Prezado/a Director/a Pregámoslle que faga chegar este correo informativo ao/á coordinador/a e aos membros do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do seu centro. Moitas grazas
Dende a Coordinadora Galega de ENDL enviámosvos este novo correo para lembrar os actos convocados este próximo sábado 18 de abril e para informar da marcha da recolla de sinaturas dos ENDL ao texto aprobado na xuntanza do 28 de marzo.
1. O sábado 18 de abril ás 10:45 quedamos convocados á entrada da Estación de Autobuses de Santiago de Compostela para ás 11:00 darlle entrada no Rexistro da Xunta ao documento avalado polos ENDL.
Esta é unha primeira entrega de sinaturas que se fai coincidir
coas datas de posesión do novo goberno da Xunta. Posteriormente faranse novas entregas de sinaturas a medida que se vaia desenvolvendo a campaña de recollida de adhesións dos equipos. É importante que se achegue o maior número de docentes de todos os niveis educativos e dos ámbitos público, concertado e privado a este primeiro acto ao que tamén se convocará á prensa. Por todo isto, animámosvos a que vos acheguedes e a que fagades partícipes aos compañeiros e compañeiras dos vosos centros desta entrega de sinaturas.
2. Posteriormente,
ás 11:30 dará comezo a asemblea da Coordinadora Galega de ENDL no
MUPEGA, Museo Pedagóxico de Galicia,
situado no barrio de San Lázaro e moi
próximo ao Pazo de Congresos (entrada norte a Santiago de Compostela pola AP9). Nesta xuntanza abordaranse cuestións organizativas da recén constituída coordinadora e estudarase un primeiro programa de actividades na procura de establecer dinámicas de colaboración entre os diferentes equipos. En relación á campaña de adhesións ao posicionamento público dos ENDL ante a derrogación do Decreto 124/2007 por parte do novo goberno da Xunta, temos que felicitarnos todos e todas pola boa acollida que está a ter entre os equipos xa que neste momento, apenas pasados 5 días hábiles dende que se habilitaron os mecanismos para a recollida de apoios, son máis de 200 os ENDL que se sumaron á iniciativa. Con todo, quedan aínda moitos centros por sumar, de aí que sexa necesario facer un esforzo de comunicación participando activamente todos e todas nós na súa difusión e na recolla de sinaturas.
Lembramos a continuación as vías habilitadas para facer chegar os apoios: a. Enviando un fax ao número 981800064, no que, tal e como se recolle no documento adxunto, se identifique o centro educativo e o concello no que está situado, así como o nome e apelidos do coordinador ou coordinadora xunto cun correo de contacto (o oficial da Xunta) para facilitar a comunicación directa cos equipos no futuro. b. A través da páxina web http://www.coordinadoraendl.org/, habilitada expresamente para este fin, que reproduce o texto e solicita os datos identificativos do ENDL e o/a coordinador/a. Para calquera información ou suxestión podedes dirixirvos aos seguintes enderezos electrónicos:
[email protected] e
[email protected]