lixeira, a de alimentación, etc..
Polígono industrial: É o espazo planificado e preparado para uso industrial. Estes poden construírse por iniciativa privada ou pública e teñen como fin principal atraer industrias para fomentar o desenvolvemento industrial de certas zonas deprimidas ou desconxestionar certas áreas industriais. Parque tecnolóxico: Son as novas zonas industriais destinadas á localización de empresas do sector das novas tecnoloxías. I+D: investigación e desenvolvemento. Actividade dedicada a incrementar os coñecementos técnicos e científicos e á súa aplicación na mellora dos produtos e procedementos de elaboración existentes, así como á creación de novos produtos. As grandes empresas modernas dedican importantes sumas a investigación e desenvolvemento pois iso permítelles manterse na vangarda de mercados altamente competidos Economía Somerxida: Trátase dun tipo de economía relacionada con empresas clandestinas que ofrecen emprego pero que non atenden á normativa legal vixente para o resto das empresas, ou ben de iniciativas individuais que son igualmente ilegais. O traballo somerxido pode chegar a ser unha alternativa ao problema do desemprego. Autarquía: Trátase dunha política de autosuficiencia económica, é dicir, defende a idea de que a economía nacional ha de apoiarse nos recursos propios, sen acudir ao comercio exterior. Produto Interior Bruto (PIB): É o indicador económico que mide o valor de todos os sectores da actividade económica dun país durante un ano, pero contabilizase só o valor da produción de bens e servizos que teñen lugar no interior do propio país, incluído o producido dentro do país por empresas estranxeiras. Oferta: É a cantidade dun ben ou servizo que pode ofrecerse ao mercado a un prezo dado. A oferta aumenta a medida que aumenta o prezo do produto e diminúe cando este baixa, por iso dise que a curva da oferta é crecente. Demanda: É a cantidade dun ben que, nun momento dado, un consumidor está disposto a adquirir en función dos prezos probables dese ben. A cantidade de demanda aumenta a medida que descende os prezos e viceversa, por iso dise que a curva da demanda é decrecente. Importación: É a acción de introducir nun país mercadorías estranxeiras. Na balanza comercial as importacións comprenden as mercadorías compradas no estranxeiro. Exportación: É a acción de vender as mercadorías propias no estranxeiro. Arancel: Son os dereitos de aduanas que deben pagar os produtos importados ao atravesar as fronteiras estatais. Balanza de Pagos: Mide o volume dos intercambios dun país. Contempla as principais actividades económicas dun país e é positiva cando os ingresos dun Estado son superiores aos gastos e é negativa se os gastos son superiores. A balanza de pagos pódese dividir en balanza comercial, de servizos, de transferencias, de capital, etc. Inflación: É o aumento xeral e sostido dos prezos na economía dun país. Déficit comercial: A balanza comercial contabiliza a diferenza entre as exportacións e as importacións. Cando as importacións superan ás exportacións dise que a balanza comercial é negativa e fálase de déficit comercial. Transnacional: Trátase dunha empresa que dispoñendo dun capital social cuia propiedade corresponde a unha soa nacionalidade, actúa en diversos países. Ás veces confúndese, erroneamente, co concepto de multinacional. Monopolio: Fálase de monopolio cando unha empresa é a única que opera no mercado. Pequena e mediana empresa (PYME): Son empresas de dimensión reducida, menos de 500
traballadores, aínda que algúns poñen o límite nos 250, pero cun gran peso económico e social. A pequena empresa ten menos de 50 traballadores e a mediana entre 50 e 500 ou 250 traballadores. Turismo: É a industria que ten por obxecto satisfacer as necesidades do turista (persoa que viaxa por pracer, deporte ou instrución) Globalización: É un termo moderno especialmente usado para describir os cambios, que se producen nas sociedades e nas economías, resultantes dun incremento substancial do comercio internacional e do intercambio cultural. A globalización unifica mercados, sociedades e culturas, a través dunha serie de transformacións sociais, económicas e políticas que lles dan un carácter global. Pódese definir tamén como a tendencia dos mercados e das empresas a estenderse, alcanzando unha dimensión mundial que sobrepasa as fronteiras nacionais. Cota Láctea: É a cantidade asignada a cada país, comunidade autónoma, etc., na produción de leite pola UE. Exceder esa cota implica ser sancionado pola UE. Política Agraria Comunitaria (PAC): Trátase da política agraria levada a cabo pola UE. para, entre outros obxectivos, recortar cotas de produción para non crear excedentes e deste xeito evita pagar subvencións a aquelas actividades menos rendibles. A PAC inclúe, ademais, subvencións no caso de producirse factores extremos que puidesen prexudicar á agricultura, por exemplo unha seca. Augas Xurisdicionais: É o espazo mariño no que un estado ten xurisdición e pode exercer a súa soberanía. A delimitación, actualmente, sitúase nas 200 millas, aínda que só as 12 primeiras constitúen o mar territorial exclusivo. Fondos Estruturais: Os Fondos estruturais da UE. (FEDER -fondo europeo de desenvolvemento rexional-, Fondo Social -destinado a mellorar as posibilidades de traballo e mobilidade dos traballadores da Unión-, FEOGA -fondo europeo de orientación e garantía agraria-, xunto cos Fondos de Cohesión (mellora de calidade do medio ambiente e do transporte) son os instrumentos que utiliza a UE. para fomentar o desenvolvemento das rexións máis pobres, tanto no sector da industria como no sector rural, ademais de loitar contra o desemprego de longa duración e promover a incorporación dos mozos á vida activa. UE.: É a unión económica e monetaria dalgúns países de Europa. Xorde tralos acordos de Maastricht en novembro de 1992, aínda que anteriormente recibiu o nome de CEE. cuio orixe remontase ao tratado de Roma de 1957.